Un verán, con deberes?

Cun novo curso condicionado polo virus que rompeu o ritmo do anterior, familias, educadores e alumnado collen o verán como un escenario de transición. Agora ben, como deben ser estas vacacións?
1 Xullo de 2020
GettyImages 1128539031

Un verán, con deberes?

O coronavirus transformou as nosas vidas; tamén o ensino. Durante meses, o virtual impúxose e abriu novas realidades: pantallas de ordenadores, teléfonos e tabletas substituíron a aulas e encerados; profesores de escola ordinaria convertéronse en docentes en liña; familias que intentan manter o seu día a día laboral, de súpeto actúan tamén como mestres dos seus fillos, e estudantes que ata botaron de menos ir á clase. Tras un fi nal de curso precipitado, os meses de verán serven para preparar a volta ao cole tras a covid-19. Agora ben, como volver á normalidade coa maior seguridade e evitar ansiedade no alumnado? 

No verán, hai que seguir estudando? 

As vacacións estivais son (adoitan ser) sinónimo de desconexión e goce dos pequenos praceres; pero tamén de cadernos escolares de vacacións ou dalgún que outro traballo para reforzar o que o estudantado aprendeu durante o curso. Tendo en conta o dura que foi esta pandemia para os máis pequenos, algúns docentes cren que gañaron un merecido descanso. Como Cristian Olivé, candidato ao Premio Educa Abanca ao Mellor Profesor de España e membro do máster universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria e Bacharelato na Universidade Pompeu Fabra, para quen ter en conta a opinión dos fillos é esencial: “Quizá se debería cuestionar na casa o debate de se lles apetece realizar tarefas académicas durante o verán ou se se inclinan máis por actividades de lecer. Ao final, o alumnado ten dereito a decidir que tipo de verán gozar. Estou convencido de que moitos quererán repasar contidos, pero outros desexarán desafogarse e botar a correr coma nunca”. 

Pola súa banda, a pedagoga Yolanda Domínguez Frejo sostén que este ano tan especial é conveniente algún tipo de reforzo. Iso si, os deberes estivais deben ser personalizados. Aínda que os profesores non estiveron con eles desde marzo, coñecen ben o seu alumnado polo seu traballo anterior cos mozos. Estiveron xuntos desde setembro ata marzo, compartiron clases, titorías e ata actividades extraescolares. Por iso, están capacitados para saber que demanda cada un deles, cales son os seus puntos fortes e os seus puntos débiles, que tarefas poden facer para saír reforzados. “Que cada neno teña as tarefas que necesita para reforzar aqueles contidos fundamentais para o curso que vén”.

Non se lles poden mandar as mesmas tarefas a todos, porque para uns resultará facilísimo facelas, mentres que para outros se converterá nun esforzo aínda maior que durante o curso, ao non ter apoio dos profesores e quizais tampouco dos seus maiores, ou dun profesor particular. E, por suposto, queda descartado aprender novos contidos: é suficiente con centrarse en obxectivos mínimos fundamentais para poder seguir o curso seguinte con éxito. 

Agora ben, se se opta por un verán con deberes, as familias deben entender que os nenos teñen que descansar un tempo –mínimo, un mes ou mes e medio– sen facer nada relacionado co estudo. “A mente necesita desconectar e ter horarios máis flexibles que durante a rutina dos demais meses do ano”, explica a pedagoga. “O resto do tempo, si que lles vén moi ben recuperar certos hábitos de traballo que, segundo a idade, poderían ocupar de media hora a unha hora e media diaria”, conclúe Domínguez Frejo.

Xogar mentres aprenden

Aprender é unha aventura que vai máis aló de abrir un libro, tomar apuntes nunha aula ou presentarse a un exame de avaliación. Por iso, a propia Unesco (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) anima a familias e profesorado a “ir máis aló do ensino e a aprendizaxe formal e considerar tamén a educación informal”. Débese motivar o máis posible ao estudantado para que xogue e participe en actividades de aprendizaxe entretidas que lles permitan levantar o ánimo en tempos de crises e aumentar a súa motivación por aprender. E máis se estamos de vacacións. 

