Tocar un instrumento, unha sinfonía de beneficios

A práctica habitual desenvolve a memoria, a creatividade e as habilidades da linguaxe, pero é imprescindible a motivación do intérprete
1 Setembro de 2010
Img salud

Tocar un instrumento, unha sinfonía de beneficios

O sobrecargado calendario de actividades extraescolares de nenos e nenas lidérano a práctica deportiva, o coñecemento de idiomas e a familiarización coa informática. A unha considerable distancia soa a música. Así o confirman os últimos datos do Instituto Nacional de Calidade e Avaliación (INCE), que sitúa a aprendizaxe de partituras, pentagramas e escalas, co Do-Re-Mi-Fa-Sol-La-Si-Do á cabeza, como o cuarto ensino máis demandado entre os alumnos de Primaria e Secundaria. Malia a que os beneficios que proporciona tocar un instrumento debería ser música celestial para os oídos dos pais, séguese preferindo oír, escoitar no mellor dos casos, que interpretar unha melodía. E iso que a práctica habitual desenvolve a creatividade, mellora a memoria e as habilidades lectoras, entre outros moitos efectos positivos. Pero para iso a música debe representar pasalo ben, xogo, divertimento, non sufrimento. Os expertos en saúde de CONSUMER EROSKI lembran que é elemental que os nenos se divirtan mentres aprenden a tocar o seu instrumento e que non o deben considerar unha obriga ou unha imposición paternal.

O fútbol, o baloncesto, a natación… o exercicio físico reina nas actividades extraescolares. A formación musical, curiosamente, foi ata hai non moito a nota discordante. Xunto coa pintura, o teatro ou o ballet, é unha alternativa aparentemente minoritaria, malia a súa boa, e merecida, sona. Son innumerables os estudos, investigacións e teses os que certifican que a aprendizaxe musical potencia unha longa lista de capacidades entre os estudantes. A práctica habitual cun instrumento mellora a destreza manual e a visual. A memoria, a creatividade e as habilidades da linguaxe tamén se reforzan. Por iso mesmo, cada vez máis especialistas recomendan unha formación musical para mellorar as habilidades lectoras e de escritura, sobre todo, en nenos con dislexia. A intelixencia espacial, que é a capacidade para percibir de maneira detallada o mundo e formar imaxes mentais dos obxectos, desenvólvese de forma significativa en quen toca un instrumento musical. É un aspecto fundamental na vida cotiá. Por exemplo, a intelixencia espacial é útil para orientarse, para solucionar problemas matemáticos complexos e ata para xestos aparentemente sinxelos como envolver o xantar diario. E o mellor é que os efectos positivos da música saen pronto a escena. Os expertos estiman que a partir dos catro meses de ensino os cambios comezan a detectarse nos estudantes.

Amais dos beneficios fisiolóxicos, a práctica de tocar un instrumento deixa tamén a súa pegada no carácter de nenos e nenas e na súa relación cos demais. En xeral, son persoas metódicas e disciplinadas que coidan os detalles, tenden a planificar ben as tarefas e destacan pola súa capacidade de atención. Todos estes son aspectos moi valorados en calquera estudante. A miúdo, quen toca un instrumento debe facelo diante de profesores, examinadores ou de público. Isto ensina aos mozos a vencer o medo e a timidez e achega seguridade e autoconfianza.

Coa música a outra parte

Agora ben, todos os beneficios que achega a práctica habitual cun instrumento poden ir ao garete por dous motivos recorrentes. O primeiro, que o estudo e a aprendizaxe musical cheguen por imperativo paternal e sen que acaben de convencer ao principal interesado: o neno. Grande erro. Se é así, é probable que a práctica co instrumento se converta nunha condena e deixe de atraer o interese e a atención dos pequenos. É fundamental que os nenos aprendan e practiquen co instrumento, pero sen esquecer a súa faceta lúdica. De non ser así, córrese o perigo de que pensen que a música é unha tarefa obrigatoria, de que non gocen con ela e que os seus efectos positivos se dilúan.

