A factura da electricidade e o gas

Ano e medio despois, a liberalización non abaratou os prezos

1 Outubro de 2004
Img temap 204

Ano e medio despois, a liberalización non abaratou os prezos

/imgs/20041001/img.tema-portada.01.jpg
Malia a que transcorreu xa máis de ano e medio desde que se produciu en España a liberalización do sector enerxético, só o 2% dos fogares fixeron uso desta nova posibilidade de elección e cambiaron de provedor de electricidade; e unicamente o fixo o 12% dos clientes domésticos e comerciais de gas natural. Ademais, o 82% de quen cambiou de provedor de electricidade contratoulle o servizo a unha comercializadora que pertence ó grupo empresarial do seu anterior distribuidor; e esta proporción no mercado do gas é aínda maior: o 90%.
Moi pouco cambiaron as cousas para o usuario, poderíase deducir. ? Estes datos, oficiais e proporcionados pola Comisión Nacional de Enerxía, demostran que a medida que pretendía introducir a competencia no sector enerxético e, con ela, as súas positivas repercusións (ampliar a posibilidade de elección do consumidor e abaratar os prezos), non lles interesou ós cidadáns. De tódolos xeitos, algo peculiar acontece coa enerxía no noso país: na telefonía (que se liberalizou en 1999) o 41% dos clientes cambiou de operador nos últimos dous anos. E se ollamos a outros servizos, nese mesmo período o 34% dos usuarios cambiou de entidade bancaria e o 30% fíxoo co seguro de automóbil. .

O principal motivo deste desinterese cara ó cambio é evidente: a vantaxe económica que podería supor o cambio de provedor de electricidade e gas non abonda para compensar a incomodidade que (erradamente) se supón que comportarían as xestións que cómpre realizar e a incerteza (comprensible, pero carente de motivo) ante a calidade e continuidade do servizo que podería prestar o novo provedor. No suposto de consumo establecido por CONSUMER, semellante ó dun fogar medio (1.400 kwh de consumo en gas e 450 kwh en electricidade, ambos os dous ó bimestre), o aforro conxunto máximo (elixindo a máis barata das ofertas do mercado, neste caso, Unión Fenosa Comercial) equivalería a 26 euros ó ano, e sería así só se se contratasen conxuntamente os dous servizos e no caso de que o distribuidor que tiña antes o usuario cobrase (que non sempre o fan) pola revisión obrigatoria que cada catro anos cómpre facerlles ás instalacións de gas, e en cantidade equivalente ó que cobra Unión Fenosa: 43 euros.

Aínda que a calidade do servizo no mercado liberalizado siga sendo a mesma ca no regulado, no mercado libre aumenta a responsabilidade do consumidor, que se enfronta a contratos redactados polas comercializadoras non controlados pola Administración (antes si o estaban). E se a comercializadora non o fixese, o usuario sería tamén responsable, xunto a aquela, de pagarlle ó distribuidor polo emprego das redes. E, en caso de non pagamento, en varias comercializadoras o usuario ve reducido o prazo para facerlles fronte ás súas facturas antes de que o corte de subministración se produza.

A liberalización non permite reducir o importe da factura

/imgs/20041001/img.tema-portada.02.jpg
No mercado libre, o prezo do gas e da electricidade componse de dúas partes: a da enerxía consumida (o que a comercializadora pode establecer) e a tarifa en concepto de peaxe polo uso das redes de distribución, que é unha taxa fixa establecida pola Administración Pública. Mentres que no mercado regulado era o distribuidor quen lle vendía ó consumidor a electricidade ou o gas natural, usando para iso as súas propias redes de distribución, hoxe (no mercado libre, non esquezamos que o mercado regulado segue existindo) é a comercializadora quen a vende facendo uso -mediante o pagamento da devandita peaxe- das redes do distribuidor. Queda claro, en calquera caso, que a liberalización non conseguiu o efecto máis desexado polos usuarios: favorecer a aparición de diferenzas de prezo importantes entre empresas que, a diferenza de antes, hoxe poden competir en prezos.

