Lecer sostible

Imos á praia... de xeito ecolóxico

Os cidadáns poden gozar do sol, da area e da auga sen deixaren de ser responsables co medio natural
1 Xullo de 2011
Img medioambiente listado 692

Imos á praia... de xeito ecolóxico

Non hai dúbida ningunha: España ten un grande atractivo turístico grazas ás súas 3.000 praias. A conservación destes espazos naturais depende en boa parte do comportamento dos seus visitantes. Por iso canto máis ecolóxicos sexan os hábitos dos cidadáns mellor. Con este fin pódense seguir diversos consellos que contribuirán a reducir o seu impacto ambiental, porque non o esquezamos: está nas mans de todos a conservación e a mellora das praias.

O desprazamento á praia pódese facer co menor impacto ambiental posible. Se é unha viaxe longa o transporte público é a mellor opción. É frecuente que no verán se reforcen as liñas de autobús, tren ou metro que chegan ata as zonas de praia. Agora ben, se se vai utilizar o vehículo privado, hai diversos consellos para reducir o seu efecto contaminante e de paso aforrar cartos: aproveitar ao máximo a capacidade do vehículo (pódese compartir con outras persoas), reducir a velocidade, non abusar do aire acondicionado, etc. En calquera caso, entre todas as combinacións posibles a mellor opción é residir ou veranear preto da praia para poder chegar a pé ou en bicicleta.

Unha vez no destino, o cambio de mentalidade é esencial: nun espazo aberto tan grande como a praia e o mar a capacidade dunha persoa para estragalo pode parecer insignificante, pero non é así. Estas áreas sensibles pódense estragar e converterse en grandes vertedoiros de non as coidarmos e protexermos. Nos seus propios fogares, os consumidores poden levar a cabo unha morea de accións para evitar a degradación dos océanos e das zonas costeiras. A práctica dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) por parte dos consumidores é determinante para reducir a cantidade de refugallos que poden acabar no mar. Por outra banda, o uso de produtos ecolóxicos ou que utilicen menos fertilizantes limitará o seu impacto no medio. Por exemplo: é posible substituír as bolsas de plástico convencionais por outras biodegradables ou reutilizables, e trátase de facelo non só o día que imos á praia, senón de incorporar o seu uso na rutina cotiá. Ademais, os consumidores que vivan en zonas costeiras poden ser parte activa da conservación e da protección dos ecosistemas mariños e a colaboración coas ONG conservacionistas axudará aos seus responsables a emprender maiores accións.

Xantar na praia de maneira ecolóxica

Ante un día completo de praia, que por suposto inclúe xantar sobre a toalla ou a hamaca, é recomendable utilizar o clásico cesto de vimbio de pícnic, cestas ou bolsas de tea, xa que nelas se poden levar os utensilios necesarios, sempre reutilizables, e nunca de usar e guindar. Convén ter en conta que aínda que o vidro se pode reciclar, a praia non é a mellor opción para facelo, xa que se rompe pode ser perigoso para a outra xente, que adoita ir descalza.

No que atinxe á comida, esta pódese levar na pota ou en envases específicos reutilizables para os alimentos, e a bebida pódese transportar en termos ou en botellas de aluminio. Os envases de plástico, as botellas e mais as bolsas, teñen un grande impacto ambiental, e por iso hai que evitar a súa utilización, sobre todo na praia. Os mares acumulan cada vez máis refugallos plásticos, que tardan centos de anos en degradarse e que son inxeridos por diversas especies animais que danan o seu corpo ou mesmo lles causan a morte.

O lixo producido durante a xornada require un tratamento respectuoso co contorno. Na praia o xesto de separar para reciclar é outra acción básica. Algunhas praias contan con colectores específicos, pero de non habelos ou se se teñen dúbidas, hai que conservar os residuos xerados ata podelos reciclar do modo axeitado. Neste caso pódense gardar en bolsas biodegradables e xa no fogar facer a conveniente separación segundo a súa natureza: restos orgánicos, plásticos, etc. Outro aspecto que convén lembrar é que as praias non son borralleiros xigantes, así que os fumadores han de evitar guindar as cabichas e a cinza na area, e menos aínda na auga. O mellor consello é non fumar na praia e se finalmente se cae na tentación, o máis apropiado é depositar as cabichas nun cinceiro improvisado e ao finalizar a xornada levalas ao colector. E xa que algunhas persoas que gozan das praias e do sol adoitan facelo escoitando música ou a radio a través de minúsculos aparatos que precisan pilas, é importante advertir que as pilas son un dos residuos máis tóxicos para a natureza, e por iso o mellor consello é gardalas na mochila ou no bolso ata que sexa posible levalas a reciclar.

