A risa

A ciencia aválao: rir mellora a saúde

As gargalladas provocan efectos positivos, tanto físicos coma psicolóxicos, e son un hábito saudable que convén pór en práctica a cotío
1 Novembro de 2005
Img interiormente listado 205

A ciencia aválao: rir mellora a saúde

/imgs/20051101/risa.jpg
Umberto Eco urdiu toda unha trama policial entre os muros dunha abadía na Alta Idade Media para expor o poder da risa. En O nome da rosa sucédense ata crimes para agarcharlle ó pobo a defensa que supostamente fixera Aristóteles sobre a bondade das gargalladas. Isto é, por suposto, ficción, pero non está exenta de realidade, xa que houbo tempos e lugares -aínda os hai- nos que o sensato e maduro era permanecer serio, calado, taciturno. A risa e un bo humor frecuente asociábanse a frivolidade e inmadurez. Afortunadamente, as investigacións, como aquela que imaxinou o escritor e semiólogo italiano, avalaron algo que a sabedoría popular intuía e que hoxe a ciencia demostra: rir é saudable.

A risa está localizada na zona prefrontal da codia cerebral, a parte máis evolucionada do cerebro. Nesta zona, segundo os expertos, reside a creatividade, a capacidade para pensar no futuro e a moral. Así e todo, así que imos cumprindo anos e se nos supón máis sabidos, perdemos a espontaneidade de nos deixar levar pola risa, de buscar a gargallada ou de atoparlles a parte cómica ás situacións. Por iso, hai veces que convén aprender a rir, ou a lembrar como se ría.

A risa como terapia

Sigmund Freud atribuíulles ás gargalladas o poder de liberar o organismo de enerxía negativa. Esta capacidade foi cientificamente demostrada cando se descubriu que o córtex cerebral libera impulsos eléctricos negativos un segundo despois de comezar a rir. En lóxica relación con esta evidencia, nos últimos lustros afianzouse a risa como terapia.
Cando rimos, o cerebro emite unha información necesaria para activar a segregación de endorfinas, especificamente as encefalinas. Estas substancias, que posúen unhas propiedades semellantes ás da morfina, teñen a capacidade de aliviar a dor e mesmo de enviar mensaxes desde o cerebro ata os linfocitos e outras células para combater os virus e as bacterias. As endorfinas desenvolven tamén outras funcións, entre as que salienta o seu papel esencial no equilibrio entre o ton vital e a depresión. Delas depende algo tan sinxelo como estar ben ou estar mal. Como se pode comprobar, aprender a rir é algo máis importante do que semella a simple vista.
Unha das liñas de traballo nalgúns centros de psicoterapia é a risoterapia, que consiste en estimular a produción de distintas hormonas que xera o propio organismo con exercicios e xogos de grupo. O seu cometido é o de potenciar o sistema inmunitario en xeral e facilitar a superación de diferentes bloqueos. Empréganse técnicas que axudan a liberar as tensións do corpo e así poder chegar á gargallada, como a expresión corporal, o xogo, a danza e exercicios de respiración ou masaxes. Trátase de dar rido dun xeito natural e san, de que as gargalladas saian do visceral e irracional, coma nos cativos. No fondo, ó que se aprende é a orientar a percepción das situacións para que cando nos vexamos nela riamos, con nós mesmos e cos demais.

Efectos físicos da risa

  • Exercicio: con cada gargallada póñense en marcha preto de 400 músculos, incluídos algúns do estómago que só se poden exercitar coa risa.
  • Limpeza: lubrícanse e límpanse os ollos con bágoas. A gargallada fai vibrar a cabeza e despéxase o nariz e mais o oído. Ademais, elimina as toxinas, porque co movemento o diafragma produce unha masaxe interna que facilita a dixestión e axuda a reducir os ácidos graxos e as substancias tóxicas.
  • Osixenación: entra o dobre de aire nos pulmóns, deixando que a pel se osixene máis.
  • Analxésico: durante o acto de ri libéranse endorfinas, os sedantes naturais do cerebro, semellantes á morfina. Por iso, cinco ou seis minutos de risa continua actúan como un analxésico. De aí que se empregue para terapias de convalecencia que requiren unha mobilización rápida do sistema inmunolóxico.
  • Rexuvenecedora: rexuvenece ó estirar e estimular os músculos da cara. Ten, ademais, un efecto tonificante e antiengurras.
  • Prevén o infarto: a masaxe interna que producen os espasmos do diafragma alcanza tamén os pulmóns e o corazón, fortalecéndoos.
  • Facilita o sono: as gargalladas xeran unha fatiga boa e sa que elimina o insomnio.

/imgs/20051101/risa2.jpg

Efectos psicolóxicos da risa

  • Elimina a tensión: prodúcense certas hormonas (endorfinas e adrenalina) que elevan o ton vital e que nos fan sentir máis espertos.
  • Alivia a depresión: fainos ser máis receptivos e ver o lado positivo das cousas.
  • Proceso de regresión: pode xerar un retroceso a un nivel anterior de funcionamento mental ou emocional, xeralmente como un mecanismo para aliviar unha realidade que se percibe como dolorosa ou negativa.
  • Exteriorización: a través da risa as persoas exteriorizan emocións e sentimentos. Ás veces é percibida como unha enerxía que urxe por ser liberada, sobre todo cando precisamos rir e a situación social non o permite.
    Tamén debemos facer fincapé nos factores sociais da risa, como o seu carácter contaxioso, a salvación de situacións socialmente incómodas e o poder comunicativo do humor. Estes revisten unha importancia terapéutica especial ante disfuncións de tipo social.
Pautas para podermos rir

Nalgúns casos contados cumprirá acudir a centros nos que se practique a risa e o bo humor como método terapéutico, pero o habitual será autoadministrar a risa buscando ocasións para facelo:

  • O primeiro é traballar a actitude ante a vida cun sorriso.
  • Esforzarse en ver sempre a “botella medio chea e non medio baleira”.
  • Intentar atopar cada vez novas posibilidades e non amargarse cos problemas.
  • Evitar esa actitude de “ter un problema para cada solución”.
  • Ler libros de humor.
  • Ver películas e obras de teatro cómicas.
  • Procurar rirse de un mesmo na intimidade. Facelo en sociedade é xa para niveis avanzados.
  • Frecuentar programas de TV que fomentan a risa, sobre todo cando é un bo humor que non se fai a custa de ninguén. O bo humor non ten por que ser cáustico ou destrutivo, aínda que como moitos manxares poida picar un pouco.

Rir é unha función biolóxica necesaria para manter o benestar físico e mental. É un xeito excelente de relaxarse, de abrir a nosa capacidade de sentir e de amar.