Un accidente de tráfico, un mergullo desafortunado ou practicar certos deportes pode provocar esta lesión no pescozo

Lategazo cervical, unha epidemia moderna

1 Abril de 2011
Img salud listado 741

Lategazo cervical, unha epidemia moderna

Un vehículo parado nun semáforo ou que circula a pouca velocidade. Outro que o arremete pola parte traseira. Velaquí os protagonistas dunha escena que se repite acotío nas estradas do noso país. Un accidente de circulación que é a principal causa dunha lesión no pescozo: o lategazo cervical. O efecto deste golpe, que se asemella a unha escordadura noutras partes do corpo, pódese mitigar cun repousacabezas e cos tratamentos axeitados.

A síndrome do lategazo cervical é unha lesión que se produce cando a cabeza se somete a forzas de aceleración que impactan sobre o pescozo. En xeral, orixínase por un accidente dun vehículo de motor (na súa maioría de catro rodas) que arremete por detrás outro automóbil a baixa velocidade -mesmo por debaixo dos 30 quilómetros por hora-. Como consecuencia deste tipo de choques, o pescozo do condutor ou do ocupante do vehículo arremetido desprázase de xeito brusco. Traza un movemento de hiperextensión (cara a adiante), seguido dunha hiperflexión (cara a atrás). O resultado deste movemento violento é o lategazo cervical, unha especie de escordadura no pescozo. Pode afectar tanto aos ósos (vértebras) como ás partes brandas (músculos, ligamentos e tendóns) da rexión cervical, tal e como acontece ao escordarmos outras partes do corpo (a escordadura de nocello típica dos futbolistas ou a de xeonllo dos esquiadores).

As situacións máis comúns nas que se pode producir este tipo de lesión son as colisións laterais e frontais entre vehículos, a dun mergullo desafortunado nunha piscina, a práctica de certos deportes ou a dunha persoa que acode a un parque de atraccións e sobe a unha nora, a un coche de choque ou a unha montaña rusa. En todos estes casos o pescozo pódese desprazar con brusquidade e lesionarse.

Una lesión á alza

O lategazo cervical afecta cada vez máis a un número maior de persoas. O diagnóstico de novos casos foi á alza nos últimos 30 anos e sitúase nestes momentos nuns 300 casos por 100.000 habitantes ao ano. Esta lesión estase a converter nunha epidemia nas sociedades avanzadas polo aumento do tráfico rodado.

En España non se realizou aínda un estudo epidemiolóxico exhaustivo recente desta síndrome, pero sábese a raíz dun traballo que o 16% das consultas realizadas para unha avaliación do dano corporal efectuadas durante os dez primeiros meses do ano 2000 na Clínica Médico-Forense de Barcelona corresponderon a unha síndrome do lategazo cervical.

Segundo o mesmo estudo e outros traballos, detectouse que a síndrome se debe ás colisións de tráfico traseiras, que é máis común entre os ocupantes dos asentos dianteiros ca dos traseiros, que o sofren máis as persoas altas e os mozos de entre 20 e 34 anos.

Repousacabezas, a medida de seguridade

Hai uns anos, cando non se utilizaba tanto o cinto de seguridade, as vítimas dun accidente de tráfico que sufrían un golpe frontal contra o vidro do vehículo lesionaban a cara co vidro desprendido do parabrisas. Agora, as consecuencias dese forte impacto minimizáronse grazas ao cinto de seguridade, pero a contrapartida é que se rexistran máis casos de lategazo cervical. E é que o tipo de lesión muda en función das defensas que se utilizan fronte aos posibles accidentes. No caso do lategazo cervical, a única medida que pode axudar a minimizalo son os repousacabezas dos coches, xa que sobre eles descansa o pescozo cando se despraza cara a atrás. Pero para que a protección sexa exitosa cómpre axustar ben a posición segundo a estatura do piloto e do copiloto.