Respectar o contorno

O comportamento ecolóxico e cívico pódese levar a tódalas partes, e a praia non é unha excepción. As sinalizacións e as zonas acoutadas como sensibles débense respectar. Na maioría das praias, os animais de compañía están prohibidos para evitar que os seus excrementos acaben na area. As duchas non están para desbaldir a auga, un ben cada vez máis escaso, senón para se dar unha mollada rápida e quitar a salitre da auga do mar. E, por suposto, non se deben usar xabóns ou xampús, que van directos á praia e causan un forte impacto. A contaminación acústica debida á música con excesivos decibelios ou aos berros da xente tamén contribúe a romper o equilibrio natural e a tranquilidade dos outros usuarios.

As praias contan co seu propio ecosistema e hai que tratar todos os seus elementos con coidado. As dunas protexen as praias da erosión, das treboadas e das ondas, e son o fogar de diversas especies de plantas e animais. Algúns destes seres están en perigo, como as corais, e por iso non hai que caer na tentación de tocalos, movelos ou levalos de recordo, e moito menos se son especies en perigo de extinción.

Por outro lado, son moitas as persoas que aproveitan os meses de verán para realizar actividades ao aire libre que teñen como escenario a praia e como protagonista o barco de vela ou remo, as canoas e as táboas de surf, preferibles todas elas ás embarcacións de motor ou ás ruidosas motos acuáticas. Para rematar, o día de praia non remata ao limparmos a area coa toalla, mudar a roupa e arredármonos da praia. A xornada esténdese ata que chegamos ao lugar de residencia, xa sexa un apartamento, un hotel ou o noso propio lar, onde os consellos para aforrar enerxía ou auga tamén se deben aplicar. Nos hoteis non hai por que utilizar todas as xabóns todos os días, nin malgastar a auga con longos baños en nome do “todo incluído”. No intre de planificarmos as vacacións tamén se pode ter en conta a contratación de hoteis ecolóxicos, aqueles que teñen especial coidado co medio.

Consumidor activo

Os cidadáns tamén poden ser activos na protección e na mellora das praias. Se hai algún aspecto de coidado ambiental que falta ou que se pode mellorar, é posible acudir aos responsables locais para llelo comunicar. A posta a punto dunha praia é un traballo laborioso pero necesario no verán, e convén observar se se realiza de maneira axeitada. Tamén se lles pode solicitar ás institucións que asuman os requisitos necesarios para lograr algún certificado de calidade das praias, como a bandeira azul, as normas de calidade ISO 9001 e 14001, o Q de Calidade ou o sistema de xestión EMAS.

Nalgunhas praias hai tamén programas de educación ambiental nos que se pode participar, como a recollida de residuos ou a recuperación de especies en perigo. Os consumidores tamén poden evitar e denunciar urbanizacións ou edificacións que incumpran a normativa ambiental. Diversos informes alertan sobre o nivel de degradación dalgunhas zonas da costa española.

Como conseguir unhas praias máis verdes
  • Desprazamentos. Se se reside nunha localidade costeira, a maneira máis verde de achegarse á praia é facelo a pé ou en bicicleta. Cando as circunstancias obrigan a desprazarse, o máis respectuoso co contorno é acudir en transporte público.
  • Hoteis. Non hai moitos, pero os hoteis ecolóxicos que se poden atopar ofrecen unha permanencia en harmonía co seu contorno natural e unha alimentación ecolóxica saudable. Así e todo, algúns establecementos autodenominados “ecohoteis” non cumpren os principais requisitos. Os cidadáns débense asesorar e esixir toda a información necesaria, como un certificado ecolóxico.
  • Comida. Se a xornada de praia inclúe xantar ou merendar cos pés na area, recoméndase levar as viandas nunha cesta ou nunha bolsa reutilizable. E, por suposto, nada de garfos ou de vasos de usar e guindar; para coidar o medio o recomendable é recorrer a potas ou a envases específicos reutilizables.
  • Lixo. Na casa e na praia, o xesto de separar os refugallos para reciclar é outra acción básica en ambos os dous lugares. Algunhas praias contan con colectores específicos, pero se non hai ou se se teñen dúbidas, hai que conservar os refugallos xerados ata podelos reciclar como cómpre.
  • Deporte. Se as xornadas de praia se aproveitan para practicar deportes, convén saber que os menos daniños para o contorno son os que non requiren embarcacións de motor, como as canoas, kaiaks, táboas de surf…