A loita contra a obesidade infantil: o papel esencial da ciencia

España é o cuarto país europeo con máis pícaros con sobrepeso e obesidade, aproximadamente, un 40% dos menores vivirán cun alto risco de desenvolveren enfermidades cardiovasculares, diabetes ou diferentes tipos de cancro. Sabemos que moitos dos factores de risco diminúen ou desaparecen cando mudamos os nosos hábitos de vida, o papel da ciencia, neste sentido, é fundamental.
1 Decembro de 2021

A loita contra a obesidade infantil: o papel esencial da ciencia

A investigación é a ferramenta imprescindible para saber como previr, e como tratar, a obesidade, por iso, é preciso seguir investigando sobre ela. Non facelo sairá moito máis caro.

Detrás de campañas como Fillos do azucre, lanzada recentemente polo Ministerio de Consumo para concienciar os pais sobre a relación directa entre o consumo de azucre e a obesidade infantil, e de decisións como a implantación do semáforo nutricional Nutri-Score, que achega mellor información aos consumidores sobre os alimentos, ou a de limitar a publicidade dos produtos pouco saudables dirixida a menores, está o traballo de investigación de numerosos científicos. Todas elas son decisións que chegan tras anos de dedicación.

Grazas ás súas conclusións, sabemos que a prevalencia da obesidade entre os nosos menores é do 18,1% (20,4% en nenos e 15,8% en nenas ), e que esta taxa expón os pequenos ao risco de desenvolver enfermidades como diabetes tipo 2, hipertensión ou a síndrome metabólica. Sabemos tamén que nin sequera o 3% dos mozos españois realiza a inxestión de froitas e hortalizas recomendada (400 gramos ao día), que a poboación infantil e adolescente consome un 21,5% da enerxía da dieta en forma de azucres totais (case o 30% nos menores de tres anos), e que cada vez hai máis cativos son diagnosticados con diabetes 2, cando antes estaba considerada unha enfermidade de adultos.

O coñecemento necesita investimento

É practicamente imposible investigar sen financiamento e ese investimento pode obterse das institucións privadas (as menos) e públicas. O sistema funciona do seguinte xeito: a través de diferentes convocatorias, os grupos de investigación preséntanse cos seus respectivos proxectos e despois, tras revisar estas propostas, un comité avaliador decide financiar un proxecto concreto coa cantidade solicitada polo grupo investigador ou cunha menor.

Non existen datos sobre os euros que se destinan especificamente a investigar a obesidade infantil, pero moitos destes proxectos fináncianse grazas ás axudas que outorga o Ministerio de Ciencia e Innovación a través da Axencia Estatal de Investigación. En 2020, outorgáronse 411,15 millóns de euros a equipos de universidades, centros públicos e centros privados sen ánimo de lucro. Con estes recursos, promóvese que a comunidade científica española poida abordar proxectos de investigación de alta calidade, innovadores e relevancia que contribúan ao progreso do coñecemento, así como á resolución de problemas sociais e ao crecemento da economía.

O centro que máis recursos obtivo foi a Universidade de Barcelona, que captou 21,8 millóns de euros para a realización de 168 proxectos, maioritariamente para as facultades de Medicina e Ciencias da Saúde e da Bioloxía (25 proxectos) e Farmacia e Ciencias da Alimentación (con máis dunha decena de proxectos). Facendo contas, cada proxecto recibe uns 131.000 euros. Pero, abonda?

O custo dunha investigación depende de factores moitas veces difíciles de ponderar e isto é, precisamente, o que fai que os proxectos poidan variar tanto no seu custo final. “Depende do número de anos necesarios para a súa execución, da área concreta de investigación (máis social, como, por exemplo, unha grande enquisa sobre hábitos, ou máis científica, da área de inmunoloxía, metabolismo, xenética…). Tamén depende do tipo de experimentos que se pretendan realizar, do número de persoas involucradas, se é necesario adquirir novos instrumentos de laboratorio, se cómpre contratar persoal para levar a cabo os obxectivos do proxecto, se se precisan modelos animais, se son necesarios servizos de apoio…”, confesa Lluis Montoliu, científico do Centro Nacional de Biotecnoloxía, que liderou e avaliou durante moitos anos proxectos de investigación para administracións nacionais e internacionais.

