A cereixa: algo máis ca un froito

1 Maio de 2012
Img informe listado 701

A cereixa: algo máis ca un froito

Non hai nin un mes que a nívea flor da cerdeira cubría moitos recunchos da nosa xeografía, desde os vertixinosos bancais do val estremeño do Jerte ata as inabarcables paisaxes da comarca aragonesa de Valdejalón, dous dos enclaves con maior produción de España. Chega maio e as cereixas de cedo xa penduran das pólas tinguíndoas de vermello. Ao pé da árbore, con escada ou sen ela, tan só cun caldeiro ou cesto de vimbio, recóllense á man, de sol a sol e de unha en unha.

De maio deica agosto

A recolección de cereixas esténdese desde finais da primavera ata ben entrado o verán grazas a que hai decenas de variedades, de maduración máis temperá ou máis tardía. As primeiras en madurar adoitan ser as Early Bigi, seguidas das clásicas Burlat. Ao seren máis de cedo, alcanzan os prezos máis elevados. Despois as Prime Giant, Starking, etc. No val do Jerte predomina a célebre picota, variedade máis tardía e compacta que se comercializa sen rabo. Oscila entre o vermello viño da ambrunés ao vermello máis intenso do tipo Pico Colorado e as tonalidades escuras da Pico Negro e da Pico Limón Negro.

Polos ollos antes que polo seu sabor

A cereixa que lle chega ao consumidor debe cumprir uns requisitos de calidade moi altos e moitas desbótanse durante a recolleita e selección. Teñen máis éxito as de mellor cor, textura, brillo e limpeza e tamaño. O peso medio das cereixas que chegan ao mercado varía entre 7 e 11 gramos e o seu calibre entre os 20 e os 28 milímetros. En orde a estes e a outros parámetros, como o grao de madureza e a homoxeneidade do conxunto, clasifícanse en varios tipos entre os que se atopan a categoría extra, de primeira e de segunda. Como calquera árbore froiteira, a cerdeira non está exenta de pragas e de enfermidades, como a mosca das cereixas e a virose. A vixilancia e os coidados, como a poda da árbore durante o outono, son primordiais para asegurar unha boa produción.

Do minifundio familiar aos grandes produtores

Desde tempo inmemorial a cerdeira estivo vinculada ás familias e aos lugares, como no caso do Jerte, onde se veñen celebrando festas e tradicións arredor deste froito. Os minifundios do val estremeño e as súas portentosas árbores, onde desde cativos, como trapecistas, se afán a recoller as cereixas desde unha escada, contrasta coas grandes extensións de pequenas e medianas cerdeiras cultivadas ex profeso en terreos máis accesibles. A prol destas últimas: a accesibilidade, como pólas a media altura que se poden recoller de pé. As horas de luz andan desbocadas en maio e un rito tan ancestral como vital empuxa as xentes curtidas a saír ao campo, a recoller en comunidade os froitos da terra dos seus devanceiros. As cerdeiras xa recenden.