O consumidor é consciente dunha situación que ben pouco lle favorece: o 60% dos cidadáns, segundo unha recente enquisa, afirma que as ofertas económicas que as comercializadoras de enerxía fan nas súas campañas publicitarias non lle resultan atraentes. Ós nada interesantes descontos que ofrecen as comercializadoras habería que engadir servizos adicionais, como xestión conxunta de gas e electricidade, seguro do fogar, servizo de telefonía e Internet, servizos integrais de mantemento ou subvencións para a instalación de caldeiras, pero os consumidores non valoran moito estes novos servizos ou ben non están ben informados deles. CONSUMER non valorou estes servizos engadidos.

As causas que orixinan esta situación son, en boa parte, estruturais: as comercializadoras de gas natural e de electricidade consultadas por esta revista aseguran que con prezos máis económicos non lles resultaría rendible o negocio. E tamén esgrimen que o prezo da luz en España, fixado polo Goberno, é dos máis baixos da UE, polo que lles resulta difícil facerlles ofertas de prezo atraentes ós clientes. Doutra banda, as compañías que tratan de entrar no mercado liberalizado denuncian as barreiras defensivas que colocan as distribuidoras “de toda a vida”, que dispoñen de redes que chegan ata a casa dos clientes; a principal delas, ó parecer, é que non poden acceder á información sobre os abonados.

Cando, pensando en pasarse ó mercado liberalizado, o usuario compara prezos de diversas comercializadoras, debe ter en conta se o distribuidor que lle estivo prestando o servizo no mercado regulado lle cobra as revisións obrigatorias das instalacións de gas. Porque hai algúns que non o fan e á hora de facer as contas, as vantaxes económicas que podería supor o cambio veríanse moi reducidas, cando non anuladas. Unión Fenosa, por exemplo, cobra 43 euros pola revisión, o que supón 10,75 euros ó ano. Para un usuario que non paga hoxe as revisións, contratar a enerxía con esta empresa (que ofrece os mellores prezos no suposto de consumo proposto por esta revista) suporía un aforro de 15,6 euros anuais e non os 26 euros iniciais. Con Endesa Enerxía, que esixe 23,5 euros pola revisión (5,87 euros ó ano), o aforro anual quedaría en 13,7 euros se se contrata conxuntamente coa electricidade e o gas (fronte ós 19,6 euros iniciais) e en 10,47 euros se se contrata só gas (fronte ós 16,34 euros iniciais). Con Iberdrola, que cobra 29 euros pola revisión, o aforro anual para quen non paga as revisións no mercado regulado quedaría en 2 euros.

Para rematar, con Gas Natural, que cobra 35 euros pola revisión, o aforro sería de pouco máis de 10 euros por ano contratando conxuntamente electricidade e gas, e non hai aforro se só se contrata o gas. Pero se se computan os case 9 euros ó ano que saen en concepto de revisión, este aforro quedaría en practicamente nada.

Suspenso en información

Técnicos de CONSUMER, actuando como se fosen clientes, solicitaron información sobre este novo mercado liberalizado nos servizos telefónicos de atención ó cliente das principais comercializadoras e distribuidoras de gas e electricidade, e a conclusión destas xestións foi só unha: pouco rigor nas distribuidoras “de toda a vida” e escasa claridade nas ofertas das comercializadoras. A sondaxe revelou tamén que as distribuidoras (que seguen sendo as de sempre) favorecen sistematicamente ás comercializadoras do seu grupo empresarial, poñendo en contacto con elas ós usuarios que demandan información. E tamén se comprobou que algunhas comercializadoras lles recomendan ós usuarios non acceder ó mercado libre e que se manteñan co seu provedor actual porque “non paga a pena cambiar”, con argumentos vagos e sen datos ou, directamente, descualificando as ofertas das comercializadoras da competencia.