Por iso, un proxecto pode custar miles, centos de miles e ata millóns de euros. A esta enumeración habería que engadir dous condicionantes máis: a cantidade de diñeiro público destinado ese ano á investigación e o número de grupos de investigación que se postulan para conseguir a subvención.

Cando os recursos non son suficientes

Lluis Montoliu achega unha desagregación aproximada dos custos que supoñería un proxecto de investigación en biomedicina realizado por un equipo de dúas persoas –un investigador e un técnico– durante tres anos e calcula un total de 499.884 euros. Que ocorre entón se os recursos obtidos non son suficientes e non chegan para que o equipo investigador remate o seu traballo? Iso é exactamente o que pasa a maioría das veces. O máis común, pola escaseza de recursos, é que do medio millón que necesitaría un equipo para realizar o seu proxecto, ao final reciba 180.000-150.000 euros. “Por iso, ao final, adóitase recortar sempre en persoal, non se compra ningún equipo novo, e limítanse os gastos de servizos e viaxes”.

Os grandes grupos de investigación en España non adoitan ter problemas á hora de que o seu proxecto sexa aprobado e financiado, o problema é sempre a cantidade que reciben, moi modesta e afastada do que invisten outros países europeos. Aínda así, son moitos os investigadores que traballan buscando solucións e tratamentos para curar e previr un dos grandes problemas de saúde que temos en España: a obesidade, xa bautizada como a epidemia silenciosa.

De onde chega o diñeiro?

Existen diversas fórmulas de financiamento público destinadas á investigación en España, a gran maioría dos fondos teñen a súa orixe no Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO) e no Ministerio de Ciencia e Innovación. Estas axudas permiten desenvolver proxectos de investigación, pero tamén facilitar a formación e mobilidade de investigadores. Tamén existen axudas para a mellora e adquisición de infraestruturas ou para favorecer a colaboración entre equipos de investigación no ámbito nacional e internacional. As distintas comunidades autónomas contan, á súa vez, con programas de axudas para a investigación que son financiados cos orzamentos rexionais. E, para rematar, parte das axudas chegan tamén desde Europa, a maioría, outorgadas pola Comisión Europea.

O financiamento privado, aínda que nalgunhas áreas é recibido cos brazos abertos (como no caso da investigación contra o cancro), no caso da investigación da obesidade infantil o tema é máis controvertido, xa que estas axudas proveñen da industria alimentaria (aínda que tamén de laboratorios farmacéuticos ou seguros de saúde privados), polo que o interese por financiar estas investigacións non se limita só ao avance científico.

Algunhas revisións sistemáticas puxeron de manifesto un nesgo nas conclusións dos estudos que recibiran financiamento da industria alimentaria, particularmente cando sacaban á luz os efectos das bebidas azucradas. Os posibles conflitos de intereses que poidan derivarse destes financiamentos están probados, polo que os científicos deben ser moi escrupulosos coas súas conclusións. A gran maioría dos investigadores prefire non depender da industria da alimentación para levar a cabo os seus estudos, xa que saben que iso afectaría, en certo grado, á credibilidade dos resultados.

Canto custa unha investigación?

Lluis Montoliu, investigador do Centro Nacional de Biotecnoloxía, realizou os cálculos aproximados do que custaría un proxecto para tres anos cun equipo de cinco membros. O seu obxectivo é engadir transparencia ao financiamento público e explicar como se desagregan os gastos e a que partidas cómpre renunciar porque a cifra non se axusta á realidade. Pode parecer unha cifra moi alta para alguén que non estea relacionado co traballo científico, pero para o investigador significa preocupación por ter que comezar a preguntarse de onde recurtar para que chegue o diñeiro.

