Chrome é o navegador máis rápido e Firefox destaca porque ten un maior número de opcións de privacidade
O navegador nestes momentos non se entende só como o xeito de acceder ás páxinas da Rede, senón que se converteu nunha plataforma para executar aplicacións web, reproducir contidos multimedia e manexar gráficos en 3D ao mesmo tempo. EROSKI CONSUMER realizou unha proba de uso dos tres dos navegadores web máis utilizados polos usuarios para coñecer as súas vantaxes e inconvenientes nun uso habitual: Google Chrome 9, Firefox 3.6 e Internet Explorer 8.
Para coñecer a velocidade que teñen estes navegadores cando amosan as páxinas executouse en varias ocasións o test de rendemento SunSpider JavaScript Benchamarck 0.9.1 con cada un deles. Despois calculouse a media, realizouse unha proba práctica de carga da páxina web de EROSKI CONSUMER (www.consumer.es) e contabilizouse o tempo en segundos.
Características comúns
Nos últimos anos o desenvolvemento dos tres navegadores web centrouse en varios aspectos comúns e importantes para os usuarios: a velocidade de carga das páxinas web, o seu renderizado ou consumo de recursos do procesador á hora de amosar imaxes, a seguridade e a xestión das diferentes opcións relacionadas coa privacidade. Tamén na visualización de elementos multimedia mediante o uso das distintas tecnoloxías web e o uso de complementos, engadidos e extensións que permiten incorporar características adicionais ao navegador e personalizar o seu ámbito gráfico.
Diferenzas
Mentres que Firefox 3.6 e Chrome 9 están dispoñibles para os sistemas operativos Windows, Linux e Mac Os X, Internet Explorer 8 só o está para o sistema operativo Windows nas súas últimas versións. Por outra banda, Chrome 9 resultou o navegador máis veloz na execución de JavaScript e na carga de páxinas web, mentres que Firefox 3.6, a pesar de rexistrar unha notable melloría nestes aspectos, non o dá superado. Pola súa banda, Internet Explorer 8 é o máis lento, xa que dispón do mesmo motor de navegación dende o seu lanzamento no 2009.
O mellor para:
- Navegar rápido: Chrome
- Accesibilidade das páxinas web: Chrome
- Extensión e personalización: Firefox
- Opcións de seguridade e privacidade: Firefox
- Modo parenteral: Internet Explorer 8 e Firefox
Os navegadores un a un
Chrome naceu con moi poucas funcionalidades, pero resultou o navegador máis rápido ao utilizar un novo motor para a execución das funcións e para a renderización das páxinas web. Ademais, é o navegador que se actualiza máis a miúdo.
A nova versión operativa leva consigo algúns engadidos importantes, como un lector de documentos PDF, a posibilidade de sincronizar os sitios favoritos entre os navegadores do usuario instalados en diferentes dispositivos, a administración de marcadores e un xestor de miniaplicacións. Chrome inclúe ademais unha tecnoloxía de aceleración por hardware das imaxes, que aproveita a capacidade do ordenador para amosalas máis á présa. E é o único navegador que vén con Adobe Flash integrado, polo que non necesita a instalación dun plugin e se actualiza de forma automática. Outra das súas vantaxes son as actualizacións automáticas e de alta frecuencia do navegador, sen intervención do usuario e sen que este sexa consciente de que o navegador se actualizou, co que se corrixen todas vulnerabilidades susceptibles de ser explotadas por páxinas web con malware.
Renderizado e velocidade de páxinas web. Coa versión 9, Google Chrome mantense como o navegador máis veloz ao utilizar o motor JavaScript V8. Por outra banda, a carga da páxina principal de EROSKI CONSUMER realizouse en tan só tres segundos.
Seguridade e privacidade. Cada pestana execútase de modo separado, por iso se xorde algún problema na execución dunha páxina esta interrómpese sen interferir nas outras. Esta vantaxe tamén é positiva na execución dunha páxina web maliciosa, xa que pode illarse do resto de pestanas abertas.
Firefox converteuse nos últimos anos na grande ameaza para Internet Explorer. Non obstante, o seu desenvolvemento e ritmo de actualizacións foi inferior ao de Google Chrome, a gran revelación do sector. Con respecto á versión 3, mellorou moitos dos aspectos máis deficientes, como a xestión de certificados dixitais ou a incorporación do modo de navegación privada, ata entón só dispoñible para Internet Explorer. Renderizado e velocidade de páxinas web. No test SunSpider 0.9.1 quedou por detrás de Google Chrome, cun resultado medio de 875 ms. Ademais, a proba práctica de carga da páxina inicial de EROSKI CONSUMER realizouna en catro segundos, un máis ca o navegador de Google.
Seguridade e privacidade. Dispón de actualizacións automáticas para superar problemas de seguridade e mais de protección contra software malicioso e fronte a intentos de phishing. Na barra de navegación conta cun apartado para identificar de xeito máis visual o momento no que se accede a un sitio recoñecido de comercio electrónico ou banca electrónica con certificado dixital válido. Dispón dun modo de navegación privada que non deixa rastros no ordenador das páxinas polas que se navegou, o que fai recomendable o seu uso cando se acceda a sitios persoais como contas de correo electrónico, banca online ou redes sociais dende ordenadores alleos ao usuario.
Este navegador é o máis antigo de todos, aínda que se mantén actualizado no tocante a vulnerabilidades de seguridade e rendemento xeral do sistema.
Renderizado e velocidade de páxinas web. No test SunSpider 0.9.1, este navegador obtivo a peor puntuación media, 4205 ms, mentres que tardou 11 segundos en cargar a páxina principal de EROSKI CONSUMER na proba práctica de carga.
Seguridade e privacidade. Incorpora diferentes características que engaden protección fronte ao software malintencionado e a suplantación de identidade mediante phishing. Contén un filtro denominado SmartScreen que alerta mediante unha pantalla de aviso no caso de que a páxina web que se visite queira instalar código de maneira inadvertida no ordenador do usuario. Se unha páxina web non é considerada segura, o navegador alerta automaticamente sempre e cando o usuario teña activado este filtro. No tocante á privacidade, conta cunha opción para o control parenteral.