Dereito a reparar: o fin do usar e tirar?

Europa ponse á fronte da loita contra a obsolescencia programada cun plan para impulsar a reparación dos dispositivos tecnolóxicos. España dá un paso máis cunha nova norma que amplía a garantía destes produtos. Pero, que supoñen estas novas medidas para os consumidores? Afecta a todos os produtos? Repasamos todo o que implica esta nova normativa e o que queda por facer.
1 Xuño de 2021

Dereito a reparar: o fin do usar e tirar?

O teléfono móbil ou esa lavadora de última xeración que compramos non duran tanto como esperabamos? A resposta está nunha lámpada. Concretamente, nunha de 1924, ano en que se reuniron os principais fabricantes destes produtos –entre eles, Osram, Philips ou General Electric– para atopar unha forma de incrementar os seus beneficios económicos. A solución: un documento no que se comprometían a limitar conscientemente a vida útil dos seus produtos a 1.000 horas, en lugar das 2.500 horas que alcanzaban entón. Así naceu o que hoxe coñecemos como obsolescencia programada, o proceso polo que se dita de forma intencionada o fin do ciclo de vida dun ben de consumo electrónico. Este fenómeno rexeu o contexto de consumo de electrodomésticos e tecnoloxía, fomentando o consumo rápido e ese patrón de “usar e tirar” que a Axenda 2030 espera diluír nas próximas décadas.

Decenas de organizacións internacionais e gobernos levan tempo intentando loitar –sen éxito– contra a obsolescencia programada, que fai que os consumidores rompan a cabeza, xa que se atopan, dun día para outro, con aparellos que deixan de funcionar e con reparacións extremadamente caras.

Garantías de tres anos

Un novo cambio na actual normativa de consumo española deu un paso máis no principio do fin da obsolescencia programada. A partir do 1 de xaneiro 2022, ampliarase a garantía obrigatoria para calquera ben de consumo duradeiro –como os móbiles, ordenadores, tabletas, neveiras, lavadoras– de dous a tres anos. Isto quere dicir que o consumidor terá un ano máis para que o fabricante repare calquera avaría sen un custo adicional. Ademais, tamén estará obrigado, por lei, a manter dispoñibles as súas pezas de reposto durante dez anos (o dobre ca antes), co obxectivo de facilitar a reparación.

A reforma da lei de consumidores aprobada a finais de abril inclúe outro novo fito: a regulación sobre contidos dixitais. Ante o auxe do comercio en liña en España, especialmente no último ano, o Goberno decidiu tomar cartas nos servizos dixitais (como as apps, os xogos, as plataformas de música ou os libros electrónicos), ampliando tamén a garantía deses produtos a dous anos e marcando que “teñan as calidades de durabilidade, accesibilidade, continuidade, compatibilidade e seguridade”. Ademais, o fabricante deberá avisar o consumidor das correspondentes actualizacións para garantir a súa seguridade.

Produtos que duran máis 

“Parécenos todo un acerto. Esta reforma incorpora a durabilidade dun produto como un criterio obxectivo para que o consumidor avalíe se está conforme coa compra, de tal modo que, cando un artigo rompa mentres estea en garantía, o cliente poderá elixir entre reparalo ou substituílo (unha decisión que, ata agora, tomaba o fabricante)”, explica Alicia García-Franco, directora da Federación Española de Recuperación y Reciclaje. “O que o Ministerio busca con estes cambios na duración das garantías é incrementar a durabilidade dos bens na loita contra a obsolescencia e reducir o seu impacto ambiental”. No entanto, aínda non queda claro se estas medidas serán de carácter retroactivo ou ben se aplicarán a partir do momento en que a lei entre en vigor.

Por que deixan de funcionar?

Obsolescencia funcional (ou incorporada). Provoca que o produto falle de xeito predeterminado polo fabricante. É a máis coñecida. Este sería o caso dunha impresora que tras facer 2.000 copias deixa de funcionar.

Obsolescencia de deseño (ou psicolóxica). Converte un produto en obsoleto cando deixa de estar de moda. O mellor exemplo é o da roupa: as marcas xeran novas coleccións cada 15 días, invitándonos a deixar de lado a roupa adquirida hai un mes e comprar esa nova. Tamén ocorre no caso dos smartphones e dos seus novos modelos.

