A resiliencia

A escola da adversidade

Hai persoas que, malia a naceren e viviren en situacións adversas, se desenvolven psicoloxicamente sas, e mesmo saen reforzadas. É o que se coñece como resiliencia
1 Xaneiro de 2007

A escola da adversidade

/imgs/20070101/img.interiormente.01.jpg A psicoloxía e a enxeñería de materiais, aínda que poida parecer estraño, teñen algo en común: o termo resiliencia. Esta palabra fai referencia ao fenómeno polo que os corpos retornan á súa forma inicial despois de seren sometidos a unha presión que os deforma. O concepto aplicouse á psicoloxía para descubrir por que nenos e nenas que viven na miseria, ou persoas que experimentan situacións límites non só dan superado as dificultades senón que mesmo son quen de saíren fortalecidas delas. Logran resistir, sobrevivir e acceder a unha vida produtiva para si e para a súa sociedade.

A resiliencia é unha capacidade que se manifesta:

  • Fronte á destrución, amosando unha gran facultade de protexer a propia integridade baixo presión.
  • Fronte á adversidade, establecendo unha actitude vital positiva malia a circunstancias difíciles.

Trazos que potencian a resiliencia das persoas

A vida cotiá está suxeita a acontecementos duros: a morte dun ser querido, unha enfermidade complicada, experiencias laborais difíciles, problemas serios de relación de parella, a soidade, o illamento social, a competitividade por ocupar un posto, o desemprego, os problemas económicos… Ante estas situacións as persoas reaccionan de distinto xeito segundo o seu grao de vulnerabilidade, ou, dito dun xeito máis actual, segundo o seu grao de resiliencia.

Hai trazos que potencian esa habilidade.

  • A introspección: Faculta a persoa a entrar dentro de si mesma, a observarse, reflexionar e facerse preguntas. Axuda a preguntarse a si mesmo e darse unha resposta honesta.
  • A independencia: Axuda a establecer límites entre un mesmo e os ambientes adversos. Potencia o establecemento dunha distancia emocional e física ante determinadas situacións, sen chegar a illarse.
  • A iniciativa: Capacita para afrontar os problemas e exercer control sobre eles.
  • O humor: Conduce a atopar o lado cómico nas situacións adversas.
  • A creatividade: Leva a crear orde e beleza a partir do caos e a desorde. Na infancia exprésase na creación e os xogos que son as vías para disfrazar a soidade, o medo, a rabia e a desesperanza.
  • A moralidade: Invita a desexar unha vida persoal satisfactoria, ampla e con riqueza interior. Inclúe a conciencia moral, o compromiso con valores e a separación entre o bo e o malo.
  • A habilidade para establecer lazos íntimos e satisfactorios con outras persoas. Capacita para ofrecerse aos outros e a aceptalos na propia vida.

Factores que favorecen a resiliencia

  • Apego parenteral. Os estudos realizados destacan que unha relación cálida, nutritiva e de apoio, aínda que non ten por que ser omnipresente, con polo menos un dos pais, protexe ou mitiga os efectos nocivos de vivir nun medio adverso. É dicir, precísase unha relación emocional estable con polo menos un dos pais, ou ben con algunha outra persoa significativa.
  • Desenvolvemento de intereses e vínculos afectivos externos. As persoas significativas fóra da familia favorecen a manifestación de comportamentos resilientes cando, por exemplo, na propia familia se viven circunstancias adversas. Trátase de que haxa algún tipo de apoio social dende fóra do grupo familiar.
  • Clima educacional sincero e capaz de establecer límites claros na conduta.
  • Modelos sociais que motiven poder enfrontarse de xeito construtivo ás adversidades.
  • Vivir experiencias de autoeficacia, autoconfianza e contar cunha autoimaxe positiva.
  • Ter posibilidade de responder de maneira activa a situacións ou factores estresantes.
  • Asignar significados subxectivos e positivos ao estrés, describindo as crises como a oportunidade de ofrecer resposta ás circunstancias adversas.

A calquera idade se pode cambiar

As habilidades e os factores que potencian a resiliencia amósanse dun xeito desigual nos distintos tipos de personalidades, pero pódese traballar para lograr potenciar os trazos que conducen a gozar desta capacidade de superarse. A maior dificultade á que nos enfrontamos cando buscamos esa mellora é a convicción de que non se pode cambiar. Escudámonos en afirmacións como “é que eu son así”, “cada quen é como é”, “aos meus anos eu xa non podo cambiar”. Este é o grande erro. Máis ou menos, a calquera idade se pode cambiar se un se propón facelo.

Nunca é tarde para facer o correspondente cambio das propias actitudes, adestrándose en técnicas de modificación do pensamento, para aprender a interpretar os acontecementos doutro xeito, recuperando a capacidade de reflexionar sobre un mesmo, traballando a valoración da propia personalidade, adquirindo habilidades sociais como a asertividade, aprendendo a falar positivamente… Para todo iso pódese contar con profesionais da psicoloxía aos que hai que acudir non só cando se padecen crises emocionais ou psicopatoloxías, senón cando alguén se quere adestrar para vivir axeitadamente cada acontecemento vital.

A resiliencia, a capacidade para resistir e non virse abaixo, para saír airosamente dos inconvenientes, se é posible con máis folgos aínda, tamén se aprende.

A aprendizaxe é posible

/imgs/20070101/img.interiormente.02.jpg A resiliencia podémola favorecer en nós mesmos e, en especial, na educación das persoas sobre as que temos influencia, sobre todo se son nenos ou nenas.

É certo que hai condicións persoais que teñen moito que ver cos factores hereditarios, pero non hai dúbida ningunha de que a personalidade se educa. Os fillos non se improvisan. É un erro dicir “este neno saíu no xenio ao seu pai” ou “esta nena ten o carácter da súa avoa” a quen non coñeceu. Os nenos e nenas que viven en condicións de marxinalidade e gozan das características que os fan ricos en resiliencia non a “herdaron” xeneticamente. A vida, as circunstancias, o contorno educáronos.

Por iso, é importante afirmar que é posible educarse e educar na resiliencia. É posible mudar actitudes nun mesmo e noutras persoas.