Ademais, quen atende estes teléfonos de atención ó cliente non informa espontaneamente os usuarios de aspectos esenciais das ofertas nin das condicións do contrato. Nos descontos que se aplican en función do consumo de enerxía (gas ou electricidade) non se explican os tramos en que cambia ese desconto.
E se o usuario, cousa moi común, non sabe que preguntar, quedará sen coñecer informacións importantes: non hai unha comunicación estandarizada que explique as cuestións máis interesantes, como a parte da factura sobre a que se efectúa o desconto (só na variable e nunca na fixa, establecida polo Goberno), ou aspectos do contrato moi relevantes: duración, cláusulas de rescisión, duración das ofertas, custo das revisións ou atención en caso de incidencias urxentes.

Pero non todo se limita á carencia de información: as comercializadoras ofrecen, mediante estes teléfonos de atención ó cliente, datos erróneos sobre a gratuidade das revisións obrigatorias (Iberdrola e Endesa), sobre as penalizacións que se aplican se o usuario rescinde o contrato antes do previsto (Unión Fenosa) ou sobre a imposibilidade de contratar gas e electricidade de modo separado (Iberdrola e Gas Natural).

Calquera cliente, e en calquera parte do país, pode consultar en www.cne.es as propostas de cada empresa. No rexistro oficial cóntanse unhas 60 comercializadoras de electricidade e unhas 30 de gas, pero na lista das 14 que colaboran coa CNE e que difunden as súas ofertas en Internet predominan as tradicionais grandes empresas do sector, coñecidas desde hai anos polos usuarios: Endesa, Gas Natural, Hidrocantábrico, Iberdrola, Naturgas, Unión FENOSA e Viesgo.

Como comparar e decidir

/imgs/20041001/img.tema-portada.03.jpg
Para elixir o subministrador de gas e de electricidade convén comparar os prezos dos dous mercados (regulado e liberalizado) e ter en conta os servizos que ofrecen as novas comercializadoras. O máis útil é comprobar, coa axuda das facturas de gas natural e electricidade, as características do contrato no referente á tarifa fixa, custo variable segundo o consumo, e ó nivel de presión no gas natural e á potencia contratada na electricidade. É aconsellable anotar o consumo anual de ambas as enerxías. Se o usuario decide ir ó mercado liberalizado, convenlle informarse das ofertas de varias comercializadoras. E fixarse nos conceptos sobre os que se aplican as ofertas ou descontos, a duración do contrato, as modalidades de pagamento das facturas, os servizos complementarios e a atención prestada ó cliente. Posteriormente, fanse as contas e tómase a decisión.

O cambio de provedor é gratuíto e sinxelo: unha vez asinado o contrato coa comercializadora, esta encargarase das xestións. Non hai que modificar a instalación eléctrica ou de gas para contratar no mercado libre, agás no caso de que non se conte cun interruptor de control de potencia (ICP) na instalación eléctrica. Cando isto acontece, o usuario instalará un mediante os seus propios medios ou a través da comercializadora. A instalación é gratuíta, se ben, ó igual que acontece co contador, se lle cobrará o seu alugueiro, que irá reflectido na factura.

A duración do contrato propona a comercializadora, pero terá como mínimo un ano. A comercializadora pode engadir cláusulas que penalizan o cliente se dá por rematado o contrato antes de que expire. No tocante á calidade da subministración, seguirá dependendo da distribuidora que leva a enerxía ata o fogar do usuario, a mesma ca antes. Se o usuario non quedase satisfeito co mercado libre, pode volver ó regulado.

Lectura de contadores: a maioría seguen sendo propiedade dos distribuidores (que cobran o seu alugueiro) e é a estes a quen lles corresponde a lectura dos contadores e pasarlles o dato ás comercializadoras, que reflectirán ese consumo na factura que lle chega ó usuario. O que cambia é que o usuario lle paga á comercializadora e que esta se encarga de atendelo no relativo á subministración. En realidade, a comercializadora actúa como intermediario ante o distribuidor.