Custos directos / 412.800 euros

  1. Salarios. No Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), por exemplo, o custo de contratar un titulado superior é duns 36.000 euros e o dun técnico, duns 23.000 euros. Polo tanto, contratar un investigador e un técnico durante tres anos supón 177.000 euros.
  2. Equipos. Para realizar un estudo, é frecuente que se necesite adquirir algún instrumento específico. Aínda que os prezos poden ser moi variables, adóitase orzar sobre uns 30.000 euros para a compra dun equipo medio.
  3. Consumibles. Nesta partida inclúense os materiais que se utilizarán na investigación, como produtos químicos, medios de cultivo para as células… Este gasto tamén é moi variable, pero adóitase estimar nuns 6.000 euros por persoa e ano. Para un equipo de cinco membros, o orzamento estimado para tres anos é de 30.000 euros.
  4. Servizos. Por exemplo, o servizo de xenómica, de microscopia, de citometría, de histoloxía, e outros de apoio á investigación no centro. Unha cantidade mensual razoable para este capítulo sería de, polo menos, 2.800 euros ao mes. Para un proxecto de tres anos: 100.800 euros.
  5. Viaxes. Hai que contar coa asistencia a congresos nacionais e internacionais, onde presentar os resultados, ou poñerse ao día do que están facendo outros grupos de traballo. Un custo razoable de rexistro, viaxe, aloxamento e axudas de custo para unha reunión internacional, é de 1.750 euros, e para unha reunión nacional é de ata 750 euros. O custo en tres anos supón 7.500 euros.
  6. Outros gastos. Cómpre considerar tamén un apartado indeterminado no que incluiremos os gastos de telefonía, mensaxaría, de publicación, de revisión de manuscritos… Este apartado pode supoñer facilmente uns 2.500 euros ao ano. Polo tanto, para tres anos este apartado sumaría polo menos outros 7.500 euros.

Custos indirectos / 86.688 euros 

Os custos indirectos son a parte que as institucións destinan para sufragar os gastos de funcionamento e mantemento dos centros de investigación (luz, auga, gas, calefacción e ventilación, servizo de limpeza, servizo de seguridade, servizo de mantemento, de instrumentación, servizos de apoio científicos e administrativos, persoal de apoio…). En España, os custos indirectos calcúlanse como unha porcentaxe dos custos directos: habitualmente é do % para os proxectos financiados desde o denominado Plan Nacional de I+D+i.

Total: 499.488 euros

En que se centra a ciencia?

Actualmente, son moitos os grupos de investigación en España que se dedican ao estudo dos problemas de sobrepeso en menores. Falamos con catro deles para coñecer como é o seu traballo e cara a onde se dirixe o estudo desta enfermidade.

A xenética do sobrepeso 

  • Institucións: Hospital Infantil Niño Jesús de Madrid.
  • Investigador principal: Jesús Argente Oliver, director do Departamento de Pediatría.

O servizo de Endocrinoloxía, Crecemento e Metabolismo do Hospital Infantil Universitario Niño Jesús de Madrid é un referente nacional e internacional no diagnóstico, tratamento e seguimento de nenos con alteracións hormonais, metabólicas e patoloxías do crecemento. Con máis de 300 artigos publicados, este grupo, dirixido polo doutor Jesús Argente Oliver, responsable tamén do Grupo do Centro de Investigación Biomédica en Rede da Fisiopatoloxía da Obesidade e da Nutrición (CIBEROBN), efectuou achegas de gran relevancia científica sobre anomalías xenéticas tanto do crecemento como da obesidade. Na actualidade, atópanse inmersos nos seguintes traballos:

