‘Tarifa plana’ de videoxogos: “Se aprobas, suscríbote un mes”

O xogar xa non ocupa lugar. Este Nadal, ao comprar unha PS5 ou unha Xbox Series X, é probable que o pack máis desexado non sexa o que vén con tal ou cal videoxogo para estreala, senón co agasallo duns cantos meses de balde a tan atractivos servizos para os gamers. Xa o chaman “a barra libre dos videoxogos”.
1 Decembro de 2020
Videojuegos diciembr

‘Tarifa plana’ de videoxogos: “Se aprobas, suscríbote un mes”

Ao ronsel do lanzamento de nova xeración de videoconsolas de Microsoft e Sony, recentemente estreadas en 2020, hai unha revolución aínda maior neste mercado. Foise xestando aos poucos, e marcará non só o futuro desta industria, senón a forma de acceder a este tipo de lecer. É algo máis ca unha tendencia: hai consolas que, como os equipos de audio dos coches, xa se comercializan sen sitio para introducir o xogo. Todo é dixital. E como xa pasou na música e despois no cine e na televisión, no mundo dos videoxogos chegaron (para quedar) os servizos de subscrición con tarifa plana mensual que dan acceso a centos de títulos.

O servizo de subscrición de videoxogos

Existen no mercado numerosas plataformas que ofrecen, por unha cota mensual, un acceso á descarga ilimitada de decenas e ata centos de videoxogos. Nomes propios son Playstation Now, de Sony, ou Game Pass, de Microsoft (os seus catálogos). Pero existen outras como EA Play, Google Stadia ou Ubisoft Plus, por nomear só unhas poucas.

O funcionamento é simple e similar ao que atopamos noutros servizos de lecer coma Netflix ou Spotify. Hai unha cota mensual que dá acceso ao catálogo. Segundo o servizo, ten máis ou menos funcións e produtos dispoñibles. Todos eles son escaparates cambiantes, que engaden e quitan títulos cada mes para manter o interese do subscritor ante a chegada de novidades, e adoitan ser bastante heteroxéneos en canto ao tipo de xogo. Así resultará atractivo tanto para os máis pequenos como para os adultos. Cunha vantaxe máis: como sucede coa tele en streaming, cada persoa da familia ou do fogar pode ter un perfil propio para xogar na mesma consola.

Segundo os expertos, estes servizos teñen luces e sombras. Fernando Muñoz Bordona, psicólogo especialista na influencia dos videoxogos nos nenos, opina que “os menores hoxe en día non entenden o tempo de espera dada a inmediatez coa que conseguen todo, grazas aos servizos de subscrición. Quero algo e téñoo ao día seguinte, o que xera unha falsa sensación de que o podo lograr todo xa”, asegura. “Este tipo de servizos tamén pode comportar que os menores non acaben os xogos, que non se enfronten a retos porque se nun xogo me bloqueo… baixo outro e listo”. Non todo é negativo, segundo Muñoz Bordona: este tipo de servizo pode favorecer que atopen o tipo de xogo que máis lles gusta en menos tempo. “E permite que se lles poida ofrecer facilmente outros que desenvolvan diferentes áreas e melloren en aspectos como o desenvolvemento da motricidade fina”, conclúe.

Que diferenza hai coa compra dixital

Este é un detalle moi importante. A subscrición dixital, como sucede cos servizos de películas, series ou música, non nos dá a propiedade do artigo descargado. É dicir, en realidade estamos alugando eses xogos mentres estean dispoñibles e durante o período no que pagamos a cota. Pero hai excepcións. Por exemplo, en Xbox, aínda que un xogo se retire do catálogo dispoñible en Game Pass, poderemos seguir xogando mentres non o borremos do noso disco duro. Algo que, o seu gran rival, Sony, non permite con Playstation Now.

Pola contra, adquirir un xogo dixital é exactamente igual ca facelo de xeito físico. Descargamos o xogo e, segundo as condicións de cada tenda, poderémolo borrar, descargar e instalar tantas veces como queiramos, xa que está asociado á nosa conta e non depende de estar pagando ningunha cota.

