Roubos de vehículos

A prudencia, o mellor sistema de alarma

A oferta de medios para evitar o roubo de vehículos medra cada ano, pero a precaución do propietario do coche, a moto ou a autocaravana é clave
1 Xullo de 2008
Img informe listado 523

A prudencia, o mellor sistema de alarma

Os sistemas antirroubo deseñados para coches, autocaravanas e motos son cada vez máis complexos, sofisticados e caros, pero non máis efectivos, tal e como revelan os datos. En concreto, as estatísticas sinalan que en España se rouba un coche cada tres minutos, 480 ao día e case 175.000 vehículos ao ano. Un de cada cinco nunca aparece, o que lle supón ás aseguradoras un desembolso anual duns 80 millóns de euros. Os aparcamentos de aeroportos, grandes superficies, hospitais e estacións de tren son os escenarios elixidos polos ladróns para actuar, sobre todo durante os períodos de vacacións e de longas pontes. Aluaxes, despezamentos, comercialización por pezas ou exportación a outros países son algúns dos usos que se fan dos coches subtraídos. Ante este “boom” delituoso non de estrañar que estean a proliferar empresas privadas dedicadas á busca e recuperación de coches roubados. Os métodos para logralo pasan, en ocasións, por ofrecer unha recompensa. As preferencias dos ladróns do século XXI decántanse en maior medida por coches de luxo, pero ningún vehículo está a salvo de ser subtraído.

Aínda que as estatísticas non recollen o número de lamias roubadas, de lectores de CD, bolsos e carteiras subtraídas das guanteiras dos coches, estes pequenos roubos tamén son moi comúns. O único que variou cos anos é o grao de sofisticación dos obxectos roubados; ao igual que sucedeu hai tres décadas cos radiocasetes, agora os GPS convertéronse no obxectivo prioritario dos ladróns que, xunto con pezas de vestir, dispositivos de mans libres ou sofisticados equipos de música constitúen os seus principais achados. O xeito de se faceren con estes obxectos concrétase en dous tipos de actuación: forzar os fechos e romper os cristais, e, en maior medida, aproveitar os descoidos dos propietarios que deixan as portas ou ventás abertas. Por iso, a atención e a prudencia son tan importantes ou máis ca as ferramentas tecnolóxicas para evitar os roubos.

Buscacoches privados

Á marxe do labor de vixilancia e control policial, hai algunhas empresas privadas que se dedican á localización de vehículos roubados. Operan tanto a nivel internacional, tal é o caso de Robatori, como nacional (Aid-Car Coche Roubado) ou rexional (Compás), e nútrense dunha ampla rede de colaboradores entre os que se atopan taxistas, xubilados, mensaxeiros e calquera cidadán interesado en formar parte do equipo. Para acadaren o seu obxectivo válense de listaxes en Internet, de anuncios en prensa nacional, de pequenas tarxetas repartidas a grande escala… En numerosas ocasións, o éxito depende da recompensa que se ofreza polo vehículo desaparecido. En todo caso, o servizo de alta do vehículo e a publicación dos seus datos básicos (matrícula, marca, cor) en Internet adoita ser gratuíto. Por un desembolso de entre 10 e 50 euros anuais pódese engadir no detalle do vehículo un modo de contacto directo, ou calquera outro dato ou información complementaria.

Evitar roubos e furtos no interior

  • Sempre que circule por cidade, manteña todas as portas bloqueadas, de xeito que non se poidan abrir dende o exterior. Non abra de todo as ventás.
  • Non leve o bolso no asento do copiloto ou nos asentos traseiros: é unha tentación para moitos ladróns. O mellor lugar é colocalo entre os asentos dianteiros.
  • Cando estacione o seu vehículo evite deixar á vista o GPS, a radio, calquera obxecto de valor ou vulto (chaquetas, paquetes, etc.) susceptible de ser roubado. Se non quere “cargar” con eles, gárdeos no maleteiro, pero fágao antes de chegar ao sitio onde vai aparcar.