  • Os xenes que determinan as obesidades máis graves en menores de cinco anos. Estímase que ao redor do 13% dos nenos en Europa pode presentar obesidade causada por un xene (obesidade monoxénica). Ata o momento, sábese que poden estar implicados máis de 20 xenes. Por iso, o doutor Argente e o seu equipo, dentro do programa sobre Obesidade Infantil do CIBEROBN, reuniron unha mostra de 1.300 nenos con obesidade severa aos que se lles realizou un seguimento. Esta investigación detectou mutacións xenéticas en todos eles.
  • Obesidades sindrómicas. Son aquelas que veñen acompañadas doutras alteracións (cardíacas ou renais) e que están ligadas a unha síndrome, como a de Bardet-Biedl, Almström e Prader-Willi. “A nosa intención é seguir investigando no campo da xenética en todos os pacientes que presenten obesidade grave precoz de inicio, naqueles con historia clínica de fame insaciable, con historia familiar de obesidade, ou asociada a alteracións do neurodesenvolvemento. Para eles estase buscando unha terapia personalizada que nos conduza a unha medicina de precisión nas obesidades infantís”, explica Argente.
  • Fármacos para tratar a obesidade. O equipo do Hospital Niño Jesús de Madrid está colaborando con outras institucións internacionais en dous ensaios clínicos para probar a eficacia dun fármaco para tratar a obesidade máis grave. Trátase dun medicamento para pacientes que presentan unha deficiencia no receptor da leptina, a hormona que regula o apetito. Este é un tipo de alteración que provoca un apetito voraz e un aumento severo de peso. Ata o momento non había tratamento para estas enfermidades e os ensaios auguran un bo resultado, xa que se observou unha perda de peso de, polo menos, o 10%, no 80% dos participantes do primeiro ensaio, e do 45% nos do segundo.
  • A hormona do crecemento. Este equipo de investigación segue estudando os mecanismos xenéticos que inflúen na hormona do crecemento (GH): os problemas que impiden que os nenos desenvolvan unha estatura e un peso normal para a súa idade. Tamén estudan, en pacientes con obesidade, os diferentes tipos de microRNA, un grupo de biomoléculas asociadas á regulación de numerosos procesos biolóxicos relacionados coa obesidade.
  • Puberdade precoz e sobrepeso. Os nenos con obesidade adoitan presentar unha puberdade precoz (antes dos oito anos en nenas e dos nove en nenos). Isto pode levar asociado, trastornos emocionais e problemas de saúde nun futuro. Por iso, outro obxectivo deste equipo é a investigación do patrón de crecemento prepuberal e puberal en nenos e adolescentes con sobrepeso ou obesidade, intentando esclarecer as posibles alteracións no inicio e desenvolvemento desta etapa vital e as súas eventuais complicacións na adquisición dos caracteres sexuais secundarios e a función sexual e reprodutora. Tamén estudan como inflúe o sexo e o grupo étnico no desenvolvemento da obesidade.
  • Trastornos relacionados coa obesidade. Seguen identificando as comorbilidades, é dicir, os trastornos máis comúns que se desencadean nos nenos obesos: alteracións no metabolismo, hiperuricemia (exceso de ácido úrico no sangue) e hipertensión arterial.

Os períodos críticos da obesidade

  • Institucións: Grupo de traballo sobre Obesidade Infantil e na Adolescencia da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO).
  • Investigador principal: Gilberto Pérez López, endócrino e pediatra.

Este grupo non só se enfoca na poboación infantil, tamén se dirixe aos mozos, cunhas cifras de prevalencia de obesidade, moi altas. O seu obxectivo é a abordaxe multidisciplinar da obesidade: desde a atención médica, o acompañamento psicolóxico, a dietoterapia (o tratamento que consiste en adoptar a dieta adecuada) e o exercicio como motor de cambio real no estilo de vida dos nosos cativos e mozos. Para este equipo, todas as etapas no crecemento do neno son igual de importantes, pero é certo que hai tres períodos críticos nos que se centra a SEEDO:

  • Os primeiros 1.000 días de vida do neno. Desde o nacemento ata os 2 anos. Nesta etapa, a alimentación ten un grande impacto non só no desenvolvemento normal do cerebro do bebé, tamén se asocia ao risco de sufrir obesidade, así como doutras enfermidades crónicas na etapa adulta (como a diabetes e a hipertensión arterial). “Todo o que se faga antes da concepción por parte de ambos os proxenitores, durante o embarazo e ata os dous anos, vai ter unha enorme influencia na saúde en xeral, e no risco de obesidade, en particular”, explica Pérez.
  • Entre os cinco anos e sete anos: o rebote adiposo. Nas curvas de índice de masa corporal (IMC) identificouse un crecemento no primeiro ano de vida que decrece posteriormente chegando a valores mínimos entre os cinco e os sete anos. Nese momento prodúcese un novo aumento ata a idade adulta. É o que se denomina o rebote adiposo. Un rebote adiposo, temperá ou precoz, entre os tres e cinco anos, asóciase cun maior risco de sobrepeso e obesidade.
  • A adolescencia. Durante este período prodúcense cambios psicosociais a gran velocidade. No contexto biolóxico, a puberdade relaciónase con ganancia de peso en relación co propio crecemento lonxitudinal (nunha situación normal, a altura é maior que a ganancia de peso). O que ocorra na adolescencia vai ter un enorme impacto no risco de sufrir obesidade, así como doutros trastornos endócrinometabólicos (diabetes tipo 2) e do aumento do risco cardiovascular. “Se un adolescente ten sobrepeso ou obesidade, ten máis dun 70% de probabilidade de ser un adulto con obesidade”, explica o doutor.
  • Obesidade e contorna. Nos últimos anos o grupo centrouse en abordar o problema da obesidade desde o punto de vista psicolóxico e investiga a obesidade como resposta á contorna, analizando os factores psicosociais e familiares implicados, o papel da regulación emocional na orixe e no mantemento da obesidade. Tamén estudan o importante que é regular as emocións desde idades temperás, así como a intervención psicolóxica a través de programas nos que se involucre a familia.

