“A boa vontade da industria está ben, pero, se non funciona, hai que establecer regras”

Entrevista: Alberto Garzón, ministro de Consumo

1 Abril de 2021

Entrevista: Alberto Garzón, ministro de Consumo

A subida do IVE nas bebidas azucradas e a implantación voluntaria do etiquetado Nutri-Score son as dúas medidas máis mediáticas que o Ministerio de Consumo puxo en marcha para intentar frear un dos problemas que máis preocupan: a obesidade infantil. Trátase de dúas decisións polémicas e que soas non poden facer fronte a un fenómeno complexo. O ministro Alberto Garzón defende que a soa existencia da carteira que ocupa xa envía unha mensaxe na boa dirección para tratar de contrarrestar a vantaxe que outros países europeos lle levan a España de cara á concienciación sobre unha vida e alimentación saudable ou nunha regulación publicitaria máis estrita. En España, un 40 % dos menores presentan exceso de peso. Ao longo de 10 números, Consumer Eroski analiza as causas deste grave problema de saúde pública desde o punto de vista de todos os axentes involucrados.

Cales son os datos do informe Aladino 2019 sobre obesidade infantil que máis lle preocupan? É un traballo tan extenso que existen múltiples perspectivas para abordalo, pero a nós parecéronnos sempre especialmente dramáticos os niveis de obesidade infantil. Aínda que hai unha certa estabilidade ao longo dos anos, non deixan de ser enormemente preocupantes. Estamos falando de que 4 de cada 10 menores de entre 6 e 9 anos teñen algún tipo de exceso de peso. Ademais, existen moitos matices, e un deles é o que chamamos a “correlación de clase”, que indica que a taxa de obesidade infantil é o dobre entre as familias cunhas rendas máis humildes que naquelas con rendas máis altas. E iso fálanos de desigualdade, de pobreza, de malos hábitos vinculados á renda. É unha fotografía problemática que lle afecta ao sector máis vulnerable da nosa sociedade: os menores.

Que se pode facer para paliar esa fenda, para chegar ás familias vulnerables e centrarse nelas? Falamos dun fenómeno socioeconómico, non só de hábitos. En primeiro lugar, temos que combater a pobreza e facer que o estado social funcione; mellorar a vida do conxunto da poboación, pero especialmente daqueles máis vulnerables. Iso vai axudar a que sexa máis fácil cambiar os patróns de consumo e de exercicio físico. Nós imos promovelo desde múltiples ámbitos. Desde o da regulación, por suposto: o relativo á fiscalidade, a sensibilización, a publicidade infantil, a información no etiquetado… Estamos ante diferentes liñas de traballo que atravesan o mesmo problema e deben ir parellas a reformas estruturais. A pobreza non se resume con medidas meramente regulatorias, o que require o noso país é cambiar as estruturas, porque nos últimos 10 anos vivimos dúas crises económicas e estas sempre lles afectan máis aos máis pobres. E aínda non temos datos de como lles infuíu o a pandemia a estes estratos.

De feito, parece que a pandemia e os confinamentos xogarán en contra da obesidade e da desigualdade. Teñen prevista algunha acción ou política especial neste sentido? A pandemia, probablemente, traerá un retroceso moi importante porque os patróns de consumo van vinculados á vida cotiá. Un confinamento no que se retivo na casa durante tanto tempo á totalidade da poboación, e moi particularmente aos pequenos, e que alterou tanto as condicións de vida, carrexa un prexuízo moi grande. A iso súmase o impacto económico sobre as familias máis vulnerables, que desde este Goberno tratamos de mitigar o máximo posible cun escudo social. Pero aínda así, é evidente que, ante unha crise económica, as familias máis humildes sofren máis. E dispoñer de menos cartos adoita implicar o consumo dun tipo de produtos que non son tan saudables. Logo da pandemia, temos que acentuar, máis aínda, toda a liña de traballo que tiñamos prevista desde o principio.

Será a subida do IVE ás bebidas azucradas unha realidade este ano?