Non todas as subscricións nos videoxogos serven para o mesmo

Hai que ter coidado, porque non todo o que é unha subscrición dentro dunha videoconsola nos dará acceso a unha tarifa plana de videoxogos para descargar. Existen varias opcións:

  • Subscrición para xogo en liña. Como exemplo, Sony ofrece PS Now e ten tamén PlayStation Plus. É unha cota diferente e independente que nos ofrece servizos como o multixogador en liña para os videoxogos –ollo, hai certos títulos moi populares como o Fortnite aos que se pode xogar en liña sen pagar– e unha serie de xogos de agasallo cada mes. Estes si que podemos quedar con eles e descargalos as veces que queiramos, sempre que sigamos pagando a subscrición. Algo parecido ocorre con Nintendo Switch en liña ou Xbox Live Gold.
  • Pase de tempada, presente en moitos xogos. Trátase dun pago único que nos permite dispoñer de todos os contidos (expansións, paquetes de obxectos, melloras estéticas…) que se ofrecerán durante un tempo determinado e unicamente para o xogo para o que o compramos. Se queremos dispoñer do mesmo contido noutro que tamén o ofreza, hai que pagar de novo por esoutro pase.
  • Subscrición individual, por xogos. Existen títulos como World Of Warcraft –sempre de moda– que requiren unha subscrición individual para poder xogar. E o mes que non a paguemos, deixaremos de ter acceso ao videoxogo. Non soa mal como premio ante un bo expediente escolar no cuadrimestre.

O ‘streaming’ de videoxogos, é igual que as subscricións? 

A posibilidade de xogar aos videoxogos en streaming é unha funcionalidade dos servizos de subscrición no mercado. Hai algúns como Google Stadia, nos que todos os videoxogos se executan a través desta tecnoloxía e non permiten a descarga para xogar na propia videoconsola, ordenador e dispositivo. Microsoft, en cambio, inclúeo como parte da súa subscrición máis completa, Game Pass Ultimate, que dá acceso a xCloud. No caso de Sony está integrado coa subscrición estándar do seu catálogo, Playstation Now.

Se nos imos a outras grandes marcas do videoxogo, coma Nintendo, co seu servizo de pago Switch en liña, non está dispoñible o streaming. A vantaxe desta funcionalidade de xogo na nube é que, en realidade, estamos executando o título nun servidor, polo que realmente non resulta necesario un dispositivo en particular. Podemos acceder tanto desde un teléfono móbil, coma desde un ordenador ou unha videoconsola. Nalgúns casos, estanse integrando nos propios televisores smart TV. Unicamente necesitamos un mando de xogo con bluetooth, para móbiles tamén, e unha boa conexión a Internet (preferiblemente fibra simétrica superior a 100 Mpbs ou unha cobertura 4G ao máximo) para gozar dos xogos. Pero na súa principal virtude ten tamén o maior hándicap: se non temos conexión a Internet non se pode acceder aos xogos de ningún xeito.

Como pode ser tan barata a subscrición, se os xogos custan ata 80 euros?

É quizais a dúbida máis razoable. Falamos de subscricións que van desde uns 60 euros ao ano a 15 euros ao mes, o equivalente ao custo dun ou dous videoxogos que xa, coa chegada da PS5, alcanzan os 80 euros nas tendas. Como é posible que por este prezo poidamos descargar e gozar con tantos xogos? Aínda se están definindo as estratexias das compañías neste sentido, pero a tendencia que se observa nun informe da consultora Simon-Kurcher, no que se entrevistou a máis de 13.000 usuarios de videoxogos, dá pistas do amplo que pode chegar a ser o negocio. Os xogadores máis comprometidos, que chegan a dedicarlle 20 horas semanais de xogo, están dispostos a gastar de 19 a 40 dólares (de 16,10 a 34,14 €) ao mes en subscricións, pero é que os chamados “casuais”, o gran groso dos que dedican unhas 5 horas á semana, están abertos a destinar entre 10 e 30 dólares (entre 8,50 e 25,60 €) ao mes a unha subscrición.

O control parental está na consola, non o servizo

Na súa maioría, estas ofertas de barra libre de videoxogos teñen unha selección de títulos equilibrada que vai desde aqueles con código PEGI (siglas de Pan European Game Information, en galego: información paneuropea sobre videoxogos) para todos os públicos como os marcados cun +18. É, xa que logo, responsabilidade de pais, nais ou titores aprender como funcionan os controis parentais da consola que deixan en mans dos nenos antes de pagar unha subscrición que pode dar acceso a material non adecuado para a súa idade. Segundo o psicólogo infantil Muñoz Bordona, o control parental debe ser máis intenso en función da idade. “Nas primeiras etapas, os menores duns 10 anos é probable que o seu maior obxectivo sexa a acumulación de xogos, aínda que con algúns non cheguen nin a xogar. E esta podería ser outra medida de control: asegurar por parte da propia plataforma que se completou unha parte do xogo anterior”. Neste momento, ningunha o ten. “Nos xogos de compra física non se dá ese afán acaparador, porque xa teñen que desprazarse á tenda e, en moitos casos, acompañados dos seus proxenitores”.

Pero, xa hai tanta xente cunha subscrición?