Revisións e asistencia en caso de avaría ou urxencia

No mercado regulado as urxencias e avisos de avaría atendíaos o distribuidor, pero no liberalizado é a comercializadora quen asegurará que se atenden os problemas dos seus clientes, ben por parte da comercializadora, ben polo distribuidor, con que asinaría un contrato. No tocante ás revisións, obrigatorias cada 4 anos para as instalacións de gas natural, as cousas cambian, aínda que non no importante: segue pagando o usuario, se ben no mercado liberalizado a responsabilidade é da comercializadora, que as pode realizar por si mesma ou recorrendo ó distribuidor. En ningunha das dúas cuestións hai motivos para pensar que o nivel de calidade do servizo vaia cambiar.

Que preguntar nos teléfonos de atención ó cliente

/imgs/20041001/img.tema-portada.04.jpg

  • Descontos realizados: se son fixos ou variables, os tramos de consumo sobre os que se realiza cada desconto, se os descontos que ofrecen son por un contrato conxunto ou poden ir por separado para cada tipo de enerxía, cales son os descontos por contratación individual de gas ou electricidade.
  • Conceptos da factura sobre os que se realiza o desconto.
  • Revisión e variación dos descontos ó longo dos anos.
  • Duración dos contratos e, en caso de existiren, das cláusulas que establezan penalizacións en caso de rescisión.
  • Servizos adicionais ós que o cliente pode acceder se contrata no mercado liberalizado.
  • Revisións obrigatorias das instalacións de gas: quen as realiza e con que custo.
  • Atención de incidencias urxentes: quen as realiza e con que celeridade e calidade.

Revisións obrigatorias e reparacións

  • Cando se contrata gas natural por primeira vez nunha vivenda, as instalacións deben pasar unha inspección gratuíta e realizada polo distribuidor.
  • No mercado libre, cando se contrata cunha comercializadora, esta (por si mesma ou a través do distribuidor) realizará probas gratuítas previas.
  • Hai dous tipos de inspeccións que cómpre realizar obrigatoriamente cada catro anos. Dunha banda están as que realiza o distribuidor (gratuitamente) ás instalacións ou redes da súa propiedade. Estas van seguidas das revisións obrigatorias das instalacións dos consumidores, que tamén se deben realizar cada catro anos. Estas últimas son responsabilidade do consumidor e refírense a tódalas instalacións e aparellos que funcionan con gas da vivenda. No mercado regulado, estas revisións pódeas realizar unha empresa autorizada externa á distribuidora ou ben a propia distribuidora, se así o require o consumidor. Coa liberalización, estas inspeccións recaen na comercializadora, pero se o consumidor o desexa pódeas realizar unha empresa autorizada. A lei ofrécelles a posibilidade ás comercializadoras de que sexan elas mesmas ou a través das distribuidoras quen as leven a cabo. O acordo entre estes dous axentes debe quedar claro, de xeito que o consumidor, aínda que pase ó mercado libre, teña asegurado este servizo. Así e todo, os teléfonos de atención ó cliente de Endesa, Gas Natural, Iberdrola e Unión Fenosa non informan de modo espontáneo sobre como se resolve esta cuestión. Tan só cando se lles pregunta directamente sobre as revisións aclaran que se poden realizar con eles. Doutra banda, ningunha das catro comercializadoras máis competitivas en prezo ofrece a revisión obrigatoria de modo gratuíto nin aplica descontos neste concepto, que custa desde os 20 euros ata os 45 euros (a revisión é cada catro anos). Pola contra, no mercado regulado, as empresas do grupo Naturcop (Gasnalsa, Bilbogas, Donostiagas e Gas Tolosa) ofrecen gratuitamente este servizo.
  • Atención de avarías e incidencias urxentes: a lei obriga a que a comercializadora preste este servizo, por conta propia ou a través do distribuidor, con quen debe ter asinado un contrato ó respecto. Os consumidores deben recibir este servizo sen que a posible falta de acordo entre comercializador e distribuidor constitúa escusa para que non quede cuberto. Os teléfonos de atención ó cliente das comercializadoras consultadas tampouco deixaron constancia, nun primeiro momento, de como se resolve a atención de urxencias.
E a enerxía verde?