Toda precaución é pouca

  • Cada vez que saia do seu vehículo, mesmo cando vaia botar gasolina ou sufra un pequeno golpe, saque a chave de contacto, deixe o volante bloqueado e peche ben as portas.
  • Se entra nun lugar público, non deixe nunca as chaves na barra dun bar, no mostrador dunha tenda ou noutros lugares similares.
  • Cando circule por cidade, manteña todas as portas bloqueadas, de xeito que non se poidan abrir dende o exterior. Non abra de todo as ventás.
  • Non leve o bolso no asento do copiloto ou nos asentos traseiros: é unha tentación para moitos ladróns.
  • Grave nos cristais das ventás e mais no parabrisas o número de matrícula do seu coche. En caso de roubo, iso facilitará a identificación do vehículo. Hai fabricantes de automóbiles que ofrecen este servizo ao entregaren o coche, e tamén casas especializadas que se dedican a iso.
  • Se aparca na rúa, procure deixar o seu vehículo nun estacionamento vixiado ou, polo menos, nun lugar ben iluminado. Se opta por un aparcadoiro, nunca deixe dentro do coche o tícket.
  • No caso de deixar o vehículo nun restaurante ou sala de ocio con aparcacoches, pida un xustificante que garanta a entrega do vehículo e as chaves.
  • Cando estacione o coche nun aparcamento público ou de pagamento, non entregue en ningún caso o tícket de entrada no suposto de desaparición do vehículo.
  • Extreme a precaución nos aparcamentos públicos; son os lugares preferidos polos cacos, sobre todo os dos aeroportos en zona internacional, estacións de tren e hospitais.

Como actuar en caso de roubo

  • Despois do susto, e logo de comprobar que o vehículo non foi retirado polo guindastre, comunique o roubo nunha oficina da policía ou da Garda Civil, facilitando todos os datos posibles para a súa identificación.
  • Tamén debe informar deste suceso á súa aseguradora.
  • Debe acudir á Xefatura Provincial de Tráfico e solicitar a baixa temporal do seu automóbil. É recomendable que faga o mesmo no Concello. Así, non seguirá pagando impostos polo seu coche, e se algún axente o ve e comproba a matrícula descubrirá decontado que foi roubado.
A seguridade de caravanas e autocaravanas
  • No estacionamento evite as áreas de repouso nas autoestradas, onde son numerosos os camións, automóbiles, caravanas e autocaravanas que pasan a noite. Os intentos de roubo son frecuentes nestas zonas. Saia da autoestrada e busque un lugar tranquilo nunha zona habitada das proximidades.
  • Nas grandes cidades fuxa das zonas sombrías, pouco iluminadas e solitarias. Busque zonas de estacionamento preferiblemente vixiadas e de pagamento.
  • Se deixa a caravana ou autocaravana estacionada durante un tempo, abra as portas de armarios, caixóns e compartimentos para que se vexa que non hai nada dentro.
  • Non está de máis que coloque no teito da caravana ou autocaravana unha placa rechamante coa matrícula. Ante un roubo, os ladróns non a verán, pero pode que algún helicóptero da policía si o faga.

Antirroubos e alarmas

  • Cepos para rodas. Inmobilizan a roda e imposibilitan o movemento da caravana ou autocaravana. Prezo: Entre 90 e 180 euros.
  • Parafusos antirroubo para as rodas. Son un bo complemento para os cepos de roda, xa que incrementan a dificultade de desmontar a roda completa.
  • Inmobilizadores de estabilizador. Sistema de peche que impide que o cabezal do estabilizador da caravana poida ser aberto, e, polo tanto, enganchala a un automóbil. Prezo: Entre 50 e 150 euros.
  • Peches de seguridade. Evitan a apertura de portas e ventás. Prezo: Entre 40 e 50 euros.

Sistemas antirroubo

  • Antirroubos mecánicos. Os modelos son moi diversos, e o prezo vai dos 12 aos 80 euros:
    • Sistemas que unen e bloquean os pedais co volante.
    • Sistemas que bloquean a rotación do volante mediante unha barra que fai de tope co panel de mandos, o asento ou as pernas do condutor.
    • Sistemas que unen e bloquean a panca de cambios co freo de man.
    • Sistemas que bloquean calquera movemento dos pedais.
  • Inmobilizador electrónico. Este sistema fai necesaria unha intervención expresa do condutor para poder arrancar o vehículo, xa sexa de modo manual nun teclado, mediante unha clave, cun mando a distancia ou cunha chave con transmisor. Cando se utiliza unha chave de contacto non autorizada o inmobilizador bloquea o arranque do vehículo. Case todos os automóbiles modernos equipan este dispositivo de serie.
  • Alternativas económicas. Unha opción barata (hainas dende 1 euro) para disuadir os ladróns é pór un adhesivo de aviso de alarma nos cristais como elemento disuasorio. Outra posibilidade é colocar un díodo lead intermitente, que imite o dunha alarma, no cadro de instrumentos. Algúns coches incorporan este sistema de serie, pero pode conseguir un por uns 5 euros.
Como protexer as motos
  • Aínda que vaia realizar unha xestión de cinco minutos, non se limite a bloquear o guiador, coloque sempre o sistema antirroubo. Unha moto sen cadeado e sen bloqueo de dirección pódese roubar mentres o seu dono merca o pan.
  • Amárrea sempre a algún elemento fixo con cadeados en forma de U. Entre dúas ou tres persoas pódena cargar con rapidez e metela nunha furgoneta aínda que estea bloqueada a dirección e cun cadeado articulado ou de disco. Esta acción é imposible de realizar se a moto está suxeita a un farol, valado ou árbore.
  • Ancore a moto polo chasis ou por algún punto que sexa difícil de desmontar (os escapes e amortecedores desmóntanse con facilidade). Se non chega cun cadeado, utilice dous. Intente que o fecho quede a desmán para dificultar a súa manipulación. Se a moto ten bloqueo de dirección, utilíceo.
  • Se dispón dunha praza de garaxe, fixe unha argola ao chan ou á parede, xa que, como acontece na rúa, se a moto non esta ancorada de pouco serven todos cadeados que se lle coloquen.
  • Se vai ao cine, discoteca ou a lugares similares, non aparque a carón do local a onde vaia botar unhas horas; deixe a moto un pouco retirada.

