Envellecemento inmunitario: coida das túas defensas... e que cumpras moitos máis

Non hai truco. Por moito que nos bombardeen con milagrosos e instantáneos remedios para reforzar as nosas defensas, a única medicina que existe para manter un sistema inmune novo e forte durante moitos anos é consentilo. Trátase dun proceso longo que comeza no útero, continúa na nosa etapa infantil, na adolescencia e na nosa vida adulta, ata chegar á vellez. E estes coidados teñen recompensa. A ciencia confi rma resultados sorprendentes para aquelas persoas que foron constantes no exercicio e a dieta sa e non se estresaron máis do necesario. Si, é posible alcanzar os 80 anos coas defensas dun adulto de 40.
1 Marzo de 2021

Coida das túas defensas... e que cumpras moitos máis

Ademais de recibir merecidas homenaxes por parte de familiares e amigos, os afortunados que alcanzan o século de vida son estudados con especial atención por parte da ciencia, sobre todo aqueles que sopran as candeas presentando aínda un considerable bo estado de saúde. Os científi cos sempre quixeron saber cal é ese segredo que teñen os que pasan de 90 anos, que os diferencia e que é exactamente o que os fixo máis fortes que aos seus coetáneos que non chegaron á vellez. O que sabemos ata o momento, segundo desvela a investigadora Mónica de la Fuente –unha das científi cas que, xunto a o seu equipo da Universidade Complutense de Madrid, leva máis anos analizando estes lonxevos sistemas inmunes–, é que a gran maioría destes avós presentan unha velocidade de envellecemento dun adulto de 30-40 anos. “Dado que a idade biolóxica se basea no estado funcional do sistema inmunitario, parece evidente que as persoas que conseguen ter unha inmunidade propia de adulto na vellez son as que alcanzan unha elevada lonxevidade”, relata a bióloga. Pero iso non é fácil de conseguir ou, polo menos, a priori non o parece.

Como manterse case ‘intacto’

O noso sistema inmune, ese completo e coordinado conxunto de células, tecidos, moléculas e procesos biolóxicos que se encarga de defendernos de virus, bacterias, parasitos e células canceríxenas, vaise deteriorando segundo nos facemos maiores. É un proceso do que non se escapa ninguén, chámase inmunosenescencia e consiste no deterioro progresivo dos distintos compoñentes que nos proporciona esa inmunidade. Cos anos altérase tanto o número de células encargadas de facerlle fronte aos diferentes patóxenos como as súas funcións, o que reduce a súa resposta á hora de defendernos de patoloxías asociadas coa idade, como o cancro, as enfermidades cardiovasculares ou autoinmunes.

Como se consegue que o sistema inmune se manteña máis novo que o doutras persoas da mesma idade? Os xenes teñen que ver niso (un 25 %), pero moito máis o noso estilo de vida (un 75 %), uns hábitos que hai que coidar desde que estamos no útero. Para lograr que o envellecemento das defensas vaia a paso de tartaruga e que A Entre a xenética e os hábitos. O 25 % do envellecemento do sistema inmune ten que ver cos xenes e o 75 % restante, co estilo de vida. estas estean alerta e en condicións durante máis tempo, non queda outra opción que pasar a vida coidando delas, un proceso que, lonxe de aburrido, dá a maior das satisfaccións: vivir moitos anos e con boa saúde.

Un declive que comeza aos 20 anos (e aos 40 xa é evidente)

O envellecemento é un proceso biolóxico que empeza tras fi nalizar o desenvolvemento, ao alcanzar a idade adulta, aproximadamente desde os 20 anos. A partir desa idade, o sistema inmunolóxico deteriórase un 2-3 % ao ano, tanto no número de células como as súas funcións. Nuns casos estas responden menos, pero noutros o que hai é un exceso de resposta que xera unha infl amación e logo deriva no desenvolvemento de enfermidades asociadas coa idade, como o cancro, enfermidades cardiovasculares, autoinmunes… Segundo explica David Escors, investigador de Navarrabiomed, “malia que este proceso comeza coa madurez sexual das persoas, é certo que hai idades nas que o dano externo xerado ao noso organismo comeza a ser máis evidente, e iso adoita ocorrer ao redor dos 40 anos”.

Factores desde antes do berce

Hábitos durante o embarazo. No período fetal xa empeza a formarse a inmunidade innata, xustamente no segundo trimestre da xestación. Ao nacer, o bebé xa o fai con algúns mecanismos de defensa, pero é unha inmunidade moi inmatura e moi fráxil. Para que esa inmunidade innata funcione correctamente ten que interrelacionar coa adquirida (a memoria que permite recoñecer o patóxeno que estivo en contacto co organismo e actuar rapidamente contra el), que se irá desenvolvendo segundo vaia crecendo o neno e estea en contacto con estes patóxenos; xa sexa a través da vacinación ou ao pasar as enfermidades. Durante o embarazo, esa inmunidade adquirida, esa memoria, chégalle desde a nai. A través da placenta transmítelle anticorpos e glóbulos brancos. Por iso é importante que, ademais de levar unha vida saudable, a nai reciba todas as vacinas, xa que os seus anticorpos serán a primeira defensa do seu fillo.

