Seguros multirrisco do fogar

A clave está en saber qué se contrata

1 Febreiro de 2003
Img informe listado 217

A clave está en saber qué se contrata

A adquisición dunha vivenda é o investimento máis importante e o ben de maior valor no patrimonio do cidadán medio. Pero trátase dun ben que cómpre coidar e protexer con agarimo, pois é propenso a sufrir sinistros de moi diversa índole: durante o ano 2000, sen ir máis lonxe, o 30% das vivendas aseguradas declararon algún tipo de sinistro. Para facer fronte ás adversidades máis comúns, os seguros multirrisco ofrecen unha ampla serie de coberturas e convertéronse nunha opción de indubidable utilidade. Proba da súa implantación é que no noso país tres de cada catro casas están aseguradas, e a finais do 2002 subscribíranse en España preto de 12 millóns de pólizas multirrisco do fogar, por un valor de máis de 2.440 millóns de euros. Pero malia a que a práctica totalidade dos fogares españois dispón dun seguro de fogar, trátase dun dos productos máis descoñecidos polos consumidores, debido probablemente á dificultade que entraña a lectura das pólizas, redactadas nunha linguaxe técnica de difícil comprensión. De feito, só o 17% das persoas que conta cun seguro de fogar entende o que le no contrato, segundo unha enquisa da Asociación de Consumidores de Seguros do País Vasco. Esa dificultade para entender o que un asina, engadida á deixadez coa que moitos usuarios contratan un seguro -o 70% dos consumidores recoñece que nunca le as pólizas-, motiva que o sector dos seguros sexa un dos máis problemáticos e descoñecidos para os usuarios. As dúbidas son moi variadas, e van desde as meramente económicas -¿por canto aseguro a miña vivenda?- ata ás semánticas -¿é o mesmo roubo ca furto?-, polo que cómpre se informar ben antes de asinar. E, por suposto, sempre hai que comparar prezos entre as diversas compañías aseguradoras e as coberturas que ofrecen.

Continente e contido

Nun seguro multirrisco do fogar establécense tres capitais distintos, de maneira que cada un corresponde ó elementos asegurados na póliza: continente, contido e responsabilidade civil. Por continente enténdese o soporte físico da vivenda: chan, teito, paredes, ventás, portas, etc. Nel inclúense tamén elementos fixos como antenas ou lámpadas cravadas. O contido aglutina todo o que se atopa dentro da casa: roupa, mobles, electrodomésticos e todo tipo de obxectos. Estes dous capitais (continente e contido) cobren os danos causados na vivenda en caso de incendio, explosión e caída de lóstrego; actos de vandalismo, accións tumultuarias e folgas; fenómenos atmosféricos (chuvia, vento, corisco e neve); perdas de alugueiros e inhabitabilidade da vivenda; roubo, espoliación e furto; danos producidos pola auga, e rotura de cristais. A cobertura de responsabilidade civil, por outra banda, permítelle ó asegurado protexerse sobre as reclamacións de que poida ser obxecto polo dano que lles cause a terceiros. A estas coberturas básicas pódeselles engadir outras opcionais, que cobren, entre outros riscos, os danos ocasionados por animais domésticos, accidente, falecemento, atraco fóra da vivenda, o uso fraudulento das tarxetas de crédito ou o servicio de cerraxería urxente.

Valoración do continente e do contido

O capital polo que se taxará o continente é difícil de calcular, polo que normalmente se fai unha estimación aproximada de entre 550 e 700 euros por metro cadrado para calcular custo da reconstrucción. O contido resulta aínda máis complicado de valorar, pois cada usuario pode te-la súa vivenda decorada de moi distinta maneira e posuír bens moi variados (xoias, cadros, mobles antigos, roupa, vaixelas, ordenadores, electrodomésticos, equipamentos diversos). Todo iso ten un valor que hai que declarar para que, en caso de sinistro, se poida repoñer. O máis frecuente é fixar unha suma de entre un 35% e un 50% do capital do continente, segundo os bens que se posúan. Pero expertos consultados por CONSUMER aconsellan que para non quedarse curtos nin pecar de exceso, o mellor é calcular, habitación por habitación, cánto custaría repoñe-los bens.

Chegado a este punto, o consumidor debe reparar en se a indemnización está fixada a prezo de reposición ou de mercado. Se a indemnización é de reposición, a televisión, o vídeo ou a neveira substituiranse por outros novos de semellantes características. Se a indemnización está fixada a valor de mercado, a aseguradora reporá un electrodoméstico polo prezo que tería o sinistrado en caso de vendelo. É dicir, un valor inferior.

É importante asegura-la vivenda por unha cifra o máis próxima posible ó seu valor real.

