Infarto femenino: mesmos síntomas, máis letal

UN ESTUDO RECENTE DERRIBA O MITO QUE OS DISTINGUÍA. UNHA FORTE E OPRESIVA DOR NO PEITO É O SÍNTOMA PRINCIPAL DO ATAQUE AO CORAZÓN E PRESÉNTASE POR IGUAL EN AMBOS OS SEXOS. SABER IDENTIFICAR OS SINAIS E NON ASUMIR COMO VERDADE ABSOLUTA QUE O INFARTO É SÓ COUSA DE HOMES AXUDARÁN A EVITAR QUE SIGAN MORRENDO O DOBRE DE MULLERES POR INSUFICIENCIA CARDÍACA.
3 Marzo de 2020
GettyImages 906005242

Infarto femenino: mesmos síntomas, máis letal

A cardióloga estadounidense Sharonne Hayes, fundadora da Clínica Mayo de Enfermidades Cardíacas en Mulleres (Mayo Clinic Women’s Heart Clinic), aseguraba recentemente nunha entrevista na revista Time que, a finais dos 80, cando estudaba a especialidade na universidade, ensináronlle que as enfermidades cardíacas eran moi pouco comúns nas mulleres. Era algo asumido: a cardióloga Antonia Sambola, coordinadora do grupo de traballo Mulleres en Cardioloxía da Sociedad Española de Cardiología e especialista no Hospital Vall d’Hebron (Barcelona), confirma que, efectivamente, durante anos transmitiuse a idea de que “o infarto era cousa de homes”. Por iso, esta doutora española, que en máis dunha ocasión se atopou con mulleres que sufriran un infarto e lles receitaran ansiolíticos ao acudir ao seu centro de saúde con molestias no peito, pide concienciación por parte de todos: “Desde a mesma facultade de medicina e pasando polos servizos de atención primaria, de medicina interna e cardioloxía”, sinala. 

Unha mensaxe equivocada

Esta crenza errónea levou a excluír dos grandes estudos durante décadas ás mulleres nas súas mostras. Aínda que estas directrices cambiaron nos 90 e agora mesmo se esixe que os investigadores xustifiquen especificamente calquera estudo que se faga sobre un só sexo, o que está claro é que a longa historia de investigación científica centrada neles avantaxou notablemente á saúde cardíaca masculina. Pero, sobre todo, transmitiu unha mensaxe na sociedade tan equivocada como prexudicial: que pedísemos axuda cando vísemos a un home levando a man ao peito e que recomendásemos calma e repouso cando o facía unha muller, á que, por molestias parecidas, case sempre se lle diagnosticaba (sen probas) o recorrente ataque de ansiedade. 

Hoxe sabemos, coa estatística na man, que o infarto non é cousa de homes. Sófreno máis, é certo, pero as mulleres morren case o dobre que eles por este motivo (12.201 mulleres, fronte a 6.964 homes en 2017, segundo o Instituto Nacional de Estatística). Por que é tan letal para a muller? “Non se debe a motivos biolóxicos, senón sociais”, explica Antonia Sambola. Segundo datos da cardióloga, as mulleres tardan máis en pedir axuda (60 minutos fronte aos 44 dos homes) por esa idea errónea de que elas non poden sufrir un infarto. Ao principio, non adoitan darlle importancia aos síntomas, minimízanos e aguantan máis a dor (ou defíneno dun xeito menos intenso que os homes). “Moitas veces, cando chegan a urxencias, o infarto evolucionou o a insuficiencia cardíaca, polo que xa non doe. Ademais, este atraso en pedir axuda ten consecuencias. 

Moitas veces adoita resultar demasiado tarde para realizar o tratamento de reperfusión (unha anxioplastia, técnica importantísima para a supervivencia tras o ataque que consiste en abrir a arteria que está pechada e poder restaurar o fluxo sanguíneo obstruído que provocou o infarto) ou para o uso de fármacos como betabloqueantes, que se demostraron moi efectivos se se usan durante as primeiras 24 horas”, explica Sambola. 

Que é un infarto? 

As cardiopatías isquémicas (CI) son aquelas enfermidades directamente relacionadas coa diminución do fluxo sanguíneo das arterias que irrigan o músculo cardíaco. Unha das máis comúns é o infarto de miocardio, o que coñecemos como ataque ao corazón. Prodúcese cando a arteria coronaria se obstrúe completamente. Pódese bloquear por diferentes causas, como un coágulo de sangue ou polo depósito e infiltración de graxas nas paredes das arterias que se van producindo progresivamente debido a algúns factores de risco na persoa, como a diabetes, a hipertensión, o colesterol alto, fumar, a obesidade, o sedentarismo ou a idade avanzada.

Síntomas adicionais máis intensos

Entón, as mulleres non teñen síntomas distintos aos dos homes? “É un mito. As diferenzas están na interpretación que se fan deses síntomas”, contesta Antonia Sambola. As mulleres comparten cos homes o síntoma principal, que é unha forte dor no peito, que pode irradiar a un ou aos dous brazos, ao pescozo e ás costas. O que si presentan diferente é unha serie de síntomas complementarios máis intensos: sudación, náuseas, mareos, fatiga ou vómitos. 