Obsolescencia tecnolóxica. Fai que o produto deixe de funcionar ou vaia moito máis lento porque a tecnoloxía que incorpora de fábrica está desfasada. Por exemplo, un teléfono móbil que deixa de funcionar aos tres anos porque o seu fabricante xa produciu tres modelos novos e decide deixar de actualizar o software dos anteriores.

Un proxecto europeo

A nova normativa española, que busca alongar a vida útil dos produtos e reducir o seu impacto –na carteira e no medio– englóbase dentro do novo Plan de Acción de Economía Circular, o proxecto elaborado polo Parlamento Europeo para garantir unha transición xusta á economía circular. Aprobada o pasado 19 de marzo, o seu obxectivo non é outro ca recuperar o chamado “dereito a reparar”, ou a capacidade para arranxar os nosos produtos en lugar de compralos de novo.

O “dereito a reparar” é unha cultura que herdamos dos nosos pais e avós e que acabou desaparecendo case ao completo como consecuencia da inmediatez do consumo. Cando foi a última vez que reparamos unha lavadora ou un televisor? É probable que a resposta sexa nunca. Quizais o levamos a un reparador profesional, pero tamén é moi probable que, tras ver o prezo, nos parecese máis barato comprar outro. Iso é, precisamente, o que denuncian tanto as institucións europeas como as organizacións defensoras do dereito a reparar: se non resulta atractivo é porque a ninguén lle interesou ensinarnos.

De feito, Eurostat indica que sete de cada 10 europeos repararían os seus produtos antes de comprar outros, no entanto, o custo da reparación e a falta de accesibilidade ás pezas bótaos para atrás. Nada máis lonxe da realidade: comprar en lugar de reparar comporta un gran gasto para o consumidor, segundo a Fundación Energía e Innovación Sostenible, que calcula que un núcleo familiar de catro membros pode chegar a gastar ao longo da súa vida un total de 50.000 euros con motivo da obsolescencia programada.

A que produtos lle afecta? 

O plan de acción da Unión Europea aplícase a categorías moi concretas de produtos: frigoríficos, lavadoras, secadoras, lavalouzas e fontes de luz. “Esta estratexia busca catro características para avaliar a sostibilidade do produto. Primeiro, a súa durabilidade. Segundo, a súa reutilización. Terceiro, a súa actualización, é dicir, que non quede obsoleto. E, para rematar, a súa reparabilidade, ou o grado de dificultade para encontrar pezas de reposto e arranxalo”, explica García-Franco.

Neste aspecto, as empresas, ademais de estar obrigadas a manter dispoñibles as pezas de recambio durante dez anos, terán que traballar na fabricación de produtos electrónicos que se poidan reparar de forma relativamente fácil, sen necesidade de ferramentas demasiado especiais e a través de manuais que expliquen de forma clara como realizar esas reparacións. Por primeira vez, os fabricantes terán que preservar as actualizacións de software máis recentes no mesmo período de tempo ca calquera peza de reposto.

O apoderamento do consumidor tamén engloba o seu dereito a coñecer a fondo o produto que está comprando. Nesta liña, Europa considera que debe haber unha comunicación transparente por parte dos fabricantes en relación á vida útil dos seus produtos e as opcións de reparación e inclúe dúas iniciativas máis: por unha banda, obrigará a mostrar a vida útil estimada do dispositivo (o fabricante encargarase da reparación no caso de que quede inservible por avaría antes da data esperada) e, por outro, instaura un etiquetado, de carácter voluntario, que acompañará o produto na súa embalaxe e puntuarao segundo a súa durabilidade e reparabilidade para axudarlle ao consumidor a decidir.

Canto duran de media os aparellos tecnolóxicos?

Os electrodomésticos, os smartphones e os ordenadores desbótanse moito antes de chegar ao fin do seu ciclo. De feito, agora mesmo, o mundo tira 55.000 millóns de euros ao lixo en materiais que se poderían reciclar. E hai outro gran problema: o impacto ambiental.

Os residuos provenientes do lixo electrónico xerados pola obsolescencia programada son, segundo un recente informe das Nacións Unidas, os que máis medraron globalmente. Canto debería durar cada produto para que as súas emisións fosen netas e así ser respectuoso co medio?

