O 40% das estacións de esquí do noso país, analizadas

A seguridade nas pistas, escasa

As estacións ofrecen unha satisfactoria calidade de servicio pero a esquiabilidade das pistas é a miúdo mediocre
1 Febreiro de 2001
Img tema listado

A seguridade nas pistas, escasa

Este ano, centos de milleiros de persoas no noso país visitarán as 28 estacións de esquí españolas, que investiron para a tempada en curso case 6.000 millóns de pesetas. Trátase dun servicio que enche, dun xeito moi saudable e deportivo, o tempo de lecer de moitos cidadáns; así, o ano pasado as estacións españolas recibiron máis de 5 millóns de visitas. O bo afeccionado ó esquí é esixente e case nunca queda satisfeito, pero a súa actitude non deixa de ser razoable, xa que esquiar sae moi caro:

amais dos desprazamentos (as estacións quedan afastadas de case tódolos sitios), da compra da roupa específica que este deporte require e da adquisición ou alugueiro de botas, táboas, fixacións e bastóns, hai que facer fronte a un gasto moi custoso, o do forfait (desde 3.200 ata case 5.000 pesetas por día, segundo as estacións), o billete que lle permite ó usuario usa-los remontes mecánicos cos que repetidamente sobe ata as zonas desde as que comeza os seus descensos.

E, ademais, se o tempo non acompaña ou a neve é escasa ou de mala calidade, todo o investimento, o esforzo e o empeño loxístico que lles esixe este deporte tanto ó usuario coma ós profesionais das estacións de esquí, non serven para nada.

Pero estas elevadas doses de gasto e incerteza inherentes ó esquí alpino (para o de fondo non se precisan remontes, polo que o deportista evita o custo do forfait) non son a única explicación á postura crítica dos afeccionados. Hai outras razóns, e de moito peso. CONSUMER analizou a fondo 11 estacións de todo tipo no noso país, enviando esquiadores expertos a realizaren probas in situ. E da investigación conclúese que aínda que a calidade de servicio que ofrecen as estacións se pode definir como boa en xeral, a esquiabilidade (número de quilómetros esquiables, calidade e coidado das pistas e capacidade de transporte dos remontes e comodidade destes, entre outros aspectos) é, agás en certos casos, mediocre. E, o máis importante, que a seguridade que lle ofrecen as pistas ó usuario é, en case a metade das estacións, deficiente.

Aínda que o nivel de infraestructuras de emerxencia en tódalas estacións (heliporto, atención sanitaria e megafonía) é maioritariamente satisfactorio, cinco estacións (Astún, Serra Nevada, A Molina, Panticosa e Formigal) suspenden na seguridade que lle ofrecen as súas pistas ó esquiador. E só tres, Valdesquí e Navacerrada (ámbalas dúas, pequenas e madrileñas) e Baqueira-Beret (grande e no Val de Arán, en Lleida) aprobaron este exame de seguridade nas pistas. Os apartados nos que se concentraron os defectos son a protección fronte ós barrancos e a sinalización das zonas sen neve, que non chegan nin sequera ó aprobado de media en tódalas estacións incluídas. Na sinalización dos cruces perigosos suspende o 20% das estacións, se ben nas demais a situación era moi satisfactoria. Os apartados mellor cubertos (ningunha estación suspendeu neles) son a protección das columnas que soportan os remontes, a sinalización (ben visible para os usuarios) e o mantemento das pistas.

Pouco esquiables

No tocante á esquiabilidade das ladeiras balizadas (ou pistas), a situación é mellor, pero tampouco chega a satisfactoria.

Panticosa, Vallter 2000 e Candanchú suspenden o exame. E só Serra Nevada (excelente) e Baqueira-Beret (moi ben) cumpren coas expectativas dun esquiador esixente e informado, que está ó corrente do que ofrecen as estacións de máis calidade, fundamentalmente: uns remontes rápidos e cómodos, e moito terreo esquiable con pistas dos diversos graos de dificultade, pero sempre cunha xenerosa dotación de pistas longas, anchas e con boa pendente, para esquiadores de nivel medio ou medio-alto.

