A lonxa: a Bolsa do mar

1 Setembro de 2009
Img en imagenes listado

A lonxa: a Bolsa do mar

Pasaron oito horas desde que o pesqueiro de baixura e os seus dez mariñeiros atravesaron a boca do porto. Afastáronse 12 millas mar a fóra na busca dun caladoiro co que encher a bodega. No seu compás marcouse a ruta cara ao mellor xénero, o máis demandado, co propósito de regresar ao porto a botar por fóra e ser o primeiro en ofrecer a mercancía na lonxa. A súa entrada, anunciada pola sirena e coreada polas gaivotas, marcará o comezo dunha nova xornada de poxas. Unha actividade frenética que recorda, e moito, a imaxe do parqué de finanzas, só que aquí os traxes de augas non inclúen gravatas e si botas de plástico, e os paneis dixitais, que tamén os hai, rodéanse de caixas de peixe, cheiro ao salitre e básculas molladas coa auga do mar.

6.30 da mañá. Soa a sirena: abre o día e recalan os barcos

A sirena anuncia que un pesqueiro se achega ao peirao. Os primeiros en atracar son os primeiros en ofrecer a mercancía. Talvez iso favoreza a venda. Talvez non. O mercado é caprichoso e o que onte funcionou, o peixe que todos querían, hoxe pode non alcanzar o prezo polo que o armador quere vender, o que o levará a retirarse da poxa. Ás 7 da mañá, se entrou o peixe, comezan as poxas. O proceso reiníciase cada media hora, coa condición de que haxa caixas que vender. Suspéndese ao mediodía, aínda que en días anómalos, difíciles ou moi fecundos pode prolongarse ata a tarde. Os luns, a pesar da crenza popular, tamén hai pesca. No mar non hai máis días de descanso ca os que obriga a natureza.

Caixas de mostras, orde e concerto

Un barco coa eslora dun pesqueiro de baixura pode chegar a acumular ata 500 caixas de peixe. Hai dúas décadas, ata que non arribaba a porto, o director da lonxa descoñecía todo sobre a carga: que cantidade, que calidade e que tipo de pesca ía chegar. Na actualidade, coas novas tecnoloxías, esta información xa non é unha incógnita. Ata tal punto que o barco pode desviar o seu rumbo para atender a demanda dunha praza ou dirixirse a unha lonxa onde ten máis garantías de venda. Esta comeza coa entrega dunha mostra da captura. Descríbese no expositor e ábrese a poxa nos paneis.

Na poxa, bóla con permiso de compra

Para poder ser comprador nunha lonxa, é dicir, comprador do peixe que chegará ao distribuidor ou ao consumidor directamente, é preciso estar apoiado por un aval. No caso dos almacenistas este é bancario. Deste xeito, comerciantes polo miúdo, almacenistas e conserveiros obteñen permiso de compra que lle outorga a bóla: o número e o asento que lles permiten poxar. A un profano resultaralle moi difícil seguir a compravenda. Os nervios, agora dixitalizados, tradúcense en cambios de cifras en milésimas de segundo. O poxador ofrece un valor de saída, que descende ata que algunha bóla acepta a poxa. Se non hai demanda e corre o risco de malvender, óptase por non vender. Retírase a partida e espérase por un momento mellor. Se se pecha o trato, ao comprador entréganselle de inmediato as caixas que adquiriu así que foron etiquetadas.

Con etiqueta

As lonxas non só son o lugar de recepción, intercambio e entrega do peixe fresco, tamén realizan o labor notarial de acreditar o xénero. A cada unha das caixas que se comercializa engádeselle unha etiqueta na que se indica o nome comercial do peixe adquirido, o método de produción (pesca extractiva, criado ou de acuicultura) e o nome da zona de captura ou cría. Nin unha soa caixa abandona o peirao sen etiquetar.

Carga e transporte

Pequenas furgonetas de peixarías con nomes propios, camionetas con destinos peninsulares, tráilers coas últimas tecnoloxías que garanten a cadea de frío e mesmo camións con dirección aos aeroportos. Os vehículos esperan pola carga. Antes de comezar a arrombar e introducir a mercancía, o responsable debe engadir un dato na etiqueta: o modo de presentación (eviscerado, con ou sen cabeza, fileteado) e a manipulación á que está sometida a caixa para o seu transporte: inclusión de auga salgada, sal, frío. Lóitase contra o tempo: o peixe fresco é delicado.

Un país ictiófago

A actividade da lonxa reinvéntase cada día. O importante para un mariñeiro é conseguir pesca. Despois chegará o momento de saber se se atinou co gusto do mercado, que varía ao seu antollo. Por veces vaise ao mar baixo demanda: vaise buscar bonito do Norte ou chicharro branco, pero non sempre se pode cumprir o propósito. A isto súmaselle a presión do regreso. A lóxica dita que é máis doado vender ás 8 da mañá ca ás 10. O que tranquiliza é que o destino é favorable: cada consumidor inxire no noso país unha media de 14 quilos de peixe fresco ao ano, o que sitúa a España como o segundo país con maior consumo de peixe do mundo.