A firma de consultoría de marketing Simon-Kucher & Partners realizou recentemente unha enquisa a máis de 13.000 afeccionados aos videoxogos de 17 países. Cerca do 30 % dos usuarios teñen xa unha subscrición a algún dos servizos deste tipo. E case o 9 % teñen máis dunha. Por outra banda, este tipo de subscricións están xerando un maior enganche, algo similar aos maratóns de series e películas en plataformas como HBO ou Netflix. Cerca do 70 % dos gamers consultados cunha subscrición activa confesaron que agora xogan máis horas á consola ou PC.

  • Sen subscrición: 65%
  • Con subscrición: 35 %
    • Subscrito a varias plataformas: 9%
    • Interesado en subscribirse a varias plataformas: 71%
    • Sen intención de subscribirse a varias plataformas: 20 %

Fonte: Enquisa a 13.000 usuarios realizada pola consultora Simon-Kucher & Partners.

Virtudes e carencias das 10 marcas máis populares

Xbox Game Pass 

Ofrece o servizo máis completo. Podemos compartir entre diferentes plataformas (PC e Xbox) e manter as partidas sincronizadas entre elas, ata a través de streaming. É dicir, empezar a partida nunha e continuar noutra.

  • Plataformas: Xbox One / Xbox Series S / Xbox Series X / PC.
  • Streaming (xogo sen consola/PC): si, xCloud.
  • Catálogo: máis de 400 xogos (70-80 para cada rango idade PEGI *).
  • Prezos: Ultimate: 12,99 euros ao mes (inclúe Xbox Live Gold). Só para PC ou para consola: 9,99 €/ mes.
  • O mellor: Todos os xogos de Xbox Games Studios están incluídos sempre e non desaparecen. Engádense o día de lanzamento. A súa versión Ultimate dá acceso a Xbox Live Gold, onde se regalan xogos cada mes. Podes quedar con eles, mentres pagues a cota.
  • O peor: É un dos servizos máis caros.

PS Now (Playstation) 

Sony ofrece unha enorme colección de xogos de PS2, PS3 e PS4 para xogar desde a PlayStation 4 ou 5 ou desde un PC con Windows mediante streaming.

  • Plataformas: PS4 / PS5 / PC (streaming).
  • Streaming (xogo sen consola/PC): si, limitado a imaxes en baixa resolución (máxima de 720p).
  • Catálogo: máis de 700 xogos.
  • Prezos: 9,99 euros ao mes. 24,99 euros ao trimestre. 59,99 euros ao ano.
  • O mellor: Un dos catálogos máis extensos, e a mellor relación calidade-prezo.
  • O peor: Os xogos de PS3 e PS2 xóganse en streaming, polo que non están dispoñibles offline, e as partidas non se sincronizan entre plataformas. Non inclúe a plataforma PS Plus e non hai un catálogo fixo cos exclusivos, como si ocorre en Xbox.

Nintendo Switch Online 

Ten o servizo máis limitado das tres grandes compañías, pero é o máis barato. É imprescindible para xogar en liña á inmensa maioría dos xogos de Switch, pero o catálogo dispoñible en descarga é só de xogos de NES (8 bits) e SuperNintendo (16 bits), lanzados nos anos 80 e 90.

  • Plataforma: Nintendo Switch.
  • Streaming (xogo sen consola/PC): non.
  • Catálogo: máis de 70 xogos.
  • Prezos: 3,99 euros ao mes. 7,99 euros ao trimestre. 19,99 euros ao ano. 34,99 euros ao ano (subscrición familiar ata 8 contas).
  • O mellor: O servizo máis económico, e o único que permite unha subscrición para varios membros dunha mesma familia.
  • O peor: A selección de títulos para descargar de balde é demasiado retro para o público actual.

Google Stadia Pro 

Servizo unicamente a través de streaming, pero compatible con teléfonos móbiles e ordenadores a través do navegador Google Chrome. Conta cun catálogo de acceso libre, xogos de agasallo cada mes e a posibilidade de comprar xogos individuais.

  • Plataformas: PC / Mac / Móbiles.
  • Streaming (xogo sen consola/PC): si.
  • Catálogo: 72 xogos.
  • Prezo: 9,99 euros ao mes.
  • O mellor: Pódese xogar case desde calquera móbil ou PC sen problemas de hardware (xa que estamos na nube), e cada mes regalan ata 6 xogos.
  • O peor: É necesaria unha boa conexión e a selección de xogos de balde é moi limitada, tendo en conta que temos pagar por cada xogo do resto do catálogo se queremos acceder a el (de 40 a 60 euros como media).

Amazon Luna

Recentemente presentado e aínda en fase beta: só se pode acceder por invitación e aínda non está dispoñible en España, pero é compatible con PC, Mac, Fire TV e apps en iPhone e iPad.