Poden considerarse aceptables Formigal e A Molina. E quedan nunha liña de mediocridade Valdesquí, Astún e Alto Campoo.

Malia á súa pequena dimensión, Navacerrada acada boa nota, se ben queda lonxe de Baqueira e Serra Nevada.

O punto crítico, como sabe calquera esquiador, son os remontes: seis estacións, máis da metade, suspenden e case sempre o fan pola insuficiente capacidade relativa de remontaren os usuarios ata os puntos desde o que comezar a descender nos seus esquís. Este apartado dos remontes, moi relacionado tanto co tempo de agarda que debe soporta-lo usuario nas colas como coa comodidade da viaxe ata as pistas, inclúe: capacidade de transporte en función do número de quilómetros esquiables en cada estación, número de telecadeiras en xeral e de telecadeiras desembragables en particular e, de habelas, número de telecabinas.

As que suspenderon en remontes foron Vallter 2000, Candanchú (as dúas moi mal) e, xa máis preto do aprobado, Valdesquí, Astún, Panticosa e A Molina. Soamente Serra Nevada e Navacerrada superan folgadamente as necesidades estimadas por CONSUMER en materia de remontes, aínda que Baqueira-Beret merece un ben.

No coidado que reciben as pistas (empregados encargados do mantemento das pistas, número de máquinas pisapistas e de quilómetros esquiables que teñen canóns de neve artificial), suspenden Panticosa, Candanchú, Formigal e Astún. E destacan positivamente Navacerrada e, sobre todo, Serra Nevada e Baqueira. A Molina obtén un notable, e as demais móvense entre o aceptable e o ben. Outro motivo desta mediocre valoración na esquiabilidade é o horario excesivamente breve nalgunhas estacións: catro abren só sete horas e media, mentres que dúas funcionan durante unha hora máis ó día. Unha diferencia importante.

Comodidade e servicios na estación

No tocante á calidade do servicio que a estación (excluíndo as pistas) lles ofrece ós seus visitantes-clientes, a situación é mellor ca en esquiabilidade e seguridade: só unha, Valdesquí, suspende, e unicamente outra, Astún, obtén un resultado mediocre (5,5 puntos). As demais están ben. As mellores son, nesta orde, Alto Campoo, Serra Nevada, A Molina e Navacerrada, se ben tanto Baqueira coma Formigal acadan un ben que roza o notable.

Pormenorizando, o único defecto case xeneralizado afecta ó servicio de gardería (moi útil para pais con nenos moi pequenos ou que prefiran non esquiar), que peca, con frecuencia, dun breve horario de apertura e dunha capacidade insuficiente para acoller a estes usuarios tan especiais. Como malo sen paliativos pode definirse o servicio de venda de billetes, responsable das aglomeracións e retardos que a miúdo sofren os esquiadores cando queren merca-los seus forfait; de feito, só A Molina e Navacerrada aproban neste apartado. E algo semellante acontece, aínda que o número de estacións con problemas sexa menor ca no caso da venda de billetes, co estado de limpeza e conservación dos aseos na estación, co número de monitores de esquí (tantas veces insuficientes, como saben os afeccionados) e coa ausencia de empregados que axuden a que os usuarios aparquen os seus vehículos. En calidade de servicio o máis positivo é que, agás Valdesquí, todas tiñan oficina de atención ó cliente e taller de reparación de esquís. E que en todas alugan material para a práctica deste deporte e contan cunha infraestructura aceptable de emerxencias: heliporto na estación ou relativamente preto (ou se non, un espacio que poida habilitarse na estación), atención sanitaria e sistema de megafonía.

Cotexando tódolos datos tirados do estudio, pode concluírse que Baqueira-Beret (4.900 pesetas o forfait diario) e Navacerrada (4.000 pesetas) destacan sobre as outras nove estacións, polas súas boas cualificacións nos tres grandes apartados (esquiabilidade, servicios na estación e seguridade en pistas) dos que consta este informe. Serra Nevada (4.100 pesetas o forfait diario) podería estar á altura destas dúas estacións (pola súa excelente esquiabilidade e moi boa calidade de servicio) se non suspendera na seguridade nas pistas.

