Xoguetes e xogos inclusivos: divertirse e educar en identidade e valores

Son para todos. Nos últimos anos, os estantes das xoguetarías enchéronse de produtos infantís que re! icten a diversidade social e respectan a igualdade de xénero, contribuíndo á formación de persoas máis tolerantes, solidarias e respectuosas.
1 Decembro de 2021

Xoguetes e xogos inclusivos: divertirse e educar en identidade e valores

Nadal e Reis son as épocas do ano nas que máis xoguetes se venden. Moitas veces, os adultos, desexosos de satisfaceren as peticións dos máis pequenos, non se deteñen a pensar se o que están comprando é o máis adecuado, se as demandas dos nenos e as nenas responden a elaboradas campañas de publicidade, ou se son resultado de modas pasaxeiras. Antes de comprar un xoguete, ademais de ter en conta os gustos do neno ou da nena –sen dúbida, moi importantes–, convén reflexionar sobre se é adecuado para a súa idade, o seu grao de madurez e as súas necesidades.

Tal e como explica Juan Cruz Rada, experto en psicoloxía educativa e membro do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Psicólogos da Rioxa, “nin os xoguetes nin os xogos son inocuos. Un xogo moi complexo, ou cunha elevada esixencia, non vai ser divertido, frustrará os cativos e xerará ansiedade e rexeitamento. Por outra banda, se é demasiado sinxelo para a capacidade do menor, non vai representar nin un reto nin unha aprendizaxe e, probablemente, aburrirase e acabará por rexeitalo”.

Á hora de elixir, cómpre ter en conta que o xoguete achegue e aposte por valores como a igualdade, a diversidade e a inclusión. Por outra banda, é moi importante comprobar que sexa apto para todos os menores, independentemente da súa raza, xénero, características físicas ou psíquicas. “O xogo é importante no desenvolvemento da identidade e como elemento socializador. Se perpetúan estereotipos, probablemente os nenos e as nenas aprenderán que a realidade reflicte diferenzas, ben sexan de xénero, culturais ou de diversidade funcional”, sinala o especialista.

As circunstancias persoais

Todos os nenos e as nenas teñen dereito ao xogo, con todo, moitos menores atopan serias dificultades para participar neles. As investigacións mostran que as persoas con discapacidade funcional poden experimentar máis restricións e menos oportunidades de acceso e capacidade de xogo. Os xoguetes inclusivos tratan de facer fronte a estas trabas. En definitiva, son xoguetes para todos.

Un xoguete inclusivo é aquel que pode ser utilizado por todos os nenos e nenas sen importar as súas características físicas, psíquicas, cognitivas, afectivo-emocionais, sociais, sexuais, culturais ou raciais. O Instituto Tecnológico de Producto Infantil y Ocio (AIJU) –entidade sen ánimo de lucro dedicada á investigación, a seguridade e a calidade en todos os sectores do produto infantil– considera que un produto pode denominarse así se é adecuado para, como mínimo, dous tipos de discapacidade das tres existentes: auditiva, visual ou motora. Ou ben, se é adecuado para un tipo de discapacidade e adaptable para outra.

“Xogar desde a inclusividade é fundamental para desenvolver as capacidades dos nenos e das nenas, independentemente de cales sexan estas. A función dos adultos é a de seren modelos no xogo, apoiaren os miúdos e, en ocasións, guiárennos”, expón Cruz Rada. Para María López, técnica do departamento de investigación do usuario infantil do AIJU, utilizando xoguetes inclusivos os menores “desenvolverán condutas integradoras e socialmente máis positivas como a empatía, o respecto ou a aceptación. Este enfoque nos xoguetes achegará moitos beneficios a longo prazo á hora de fomentar sociedades máis igualitarias”.

Proxecto IncluToys na busca dun deseño universal

Co obxectivo de poder definir as necesidades dos consumidores sobre o xoguete inclusivo e a súa percepción na sociedade, o Instituto Tecnológico de Producto Infantil y Ocio desenvolveu o proxecto IncluToys, un estudo internacional no que participaron 1.000 familias, e que permitiu crear unha ferramenta de deseño universal adaptada ao sector xogueteiro. Esta invención será de grande utilidade para analizar a accesibilidade dos xoguetes actuais por parte de nenos e nenas con discapacidade.

“A creación da ferramenta europea TUET (Toys & games Usability Evaluation Tool) permitiu avaliar dunha forma consensual e estandarizada o nivel de accesibilidade dos xoguetes. O proxecto permitiu avanzar na interpretación desta ferramenta, aplicala nas empresas xogueteiras e poder crear unha guía que axude as compañías á hora de deseñaren e fabricar xoguetes máis inclusivos”, explica Pablo Busó. “Os datos obtidos demostran que o deseño e fabricación de xoguetes inclusivos é viable e moi enriquecedor. Achegaría grandes beneficios para o sector, unha vez que se trata dunha cuestión moi sensible para a sociedade actual e non implica grandes investimentos”, subliña Busó.