Un novo etiquetado

O deseño do novo etiquetado será similar ao das etiquetas de eficiencia enerxética e utilizará un baremo dun máximo de 20 puntos que se calculará tendo en conta cinco aspectos:

  • A documentación que o fabricante proporciona para a reparación.
  • A facilidade para desmontalo.
  • A dispoñibilidade de pezas de reposto.
  • A relación entre o prezo das pezas de reposto e o produto orixinal.
  • Outros criterios para o caso da electrónica, en función da asistencia e facilidade de reinicio do software.

A etiqueta puntuará do 0 ao 10 e serán os propios fabricantes os que calculen o índice de acordo cos parámetros establecidos baixo a lupa das autoridades de Consumo e de Vixilancia de Mercado. Desta forma, á hora de comprar unha lavadora ou un frigorífico, o consumidor atoparase con este índice que lle indicará a marca e o modelo máis fácil de reparar en caso de avaría.

O Ministerio de Consumo xa traballa neste novo etiquetado, convertendo a España no segundo país europeo en pór en práctica a cualificación. Francia leva a dianteira con este logotipo que xa funciona sobre lavadoras, portátiles, smartphones, televisores e cortacéspedes. No caso de España, Consumo aínda non especificou cales serán os produtos afectados nin cando se aplicará este índice.

E os móbiles? 

“As aplicacións da normativa están limitadas aos electrodomésticos, en lugar de incluír os smartphones e os ordenadores, que son os que están máis afectados pola obsolescencia programada e os que tenden a desbotarse antes”, denuncia Chloé Mikolajczak, da asociación europea polo dereito a reparar, Right to Repair. Segundo os seus datos, tres de cada dez consumidores cambian o seu teléfono cando empeza a dar problemas de funcionamento, a pesar de que este aínda non chegue ao final da súa vida. De media, os europeos cambian de móbil cada dous anos.

Aínda que o Plan de Acción da Economía Circular si que contempla os móbiles, as tabletas e os ordenadores, faino nunha folla de ruta lexislativa que se enfoca máis no ecodeseño e a fabricación de dispositivos máis sostibles co planeta que no dereito a reparar. Entre as súas medidas inclúese obrigar os fabricantes, na etapa de deseño, a reducir o consumo de enerxía dos dispositivos, e facelos máis duradeiros e facilitar a súa desmontaxe de cara a fomentar o reciclado e reducir o lixo electrónico.

Ademais, esta iniciativa propón eliminar os obstáculos para a reparación, revenda e reutilización destes dispositivos, para o que propón establecer un sistema que lles permita aos consumidores revender os seus vellos teléfonos, tabletas e cargadores, promovendo así a reutilización. Tamén demanda un sistema de carga común, unha batalla que leva anos sendo motivo de debate entre os fabricantes que utilizan o tipo de cabeza do seu cargador como unha estratexia de márketing que, aínda que os diferencia do resto das marcas, tamén fomenta un maior gasto en electrónica ao limitar os seus dispositivos a un cargador moi concreto.

No entanto, xa vimos algúns avances: empezando por Apple, un dos máis remisos, que, aínda que segue sen adoptar o sistema USB-C nos seus móbiles (o cargador universal), xa deixou de incluír o seu cargador na caixa para facilitar a reutilización de cargadores de versións anteriores.

Principais obstáculos

Se o plan de acción da Unión Europea si que inclúe smartphones e os ordenadores, onde está o problema? En que, ao non englobarse na resolución sobre o dereito a reparar, non pon sobre a mesa medidas específicas para garantir a reparación e reducir a obsolescencia programada. “Non pode existir un dereito a reparar cunhas categorías tan limitadas. Estamos facendo forza para que os fabricantes estean obrigados a facer actualizacións obrigatorias de software durante un mínimo de sete anos (coma no caso das pezas de reposto), propoñer alternativas de software cando deixen de existir máis actualizacións e que, do mesmo xeito que coas lavadoras ou os frigoríficos, inclúan manuais de reparación cunha linguaxe simple”, engade Mikolajczak.