A aprendizaxe musical é, ao igual ca o resto de actividades extraescolares que complementan a formación dos nenos, beneficiosa para os estudantes sempre e cando non se caia no erro de sobrecargalos. Pola mañá van ao cole, pola tarde, adestramento de fútbol, piscina, clases de inglés, de guitarra, baile… Mais, é bo que teñan unha axenda tan apertada? O horario libre dos estudantes hai que organizalo con sensatez e prudencia e dun xeito estruturado e supervisado. A música, a práctica de deportes, de idiomas ou de calquera outra actividade fóra do horario lectivo permítelles desenvolver habilidades sociais e cognitivas difíciles de adquirir na aula. Pero é tamén prioritario cederlles espazo para xogar, para estar coa familia ou simplemente para non facer outra cousa máis que descansar.

Elección do instrumento, unha decisión do intérprete

Unhas maracas e un tambor. Estes adoitan ser os primeiros instrumentos musicais cos que os máis pequenos dan os seus primeiros pasos na aprendizaxe da música. Nese momento, a melodía e o ruído son o mesmo: un simple efecto sonoro. Neste período, os instrumentos de percusión (tambor, pandeiro, xilófono, pandeireta, barras musicais…) son os seus favoritos, e calquera obxecto pode servir como sucedáneo. Despois, se o neno continúa a súa aprendizaxe musical, o tambor cámbiase polas corcheas e os pentagramas. É a etapa na que estudan linguaxe musical ou solfexo. Pero chega un momento en que o pequeno, se segue a amosar interese pola música, quere ir máis alá. Entre os 5 e os 8 anos, a aprendizaxe sofistícase e comeza a facerse acompañada cun instrumento “de verdade”. A esta idade, o piano, a frauta e a guitarra continúan a ocupar as primeiras posicións na listaxe particular de nenos e nenas, aínda que sempre hai quen se decanta polo violín, a trompeta ou calquera outro instrumento de orquestra.

Non é recomendable que os gustos e as preferencias paternais se impoñan na elección dun instrumento ou doutro. É o propio intérprete quen debe escoller que é o que quere aprender a tocar. Non está de máis que os pais ou o profesorado asesoren e guíen a decisión. Non obstante, os expertos en pedagoxía musical advirten de que a primeira relación do alumno co instrumento debe vir motivada. Se non se recorre ao mercado de segunda man, a compra dun instrumento musical supón en ocasións un desembolso económico considerable. Para non laiarse de gastos innecesarios, antes de se botar a mercalo, é preferible asegurarse de que realmente o neno desexa aprender a tocalo e de que non se trata dun capricho pasaxeiro. Por iso, antes de compralo é conveniente agardar a que o neno amose un verdadeiro interese cara a un determinado instrumento.

Consellos para pais

A miúdo, as actividades extraescolares son a táboa de salvación para que pais e nais concilien traballo e familia. A música destaca entre todas polos efectos tan positivos que achega para os nenos, pero na súa maioría, todas as actividades fóra da aula son beneficiosas para o rendemento dos alumnos se se organizan con mesura e de acordo aos gustos e capacidades dos rapaces. Tanto se se elixe a música como calquera outra actividade, para contribuír á súa planificación, convén considerar algúns aspectos.

  • Nin unha soa, nin moitas: non se centrar de xeito exclusivo nun tipo de actividade. É preferible combinar algunha práctica deportiva con outra de ocio (música, pintura ou baile) e académica, como os idiomas, ou a informática.
  • Organización: hai que planificar o horario libre dos estudantes dun xeito estruturado, pero deixándolles sempre un oco para xogar, para estar coa familia ou para descansar. Así, evítanse situacións de cansazo, de falta de concentración ou de estrés que poden padecer os nenos cunha xornada demasiado apertada.
  • Música, si ou si?: non resulta aconsellable deixarse levar polas modas nin polas preferencias persoais dos pais. O neno é o primeiro ao que lle debe gustar e atraer a aprendizaxe musical. Se finalmente a música non resulta a elixida, non hai por que dramatizar.
  • Instrumento: A decisión sobre cal tocar é exclusiva do intérprete. Os pais e profesores poden asesorar e canalizar a elección, pero o neno debería ter a última palabra, sempre.
  • Profesor: Unha das opcións ás que se acode frecuentemente para aprender a tocar un instrumento é a de contratar un profesor particular. É esencial que teña experiencia previa con nenos pequenos, xa que a aprendizaxe é distinta á dos adultos. O ensino máis axeitado a estas idades é o que aproveita a imaxinación e a espontaneidade do menor, co obxectivo de que as clases se convertan nunha sesión de xogos con música e movemento, non nunha tarefa obrigatoria.