Está en vigor a parte que lle corresponde aos Orzamento Xerais do Estado. É unha ferramenta para desincentivar o consumo, non para recadar. De feito, en termos cuantitativos, non sobe unha gran cantidade de céntimos por cada produto individual. O que fai é trasladar unha mensaxe de saúde pública desde as autoridades cara á sociedade: “Este tipo de produto non é saudable e o seu consumo excesivo pode ter unhas consecuencias moi dramáticas no medio e longo prazo en termos de obesidade infantil”. Como sabemos, esta ten unha correlación moi importante coa obesidade en idade adulta e, á súa vez, empeora os prognósticos de moitas enfermidades. Recentes experiencias piloto nalgúns lugares do mundo –poderiamos poñer o exemplo de Cataluña, como modesta proba piloto– funcionaron, as enquisas que se fan despois revelan que a xente entende a mensaxe e trata de cambiar os seus hábitos. Evidentemente, isto por si só non resolve todo. Hai que combinalo, pero tiñamos a oportunidade de incorporalo de forma inmediata nos orzamentos. Imos estar moi atentos á evolución, facer enquisas posteriormente para ver se funciona, para comprobar ata que punto foi útil e como se pode reforzar.

Por que só se decidiu aumentar o gravame dos refrescos e non o doutros produtos ultraprocesados, tamén ricos en azucres? É unha especie de proba piloto. Probamos cunha serie de produtos, os máis agresivos en termos de saúde, para ver como funciona. Despois, faremos un seguimento, unha política de control. Se vemos que funciona, teremos que expandilo. Estamos falando dunha preocupación que, aínda que creceu moito nos últimos anos, é relativamente nova. É dicir, hai 30 anos ninguén se preocupaba polo consumo saudable e, por iso, as políticas públicas tamén son novas. Temos que ver como facemos políticas públicas exitosas. Non buscamos titulares. De feito, non se trata dun asunto extraordinariamente atractivo. Simplemente cremos que é útil para o propósito de reducir a obesidade infantil. E forma parte dun pack.

Ademais de aumentar o imposto aos produtos menos saudables, abre a posibilidade de reducións fiscais ou axudas que incentiven o consumo de alimentos saudables? Non lle dicimos á xente o que ten que comer: pode comer o que queira. Pero hai que entender que o compoñente educativo é central e, polo tanto, tratamos de mostrar sinais que enviamos a través da regulación, como a fiscalidade; ou ensinar con campañas de información, un etiquetado máis útil, máis transparente. Desde logo, en casos extraordinariamente necesarios si que imos á regulación directa. É o caso da publicidade infantil, coa que entendemos que se excedeu a capacidade de ofrecerlle calquera produto a calquera persoa, porque falamos de sectores especialmente vulnerables como os menores.

Que formas manexan para incentivar un consumo saudable? Varias. Por exemplo, a maioría dos produtos saudables teñen o IVE máis reducido posible. Falamos de produtos que forman parte dunha dieta saudable e que se foron perdendo. No noso país somos afortunados por ter unha dieta mediterránea, pero dáse o paradoxo de que se perde como hábito de consumo, e especialmente nas familias máis pobres, por múltiples razóns, sobre todo, socioeconómicas: hai menos tempo, visítanse máis restaurantes de comida rápida que teñen efectos máis prexudiciais… Todo iso hai que abordalo de xeito conxunto, pero non é sinxelo. Sobre todo, porque cando chegamos ao Ministerio démonos conta de que había unha tendencia a combater iso, pero dispersa e pouco contundente. O feito de que teñamos un Ministerio de Consumo xa é en si mesmo unha mensaxe. E creo que pode axudar nesta dirección.

A folla de ruta de Nutri-Score

Xa case está aquí. O obxectivo do Ministerio de Consumo é regular, despois do verán, a implantación voluntaria do etiquetado frontal Nutri-Score para que as empresas o utilicen de forma correcta. Voluntario, si, porque as competencias para facelo obrigatorio son da Comisión Europea. Nutri-score traerá consigo, ademais, unha gran campaña de accións formativas para explicarlles aos consumidores para que serve e como se utiliza esta ferramenta. Pero, por que se elixiu este sistema e non outro? Desde o ministerio recoñecen que este etiquetado non é perfecto, pero conta cun gran respaldo dentro da comunidade científica. Ademais, ao estar xa implantado nalgúns países da nosa contorna, como Francia, Alemaña e Bélxica, axudaralles ás empresas españolas a competir en igualdade de condicións neses mercados. Despois da súa regulación, chegará a vez da publicidade. Segundo fontes do ministerio, este etiquetado vai proporcionar perfís nutricionais que servirán de base para abordar a finais de ano a regulación da publicidade dos produtos insáns, con especial atención a aquela dirixida aos menores.

Por que España, que sempre presumiu da dieta mediterránea, ten un dos peores datos de obesidade infantil de Europa?