/imgs/20041001/img.tema-portada.05.jpg

A Directiva 2001/77 CE define a enerxía verde como “a electricidade xerada por centrais que utilicen exclusivamente fontes de enerxía renovables, así como a parte de electricidade xerada a partir destas fontes en centrais híbridas que tamén utilicen fontes de enerxía convencionais, con inclusión da electricidade renovable utilizada para encher os sistemas de almacenamento e con exclusión da electricidade xerada como resultado destes sistemas”. E define as fontes renovables como “as non fósiles: eólica, solar, xeotérmica, da oleaxe, mareomotriz e hidráulica, biomasa, gases de vertedoiro, gases de plantas de depuración e biogás”.

/imgs/20041001/img.tema-portada.06.jpg
Nas instalacións do réxime especial a produción procede de fontes renovables. Para que poidan competir en prezo coas enerxías convencionais, reciben unha prima. As instalacións do réxime ordinario (a produción procede de fontes como a hidráulica e outras) teñen asignadas axudas transitorias como consecuencia do proceso de liberalización. Esta produción de electricidade baseada en fontes de enerxía renovable ten lugar tanto no réxime ordinario coma no réxime especial.

/imgs/20041001/img.tema-portada.07.jpg
A enerxía verde pódese comercializar mediante contratos entre a empresa comercializadora e os produtores de enerxía, e a través de enerxía adquirida no mercado organizado, denominado pool, xunto á comercialización do certificado verde. Esta modalidade é a que está sendo máis utilizada nos países do noso contorno. O certificado verde acredita que unha cantidade de electricidade igual ou superior á que o usuario consumiu foi producida a partir de enerxías renovables. Aínda non se estableceu en España un sistema oficial que garanta a orixe desta enerxía, pero hai sistemas de certificación nos que entidades auditoras verifican a súa procedencia. Os certificados RECS, por exemplo, expedidos pola Rede Eléctrica de España (REE) responden a iniciativas privadas e carecen de apoio legal ou regulamentario.

O acceso dos consumidores á electricidade verde só é posible en termos comerciais, non físicos, xa que a enerxía producida nunha instalación renovable se verte á rede de transporte ou distribución á que se verte tamén a producida convencionalmente. Deste xeito, a electricidade que lle chega ó consumidor é unha mestura de tódalas vertidas á rede. Tampouco está garantido que o sobreprezo que paga o usuario pola enerxía verde (no suposto de CONSUMER, case 33 euros ó ano en Iberdrola e pouco máis de 6,5 euros ó ano en Endesa) se reinvista en xeración eléctrica mediante fontes renovables. O que pode agardar é que se produza un incremento do número destes contratos e que aumente a produción de enerxía verde. En realidade, o consumidor está pagando un prezo superior ó convencional para que se lle garanta que unha cantidade de enerxía equivalente á contratada polo seu fogar se xerou con fontes renovables. O pagamento desta prima non supón contraprestación adicional ningunha. Ademais, en certa medida, a enerxía verde accedería igualmente á rede aínda cando non existisen contratos de enerxía verde e, polo tanto, sen que os clientes pagasen ese custo engadido.

Para rematar, convén salientar que tódolos consumidores contribúen de modo obrigatorio e co pagamento das primas para as instalacións do réxime especial, ó fomento das enerxías renovables. Estas primas aparecen no recibo eléctrico, no apartado “Custos de diversificación”.