Operar a miopía: do láser ás lentes intraoculares

A cirurxía con láser permite abandonar as gafas ou as lentes de contacto, ata agora un aparello indispensable para os miopes, e ver con claridade o que antes eran imaxes esvaídas e borrosas
1 Febreiro de 2012
Img salud 2 listado 201

Operar a miopía: do láser ás lentes intraoculares

Liberarse das lentes sen perder nin un chisco de visión é o soño de moitos miopes que viron medrar a súa graduación dende a infancia e que dependen totalmente delas. Na actualidade, a cirurxía con láser está consolidada como tratamento para a miopía e, ademais, xurdiron outras alternativas, como a colocación de distintas lentes intraoculares, para resolver este problema de visión. Un trastorno que afecta a boa parte da sociedade, pois en concreto o 25% da poboación de máis de 40 anos é miope.

Ver as siluetas esvaídas, os rostros borrosos, non captar as súas expresións e non poder ler letreiros pola rúa son algunhas das dificultades máis comúns coas que conviven as persoas miopes. Hai uns anos definíase coa frase coloquial “ter a vista curta”, xa que os miopes ven moi ben de preto, pero non de lonxe. As gafas ou as lentes de contacto convértense nun obxecto indispensable para eles. Por iso, moitos deciden operarse para non depender das gafas ou das lentes de contacto.

A miopía relaciónase co tamaño do ollo, coa curvatura da córnea ou coa unha combinación de ambos os dous factores. Un ollo tipo mide uns 24 milímetros de diámetro; se é máis grande, sófrese miopía e, se é máis pequeno, hipermetropía. Tamén se padece miopía cando a córnea, a lente principal do ollo, está máis curvada, ou hipermetropía, se está máis plana. De feito, o obxectivo da cirurxía con láser é aplanar a curvatura da córnea para eliminar a miopía ou abombala máis para corrixir a hipermetropía.

Cirurxía con láser: por que e para quen

A cirurxía con láser (LASIK) dá moi bos resultados en persoas con miopías baixas, cunha graduación de ata 6 dioptrías, aínda que se aplicou en casos de ata as 8, 9 ou 10 dioptrías como máximo. Non obstante, nos últimos anos vénse impondo a tendencia de realizala por baixo das 8 dioptrías, xa que canto máis alta é a miopía peor é a calidade de visión resultante. Nestes momentos, para as graduacións altas hai outras alternativas cirúrxicas.

O LASIK, que ten como finalidade moldear a superficie da córnea para corrixir a miopía, pódese practicar a partir dos 18 anos -aínda que é preferible facelo a partir dos 20-, xa que se se fai antes a curvatura da córnea aínda se está a desenvolver e a graduación pode ir en aumento. Aínda que non hai unha idade máxima para aplicar o láser, o máis habitual é realizala ata os 50 anos e que a partir desta idade (os 50-55 anos) se consideren outras opcións cirúrxicas máis resolutivas.

Antes, durante e despois
  • O preoperatorio: para se someter ao LASIK o paciente debe realizar uns exames nos que se estuda se cumpre os requisitos para operarse e minimizar os riscos desta cirurxía, pois, aínda que ten poucos, é menos se se seleccionan ben os pacientes axeitados. Non se poden beneficiar dela as persoas coa córnea moi delgada ou con moitas dioptrías.
  • A operación: consiste en aplicar un láser de femtosegundo primeiro e o excimer despois. Primeiro, co láser de femtosegundo practícase un corte para levantar o epitelio corneal (tamén chamado flap corneal), que é a pel da córnea. Logo, co láser excimer moldéase a superficie corneal que, no caso da miopía, se rebaixa. O láser non toca o ollo, que permanece aberto. A intervención apenas dura cinco minutos por ollo e adóitanse operar os dous á vez, polo que o acto cirúrxico dura dez minutos. Para que o paciente non sinta dor durante o proceso adminístraselle unha anestesia tópica (gotas).
  • O postoperatorio: dúas horas despois de concluír a cirurxía, o paciente recibe a alta e pode marchar para a casa, cos ollos pechados para evitar molestias e estar máis cómodo. Ao cabo de dúas ou tres horas pode abrilos, aínda que é posible que teña a visión borrosa e sensación de area durante cinco ou seis horas. Non obstante, pouco a pouco recóbrase a visión nítida ata facer vida normal.

Pros e contras de LASIK e PRK

O éxito da cirurxía con LASIK depende das expectativas dos pacientes, pero, en liñas xerais, o 95% logran unha visión similar á que tiñan coas lentes. As reintervencións debidas a unha dioptría ou graduación residual son escasas, apenas un 1% ou 3% do total, e as complicacións graves son anecdóticas entre milleiros de persoas grazas ás probas preoperatorias.