Sobre a roupa de esquí, catro cousas

  • O esquí alpino é un deporte técnico que esixe roupa cara. É difícil atinar, deixémonos asesorar.
  • As prendas deben ser quentes, impermeables e cómodas.
  • Os pantalóns, impermeables e transpirables.
  • As luvas, impermeables e quentes. Combaten o risco de conxelación e protexen nas caídas sobre a neve (ou pedras, ou xeo).
  • As gafas de calidade protéxennos dos raios ultravioleta e das cifras. A reverberación da neve multiplica o efecto solar.
  • Cremas de protección solar: de aplicación na cara e beizos, evitan queimaduras solares e insolacións.
  • Gorros e orelleiras: para cando fai moito frío, cifra ou viaxamos nunha telecadeira sombriza.

O material para esquiar

  • As botas. As botas son o máis importante do material e é vital atinar no número. Os criterios para adquirilas son: comodidade, estanquidade, peche, prezo, illamento, ángulo de inclinación, peso e estética. Non se debe usar unha bota dun pé maior có noso. Deben estar axustadas á perna e ó pé sen facer dano nin molestar. Para elixilas ben, cómpre guiarse polos consellos dun experto.
  • As fixacións. Mecanismo polo cal a bota se fixa á táboa de esquí. Debe permiti-lo equilibrio entre a unión da bota e a táboa de esquí en tódolos terreos e ante distintos niveis de presión, así como a saída da bota ante unha torsión inesperada ou previamente determinada pola fixación, co obxecto de protexe-los xeonllos do esquiador dunha lesión. Instalaraas un especialista. Para un principiante, son abondas unhas fixacións de nivel medio-alto e non de competición, xa que estas últimas agarran mellor e sóltanse con máis dificultade, e isto non é moi conveniente para un novato.
  • Os esquís ou táboas. Elixi-las táboas é complicado. Hai tantos modelos coma modalidades: slálom xigante, slálom, mixtos, travesía, extremo, etc. Un debutante debe comezar con táboas curtas e de modelo mixto. Unha táboa grande, aínda que máis estable, é máis veloz e máis difícil de controlar nos xiros. O tipo de táboa do esquiador avanzado ou intermedio irá en función da modalidade que prefira. Hai esquís tipo carving ou semicarving, que fan máis doados os xiros. A punta dos segundos é máis ancha cá dos primeiros, amais de teren diferente a parte de atrás. Ó alugar esquís, cómpre comproba-lo estado das solas e dos cantos. O aspecto da serigrafía é bo indicativo do grao de uso das táboas.
  • Os bastóns. Empréganse para equilibra-lo vaivén do esquiador e serven de apoio nos xiros. A medida exacta será a que permita apoia-lo pao no chan polo mango e suxeitándoo por baixo da arandela, de xeito que o brazo quede en ángulo de noventa graos.