Existe numerosa bibliografía que trata de dar resposta a por que se abandonou a dieta mediterránea, de xeito moi rápido, nas últimas décadas. Algunhas claves son coincidentes nos distintos estudos: a expansión das grandes superficies nas que a maior parte dos produtos son procesados e ultraprocesados en detrimento da compra en comercios de proximidade, o cambio nos hábitos de consumo e lecer, primando a compra rápida e de longa duración debido ás xornadas de traballo intensas, o papel da publicidade sinalando a alimentación procesada como “fácil, moderna, accesible e sa”… Hai moitos factores. Estamos traballando para ter unha boa análise dos elementos e poder deseñar políticas adecuadas e eficaces.

A estratexia NAOS para a prevención da obesidade existe desde hai 15 anos, pero non parece moi eficaz: España é un dos países con maiores taxas de obesidade de Europa. Á luz dos datos, é razoable seguir apostando por ela? A estratexia NAOS ten moitísimos elementos positivos e permitiu dar un salto cara a adiante moi importante nun país que non tiña nada, pero é certo que hai elementos cruciais, como a publicidade infantil no código PAOS, que fallan de xeito estrepitoso: dependen da boa vontade dunha industria cuxo criterio reitor, por definición, é maximizar beneficios. Aí hai un confito entre os efectos da saúde dos menores e as estratexias de márketing que se utilizan para conseguir eses beneficios.

Que se pode facer? Como pai de dúas nenas, unha de dous anos e pico e outra dun ano, son consciente de que a maior xa empeza a absorber unha publicidade infantil dirixida, de xeito moi agresivo en moitos casos, para que faga uso dun tipo de produto que sabemos non é saudable. Iso non se pode permitir. Desde o punto de vista da saúde, non podemos ir a un código tan suave. Estamos en conversacións para reformalo, pero o obxectivo é evitar ese tipo de publicidade. Non podemos permitilo, hai espazos cos que non se pode transixir, porque teñen que ver co máis fundamental, que é a saúde. Especialmente, a dos máis pequenos.

Ademais da publicidade, prevén controlar dalgún modo as estratexias de márketing, como promocións de 2×1, descontos, formatos XXL ou a localización destes produtos nos supermercados? Queremos abordalo todo. Pero cando chegamos e nos demos conta do que había que facer, vímonos algo desbordados. Cada un destes cambios implica negociacións, e moitas veces non dispós dese tempo. A clave está en entender que os menores son un colectivo vulnerable, máis sensible á publicidade. Cando a miña filla ve os seus debuxos animados preferidos nun determinado produto, tende a collelo. Non falamos dunha persoa de 30, 40 ou 50 anos á que non imos dicirlle o que ten que comer, si dun colectivo especialmente vulnerable que hai que protexer: os menores. E aí as regras teñen que ser enormemente estritas. Non o están sendo na actualidade, porque dependen da boa vontade. E a boa vontade da industria está ben, pero se se demostra que non funciona, hai que establecer regras.

Que é a axenda do consumidor 

A aplicación e presentación completa da Axenda do Consumidor aprobada pola Comisión Europea é un dos obxectivos deste ano no Ministerio de Consumo. Retomouse onde a pandemia a interrompeu, para mellorar a protección dos consumidores no comercio dixital, impulsar un consumo ecolóxico e sostible con produtos máis duradeiros e circulares e velar polos colectivos máis vulnerables, como os menores. Este último punto aprobouse en xaneiro nun Real decreto-lei que lle pide ás empresas responsabilidade á hora de dirixirse a este colectivo (menores, persoas de avanzada idade, con discapacidade funcional, intelectual, cognitiva ou sensorial, con baixo nivel de dixitalización), trasladándolles información máis clara e transparente en campañas publicitarias ou no etiquetado e facilitándolles a xestión de reclamacións. A Axenda do Consumidor naceu, principalmente, co obxectivo de protexer aos consumidores neste momento especial da pandemia. Estudará os efectos da covid-19 nos patróns de consumo para impulsar novas políticas que protexan ao consumidor dentro e fóra das súas fronteiras, online e offline.

¿Se han planteado impulsar la educación nutricional en las escuelas?

Pensouse impulsar a educación nutricional nas escolas? Por suposto. Nalgunhas comunidades autónomas esta educación nutricional xa vén recollida nos pregos de contratación dos comedores escolares. Con todo, hai unha ampla marxe de mellora. Temos que avanzar cara a plans máis integrais que inclúan, como sinalas, ás familias, e mellorando o coñecemento tanto nutricional para dar as claves de como manter unha dieta sa, sostible, accesible e que non quite tempo. Estas claves son cruciais para introducir cambios nos hábitos que sexan realistas coa sociedade actual.