Fallos na interpretación

A idea que se transmitiu de que homes e mulleres temos síntomas diferentes procede da interpretación que se fixo dun estudo publicado en Journal of the American Heart Association (JAHA) no 2012. Pero, co tempo, observáronse datos que podían levar á confusión, como, por exemplo, o feito de que moitos dos pacientes explicaron cales eran os seus síntomas unha vez pasara o infarto (as mulleres aguantan máis a dor e a súa forma de describilo; unha vez estaban estables, era máis suave) e que na mostra había bastantes pacientes diabéticas (que, por características da súa enfermidade, case non presentan dor torácica). 

“Asumir incorrectamente que as mulleres que sofren un ataque cardíaco presentan síntomas diferentes aos dos homes ao único ao que conduce é a un diagnóstico erróneo, a un atraso no tratamento e a que se ofrezan intervencións médicas menos intensivas”. É a conclusión do equipo de cardiólogas da Universidade de Edimburgo (Escocia), liderado pola doutora Amy V. Ferry, nun novo estudo máis extenso e preciso que se acaba de publicar en JAHA. 

Estas investigadoras decidiron, tras observar os nesgos dos anteriores estudos, rexistrar os síntomas de 1.941 persoas que acudiron a urxencias dun hospital escocés (desde xuño de 2013 a marzo de 2017), antes de que se coñecese o diagnóstico. De todos eles, 274 (90 mulleres e 184 homes) foron diagnosticados con infarto agudo de miocardio. 

Ao preguntarlles cal era o síntoma máis común, o 93 % de ambos os sexos contestaron que era unha forte dor no peito, mentres que un 48 % de homes e un 49 % de mulleres apuntaron, ademais, unha dor que se irradiaba ao seu brazo esquerdo. Así mesmo, unha porcentaxe maior de mulleres tiñan dor que se irradiaba á mandíbula ou ás costas e tamén se observou que as mulleres eran máis propensas a experimentar náuseas (33 % fronte a 19 % dos homes). 

Un diagnóstico precoz

Sambola é tallante á hora de afirmar que a clave para a supervivencia tras un infarto é o diagnóstico precoz (a partir da segunda hora de cando en cando prodúcense recuperacións completas), xa que, canto máis tempo pasa, máis probabilidades hai de que o paciente termine tendo complicacións graves e ata faleza. “Cando chega unha persoa a urxencias ou ao seu centro de saúde con sospeita de infarto débese facer sempre un diagnóstico baseado na evidencia. É dicir, non se pode supoñer que unha persoa padece un ataque de ansiedade, hai que confirmalo con probas ”, explica a cardióloga. O primeiro que hai que facer é un electrocardiograma, que axuda a determinar cal é a zona do corazón afectada. A partir dela pode comezar a establecerse o tratamento máis eficaz. Tamén é preceptivo realizar unha analítica de sangue, que mide os niveis das triponinas, unhas proteínas que se segregan cando o músculo cardíaco resulta danado, e en ocasións mándase unha ergometría ou proba de esforzo. Unha vez confirmado que o paciente está sufrindo un infarto hai que proceder urxentemente a realizar unha anxioplastia. Á mínima dor no peito, concedámoslle a importancia que se merece. Non o esquezamos

Sinais que deben poñerte en alerta

O infarto pode presentarse a calquera hora do día, pero tende a concentrarse á primeira hora da mañá. Non adoitan chegar todos estes síntomas xuntos, senón unha combinación variable dalgúns deles.

  • Dor torácica moi forte. Un profundo malestar e presión no centro do peito que non se alivia con nada. Non se vai nin cambiando o movemento nin ao facer exercicios de respiración. Pode durar minutos, logo desaparecer e volver aparecer. 
  • Outras zonas afectadas. A dor intensa no peito en ocasións irrádiase cara ao brazo esquerdo. E tamén, ao dereito, á mandíbula, ao pescozo, ás costas ou ao estómago. 
  • Malestar. Sensación de falta de aire, acompañada ou non de dor. 
  • Outros posibles síntomas. Suor fría, náuseas ou mareos.

Cando se presentan os riscos (de media)

Mulleres: 71 anos

Homes: 64 anos

Risco de morte tras un infarto

Mulleres: 18%

Homes: 9%

Asistencia aos programas de rehabilitación

Mulleres: 19,9%

Homes: 33,9%

ConsumerEroski revista MARZO GAL

Fontes: Síndrome coronario agudo en mulleres e homes en España, impulsado polo Hospital Ramón y Cajal (Madrid) e a Fundación Mapfre entre xaneiro e setembro de 2017. Presentación de síntomas en homes e mulleres diagnosticados con infarto de miocardio utilizando criterios específicos de sexo, publicado en Journal of the American Heart Association (JAHA).

Diferencias

Al igual que los hombres, el síntoma más común en las mujeres es la fuerte presión o dolor en el pecho. La diferencia es que ellas tienen más tendencia a experimentar con más intensidad otros síntomas comunes, como la falta de aire, las náuseas, los vómitos o el dolor de espalda o mandíbula.