Se se fai á baixa (“infraseguro”) por aforrar un pouco na prima do seguro, a indemnización será menor ó prexuízo sufrido. Se unha casa ten un valor de 200.000 euros e se asegura en 150.000, a compañía entende que só se asegura a vivenda parcialmente, neste caso nun 75%. En caso de sinistro indemnízase nesa proporción, tanto se os danos son totais coma parciais. se a taxación é superior ó valor real (“sobreseguro”), a póliza será máis cara pero a indemnización só cubrirá o valor real do inmoble e dos bens. Non paga a pena, polo tanto, sobreasegurar unha casa.

As coberturas menos empregadas

Demasiado a miúdo, e por descoñecemento, deixamos de percibir prestacións ás que temos dereito. Estas son as coberturas menos coñecidas que algunhas pólizas inclúen:

  • Aboamento do importe dos alimentos conxelados que se estragaran pola interrupción da cadea de frío, se a causa foi un corte eléctrico por avaría.
  • Indemnización (para o titular do seguro ou os membros da súa familia) en caso de atraco con violencia fóra da vivenda.
  • Compensación dos gastos dun hotel se o asegurado debe abandona-lo domicilio mentres duren as reparacións.
  • Reposición, en caso de rotura, de lúas, cristais, louza sanitaria e vitrocerámicas.
  • Se como consecuencia do roubo ou extravío dunha tarxeta se produce un uso fraudulento da mesma, a aseguradora indemniza ó cliente.
  • Algunhas pólizas aboan os gastos orixinados pola recuperación de documentos (DNI, permiso de conducir, pasaporte) danados no sinistro.
  • O asegurado pode garanti-las pertenzas que leve consigo cando marche de vacacións ou realice calquera traslado temporal, dentro de España.
Excepcións pouco coñecidas das coberturas

Pasar por alto “pequenos detalles” pódenos conducir a perder prestacións e cartos.

  • En caso de incendio, algunhas compañías non se fan cargo do sinistro se se produciu por un descoido.
  • Cando hai danos en aparellos eléctricos, algunhas aseguradoras cobren os estragos en calquera circunstancia -lóstregos, subida de tensión na rede, curtocircuíto…-. Noutras, o dano só se cubre se o produciu un lóstrego, ou quedan fóra da póliza os ordenadores ou os aparellos con máis de tres anos.
  • As aseguradoras fían moi fino en cuestións semánticas. Diferencian entre furto (subtracción sen violencia) e roubo (con violencia). O primeiro dos supostos normalmente non está cuberto polas pólizas.
  • Algúns seguros non cobren roubos, inundacións ou incendios se o asegurado se ausentou da súa vivenda máis de 72 horas.
  • En caso de ser preciso un cambio de pechadura, algunhas compañías só pagan cando esta foi forzada ou cando ó cliente lle roubaron as chaves. Outras, pola contra, tamén se fan cargo se as perdeu.