  • Plataformas: PC / Mac / Fire TV, iPhone, iPad.
  • Streaming (xogo sen consola/PC): si.
  • Catálogo: non declarado, ao estar en fase beta.
  • Prezo: 5,99 euros ao mes, máis a subscrición por canles (aínda sen prezo oficial).
  • O mellor: É posible utilizalo desde dous dispositivos ao mesmo tempo e ofrece alta calidade (algúns xogos teñen resolución 4K).
  • O peor: Hai que pagar, ademais da subscrición, por canles de cada unha das marcas editoras de xogos para ter acceso ás diferentes coleccións de títulos.

EA Play 

Unha das editoras de videoxogos máis coñecidas polas súas sagas FIFA, Battlefield, Need for speed, Os Sims ou os videoxogos de Star Wars, ofrece un servizo de subscrición que, ademais, dá acceso a probas exclusivas dos novos xogos que vai lanzar ao mercado.

  • Plataformas: PC (Steam – Origin) / Xbox One / Xbox Series X / PS4 / PS5.
  • Streaming (xogo sen consola/PC): non.
  • Catálogo: 42 xogos.
  • Prezos: 3,99 euros ao mes. 24,99 euros ao ano.
  • O mellor: Accédese a algúns dos xogos máis coñecidos e os que teñan Xbox Game Ultimate ou PC téñeno de balde desde finais de 2020.
  • O peor: Un catálogo moi limitado e o acceso á proba de novos xogos é de tan só 10 horas. Ademais, non renovan esa relación de títulos moi a miúdo.

Ubisoft Plus 

Outra das grandes editoras de videoxogos sumouse á moda das subscricións con acceso a máis de 100 xogos do seu catálogo e á posibilidade de xogar aos lanzamentos completos o primeiro día no que están á venda.

  • Plataforma: PC.
  • Streaming (xogo sen consola/PC): non.
  • Catálogo: +100 xogos.
  • Prezo: 14,99 euros ao mes.
  • O mellor: Poder acceder de balde aos xogos de lanzamento da marca –que conta con sagas como Asassins Creed– o primeiro día que están á venda. E sen custo adicional.
  • O peor: É unha subscrición só para xogar desde o PC. Non ten posibilidade de utilizarse en ningunha videoconsola, polo momento.

Prime Gaming 

O outro servizo de subscrición de Amazon que ata hai pouco se chamaba Twitch Prime. Cunha proba de balde de 30 días, dá acceso permanente aos xogos de balde que ofrece e, ademais, se es usuario Prime telo sen custo.

  • Plataforma: PC.
  • Streaming (xogo sen consola/PC): non.
  • Catálogo: +50 xogos.
  • Prezos: 3,99 euros ao mes. De balde con Amazon Prime (36 euros ao ano).
  • O mellor: É totalmente de balde se xa posúes unha subscrición a Amazon Prime. Ademais de xogos, tamén regala contido ou complementos para eles (armas, traxes, etc.).
  • O peor: A inmensa maioría do catálogo son títulos menores, independentes ou free-to-play (xogos de acceso gratuíto con micropagamentos).

Humble Choice

Antes Humble Monthly, ofrece por 10,24 euros unha subscrición que nos regala un pack de 12 xogos cada mes valorado nuns 256 euros. Ademais, parte da subscrición podémola destinar a organizacións benéficas.

  • Plataforma: PC (Steam).
  • Streaming (xogo sen consola/PC): non.
  • Catálogo: packs mensuais de 12 xogos.
  • Prezo: 12 dólares (10,10 €) ao mes.
  • O mellor: O investimento sempre é superado polo prezo dos xogos que ofrecen cada mes: quedámonos con eles para sempre, ata se deixamos de pagar a subscrición.
  • O peor: Non hai moita posibilidade de elección, xa que se trata dun pack pechado cada mes, e nunca saberemos que será o que nos ofrecerán o seguinte.

Utomik

É quizais a que ofrece o catálogo máis amplo, con máis de 1.100 xogos dispoñibles e novidades cada semana (en lugar de cada mes como o resto de subscricións).

  • Plataforma: PC.
  • Streaming (xogo sen consola/PC): non.
  • Catálogo: 1.145 xogos dispoñibles.
  • Prezos: 6,99 euros ao mes (1 conta). 9,99 euros ao mes (ata 4 contas e control parental).
  • O mellor: O maior catálogo que podemos obter por unha subscrición tan barata. Conta cunha xenerosa variedade de títulos.
  • O peor: Na súa maioría, trátase de xogos independentes e os que pertencen a grandes editoras (unicamente Take2 e THQ) non son os seus últimos lanzamentos.

(*) Só Xbox ofrece datos de títulos por rangos de idade