Políticas de prevención sanitaria

A receita máis efectiva: a prevención

A maioría dos estudos sobre o custo e a eficacia das políticas preventivas céntranse no apartado de inmunizacións: a vacinación para a hepatite B en adolescentes, a hepatite A en adultos de alto risco e a antineumocócica en maiores de 60 anos considéranse eficientes
1 Abril de 2009
Img salud

A receita máis efectiva: a prevención

O diagnóstico é único e conta co consenso da comunidade científica. O medicamento máis efectivo contra os diferentes tipos de cancro, infeccións, enfermidades cardíacas, dexenerativas e víricas, entre outras, é a prevención. Esta é a principal ferramenta na que se basea a medicina do futuro. De aí que nos últimos anos a sociedade do benestar experimentase un incremento rápido na demanda de medidas preventivas que as autoridades sanitarias, á súa vez, intentan satisfacer nun contexto de maior gasto e menos recursos. As intervencións preventivas realizadas dende todos os ámbitos da saúde aumentan cada día, mais os estudos de avaliación que se elaboran así que rematan as campañas son mínimos e non inclúen análises económicas, premisa fundamental para racionalizar as decisións cando os recursos xa son limitados.

Dende o punto de vista da relación recursos-resultados, son numerosas as actividades preventivas que dende a óptica da saúde pública e o ámbito da prevención non se avalían, aínda que as autoridades sanitarias gastan millóns de euros nelas, de xeito que se descoñece cal é o nivel de efectividade acadado.

Das avaliacións económicas realizadas en España só unha quinta parte delas abordan temas preventivos. Aínda que o termo “avaliación” se utiliza con bastante asiduidade, non sempre se fai da maneira correcta. En máis ocasións das desexadas atribúense os cambios favorables obtidos a unha intervención ou a un programa sen ter en conta outras explicacións alternativas ou sen confrontalos cun grupo de control. E o que é peor, os responsables dos programas son moitas veces os que elaboran estas avaliacións, o que pon en cuestión a súa obxectividade.

O uso de medicamentos con fins preventivos tampouco acada a aprobación por parte da comunidade médica. Aínda que os ensaios e estudos se desenvolven en centros públicos e privados, moitos deles están patrocinados e financiados polos laboratorios que os comercializan despois.

Análises estritas

Os países anglosaxóns caracterízanse pola elaboración dende hai décadas de avaliacións serias que inclúen análises económicas correctas. Un exemplo diso é o estudo realizado nos EE.UU. sobre as causas que contribuíron a reducir a mortalidade por enfermidades coronarias nos últimos vinte anos. A partir dun modelo estatístico validado (IMPACT) chegaron á conclusión de que o 50% desta diminución se podía atribuír á modificación dos principais factores de risco (colesterol, hipertensión, tabaquismo e inactividade física) e a outra metade a terapias médico-cirúrxicas baseadas na evidencia científica (bypass coronario ou anxioplastia, ou tratamento inicial para o infarto).

En España, un país que rexistra taxas de mortalidade cardiovascular inferiores ás dos EE.UU., realizouse un estudo de Análise Custo-Beneficio Xeneralizada, e os resultados obtidos tamén indican que o valor dos avances médicos aplicados ao campo das enfermidades isquémicas do corazón supera o seu custo. Polo tanto, nesta área -que constitúe a primeira causa de mortalidade no mundo- o investimento é rendible.

Relación custo-eficacia

Por outra banda, un traballo realizado en Holanda sobre a prevención da obesidade e do tabaquismo suscita algunhas cuestións filosóficas e éticas. A análise da relación custo-beneficio apunta que a prevención da obesidade reduce custos a curto prazo porque se evitan as enfermidades asociadas ao sobrepeso, pero a longo prazo increméntaos debido ao tratamento doutras enfermidades que as persoas que se manteñen nun peso normal padecerán previsiblemente na súa lonxeva vida.

Nestes momentos a maioría das revisións sobre custo-eficacia realizadas en España céntranse no apartado de inmunizacións. A vacinación para a hepatite B en adolescentes, a hepatite A en adultos de alto risco e a antineumocócica en maiores de 60 anos considéranse eficientes.

No tocante á vacina máis recente en formar parte do sistema sanitario público na prevención do cancro, a do virus do papiloma humano (VPH), nos EE.UU. e no Reino Unido elaborouse un estudo sobre a súa avaliación económica que pon en dúbida a súa eficiencia. Sen negar os potenciais beneficios que poida reportar, os expertos indican que nestes momentos aínda se dubida sobre a duración da inmunización, sobre a idade idónea de vacinación ou sobre o xeito no que influirá no cribado do cancro de colo uterino. Advirten de que se lles vai aplicar a millóns de nenas sas sen que se demostrase a súa eficacia e efectividade a longo prazo. Apoiándose en razoamentos semellantes, Australia, país pioneiro na creación de axencias independentes que empregan criterios de eficiencia (relación custo-efectividade), denegou o seu financiamento.

Para rematar, convén non esquecer unha serie de antecedentes que invitan a ser máis cautelosos á hora de recomendar algunhas medidas preventivas. Hai anos, a Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia e mais a Asociación Española para o Estudo da Menopausa afirmaron con rotundidade que “a Terapia Hormonal substitutiva era o mellor tratamento para a corrección dos síntomas climatéricos, e que a súa administración durante un período de cinco anos, nestas mulleres, deparaba máis beneficios ca riscos”. Non obstante, grazas aos datos dispoñibles na actualidade, sábese que hai unha clara relación entre o cancro de mama e a utilización desta terapia. Ademais, a redución do seu uso correlaciónase coa diminución da incidencia deste cancro.