Sorrisos e bágoas: saudables por dentro e por fóra

Rir e chorar é san e beneficioso, contribúe a manter o equilibrio psicolóxico e un estado físico saudable
1 Xaneiro de 2012
Img salud 2 listado 197

Sorrisos e bágoas: saudables por dentro e por fóra

Chorar é tan bo para a saúde coma rir, aínda que ben se podería dicir que son a cara e a cruz do noso estado anímico e unha maneira moi sa, no seu xusto equilibrio, de expresar as nosas emocións. Escacharse da risa equivale a realizar unha sesión completa da mellor ximnasia e a un analxésico natural, mentres que chorar reconforta e relaxa tanto coma tomar un baño de auga morna. Por iso, os expertos recomendan expresar os sentimentos a xeito de risas e bágoas para sentírmonos mellor.

O choro é a nosa carta de presentación ao mundo cando nacemos e arredor dos dous meses de vida esbozamos o noso primeiro sorriso social. Dende aquela, é inevitable que a nosa existencia se acompañe de sorrisos e bágoas. Os primeiros son benvidas, mentres que as segundas son temidas e rexeitadas, a menos que xermolen por unha intensa emoción de ledicia. Pero tanto uns como outras teñen a súa razón fisiolóxica de existir e resultan beneficiosas para a nosa saúde mental e para o noso organismo. En que se parecen a risa e o choro? Son dúas maneiras de expresar as emocións e atópanse en estreita relación coa presión sanguínea, a aceleración e detención da respiración, a aparición do rubor e a palidez no rostro e ata co ton muscular. Grazas a elas, danse descargado tensións e ambas as dúas posúen unha función reguladora que crea circunstancias vantaxosas para o organismo.

Desde a nenez ata a etapa adulta

A risa, e en concreto o sentido do humor, é un xeito de expresión xenuinamente humano que funcionou como cohesión social, coma o canto ou o baile. Diferentes estudos afirman que a risa se utiliza como un modo de comunicación na infancia e que na etapa adulta se converte nun modo de expresión dos sentimentos. Así, mentres que os nenos de 6 anos rin arredor de 300 -400 veces ao día, os adultos fano entre 15 e 100 veces; en cambio, os adultos maiores sorrín menos de 80 veces diarias; as persoas máis risoñas alcanzan 100 risas ao día e as menos alegres apenas chegan ás 15, o que demostra que cos anos vaise perdendo esta capacidade expresiva.

O choro prodúcese, non obstante, con fins fisiolóxicos: limpar o lacrimal, manter unha axeitada hidratación dos ollos, pero tamén para liberar hormonas do benestar. Acompaña o ser humano dende o nacemento, sobre todo durante a súa etapa de bebé como un acto de comunicación e como un reclamo de atención á súa nai e os seus coidadores. Na etapa adulta o choro aínda se considera un acto de comunicación, pero transfórmase para expresar outras necesidades, para amosar a impotencia que sente ante un suceso concreto, para aliviar unha gran tensión ou para eliminar a tristura. Os “factores gatillo” que o desencadean adoitan ser emocións moi intensas, que poden ser negativas, como os pensamentos negativos e daniños, as malas novas, a rabia, a pena e o sufrimento, pero tamén as positivas, como unha intensa ledicia.

Hormonas e músculos da risa e do pranto

Coa risa, libéranse endorfinas, substancias opioides endóxenas segregadas polo cerebro, con altos poderes analxésicos que mitigan a dor, amais de adrenalina, un compoñente que, en boa medida, potencia a creatividade e a imaxinación, dopamina, que facilita a actividade mental e a serotonina, de efectos calmantes e que diminúe a ansiedade.

En cambio, cando o choro se activa libéranse adrenalina e noradrenalina, que é a hormona que fai que nos desafoguemos e tranquilicemos, e outras substancias como a oxitocina, que liberan as nais cando están preto dos seus fillos para proporcionarlles unha sensación de calma. Isto explica que, logo de chorar un bo anaco, se teña unha sensación de relaxación similar á que se experimenta despois dun baño con auga morna.

