A pneumonía, unha ameaza para os pulmóns

A súa gravidade depende do microorganismo que a causa, da idade do paciente e doutras enfermidades que poida padecer
1 Marzo de 2011
Img salud listado 733

A pneumonía, unha ameaza para os pulmóns

“Non acaba de curar esta catarreira”. Velaquí o veredicto autoproclamado pola maioría dos afectados que tras sufrir cadros de febre, mucosidade e dor muscular durante varios días, mesmo semanas, non melloran. Lonxe de ser un arrefriado ou unha catarreira mal curada, como se pensa en numerosas ocasións, é probable de que se trate dunha pneumonía ou pulmonía, infección respiratoria moi común que afecta especialmente ás persoas con poucas defensas e aos anciáns que sofren outras patoloxías. Entre o 40% e o 50% de todas as pneumonías detectadas non revisten gravidade, pero na mesma proporción esta infección require hospitalización e ata o ingreso na UCI. Certos costumes malsáns, como fumar, beber e non cepillar os dentes logo de cada comida, e determinadas doenzas poden favorecela. Evitar os primeiras e controlar as segundas son dúas das medidas máis efectivas para previr esta ameaza.

Quen estea libre de sufrila…

A pneumonía, máis coñecida como pulmonía, é unha inflamación dos pulmóns causada por unha infección. Desenvólvese cando un individuo entra en contacto con diferentes clases de microorganismos patóxenos (bacterias, virus e fungos) que chegan aos pulmóns a través do aire ou que xa se atopan na boca e que penetran nas vías aéreas.

Entre eses microorganismos, o principal axente que a causa, ata nun 40% dos casos, é o Streptococcus pneumoniae ou pneumococo. A pneumonía pode orixinarse tamén pola Legionella pneumophila e o Mycoplasma pneumoniae, bacteria causante da pneumonía en nenos maiores e adultos novos. En calquera caso, os síntomas que a anuncian son a febre alta, acompañada de suor e calafríos, tose produtiva, falta de apetito e debilidade, dor xeneralizada, dor de cabeza e nos casos máis graves dificultade ao respirar ou disnea. Ademais, en certos tipos de pneumonía, como a que afecta ás persoas maiores, rexístranse outros síntomas, como o padecemento de cadros de confusión, e, na pneumonía causada polo pneumococo, é frecuente a aparición do herpes labial. A intensidade con que se manifestan todos estes síntomas é variable, como tamén o é a gravidade da pneumonía: existen numerosos casos leves, que se poden tratar no domicilio; outros de maior gravidade, que requiren hospitalización; e outros moi graves, que esixen o ingreso na Unidade de Coidado Intensivo (UCI).

Casos vulnerables

As persoas máis vulnerables fronte á pneumonía son as inmunodeprimidas, ben por unha enfermidade ou ben porque toman algún tratamento que debilita as súas defensas, así como as persoas máis vellas que xa padecen outra enfermidade. De feito, a pneumonía é a infección máis frecuente nos adultos de máis de 65 anos e nos nenos. Pero, amais da idade -un factor non corrixible- hai certos hábitos nocivos que poden favorecer o desenvolvemento dunha pneumonía e que poderían evitarse, como o alcoholismo e o tabaquismo, xa que un 51% dos fumadores teñen máis risco de sufrir pneumonía ca os non fumadores. A mala hixiene bucal tamén eleva a presenza de bacterias que potencialmente poden causar a enfermidade. Outras situacións que contribúen a que baixen as defensas fronte á pneumonía son certas enfermidades crónicas, como a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), a cardiopatía conxestiva, a diabete ou certas doenzas hepáticas e inmunolóxicas. Entre as que aumentan a concentración de bacterias causantes da pneumonía destacan as que xeran perda de conciencia. Nestes casos, redúcese a capacidade de tusir e de expeler mucosidade e outras secrecións. Deste xeito, auméntase o risco de que se desencadee unha infección se se diagnosticou un tumor de larinxe, de esófago ou pasou por unha cirurxía de abdome ou por un traumatismo de tórax, xa que os afectados presentan unha respiración pouco profunda, teñen menos capacidade para tusir e, polo tanto, reteñen máis mucosidade que pode dar orixe á infección.