É certo que os cadernos de verán resumen os contidos principais de cada materia e intentan facelo dun xeito máis lixeiro que os libros de texto habituais; con todo, moito alumnado adoita considerar que son “máis do mesmo”. “As tarefas estivais terían que ser moitísimo máis lúdicas. Contamos con internet –unha valiosa ferramenta para os educadores– onde hai miles de páxinas que resultan moito máis atractivas que as fi chas ou o caderno que toque”, aconsella a pedagoga. “Trátase de que os deberes estivais sexan motivadores, porque lle des dámos o mesmo ca no inverno, non conseguiremos nada, só potenciaremos a súa frustración”. Toda actividade que aos nenos e nenas lles pareza útil e teña que ver co seu mundo será un recurso moi apropiado: materiais en liña que lles permitan interactuar, redactar un caderno de bitácora do verán, escribir as súas propias historias, así como outras experiencias que no inverno, por falta de tempo, non se poden levar a cabo. Cristian Olivé engade outras vivencias, como establecer o diálogo interxeneracional, ler e escribir as súas propias refl exións ou debater temas de actualidade cos adultos. 

Despois do longo encerro desta primavera na casa, as actividades deberían ter lugar ao aire libre: no monte, na rúa, na praia… ou nun parque. E sempre en compañía de máis nenos porque, como apunta Yolanda Domínguez, “relacionándose con outros é como máis e mellor aprenden, aínda que sexa gardando distancias e con máscaras”. E se este ano renunciamos a un campamento de verán (algúns hai, suxeitos á nova normativa de seguridade e hixiene), a mellor solución é establecer redes de adultos –outros familiares ou pais de amigos, se os propios están traballando– para permitirlles saír o maior tempo posible da casa. 

Por un novo curso sen traumas

Igual que o teletraballo dos maiores se revelou como ferramenta eficaz nesta etapa, parece claro que no próximo curso a educación en liña vai convivir en maior ou menor medida coa presencial, segundo os expertos. “Durante as semanas de confinamento, alumnado e profesorado tiveron que desenvolverse como nunca dentro dunha contorna dixital, así que deberiamos aproveitar todo o que aprenderon e potencialo a partir de agora”, apunta Cristian Olivé. Pero a próxima volta ao cole non estará só marcada polos contidos que os estudantes deban aprender, polo xeito de impartilos ou polas normas sanitarias que determinan a nova normalidade nos centros educativos. Tamén será preciso que profesorado e familia reforcen a parte emocional do alumnado, tal como afi rma Cristian Olivé: “Non deberiamos lanzar a teoría como unha metralleta para intentar recuperar o perdido, senón ver durante o próximo curso o que gañamos e fortalecelo. Será necesario moito traballo en equipo entre alumnado e moita atención individualizada. A escola é un espazo de encontro e debate, de autocoñecemento e reflexión. Se cremos que a educación supón só transmitir coñecementos, temos os días contados”. 

O confinamento da primavera foi duro; nenos e adolescentes sufriron unha carga emocional forte e cada un soportouna como puido, dependendo en especial da súa situación familiar. “Non podemos aparentar que non pasou nada, hai que traballar eses sentimentos durante o curso”, recomenda Yolanda Domínguez. Como? Potenciando as titorías, non só en grupo, senón tamén a título persoal. Porque os menores teñen que falar da covid-19, de como a viviron eles, expresar como cada un queira (e poida) as súas vivencias. E para alcanzar ese obxectivo é preciso que existan espazos na propia escola nos que poidan contar as súas preocupacións emocionais e sociais, non só as educativas.

Como evitar que abusen das pantallas

Segundo o Índice da Economía e a Sociedade Dixitais (DESI) elaborado pola Comisión Europea, en 2019 preto da metade da poboación española seguía carecendo das competencias dixitais básicas e só un 32 % contaba con elas por encima dese nivel. Durante o confinamento, a inmersión total na educación en liña obrigou a familias, profesorado e alumado a dar o salto dixital. As estatísticas o evidénciano: nestes meses, o acceso a Internet creceu o 71 % durante as horas de máxima conexión, mentres que as ferramentas de videoconferencia experimentaron unha subida do 250 %. 