Na xeración da risa e do choro interveñen ademais distintos grupos musculares. Na acción de rir participan preto de 400 músculos, incluídos 15 da cara, algúns do tórax, o abdome e o estómago, que só se poden exercitar con ela. Neses momentos e debido á intensidade do exercicio, cada grupo muscular estimúlase como o faría nunha sesión de ximnasia, ata o punto de que cinco minutos de risa equivalen a 45 minutos de exercicio aeróbico e axuda a adelgazar, xa que reactiva o sistema linfático. Tamén produce unha contracción dos músculos do diafragma, resonancia da farinxe e do veo do padal, e contraccións involuntarias dos músculos faciais. Por outra banda, o choro contrae os músculos faciais e o contorno dos ollos. Como consecuencia, a irrigación sanguínea excita as mucosas oculares e orixínase o lagrimexo.

Rir e chorar, beneficiosos para a saúde

Dende o punto de vista da saúde psíquica e física, tan beneficioso é rir coma chorar, xa que ambas as dúas manifestacións axudan a liberar emocións positivas e negativas. E as dúas son necesarias para que a persoa canalice e exprese de maneira correcta os seus estados de ánimo.

A escola que máis utilizou o sentido do humor como instrumento de curación foi a Terapia Racional Emotiva, de Albert Ellis. Este autor afirma que a perturbación emocional adoita consistir en esaxerar a importancia das cousas e utiliza o debate e os recursos humorísticos como terapia para concienciar e decatarse dos erros do pensamento. Outro psiquiatra, William Fry, quen estudou os seus efectos beneficiosos durante máis de 25 anos, asegura que tres minutos de risa intensa teñen os mesmos beneficios que dez minutos remando de xeito enérxico.

A explicación atópase en que cando se solta unha gargallada, se desprega un feixe de beneficios para a nosa saúde: exercítase e reláxase a musculatura, mellórase a respiración, libéranse hormonas do estrés, mellora a dixestión, diminúe o estrinximento, fortalécense as defensas (e entre elas de células clave, como os linfocitos T citotóxicos para previr a formación de tumores) e aumenta o rego de osíxeno a todos os órganos.

Amais destes beneficios, a risa é tamén un eficaz analxésico natural, que axuda a aturar a dor física, segundo un recente estudo da Universidade de Oxford, publicado na revista Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences, que confirmou que as persoas que máis rin dan aturado a dor ata nun 10% máis. Ademais, comprobou que a risa simple e aberta non tería ningún efecto analxésico, mentres que si o teñen as gargalladas, que son as que permiten liberar as endorfinas, xerar certo estado de euforia e calmar a dor. Os científicos explican que un posible motivo sería o baleirado do aire dos pulmóns ao estoupar a gargallada.

Se a risa funciona como analxésico fronte á dor, o principal beneficio do choro é o seu efecto como calmante natural, xa que diminúe o nivel de angustia, permite reducir a intensidade das emocións fortes e traballalas con maior lucidez. Non obstante, é conveniente coñecer a diferenza entre un choro san ou proporcional ao motivo que o desencadea e un patolóxico. Polo tanto, chorar moito e de xeito desconsolado é normal se se asocia a un feito triste, como a morte dun ser querido, pero non o é se se relaciona con síntomas como non durmir, sufrir angustia, deixar de comer, perder peso, sentirse sen ánimo para facer algo, gran tristura, ter ganas de morrer ou ideas suicidas. Nestes casos, o choro sería desproporcionado e un posible sinal dun trastorno mental.

Consellos para rir e chorar de maneira sa
  1. Aprender a rirse dun mesmo, de virtudes, defectos, erros e despistes e buscar o lado bo das cousas.
  2. Aumentar a confianza nun mesmo e tomar a vida de xeito optimista.
  3. Tomar distancia dos problemas, xa que esta permite velos dende outra perspectiva, sen dramatizar, esaxerar nin xeneralizar.
  4. Cultivar o espírito do humor, coa lectura de chistes, aprender das persoas con bo humor, contaxiándose deles e tomando notas de situacións divertidas dun mesmo e dos demais.
  5. Relacionarse con humor, ver películas divertidas, de humor, comedias, ler revistas de humor e crear unha nova actitude ante a vida.
  6. No caso do choro, analizar a situación, expresala en palabras e falar sobre o que produce malestar, tristura, desespero ou desacougo. Verbalizarlo axuda a fluír o sentimento encistado e a liberarse del co choro.

Fonte: Ferran Martínez Gómez, psicólogo clínico e director de ISEP Clínic en Castellón de La Plana.