A implantación do etiquetado Nutri-Score terá lugar este ano? O etiquetado Nutri-Score vaise a regular despois do verán e será voluntario. E, ademais, forma parte do acordo de Goberno. Cremos que 2021 é o mellor momento. Somos conscientes de que Nutri-Score é un instrumento que axuda, pero non é perfecto. Ten algúns déficits importantes. Á fin e ao cabo, trátase dun algoritmo, un indicador sintético que trata de resumir nunha soa imaxe moita información, e iso ten lagoas. Probablemente, é o mellor dos que podamos poñer en marcha dentro da regulación actual europea, pero ten carencias. Traballamos para corrixilas.

Que se quere corrixir? Por exemplo, o caso de monoingredientes como o aceite de oliva. O algoritmo penalízaos, e non é xusto, porque non é certo, desde o punto de vista científico, considerar o aceite prexudicial para a saúde. Se os monoingredientes non están ben valorados, non queremos incluílos. Non queremos trasladar ningunha mensaxe que non sexa científica e, polo tanto, a protección do aceite de oliva está garantida.

Que supón este sistema? Vai axudar a que as empresas se adapten ao algoritmo e modifiquen os seus propios compoñentes, para que iso non só sexa unha dinámica de boa vontade ou de adaptación aos desexos dos consumidores que, como digo, están sendo cada vez máis esixentes. Nutri-Score é tamén unha invitación a que as empresas fagan os cambios oportunos para todo tipo de produtos, co fin de chegar a ter un abanico moito máis saudable. E ao feito fundamental de que quen vai consumir saiba o que está comprando, que non se deixe guiar –ou polo menos sexa moito máis difícil–, por ese tipo de informacións erróneas que moitas veces se trasladan desde algunhas empresas.

Nutri-Score levanta moita polémica. Teñen en conta o que se fai noutros países da nosa contorna? Participamos recentemente nun encontro internacional con bastantes países que xa o teñen implantado. No Comité Reitor de Nutri-Score na UE están Francia, Alemaña… e España. Aínda que non o temos implantado aínda, estamos xa dentro. Temos claro que vai saír cara a adiante. Nutri-Score é o mellor dos sistemas que podemos poñer en marcha dentro da UE. Fóra existen outros etiquetados. Ata algúns que recomenda a OMS, como o de Chile, un modelo distinto porque implica obrigatoriedade. Pero a normativa europea, de momento, non o permite entre os países membros. No Comité Reitor do Nutri-Score, onde nos incorporamos progresivamente, imos intentar avanzar e cambiar para que a industria acompañe necesariamente os gobernos e se teña que ir adaptando ás normas para que, máis cedo que tarde, pasemos a algo mellor que o Nutri-Score. Pero, de momento, Nutri-Score vai supoñer un salto cualitativo, porque hoxe en día non existe nada.

Non cre que Nutri-Score podería crear unha fenda entre as propias empresas fabricantes? As que teñen máis recursos para investir nunha reformulación dos seus produtos fronte a outras que non os teñen. Non é un risco real. Os investimentos que fan falta para adaptar o teu produto a un consumo máis saudable non son relevantes. Hai que facer o que non se fixo antes porque non había conciencia. Non se trata dunha cuestión moral. Antes, sinxelamente, non había esa demanda por parte da poboación; non había un coñecemento científico, non se coñecían os impactos a medio e longo prazo de determinado tipo de produto. Todo iso está cambiando, e moitas empresas modificaron xa a maior parte dos ingredientes dos seus produtos estrela, adaptando ou rebaixando aqueles ingredientes prexudiciais.

Diría que todas son conscientes? Si, e os cambios teñen que seguir a normativa. Nós empuxámoslles a iso por un motivo de saúde pública, non por ningún capricho: cremos que se ten que facer de forma máis rápida. É dicir, non obrigamos a ningunha empresa a cambiar o seu ámbito de produción ; nin o que venden nin como o distribúen. O consumidor vai ter á súa disposición un indicador que lle dirá se un produto é mellor ou peor. E logo fará, naturalmente, o que lle pareza oportuno. As empresas van ter un incentivo para mellorar o seu produto, porque a ninguén lle gustan uns indicadores que o consumidor poida detectar como perigoso.

Falemos doutras políticas. Seguen outros exemplos, como o de Reino Unido, na súa regulación da publicidade?