Samsung, por exemplo, xa empezou a compartir algúns dos seus manuais para incrementar a súa puntuación no índice de reparabilidade francés (que si inclúe smartphones). Apple Francia, para responder ao novo índice, xa inclúe o etiquetado en todos os modelos da súa páxina web. Pero, como puntualiza Mikolajczak, “hai moitos outros fabricantes que alegan que a publicación destes manuais violaría os segredos industriais”. Ademais, a regulación de ecodeseño non inclúe ningún requisito que obrigue a seguir actualizando o software dos dispositivos a medida que avancen na súa vida útil. Que quere dicir isto? Que, aínda que o fabricante cumpra coa accesibilidade ás actualizacións, é posible que evite renovalas ás últimas esixencias.

Que queda por facer

Aínda que García-Franco describe este plan europeo como un grande avance de cara a rematar coa obsolescencia, recoñece que deixa moitas cousas no tinteiro. “As normas, de momento, só se aplican aos novos modelos. Pero, que pasa cos que xa temos?”, cuestiona. Bota de menos igualmente unha maior especificidade á hora de concretar que é exactamente unha peza de reposto e cal é o prezo máximo que debe cobrarse por ela. “Se me rompe o enganche da porta da lavadora, o fabricante pode considerar que a peza de reposto que debe proporcionar por esta nova normativa é, en lugar do enganche, unha porta nova, o que encarece a reparación”, explica.

Cabe recordar que esta é unha normativa dun plan de acción cuxa data límite é 2024, porque o obxectivo é ter o tempo suficiente para organizar a todos os estados-membro e así garantir a uniformidade da súa aplicación. Na actualidade, os países europeos –incluído España– están repasando as súas novas leis de consumo e aplicando adaptacións que, no futuro, cristalizarán no ámbito lexislativo. “A curto prazo, os cambios serán mínimos: notarémolo no novo etiquetado, pero pouco máis. Nuns cantos anos xa veremos alteracións máis grandes”, vaticina García-Franco.

Mikolajczak, da asociación europea polo dereito a reparar, teme que esta normativa non provoque cambios substanciais, “do mesmo xeito que ocorreu coa creada en 2019 para obrigar os fabricantes dalgúns electrodomésticos a manter as pezas de reposto vixentes durante dous anos máis”. Subliña, ademais, un detalle esencial que a normativa parece omitir: “Non garante que calquera persoa poida reparalas. De feito, tan só se centra nos reparadores profesionais, pero non menciona a organizacións sen ánimo de lucro ou iniciativas educativas que buscan apoderar o consumidor no seu dereito a reparar e facer máis accesible este dereito”.

Consellos para o consumo responsable de tecnoloxía

Priorizar o uso de tecnoloxía de segunda man. Comprar electrodomésticos e electrónica usados alonga a súa vida útil e réstalle o impacto ambiental ao planeta. Ademais, sae máis barato.

Pensar antes de comprar. Á hora de adquirir un produto, hai que preguntarse se realmente se necesita.

Buscar o selo ISSOP. Este selo atópase nas embalaxes dalgúns dispositivos. Esta distinción significa que ese fabricante ofrece produtos que non quedan inservibles en curtos períodos de tempo.

Informarse. En lugar de lanzarse ao primeiro electrodoméstico ou smartphone que vexamos, hai que investir tempo en informarse sobre as facilidades que ofrece o fabricante para reparar o produto.

Reparalo un mesmo. Aínda que a normativa europea non menciona as reparacións de particulares, desde as organizacións que defenden o dereito a reparar cren que debe ser un aspecto que se debe impulsar. Por iso organizan cursos sobre reparación e proporcionan manuais de balde.

Reciclar. Se non queda outro remedio que desfacerse dese dispositivo, hai ca asegurarse de facelo da forma máis sostible. Nunca hai que tiralo ao lixo: sempre, ao punto limpo.

Reutilizar. No caso de que non se poida reparar, pódeselle dar un uso alternativo. Por exemplo, pódese aproveitar todo ese espazo do antigo ordenador que non se conecta a internet para convertelo nun arquivo fotográfico.

Aproveitar os accesorios. Os teléfonos, as tabletas e os ordenadores adoitan vir acompañados de auriculares e cargadores. Pódense utilizar con outros dispositivos ou vendelos no mercado de segunda man.

Compartir. Informa as demais persoas sobre as alternativas para frear a obsolescencia programada.

Fontes: Fundación de Energía e Innovación Sostenible, Right to Repair e Fundación Energía e Innovación Sostenible sin Obsolescencia Programada.