Como previla

A pneumonía pódese previr coas vacinas dispoñibles fronte á gripe e o pneumococo, iso si, nas persoas e colectivos para as que están indicadas por ser vulnerables a ela. Os candidatos a recibir a vacina antigripal son os que sofren enfermidades crónicas, os maiores de 65 anos e as mulleres embarazadas, aínda que non no primeiro trimestre da xestación.

A vacina antipneumocócica é eficaz para previr a infección por Streptococcus pneumoniae nos nenos maiores de dous anos e nos adultos de risco, como os maiores de 65 anos con certas enfermidades crónicas. Ademais, existe outro tipo de vacina, a antipneumocócica conxugada, que se pode aplicar a nenos menores de dous anos. Ata hai pouco a vacina dispoñible deste tipo era a antipneumocócica conxugada heptavalente, que protexe fronte a sete serotipos do pneumococo.

Non obstante, dende hai pouco tempo apareceron outras vacinas antipneumocócicas conxugadas que aínda confiren unha maior protección: a decavalente, fronte a 10 serotipos do pneumococo, e a tridecavalente, fronte a trece. Estas vacinas, non obstante, non se aplican de maneira sistemática en todas as comunidades autónomas, que teñen calendarios de vacinación distintos.

Agora ben, xunto á inmunización, existen outras medidas tamén eficaces para previr a pneumonía. Dúas delas son deixar de fumar e extremar o coidado e a hixiene dos dentes e da boca.

Tratamento

No 70% dos casos a pneumonía pódese tratar no domicilio, as máis das veces con bos resultados. Non obstante, moitos pacientes precisan o ingreso hospitalario. O máis habitual é que a pneumonía sexa de orixe bacteriana, polo que se combate con tratamentos antibióticos (non así a pneumonía de tipo vírico, xa que os antibióticos non son eficaces fronte aos virus). Estes tratamentos duran un mínimo de sete días e un máximo de dúas semanas. Para que funcionen, os pacientes deben seguir de xeito moi estrito as indicacións dos médicos e non abandonar o tratamento antes do día fixado. Aparcalo antes de tempo reduce a súa eficacia e é unha fonte considerable de problemas, xa que é posible que se xeren resistencias.

En España, as resistencias fronte ao pneumococo alcanzan preto do 30% fronte aos antibióticos macrólidos, por iso non se administran sós. Nos casos máis graves, cando se require hospitalización, pode ser necesario aplicar a osixenoterapia e mesmo o ingreso en coidados intensivos.

Consellos para previr a pneumonía
  1. Seguir as normas de vacinación antipneumocócica e antigripal, xa que ambas as dúas vacinas poden axudar a previr a pneumonía.
  2. Evitar fumar e beber en exceso para evitar o desenvolvemento desta doenza.
  3. Cepillar os dentes despois de cada comida e aplicar un colutorio sen alcohol, xa que moitos xermes causantes da pneumonía aniñan nos dentes e na cavidade oral.
  4. As persoas coa dentadura postiza tamén a deben lavar logo de cada comida e utilizar produtos específicos para limpala unha vez á semana.
  5. Controlar enfermidades crónicas asociadas, como as respiratorias (entre elas a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica ou EPOC), a diabete e a hepatite, xa que as persoas afectadas son máis vulnerables a contraer pneumonía.
  6. Para previr a pneumonía por aspiración, que afecta ás persoas que están en coma ou que perderon a conciencia, os coidadores deben manter a cabeza do paciente inclinada entre 30 e 45 graos, co fin de evitar que o refluxo gástrico a desvíe cara aos pulmóns.
  7. Manter hábitos de vida saudables baseados nunha dieta sa, facer exercicio e descansar pode axudar a manter unhas boas defensas que eviten contraer a pneumonía.

Fonte: Antoni Torres, catedrático de Neumoloxía da Universidade de Barcelona e xefe de sección da Unidade de Coidados Intensivos Respiratorios do Hospital Clínico de Barcelona. Torres, Antoni: Capítulo 8: Pneumonías, en Enfermidades respiratorias. Consellos para pacientes (manual da SEPAR coordinado por Pere Casán Clarà)