O LASIK xa leva dúas décadas de aplicación e, ao facer balance, detectáronse certos inconvenientes, porque quen se operou de poucas dioptrías non experimentou cambios 20 anos máis tarde. En cambio, quen se operou dunha miopía alta, 12 ou 14 dioptrías, nos primeiros tempos desta técnica, ao cabo dun tempo puideron ter de novo 1 ou 2 dioptrías. Tamén se constatou que, se se adelgaza moito a córnea, esta se debilita e tende a abombarse, o que volvería producir miopía, aínda que é moi raro que esta sexa a mesma que tiña o paciente antes de operarse.

Co fin de evitar estes efectos adversos, nos últimos anos perfiláronse moito mellor as indicacións do LASIK. Por unha banda, baixouse o límite de dioptrías que se operan a 8 (hai só dous anos, operábanse ata 10), para non producir un excesivo debilitamento da córnea. E, por outra, decidiuse non operar as córneas moi finas. Pero as persoas miopes con moitas dioptrías ou coa córnea moi delgada agora tamén se poden librar da súa miopía no quirófano con outras técnicas.

Entre elas figura a PRK (de queratectomía fotorrefractiva), que foi unha das primeiras técnicas de láser en utilizarse para corrixir defectos refractivos, antes de que se coñecese ben a técnica LASIK. A PRK tamén se vale dun láser excimer para remodelar a córnea e aplanala. Trátase dun procedemento seguro e igualmente ambulatorio, pero en certo maneira quedou eclipsado polo LASIK por mor do seu postoperatorio, xa que o tempo de recuperación dos pacientes é máis lento: mentres as persoas que se operan con LASIK ven ben unhas horas despois e poden facer vida normal ao pouco tempo -unha das principais vantaxes do LASIK-, coa PRK a recuperación da visión é máis gradual.

Non obstante, cada técnica ten hoxe o seu lugar, os seus pros e os seus contras, e a elección dunha ou doutra depende das características do ollo e do problema de refracción de cada persoa.

Do láser ás lentes intraoculares

Outras técnicas alternativas ao LASIK e á PRK para corrixir a miopía consisten na implantación de distintos tipos de lentes intraoculares, que se elixen en función da idade do paciente e do estado do seu cristalino. Así, se a córnea é a primeira lente do ollo, o cristalino é a segunda lente, que se atopa dentro do ollo, detrás da pupila. Esta lente permite enfocar de preto, pero cos anos tórnase dura e perde elasticidade, o que causa vista cansa (presbicia) a partir dos 45-50 anos. A partir dos 60 anos, esta lente endurecida, amais de ríxida, vólvese opaca, de modo que aparecen as cataratas aos 70 ou 80 anos. Hai dispoñibles dous grandes tipos de lentes intraoculares:

  • Lentes fáquicas ou ICL (de “Intraocular Contact Lens”, polas súas siglas en inglés). Implántanse en persoas novas, non candidatas ao LASIK por ter moitas dioptrías ou a córnea moi delgada. O obxectivo destas lentes é conservar o cristalino.
  • Lentes intraoculares (LIO). Destinadas a persoas maiores que necesitan unha cirurxía de cataratas e queren corrixir a súa miopía. As LIO colócanse tras extraer o cristalino, que perdeu a súa elasticidade e se volveu opaco. Por iso, a diferenza das lentes fáquicas (deseñadas para preservar o cristalino), as LIO substitúeno por completo e son multifocais. Estas lentes poden levar calquera tipo de graduación (ata 20 dioptrías) e así a persoa con cataratas e miopía pode librarse dos dous problemas ao mesmo tempo.

Este conxunto de intervencións (tanto o LASIK como as cirurxías con implante dunha lente) custan entre 900 e 3.000 euros por ollo, segundo información do Centro de Oftalmoloxía Barraquer. A elección dunha ou doutra e o prezo final sempre dependen de cada caso, pois nestes momentos a cirurxía da miopía habitualmente se personaliza.

Consellos para quen queira operar a miopía
  1. Un dos principais requisitos é ter a miopía estable.
  2. Estar un mínimo de dúas ou tres semanas sen as lentes de contacto para poder realizar as probas e medicións da córnea, xa que as lentes de contacto poden modificar estas medicións.
  3. A decisión debe ser meditada. Non hai urxencia para se someter á cirurxía: pódese realizar no momento que máis conveña.
  4. Saber que, nalgún caso, aínda que a persoa quede sen graduación, é posible que necesite lentes para conducir pola noite, aínda que non sexa o máis frecuente.
  5. Acudir a un profesional reputado para que lle aconselle os pros e mais os contras de operar a miopía e se no seu caso debe operarse ou non.

Fonte: Andrés Picó, cirurxián oftalmólogo do Centro de Oftalmoloxía Barraquer, de Barcelona