Cada vez hai máis onde elixir

“Os produtos que buscan a inclusión constitúen un recurso moi útil, e sono especialmente para as familias que teñen que lidar con estas situacións. Agora empezan a verse reflectidos en produtos e xogos. Afortunadamente cada vez hai máis oferta destinada á poboación, e ata as grandes marcas parecen concienciarse cada vez máis, pero aínda queda camiño por percorrer”, opina Cruz Rada. Case a metade dos xoguetes (49%) de fabricantes españois son accesibles a algunha das tres discapacidades. Esta porcentaxe diminúe a medida que aumenta a idade da poboación á que vai dirixida e é lixeiramente inferior se só consideran as discapacidades motora e visual.

En xeral, a industria xogueteira española é cada vez máis sensible á fabricación deste tipo de produtos. “Consideran que isto lles repercutirá positivamente á hora de xerar conciencia social, e tamén que o feito de axudarlle a sociedade ás empresas a mellorar en inclusión lles achega maior valor aos produtos e ao recoñecemento de marca”, indica María López, representante de AIJU.

Non obstante, os fabricantes aínda teñen inconvenientes. “Preocúpalles que limite o público ao que se dirixe porque o usuario final o acabe percibindo como un produto específico para certa discapacidade, ou que se perda marxe porque non compensa polo seu custo”, admite a técnica. Para mellorar esta situación, un grupo de expertos, coordinado por AIJU, asesora empresas co obxectivo de que optimicen a exclusividade dos seus produtos. Desde o Instituto Tecnolóxico, garanten que “a maioría dos xoguetes do mercado poderían ser máis accesibles sen incrementaren o seu custo”.

Como recoñecer un xoguete inclusivo

De acordo cos estudos realizados por AIJU, a maioría das familias españolas sabe identificar que xoguetes son inclusivos, aínda que declaran que lles gustaría recibir máis información que lles permitise distinguilos do resto. “Só unha de cada dez familias afirma ter algún e unha de cada cinco non sabe con seguridade se os ten”, apunta Pablo Busó, coordinador da área de investigación do usuario infantil de AIJU. As familias adóitanos relacionar con catro conceptos: a igualdade de xénero, a discapacidade, as diferenzas físicas e a cooperación -o xogo en equipo-. Con todo, e malia a importancia que lle dan a estes produtos, “non estarían dispostas a consumilos se supón un aumento de prezo”, advirte o experto.

Recoñecer un xoguete inclusivo non sempre é sinxelo. Desde AIJU dan algunhas pistas. “Por unha banda, debe cumprirse un deseño para todos, que asegure a participación dos nenos e das nenas, con ou sen discapacidade. Os xoguetes tamén deben ser versátiles e permitiren varias formas de interacción e a posibilidade de adecuar as regras”, aclara o técnico.

Sostibilidade e empatía

A sostibilidade tamén está presente na industria xogueteira. Iniciativas como Toys for future (Xoguetes para o futuro) son un exemplo de como, a través do xogo, os nenos poden adquirir aprendizaxes relacionadas coa reciclaxe e os materiais renovables e sustentables. Este proxecto faise eco dos esforzos que o sector xogueteiro realiza á hora de escoller materiais máis ecolóxicos, baseados en bioplásticos e aditivos sostibles, para fabricar os seus produtos. O amidón de millo, a cana de azucre, ou a casca de améndoas son algunhas das alternativas naturais escollidas polos manufactureiros.

Os xoguetes tamén reforzan a autoestima. A tendencia Be you (Se ti) pon en valor a importancia de respectarse un mesmo e os demais. Este tipo de xoguetes considéranse inclusivos, xa que mostran tanto a diversidade física como as diferentes personalidades, propoñendo xogos máis aló de estereotipos sociais, raciais, de xénero… En moitos casos, tamén reflicten as características dos nenos e nenas con discapacidades ou dificultades de aprendizaxe.

Hai xoguetes para nenos e para nenas?

Malia a que se ten avanzado moito na distinción dos xoguetes por xénero, aínda asociamos determinados produtos –como bonecas, cociñas, coches, construcións– co xénero do menor. “Queda moito por mellorar, pero as diferenzas nos xoguetes de hoxe e os de hai 30 anos son enormes. Son menos machistas e menos estereotipados, e o mesmo ocorre cos xogos e a publicidade. Cada vez que un fabricante cruza algunha das liñas vermellas nos seus anuncios (machismo, estereotipos de xénero ou raciais), exponse ao rexeitamento. Marcas moi coñecidas xa apostan por bonecos que expresen unha maior diversidade de xénero, de etnias, de aspecto e de capacidades”, explica o psicólogo, Cruz Rada.

Preocupados pola existencia de xoguetes con nesgo de raza ou xénero, en AIJU emprendeu un novo proxecto, Childtizens. Con el, buscan fomentar unha maior conciencia social e transmitir valores que dirixan as novas xeracións cara a unha cidadanía activa e crítica. “A elección de xoguetes e espazos de xogo determinará a construción da identidade e, xa que logo, a forma de interpretaren o mundo e as relacións humanas. Os fabricantes teñen o interese de dar pasos neste sentido, e a través da creación desta ferramenta agárdase que nos próximos anos se avance moito”, conta Busó.