Para esquiar sen arruinármonos

  • Antes de mercar botas, táboas con fixacións e bastóns, pensemos na opción do alugueiro. É un material caro (un equipo de calidade media pode supoñer 55.000-65.000 pesetas) e cómpre sopesar se amortizarémo-lo investimento. E se o facemos, agardemos ás rebaixas ou a algunha oferta especial. Este é un mercado moi cambiante, e os bos negocios abundan.
  • Outra alternativa: mercar material usado, hai ofertas moi interesantes. Non é difícil atopar (en tendas de segunda man, xornais gratuítos e mesmo en tendas especializadas no esquí) material en bo estado ó 60% do seu prezo orixinal.
  • Para debutantes, nenos e familias que esquían só de vez en cando, non hai dúbida: o alugueiro é a mellor opción. Calculemos un gasto dunhas 2.200 pesetas/día por adulto e equipo completo, e dunhas 1.800 pesetas por neno. Se só se alugan as botas, o custo para un adulto será dunhas 1.000 pesetas/día e se se alugan só as táboas con fixacións e bastóns, unhas 1.700-2.000 pesetas/día.
  • É máis barato e cómodo alugar nas pistas de esquí ca na cidade, aínda que na cidade a opción é maior.
  • O inconveniente: que na estación non queden botas ou esquís adaptados ó usuario. No tocante á roupa específica de esquí (anorak, pantalón, forro polar…) e ós complementos (luvas, gafas de sol…), antes de mercalos, pensemos se esquiar será ou non cousa de unha ou dúas veces ó ano. Se non imos esquiar con frecuencia, pidámo-la roupa prestada ou esquiemos cando as condicións meteorolóxicas non esixen roupa moi específica.
  • As viaxes ata a estación, se son no coche, que sexan compartindo o vehículo con varias persoas. O máis barato, o autobús. Hai moitas ofertas en case tódalas cidades.
  • Aloxamento: o máis barato son os refuxios de montaña e os albergues, pero non son moi cómodos. Outra opción económica: apartamentos compartidos con varias persoas. Tamén hai hoteis ou pensións economicamente alcanzables preto das estacións de esquí, pero están moi solicitados polo que convén reservar con antelación.
  • Levemos da casa friame, galletas, froita e bebidas, para xantar na propia estación. Os restaurantes e bares da estación son caros. Para elixi-la estación, valorémo-la distancia da nosa casa (ollo ó prezo do bus, ou do combustible e autoestradas…) e o prezo do forfait. Entre unha e outra estación, hai diferencias de ata 1.700 pesetas/día.
  • Se imos dous días, cómpre fixarse en se hai desconto no forfait ó mercar un bono para dous días. Podemos aforrar ata 500 pesetas.
  • Se recorremos a monitores, convén informarse de quén é o mellor e máis didáctico e agradable. Pagalo entre varias persoas dun nivel de esquí semellante, sae máis barato e compensa.

Cómo aluga-lo material

  • ¿Onde? Nas tendas de deporte e alugueiro das estacións ou reservando esta opción na axencia de viaxes.
  • Se se viaxa en grupo, poñerse de acordo cos integrantes do grupo para que todos aluguen o material no mesmo establecemento. Pódense lograr descontos, sempre e cando se negocien.
  • Se o material non é do noso agrado, está deteriorado, non é cómodo ou resulta complexo para o noso nivel, o mellor é cambialo. Nas tendas están afeitos e non porán reparos.
  • Cando se ten intención de mercar táboas novas, un bo consello é alugar antes ese modelo para probalo nas pistas.

Selecciona-la estación á que ir

  • As estacións orientadas cara ó norte reciben no inverno menos insolación, a liña de vexetación é máis baixa e durante o Nadal case non reciben raios solares e aumenta o frío. Pola contra, a tempada dura máis e a súa neve-primavera é de maior calidade.
  • As orientadas cara ó sur reciben sol case todo o ano, polo que no inverno son as máis calorosas e, polo tanto, as preferidas. Sen embargo, a neve dura menos e presenta máis xeo polas mañás debido a que de día se funde máis neve que se conxela pola noite.
  • Se se viaxa con familia e fillos, seguramente se preferirá unha estación cunha altitude baixa, máis cálida e con menos riscos. Se se ten un nivel medio ou alto e o que se desexa é asegurar boa neve e esquiar todo o día convén unha estación máis alta.
  • É bo informarse na federación ou deixarse asesorar por persoas que coñezan diferentes estacións para non comete-lo erro de acudir a unha onde non existan pistas acordes co nivel de cada un.
  • E ollo a tres factores esenciais: esquiabilidade (tamaño da estación, número e tipo de pistas e a súa calidade, e capacidade dos remontes mecánicos), seguridade nas pistas e calidade de servicio na estación (garderías, bares e restaurantes, monitores e cursos…).
  • Ademais, outras dúas claves importantes: a distancia á que queda do noso domicilio e o prezo do forfait (hai diferencias de máis de 1.500 pesetas/día e usuario entre unhas e outras). Hai máis elementos: beleza paisaxística do contorno, valores ecolóxicos, loxística -se hai aparcamento en condicións ou se a miúdo hai atascos para saír da estación á tarde, infraestructura hostaleira nos arredores…