Claves para asegurar ben a súa vivenda

  • Pida información en varias entidades e compare a relación “calidade-cobertura-prezo” das pólizas, sopesando as vantaxes e desvantaxes de cada unha delas. Antes de asinar, solicite as condicións xerais e particulares do contrato e estudie tódalas cláusulas.
  • Préstelles especial atención ás limitacións e exclusións: son fonte de queixas, pois a miúdo só se ten noticia delas -ata entón non se len- cando ocorre un sinistro e se solicitan as coberturas.
  • Pregunte polos termos do contrato que lle susciten dúbidas e pida unha explicación detallada sobre as posibles interpretacións de cada cláusula. As dúbidas máis habituais e que máis problemas suscitan no momento dun sinistro son: a contía que queda cuberta, a existencia ou non de franquías, ou casos puntuais como a deshabitación.
  • Esixa que tódalas modificacións ou adicións do contrato de seguro sexan formalizadas por escrito. E despois de asina-lo contrato, non acepte a imposición de modificacións unilaterais da póliza que lle sexan desfavorables.
  • Comprobe que a prima que vai pagar inclúe responsabilidade civil (é moi aconsellable subscribila) e comprobe se hai recargas por fraccionamento no pagamento, comisións, taxas e impostos.
  • Garde toda a documentación do seu seguro: contrato, cláusulas, recibos e incluso a publicidade, poden serlle moi útiles ante unha hipotética reclamación.
  • Contrate as coberturas en función das súas necesidades, pois non son as mesmas se habita unha vivenda en réxime de alugueiro ou de propiedade. Se vive de alugueiro, subscriba un seguro que cubra só o contido, é o propietario da vivenda quen debe asegura-lo continente. Se a vivenda é da súa propiedade, si debe subscribir ámbalas pólizas.
  • Non esqueza detallar no contrato tódolos bens valiosos -xoias, peles, obras de arte ou mobles antigos-. Esta declaración incrementará o prezo da póliza pero poderá axudar a repoñe-lo subtraído en caso de roubo ou sinistro.
  • Se vive nun piso, comprobe se a comunidade de veciños conta cun seguro que, amais de cubri-las zonas comúns ás vivendas, indemnice en caso de sinistro por “valor a novo”. De ser así, faga un seguro polo contido da súa casa que inclúa a responsabilidade civil. O continente xa estaría cuberto polo seguro da comunidade.
  • Se despois de asina-la póliza adquire algún ben dun valor importante, comuníquello á compañía para que esta adquisición quede tamén asegurada.
  • Garde tódalas facturas do mobiliario e aparellos da súa casa. En caso de sinistro serviranlle para demostra-lo valor dos seus bens, e que todo era seu.
  • Préstelles especial atención ós danos por mala conservación. Se os estragos son causados pola súa deixadez, a aseguradora pode negarse a paga-lo dano.
  • Respecte os prazos e modo de comunicación do sinistro co asegurador. Facilite todo tipo de información e colaboración sobre os feitos e circunstancias do sinistro.
  • En caso de sinistro, saiba que dispón de 7 días para comunicarlle os danos á súa compañía. Non encargue a reparación sen o consentimento da mesma.
Tarifas de seguro multirrisco*
ASEGURADORA Vivenda de 90 m2 10 anos Vivenda de 90 m2 50 anos Vivenda de 60 m2 10 anos Vivenda de 60 m2 50 anos
OCASO HOGAR 162,33 euros 162,33 euros 141,83 euros 141,83 euros
ALLIANZ SEGUROS 166,67 euros 175,03 euros 130,94 euros 137,53 euros
AXA 163,30 euros 193,89 euros 130,43 euros 142,94 euros
MAPFRE 193,28 euros 183,30 euros 133,00 euros 117,90 euros
PELAYO 164,45 euros 157,12 euros 102,00 euros 110,19 euros
VITALICIO SEGUROS 154,00 euros 165,54 euros 126,00 euros 132,65 euros
GÉNESIS 191,18 euros 194,05 euros 106,00 euros
CATALANA OCCIDENTE 156,00 euros 167,82 euros 136,00 euros
AEGON 213,18 euros 213,18 euros 192,45 euros 192,45 euros
FÉNIX HOGAR 166,67 euros 175,03 euros 140,84 euros 147,95 euros

* Prezos aproximados dun seguro multirrisco con seguro de responsabilidade civil para un piso intermedio (nin primeiro nin último), con porta blindada, de calidade media nos seus materiais de construcción, situado nun centro urbano, e con 10 ou 50 anos de antigüidade. O valor do continente na vivenda de 90 metros cadrados: 72.000 euros. Contido para a mesma vivenda: 18.000 euros. O valor do continente na vivenda de 60 metros cadrados: 48.000 euros. Contido para a mesma vivenda: 18.000 euros.

Prezos segundo cobertura

Amais do valor do ben asegurado, son varios os criterios que se valoran para determina-lo importe da prima dunha póliza multirrisco. Os metros cadrados da vivenda, a súa situación -casco urbano, urbanización ou zona deshabitada-, o ano de construcción, o tipo -luxo, normal-, a altura do piso ou as medidas de seguridade do mesmo -porta blindada, caixa forte-, contan, e moito, á hora de establece-lo prezo do seguro.

Ante un mesmo suposto, as aseguradoras establecen primas ben distintas. Para unha vivenda de 90 metros cadrados e con 10 anos de antigüidade, as primas oscilan entre os 154 euros anuais que establece Vitalicio Seguros e os 213,18 euros de Aegón. Se o piso ten 60 metros cadrados o custo da póliza baixa ata os 102,00 euros de Pelayo. A antigüidade do edificio é un agravante nos máis dos casos. Só Aegón e Ocaso Hogar manteñen os prezos independentemente dos anos que teña a vivenda. Mapfre é a única compañía que non só non grava a antigüidade, senón que establece primas máis baixas cando a edificación é antiga.

Non obstante, é difícil establecer unha clasificación de pólizas segundo o seu prezo sen estimar e valora-las coberturas de cada seguro. As pólizas de Fénix Hogar, Allianz e Aegón ofrecen as indemnizacións máis altas, uns 1.800 euros, en caso de recomposición estética, mentres que Génesis establece un límite de 1.202,02 euros por deixa-la casa co mesmo aspecto que tiña antes do sinistro.

E é que non tódalas aseguradoras cobren os mesmos riscos nas pólizas multifogar. Os riscos básicos cobren o 100% do capital asegurado. Ós riscos complementarios aplícanselles outras porcentaxes ou cantidades fixas, segundo a cota que se desexe pagar. A inhabitabilidade da vivenda, a perda de alugueiros, os danos producidos pola electricidade ou a rotura de louza sanitaria ou elementos vitrocerámicos, a rotura de vidros, o apodrecemento de alimentos en frigoríficos ou a inhabitabilidade e perda de alugueiros, marcan a diferencia entre pólizas e prezos.