Accións como Let toys be toys (deixade que os xoguetes sexan xoguetes), liderada por unha asociación de consumidores británica, leva anos pedindo ás industrias xogueteira e editorial que deixen de limitar os intereses dos nenos promovendo algúns xoguetes e libros como só aptos para certos xéneros. Coa súa campaña conseguiron que moitos fabricantes e vendedores polo miúdo do Reino Unido eliminasen as distincións explícitas nos seus produtos. Ademais, para axudar o consumidor a recoñecer cales son os comercios e os sitios web que apostan por estes xoguetes, crearon un selo distintivo, bautizado como Toymark.

Accesibilidade para menores con discapacidade

A guía Juego, juguetes y discapacidad. La importancia del diseño universal, aborda as barreiras que enfrontan as persoas con discapacidade funcional á hora de xogar e a realidade do mercado. Tamén establece que tipo de xoguetes son os máis e os menos accesibles para persoas con discapacidade auditiva, motora e visual.

DISCAPACIDADE AUDITIVA

  • Con control de volume e saída opcional de auriculares para adaptarse á audición do neno ou da nena.
  • Se ten efectos sonoros, deben acompañarse doutros efectos perceptibles.

DISCAPACIDADE MOTORA

  • Manipulables mediante técnicas motrices controladas polos propios nenos e nenas.
  • Con botóns moi accesibles e fáciles de accionar.
  • Con pezas que sexan fáciles de encaixar.
  • En estruturas grandes, tipo mobiliario, con dimensións que permitan introducir as cadeiras de rodas ou que posibiliten unha desmontaxe en módulos sinxela para poder utilizalos desmontados sobre unha superficie.
  • De fácil acceso a todas as súas posibilidades ou funcións.
  • Se son xoguetes de sobremesa, deberán incluír antiderrapantes na súa parte inferior.
  • Non deberán de esixir moita rapidez de movementos ou deben permitir regular os tempos de resposta.
  • Non deben obrigar a efectuar movementos simultáneos.

DISCAPACIDADE VISUAL

  • Deseño sinxelo, realista e fácil de identificar ao tacto.
  • Obxectos ou complementos fáciles de manipular.
  • Con efectos sonoros e distintas texturas.
  • Non deben incluír moitas pezas de pequeno tamaño. Se o fixeren, deben permitir unha cómoda e rápida clasificación ao tacto.
  • Cores moi vivas e contrastadas para que poidan ser percibidos por nenos e nenas que conserven parte da capacidade visual.
  • Compactos, non deben desmontarse facilmente.

A idade, si importa

Os xoguetes evolucionan cos nenos e coas nenas. Dependendo da súa idade, hai opcións máis, ou menos, apropiadas.

0-1. Os xoguetes da primeira infancia poden ser un excelente aliado para darlle a coñecer ao bebé, de forma pracenteira e segura, o mundo que o rodea. Mantas de actividades, peluches con son, encaixables ou bloques de construción, son algunhas propostas.

1-3. Neste período pasan de ser bebés a nenos. O desenvolvemento cerebral, e a capacidade de aprendizaxe, son moito maiores que noutras etapas. Os xogos de regras, simbólicos, de ensamblaxe, e os peluches interactivos, son adecuados para estas idades.

3-6. Os nenos e as nenas alcanzan unha certa autonomía e autosuficiencia. Xogo e vida cotiá van estreitamente unidos, xa que tenden a experimentar, entender e aprender cunha actitude lúdica. O tipo de xoguetes é moi similar á anterior etapa, pero cun maior grao de complexidade.

6-9. Asumen máis responsabilidades e móstranse máis independentes. Seguen gozando moito da actividade lúdica. Aínda que o xogo simbólico e de movemento aínda ten un papel relevante, aumenta o interese polos xogos de regras, os traballos manuais, as construcións e os videoxogos.

9+. É o fin da nenez e o paso á idade adulta. Os xogos de regras, os traballos manuais, as construcións complexas, os xogos deportivos, de computador, e videoxogos, son as actividades lúdicas máis atractivas a partir desta idade.

Fonte: Guía de xogos e xoguetes AIJU 3.0

Antes de comprar, cómpre preguntármonos… 

No mundo fabrícanse centos de miles de xoguetes, pero non todos son iguais nin bos para todos os nenos e as nenas. Antes de comprar un xoguete, recoméndase formular as seguintes preguntas:

  • É seguro, duradeiro e atractivo?
  • Conta cunhas instrucións completas e comprensibles?
  • Non transmiten valores negativos, como o machismo, sexismo, racismo ou violencia?
  • Permítelle ao neno ou á nena ser o protagonista do xogo?
  • Por canto tempo o poderán utilizar?
  • É adecuado para a súa idade?
  • Será manexable por el ou ela?
  • Complementa os xoguetes que xa ten?
  • Dispón do espazo necesario para xogar con el?
  • É para xogar con amigos e amigas ou en familia?