Para iniciármonos na práctica do esquí e táboa comparativa

  • Aprender con monitor. O mellor é poñerse en mans dun experto. Se queremos aprender ben e adquirir un bo nivel, é imprescindible recibir cursos de perfeccionamento varios anos.
  • Prepararse a fondo. Antes de subir á montaña hai que estar medianamente preparado. Convén que as pernas teñan flexibilidade e estean fortes. Tamén é importante realizar exercicios de quecemento e estiramentos antes de esquiar.
  • Vestirse para esquiar. A maneira máis usual de protexerse do frío nas pistas é o chamado sistema de capas: a roupa funciona de xeito que expulsa a humidade producida pola suor e á vez mantén a calor que xera o corpo.
  • Toma-las cousas con calma e procurar relaxarnos e pasalo ben coas primeiras pistas. Aprender a esquiar require axuda, adestramento, caídas, paciencia e varias tempadas de práctica. Pero o bo é que é divertido desde o primeiro día.
  • Calza-los esquís. Resulta máis doado facelo sobre un terreo chan que sobre unha pendente. Hai que quita-la neve da sola da bota, xa que se non non se poderá mete-la bota na fixación. De seguido, introduci-la punteira da bota na parte anterior da fixación e centra-la bota sobre o esquí. Débese premer forte co tacón da bota ata que a fixación se peche. E hai que comprobar que a fixación suxeita ben a bota.
  • Quita-los esquís. O mecanismo de apertura da fixación da bota está na parte posterior desta. Hai que premelo cara a abaixo.
  • A posición correcta sobre os esquís: o calzado das botas obriga a adopta-la posición natural sobre os esquís: xeonllos flexionados e lixeiramente inclinado cara a diante. A norma é mante-la cabeza alta mirando á fronte, os cóbados dobrados e os antebrazos e mans cara a diante, mantendo os esquís lixeiramente separados á altura das cadeiras.
  • Estar de pé nunha pendente: poder permanecer de pé nunha pendente é fundamental. Para facelo sen caer ou patinar, é preciso darlle un ángulo correcto ó corpo e unha correcta posición ós cantos dos esquís.
  • As caídas: cando se producen, hai que procurar facer unha diagonal controlando a caída e procurando acabar cos esquís atravesados á pendente.
  • Antes de subir a calquera remonte, hai que saber cargar, montar e descargar con seguridade.
  • Beber moita auga para evita-la deshidratación.
  • Coidado co consumo de alcol. O esquí non é compatible nin co alcol nin coas drogas.
  • Cómpre coñecer e asumi-los límites de cada un. Convén parar antes de se esgotar.
  • Lembremos que o importante é divertirse, non demostrarlle nada a ninguén. É lóxico que queiramos aprender e nos impoñamos retos. Pero sexamos realistas. Non selo pode pór en perigo a nosa seguridade e a dos demais.
  • O sol da alta montaña, o frío e os cambios bruscos de temperatura producen efectos secundarios que se deben contrarrestar con productos cosméticos. Empreguemos cremas hidratantes ricas e emolientes.
  • Se, ó remata-la xornada de esquí, non se pode evitar estar nunha habitación a temperatura elevada, non se deben agrava-los retos ós que se enfronta o cute agredíndoo cunha comida moi quente ou picante, alcol ou mesmo cafeína.
  • A medida que a altura é maior, aumenta a radiación solar (un catro por cento cada 300 metros de altitude).
  • E se a isto lle engadimos que a neve reflicte nada menos que o 80% desa luz, a ninguén lle pode estrañar que sexan moitos os que se “abrasaron” vivos. Botemos crema protectora, preferentemente unha que ofreza pantalla total ós raios. Non esquezamos un bálsamo para os beizos e unhas gafas de sol homologadas para que non se danen os ollos.

O 40% das estacións de esquí do noso país, analizadas

As estacións ofrecen unha satisfactoria calidade de servizo pero a esquiabilidad das pistas é frecuentemente mediocre.