Logo de meses nos que Internet e as redes sociais foron para os estudantes valiosas ferramentas de aprendizaxe, resulta complicado reducir o seu uso no verán. “Aínda que protesten, deberiamos tratar este asunto como antes do confinamento, porque é fácil abusar das tecnoloxías, así que convén que as familias marquen pautas: se antes do encerro tiñan unha hora para andar en internet e cos seus xogos, pois está ben mantela”, recomenda a pedagoga Yolanda Domínguez Frejo. Agora ben, non se pode pasar do todo á nada, hai que flexibilizar e compensalos doutros xeitos, por exemplo, ofrecéndolles máis tempo para saír cos seus amigos. Para garantir un uso responsable, máis aló do ámbito educativo, as familias poden contar con iniciativas como Proyecto Conectados, que ofrece claves para educar a nenos e adolescentes no bo emprego das tecnoloxías da información e comunicación (proyectoconectados.es): 

  1. Dialoga cos teus fillos, favorece a comunicación positiva e a escoita activa. 
  2. Establece normas claras para regular o uso de Internet, videoxogos e dispositivos. 
  3. Comparte con eles o uso da tecnoloxía, especialmente cando navegan en internet: axúdalles a recoñecer webs fiables, ensínalles a identifi car o porqué do que buscan ou elixen consumir. Recórdalles que nunca deben proporcionar datos persoais na rede. 
  4. Elixe ben os videoxogos aos que van acceder: infórmate sobre as normas PEGI (idade e contidos) e supervisa os xogos que se intercambian con amigos. 
  5. Fala con eles sobre o uso útil dun móbil: chamadas necesarias, mensaxes importantes, respecto polo tempo propio e polo tempo dos demais. Axúdalles a facerse responsables do seu consumo, que sempre debe ser limitado, progresivo e acorde á súa idade en tempo e contidos. 
  6. Cando son pequenos, recorre a programas de control parental en ordenador, tabletas, móbiles ou videoconsolas para evitar que atopen contidos inadecuados á súa idade. 
  7. Mantente ao corrente dos avances da tecnoloxía e da sociedade conectada, para que a chamada ‘fenda dixital’ non supoña un obstáculo no teu labor de educar os teus fillos.

César Bona: “Hai que humanizar a educación e facela igualitaria”

Candidato español ao Global Teacher Prize

Saíu á palestra cando o seu xeito de dar clase lle supuxo, en 2014, unha candidatura ao Global Teacher Prize, o premio Nobel dos mestres. Desde entón, César Bona, profesor de primaria, converteuse nun referente da educación en España. Licenciado en Filoloxía Inglesa e diplomado en Maxisterio de Lingua Estranxeira pola Universidade de Zaragoza, Bona fala connosco sobre o futuro da educación tras estes meses de confinamento. 

A educación non presencial pode ser unha realidade a partir de setembro? Estamos preparados? 

Acumúlansenos todas as incógnitas e, á vez, todas as respostas. Cada un viviu na súa circunstancia, e baseándose nela ten unha opinión. Pero máis aló de dar unha opinión, é necesario que as cousas se asenten e que funcionen. Sobre todo, é delicado porque estamos falando de menores. Un adulto pode entender a súa responsabilidade e as regras que debe seguir e non pode saltar. Os nenos e as nenas son pura curiosidade, están en permanente movemento. A ver como se pode realizar. Antes de lanzar unha opinión, o necesario é acertar no sistema. Se esta enfermidade nos cambiou a todos, oxalá cambie a educación, que é fundamental. 

Cre entón que a covid-19 representa realmente unha oportunidade para cambiar o sistema?

Cando se fala de educación, as palabras que máis se escoitan son “avaliar” e “examinar”. O que hai que valorar agora mesmo é o sistema, porque nos facemos moitísimas preguntas e non se trata de buscar diferentes respostas, senón de cambiar a refl exión. O sistema educativo actual funciona? Ten éxito? Hai miles de docentes desexando formarse e intentando darlle o mellor de si a nenos e nenas e tamén, miles de familias desexando unha educación mellor. Pero mantemos un sistema inmobilista no que a realidade debe adaptarse ao currículo e non ao revés. Edúcase na vida, non xa para a vida. A escola non é unha burbulla, e hai ferramentas fundamentais para levar a educación a distancia, pero tamén estamos detectando moitas carencias. A pregunta que debemos formularnos é: para que serve a educación?