De cara ao futuro, as compañías de automóbiles investigan novos tipos de repousacabezas coa utilización de dummies (manequíns para comprobar a seguridade dos vehículos en desenvolvemento). O seu obxectivo é deseñar un repousacabezas activo (ou móbil) que se desprace acompañando o pescozo, no canto do repousacabezas fixo actual, para mitigar os efectos do lategazo.

Das molestias ao diagnóstico

As molestias propias do lategazo cervical son as mesmas ca as da escordadura de nocello: dor na rexión do pescozo e, como consecuencia, limitación da mobilidade, rixidez e contractura do pescozo. Algúns pacientes poden experimentar malestar nos ombreiros e ata adormecemento ou un formigo nos brazos e nas mans. A maioría dos afectados recupéranse en dous ou tres meses, pero transcorrido ese tempo, entre un 14% e un 42% dos afectados desenvolven dor crónica no pescozo e arredor dun 10% sófrena constante e indefinidamente.

Agora ben, se a dor cervical persiste, os afectados temen sufrir unha lesión importante (que poida conducir a unha paraplexia ou tetraplexia) e non esperan moito tempo para consultar o médico. Unha vez na consulta, primeiro realízase unha anamnese (interrogatorio clínico no que se pregunta como aconteceu o accidente e as molestias que ocasionou) e despois faise unha radiografía para descartar a existencia de lesión (unha fractura en ligamentos) ou mesmo unha resonancia magnética.

Minimizar as súas consecuencias

O tratamento do lategazo cervical adáptase de acordo aos síntomas de cada paciente e é similar ao doutras lesións traumatolóxicas do corpo. A dor propia desta lesión trátase en primeiro lugar con analxésicos orais e antiinflamatorios. En caso de persistir e resultar dolorosa a mobilidade, pódese recorrer á inmobilización do pescozo cun colariño, do mesmo xeito que cando doe un nocello se utiliza unha protección.

O colariño cervical lévase entre sete e dez días, por norma xeral durante o día, mentres que durante a noite non é habitual que sexa preciso. De aí que se denomine colar brando discontinuado. Agora ben, o uso do colariño é controvertido, xa que se demostrou que a utilización excesiva da inmobilización non é recomendable, pois conduce a un círculo vicioso no que o pescozo permanece inmóbil, se contractura e cada vez está máis ríxido.

O seguinte paso consiste en instruír o paciente na realización de exercicios para combater a rixidez do pescozo. Tamén se lle poden practicar masaxes descontracturantes, propias da fisioterapia. De feito, distintos estudos médicos demostraron que os pacientes que seguen un programa de fisioterapia mostran unha mellora da súa dor respecto aos que deixan o pescozo en repouso e utilizan un colariño. Para rematar, os pacientes poden recorrer a outros remedios, como os analxésicos tópicos (sprays ou ungüentos), para aliviaren a súa dor.

Consellos prácticos
  1. Non retirar nunca o repousacabezas dos asentos do vehículo. Axustar a posición do repousacabezas á estatura de cada persoa e levar ben axustado o cinto de seguridade. A altura do repousacabezas non debe quedar por baixo da altura dos ollos do ocupante.
  2. Convén non reclinar o respaldo do asento excesivamente cara a atrás. Canto máis vertical estea (dentro dos límites da comodidade), máis seguridade lle proporcionará aos ocupantes do vehículo.
  3. En caso de accidente e dor cervical, non hai que angustiarse. Convén manter unha actitude positiva e sosegada, xa que a lesión non reviste gravidade.
  4. Sempre que sexa posible, é recomendable continuar coas actividades cotiás e manterse activo no traballo, xa que o repouso absoluto non sempre está indicado.
  5. Tomar os analxésicos que indique o médico e complementar o tratamento con exercicios de fisioterapia para recuperarse antes.
  6. Durmir boca arriba ou de lado, na posición que resulte máis cómoda e menos dolorosa.

Fonte: Andrés Combalía, consultor senior de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do Hospital Clínico de Barcelona e profesor da Universidade de Barcelona