Seguimos todas as experiencias internacionais. En España temos un Ministerio de Consumo por primeira vez, pero noutros países, especialmente nos anglosaxóns, é unha competencia moi desenvolvida e unha preocupación desde hai tempo. Hai liñas de traballo da Comisión Europea nas que xa imos atrasados e queremos aceleralas. Falamos, por exemplo, da nova Axenda do Consumidor, prevista para 2020-2025 e que fala de consumo ecolóxico, de dereitos dos consumidores, de etiquetado, de mellorar a información… Noutros países isto téñeno moito máis avanzado, e as súas industrias tamén están máis adiantadas. Hoxe, nos supermercados españois xa hai produtos que incorporaron o Nutri-Score como ferramenta de márketing, pero tamén porque nos seus países de orixe xa está implantado.

Hai fabricantes e distribuidores que queren influír positivamente na alimentación saudable da poboación, e especialmente dos nenos. Que camiño os animaría a seguir? Hai empresas moi concienciadas con esta tarefa. É o seu negocio, e coñecen moi ben as demandas cambiantes da poboación. Hai 30 anos non existía este tipo de esixencias. As empresas sábeno, fan estudos de mercado e coñecen perfectamente que a xente demanda produtos máis naturais, menos ultraprocesados. Máis produto próximo, máis conexión local. Todo iso sábeno e vano adaptando. A aquelas empresas sensibilizadas con este asunto, non só por razóns de negocio, senón porque comparten como valores e principios que vivimos unha crise ecolóxica, unha situación perigosa de obesidade infantil, invitámolas a que aceleren. As que vaian nesa dirección, van ter a través do etiquetado Nutri-Score unha especie de premio.

En que sentido? Refírome a que a xente vai preferir comprar os produtos menos nocivos. E, nese sentido, hai un aliñamento de intereses. Pode haber resistencias, pero virán daquelas empresas cuxa existencia depende en gran medida de produtos malos para a saúde. É dicir, deixaremos tempo á adaptación, pero como Goberno non podemos permitir que haxa un vector polo que os menores poñan a súa vida en risco.

Que obxectivos realistas, alcanzables, se trazaron para esta lexislatura? É difícil… A min, por deformación profesional, como economista, gústanme moito os números. E, ademais, creo que sen materia prima, sen datos, non se pode facer ben política pública. Pero tocounos unha pandemia que distorsionou toda a serie temporal. É dicir, había unha evolución moi lenta, pero positiva, nos indicadores. E, agora, de súpeto, a epidemia e a crise económica fan que todo iso se distorcese. Non sabemos en que punto estamos. Mentres non haxa información e datos novos –que non temos porque son indicadores complexos, requiren máis tempo–, é difícil marcar un obxectivo completo.

Pode un único Ministerio facer fronte a un problema como o da obesidade infantil? Un fenómeno como o da obesidade infantil require unha aproximación multidimensional. Desde o Ministerio de Consumo tratamos humildemente de ser a panca con máis forza, porque temos moita capacidade regulatoria. Pero falamos dun fenómeno con moitas arestas, que abarca desde a educación nas familias á capacidade e a forma de transmitir das empresas, dos medios de comunicación… Todos estamos integrados na cadea de mensaxes que, ao final, están detrás dos nosos patróns de consumo. Ata ten que ver co urbanismo: poden os menores nos seus barrios facer exercicio físico? Estamos construíndo cidades onde só hai casas de apostas? No Ministerio imos facer todo o posible, e creo que o estamos facendo ben. Pero somos conscientes de que se necesita o traballo de toda as administracións e da sociedade civil. Hai unha crecente conciencia sobre estes temas, na parte ecolóxica e na da saúde. Iso fai que o consumo responsable e o saudable sexan dous vectores. Pero hai moitas resistencias que teñen que ver con grandes poderes económicos que sacaron moito beneficio cun modelo de negocio que non queren cambiar. Imos facer que se poida cambiar.

Que queda por facer? Aínda temos moitos retos. As políticas que foron impulsando, aínda que conseguiron frear a subida vertixinosa dos índices de obesidade infantil, non conseguen reducilos. Fomentar a mellora dos hábitos nutricionais familiares, impulsar o exercicio físico, establecer medidas do control da publicidade moito máis rigorosas e redobrar esforzos desde as administracións públicas para incluír nos criterios de compra de alimentos a perspectiva ambiental, cultural e nutricionalmente adecuada son algunhas delas.