Para que debe preparar aos nenos o sistema educativo?

Todas as decisións que se toman son desde o punto de vista adulto-céntrico: pensamos nos nenos, pero non pensamos coma nenos. É hora de poñerse no seu lugar. Se pensamos en antes da pandemia e as súas consecuencias, dámonos conta de que a resiliencia, a xestión das emocións, dos medos, da ira e da frustración son claves. Iso hai que educalo e forma parte do ser humano. Non podemos fundamentar a educación só nos contidos, que parece que é o único que importa estes días. 

Que é necesario para mellorar a educación? 

Non é fácil explicar a resiliencia, como tampouco é fácil explicar a empatía, o respecto cara a un mesmo, cara aos demais, as diversas culturas, o respecto ao medio… Tampouco é sinxelo educar no compromiso social, pero son asuntos absolutamente fundamentais. Estas son as ferramentas dos contidos transversais, pero son tan importantes que hai que tratalas en todas as materias. As materias teñen tanto contido que moitas veces, o que é fundamental non se trata por falta de tempo. É tamén clave que o alumnado entenda que as diferenzas son un agasallo, non un inconveniente. Ao noso ao redor queremos xente que se implique, que dea un paso máis aló, que se comprometa a facer novas cousas. Iso tamén se educa.

César Bona: “Hai que humanizar a educación e facela igualitaria” (Segunda parte)

Que é o que fai o sistema educativo actual? 

O de sempre. Someter a unha presión extraordinaria a nenos e a docentes. Hai tanto contido que impartir para que os mozos cheguen formados a Bacharelato que xa non se poden ter en consideración outras necesidades, e iso é absurdo. O máis importante nestes tempos é a saúde. E canto tempo se lles dedica nas escolas? Moitas cousas que se dan por feitas non se fan. Interpretar a hipoteca ou o recibo da luz, controlar e facer contas para chegar ben a fi n de mes… Iso debería estar na escola, máis aló da cerrazón do currículo. 

Como foi a educación durante o confinamento?

Hai moi bos mestres. Estivemos confinados, pero vivindo experiencias incribles. As familias tamén fixeron que isto se mova. Aos docentes ás familias só se lles pode esixir o que poidan dar. A presenza, o xeito de estar na clase e a convivencia son claves. Pero se non hai tempo para explicar todos os contidos, como o podemos solucionar? 

É a educación o verdadeiro ascensor social? 

Hai unha escola que pensa que é o reflexo da sociedade. E temos que mellorar a sociedade. Nesta situación extraordinaria, debateuse se debían pasar ou non todos os nenos de curso. Moitos pensan que a escola si debería ser o mellor ascensor social. Sería xusto que pasasen de curso os que ían ben, pero para os que levan unha gran mochila ás costas é máis complicado. Hai que parar e reforzar. A noite que xurdiu ese debate eu non puiden durmir, porque me viña continuamente a palabra ‘xustiza’ á mente, con distintas preguntas. 

O sistema de educación pode atender as distintas necesidades dos alumnos? 

A educación supón dar a formación necesaria para que sigan relacionándose ben consigo mesmos, coas persoas que os rodean e co mundo no que viven. E se non, para que estamos educando? Porque representa un malgaste de enerxía brutal. O inxusto sería que, se cando isto pase non cambiásemos, non serviría de nada. A vida estanos dando unha oportunidade. Temos que dar unha educación mellor e máis igualitaria.

Que opina do método seguido durante o estado de alarma, no que os pais tiveron que asumir un papel máis activo na educación dos seus fillos? 

Hai moitas familias que non teñen recursos, e a educación non para: leva por diante a quen non se agarre. Houbo moitos mozos aos que non lles chegaban as tarefas ou as súas familias non podían solucionarllas. Isto é un gran problema. Non temos un proxecto referente. Coñecín escolas en crises, porque o seu alumnado non ía demasiado ben e estaban a piques de pechar, pero deron un xiro drástico e invitouse a participar máis ás familias e aos seus fillos cunha visión máis humana. Conseguiron a transformación. Non é cuestión de incluír máis contidos, senón de humanizar a educación. 

Sempre se nos fala de Finlandia ou dos países do norte como referentes, onde o fracaso ou o absentismo escolar son menores que os nosos. 