Nutrición personalizada

  • Institucións: Nutrición e Obesidade da Universidade do País Vasco.
  • Investigadoras: Saioa Gómez Zorita e Naroa Kajarabille García.

A liña principal de investigación do grupo Nutrición e Obesidade da Universidade do País Vasco céntrase na obesidade e as súas patoloxías asociadas, como a hipercolesterolemia e a diabetes. O grupo traballa principalmente no estudo da acumulación de graxa corporal segundo a composición da dieta e potenciais ingredientes. Actualmente, o grupo está inmerso en proxectos, en colaboración con outros equipos e institucións nacionais e autonómicas.

  • Nutrición de precisión. Este proxecto recibe financiamento autonómico e céntrase no campo da nutrición á medida do individuo. O obxectivo é buscar o tratamento adaptado a cada persoa para axudar a previr e tratar dunha forma máis correcta a obesidade infantil.
  • Como son os hábitos dos menores. Este grupo tamén traballa, en colaboración co Concello de Vitoria-Gasteiz, nunha liña de investigación centrada en valorar os hábitos alimentarios e o estado nutricional da poboación da cidade. Este traballo inclúe un programa de fomento do consumo de froitas e verduras na poboación infantil.
  • As posibles mutacións xenéticas. Este equipo acaba de iniciar un proxecto relacionado coa xenética. O seu obxectivo é detectar posibles mutacións xenéticas e a súa relación coa obesidade.

Os porqués dunha mala alimentación

  • Institucións: Seguimento do Neno para un Desenvolvemento Óptimo (SENDO).
  • Investigadora principal: Nerea Martín-Calvo, pediatra e doutora en Epidemioloxía.

O proxecto SENDO (Seguimento do Neno para un Desenvolvemento Óptimo) é un estudo de investigación que ten como obxectivo analizar o efecto da dieta e os estilos de vida sobre a saúde do neno e do adolescente, pero tamén a súa relación con outras enfermidades, como a asma ou o trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH). Este proxecto naceu en 2015 no departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Navarra, pero no 2018 expandiuse por todo o país e, hoxe, SENDO está composto por unha mostra de nenos e adolescentes de toda España. A súa directora, a doutora e investigadora Nerea MartínCalvo, traballa xunto a un equipo de colaboradores, pediatras e investigadores, repartidos por todo o territorio nacional.

  • A calidade da dieta dos menores. Na actualidade, hai tres pediatras escribindo a súa tese doutoral con datos relacionados coa obesidade infantil nos participantes deste proxecto. Dous deses traballos céntranse en factores asociados coa calidade da dieta dos nenos. “Grazas aos datos obtidos nesta investigación sabemos que os nenos que recibiron lactación materna teñen mellores hábitos dietéticos aos cinco e seis anos. Tamén, que os coñecementos nutricionais dos pais, a súa implicación na dieta dos seus fillos, as horas de pantallas, e a realización de actividade física, son factores que se asocian estreitamente coa calidade da dieta que, como se sabe, é o factor máis fortemente asociado co desenvolvemento de obesidade infantil, explica Martín-Calvo.
  • En busca da raíz do problema. O grupo de investigación céntrase nos factores determinantes da calidade da dieta. Os factores modificables da obesidade son dabondo coñecidos: unha mala calidade da dieta e a falta de actividade física. “Por iso nós preferimos ir un paso máis atrás na cadea causal e centrármonos nos determinantes deses factores: que conduce a ter unha peor alimentación e a realizar pouca actividade física. Esperamos que este tipo de investigacións teñan un impacto importante nas cifras de obesidade infantil, porque serven para desenvolver as campañas de prevención que van á raíz do problema”, matiza a científica.
  • A aprendizaxe antes dos seis anos. As súas investigacións concluíron que os seis primeiros anos de vida dun neno son fundamentais, xa que a esa idade moitos menores xa desenvolveron os seus gustos, apetencias e aversións. “Gran parte dos hábitos adquiridos na infancia proxéctanse e mantéñense na idade adulta. Así que, se queres que un neno interiorice un hábito, ensínallo antes dos seis anos”, explica Nerea Martín-Calvo.