Antirroubos e alarmas para motos

  • De disco. Bloquean o disco de freo. Inmobilizan a moto, pero como non está ancorada a ningún elemento fixo, sempre pode levantarse, co risco que iso supón. É recomendable utilizalo en combinación con algún outro complemento. En concreto, hai un sistema que abraza o disco e que o bloquea na súa parte interior e outro composto por dúas pezas con peche frontal. O efecto que se consegue é o mesmo.
    Prezo: Entre 20 e 180 euros.
  • Os “U”. Arco de aceiro de alta resistencia en forma de U que vai acompañado por un mecanismo de peche blindado. Para aumentar a súa efectividade é recomendable polo por riba do disco de freo e abrazando as barras da forca.
    Prezo: Entre 30 e 250 euros.
  • Os sistemas articulados (pitón). Cables de aceiro con rótulas de aceiro cementado, con sistema de peche blindado e preparado para o ataque con ganzúas ou trades.
    Prezo: Entre 10 e 100 euros.
  • Cadeas. Foi o primeiro sistema antirroubo. Na actualidade os elos son máis grosos e de maior resistencia.
    Prezo: Entre 25 e 200 euros.
  • Alarmas. Actívanse cando a moto se move e bloquean o motor.
    Prezo: Entre 20 e 200 euros.

Consellos de uso

  • Elixa un antirroubo que sexa longo abondo para atar a moto a un punto fixo. Teña en conta as características do seu vehículo: anchura dos cilindros de forca, diámetro dos discos de freo, presenza de puntos fixos preto do posible lugar de estacionamento, presenza dun punto de amarre na moto, etc.
  • Ate a moto a un punto fixo. Non se limite a pasar o antirroubo por un radio da roda ou nun brazo da forca. Na roda dianteira, o ideal é coller os dous brazos da forca, un radio da roda e pasar o conxunto por riba dos estribos dos freos. Na roda traseira, hai que coller o basculante e un radio, ou polo menos pasalo pola cadea ou polo disco de freo. Colocalo sen máis na roda non serve para nada, xa que se pode mover a moto.
  • Nunca transporte o antirroubo na mochila ou no peto. En caso de caída ou choque, o seu peso e rixidez poden producir danos importantes na columna vertebral. Utilice soportes aparafusados á moto nalgún lugar resistente, atado debaixo da grella, ou na maleta.

Sistemas de aviso de roubo

  • Sirena. É o tipo de alarma máis sinxelo e básico. O consumidor dispón dunha gran variedade: dende as máis comúns, que emiten un ton estándar, ás máis modernas, coa sirena de policía. As máis novidosas ata dispoñen de tons personalizados.
    Prezo: Entre 5 e 80 euros.
  • Vía SMS móbil. O usuario é avisado directamente dende a central ao seu teléfono móbil, mediante chamada ou mensaxe, indicando o tipo de alarma producida e o estado do vehículo. Nalgúns modelos máis sofisticados inclúese a velocidade do coche, e a rúa e número da súa posición.
    Prezo: Localizador: Entre 130 e 500 euros. Servizo localización: dende 12 euros/mes.
  • Vía GPS (Sistema de Posicionamento Global)/GSM (Sistema Global de Comunicacións para Móbiles). Este sistema baséase na localización vía satélite do vehículo. Indica o punto exacto no que se pode atopar o coche. Os modelos máis completos ofrecen opcións como o corte do arranque, sensores de choque e antilevantamento do vehículo, ou inmobilización do coche.
    Prezo. Entre 500 e 900 euros.

Consellos de uso do sistema de alarma

  • Máis alá do método de alarma que elixa, é moi importante que conte cun sistema de autoalimentación.
  • Ante a perspectiva de mercar un coche novo e de instalar unha alarma, solicítea no concesionario.