Son contextos diferentes. Seguro que se pode aprender algo de Finlandia e dalgunha escola de Arxentina… Seguimos falando de exemplos, pero non os aplicamos. No noso país, un de cada catro alumnos non termina os seus estudos. E non é culpa da educación secundaria, senón de todo o sistema. Obviamente, algo falla. Sería necesario facer analoxías entre a idade adulta, a nenez e a adolescencia. Na escola, cada 45 minutos, durante oito horas, imos cambiando de materia, e a anterior non ten nada que ver coa seguinte. Para iso fai falta unha mentalización importante. Isto fixémolo sempre. E se non hai relación entre os diversos contidos en arte, literatura ou matemáticas, para que serven estas materias? Só son unha enumeración de datos para avaliar, e é o sistema o que necesita unha reavaliación.

César Bona: “Hai que humanizar a educación e facela igualitaria” (Terceira parte)

Que falla, en xeral? 

Desapareceu o estudo da Filosofía, de fomentar o estudo crítico. E teñen pouco peso a arte, o estudo da música ou o da saúde, incluída a emocional. Se se dedican só 30 segundos á educación nos debates políticos… non poderemos avanzar. É un investimento a longo prazo. Pero o futuro en educación empeza hoxe. 

Por que non houbo un modelo educativo en España, un gran pacto nacional sobre educación? 

Teño un pensamento moi básico. Sempre frea o mesmo tema: se entra ou non no plan de estudos Relixión. Parece a única materia de interese no mundo. Ou se nos conveñen os colexios concertados ou os públicos. Aí se acaba o debate. Chocan politicamente, e non se poñen a reflexionar máis. A clase política ten que escoitar a docentes, familias e nenos. O punto de vista adultocéntrico ten que acabar. Necesitamos escolas que recorden que somos seres sociais e que hai que educar no diálogo, na convivencia e na participación. O que temo, cando todo acabe, é que as administracións se agarren á inercia e volvamos ao de sempre. Se unha palabra está asociada coa esperanza, esa é a educación. 

Para que enviamos aos nosos fillos á escola? 

Para que aprendan a convivir, a relacionarse, para que se convertan en seres íntegros e que sexan felices. Hai que loitar por estes obxectivos. Os contidos son moi importantes, pero hai que dar tempo para que os mozos se coñezan entre eles e que o profesorado os coñezamos tamén. As materias teñen que estar relacionados entre si e coa vida dos nenos e nenas. 

Cal debe ser o papel das familias na educación? 

Existe unha gran preocupación pola saúde, polo económico e social, e tamén se debería ter pola educación. Hai unha grande incerteza. É importante que os nenos saiban, e que as familias o comuniquen, que cando isto acabe, os profesores imos estar aí. A conciliación entre o traballo e a escola converteuse en peza clave. Para tomar decisións sobre a infancia, antes tes que recuperar ao neno que fuches; se non, deixas matices moi importantes polo camiño. É un exercicio de empatía global. Non imaxino unha escola na que os nenos saian sen ser capaces de dialogar, convivir ou sen ter respecto polo medio ou polas persoas que os rodean.

A escola do futuro

No seu libro Las escuelas que cambian el mundo, César Bona recolle sete institucións españolas que poden ser un modelo para poñer en marcha o cambio na educación. “Se puidésemos mesturar, coma nun cóctel, todo o que fan nestas escolas, o primeiro que incluiriamos é o sentido común, logo a escoita aos nenos e ás nenas, a invitación a participar no centro e na sociedade. Non teñen en conta só os bos resultados académicos, senón os persoais”, explica Bona. Nestes centros, os menores teñen voz, escóitaselles e invítaselles a participar no centro e na sociedade. “Paréceme absolutamente admirable, o facelos conscientes de que somos seres sociais e que cada paso que dás inflúe en todo o que tes ao redor. Séntense escoitados, valorados e ven que son útiles, que cando se implican e a xente responde, todo flúe”, afirma. Nesta evolución do sistema educativo os profesores teñen un papel moi importante. Como engade Bona, actualmente hai miles de profesionais que se forman continuamente no estranxeiro, sobre todo na xestión das emocións. “O importante é que toda esa aprendizaxe é que llo transmitan ao alumnado”, engade.