Nacer por parto natural inmuniza máis (pero só durante uns meses). O xeito de nacer tamén infl úe no desenvolvemento do sistema inmune, xa que existen diferenzas inmunolóxicas entre un parto vaxinal e un por cesárea. O primeiro contacto cos microbios dáse no parto, polo que os nenos que nacen por cesárea, e non atravesan a canle, non son colonizados polas bacterias que compoñen a flora vaxinal da nai, e polo tanto non pasan a formar parte da súa microbiota. Entre estas bacterias que teñen un efecto benefi cioso cando se adquiren durante o parto están os Lactobacillus, bacterias que, entre as súas funcións, está a de converter a lactosa en ácido láctico, inhibindo así o crecemento de bacterias prexudiciais para a saúde. Si que é certo que o parto vaxinal outorga certa vantaxe inmunolóxica que fai ao bebé menos susceptible á hora de sufrir infeccións nas súas primeiras semanas de vida, pero tampouco é algo que deba obsesionar ás nais que dan a luz por cesárea, xa que non está comprobado (como ataagora se afirmou) que este atraso na activación do sistema inmune do bebé que non pasa pola canle do parto o deixe desprotexido ou incremente a susceptibilidade a alerxias e enfermidades autoinmunes. É o que conclúe unha investigación recente levada a cabo pola Universidade de Londres: tras analizar a microbiota de 596 bebés nados por cesárea e parto natural, determinou que estas diferenzas inmunolóxicas desaparecen entre os 6 e 9 meses e que, transcorrido ese tempo, todos os nenos estaban igual de sans, deixando no aire e sen poder confi rmar ao 100 % que estas diferenzas fosen supoñer implicacións futuras na súa saúde (por exemplo, ter máis risco de padecer obesidade).

A lactación materna, o mellor para crear defensas fortes. Xa no exterior, o neno ponse en contacto con microorganismos que van axudar a potenciar as defensas a través dos alimentos, en especial da lactación materna, considerada por moitos científicos como a primeira vacina que recibe o recentemente nado. A través da nai prodúcese o traspaso de compoñentes con propiedades que protexen ao bebé de axentes infecciosos, na súa maioría de carácter gástrico e respiratorio, durante as súas primeiras semanas de vida e ata que o seu organismo vaia xerando a súa propia inmunidade (entre os 6 e 12 meses). Entre estes compoñentes atópanse, por exemplo, os macrófagos –unhas células que abundan no costro (a substancia que se produce antes da subida do leite) e que se caracterizan pola súa capacidade para segregar citosinas, esenciais na regulación dos mecanismos de infl amación–, os neutrófi los, cuxa principal función é destruír bacterias e participar no inicio do proceso infl amatorio, ou as inmunoglobulinas do tipo IgA, cuxa actividade está relacionada coa inmunidade de mucosas, e que evitan a penetración de antíxenos na parede do intestino.

A inmunización. Os bebés nacen cun sistema inmunitario que pode combater á maioría dos microbios, pero hai enfermidades contra as que non pode loitar, algunhas delas especialmente graves. Por iso necesitan ás vacinas: para reforzar o sistema inmunitario.

O abuso de antibióticos na infancia pasa factura. Son a mellor arma para loitar contra as infeccións, pero un abuso deles en idades temperás vai ter consecuencias na microbiota intestinal do bebé, algo que pode facelo máis propenso a sufrir enfermidades crónicas (como asma, enfermidade infl amatoria intestinal ou enfermidades atópicas). O motivo é que os dous primeiros anos son cruciais para o establecemento desa microbiota, e a introdución de antibióticos nos primeiros meses produce unha diminución da diversidade desta e, con iso, o atraso no establecemento do ecosistema microbiano. Durante un tratamento con antibióticos, o organismo reduce á metade en número de microorganismos. É certo que moitos deles recupéranse nunha ou dúas semanas tras o cese do tratamento, pero algunhas especies non chegan a recuperarse nunca e o seu espazo baleiro é ocupado por patóxenos. Ademais, prodúcese unha sobreprodución dos microorganismos que van xerando resistencias, algo que reduce aínda máis a diversidade microbiana.

Os xenes e o historial de infeccións

Non se pode esquecer o peso que ten a xenética á hora de que uns sistemas inmunes se avaríen antes que outros. Outro factor importante é o noso historial de infeccións, xa que algúns dos virus que quedan crónicos no organismo poden ser un auténtico acelerador do deterioro das nosas defensas. “En ocasións, o xeito en que lles respondemos a estes patóxenos fai que o noso organismo se deteriore antes (que se produza o que os científi cos chamamos inmunosenescencia prematura). É o caso do virus de inmunodeficiencia humana (VIH-sida), pero temos outros máis comúns e moito máis inofensivos que tamén poden acelerar o noso envellecemento”, explica Alejandra Pera, do grupo de Inmunología y Alergia do Instituto Maimónides de Investigación Biomédica de Córdoba (IMIBIC).

Un exemplo é o citomegalovirus (CMV), un herpes común, pero que non causa sintomatoloxía como o fan o herpes labial e xenital, e que se contrae xeralmente na adolescencia ao entrar en contacto con fl uídos. As nosas defensas, sempre que esteamos sans, mantéñeno baixo control, pero non son capaces de eliminalo, polo que o virus queda latente no noso organismo e de cando en vez reactívase. “Imos xerando memoria contra el, investindo gran parte da nosa resposta inmunitaria en controlalo, o que fai que algunhas persoas xeren unha enorme cantidade de células memoria contra o citomegalovirus, algo que se viu que está asociado co desenvolvemento de enfermidades típicas de idades avanzadas, como a enfermidade cardiovascular, enfermidades autoinmunes… “, indica a investigadora.

Como calcular a idade biolóxica 

O que lle facemos ao noso corpo, o que chamamos “estilo de vida”, vai determinar en gran medida o desgaste das nosas defensas antes de tempo. A vida sedentaria, a mala alimentación, o consumo de alcohol e o tabaco, o estrés… Todo iso vaise aliar á hora de deteriorar o noso organismo, e con este deterioro virán problemas máis graves que normalmente se asocian a idades máis avanzadas. “Se a unha mala xenética se suma un mal estilo de vida, o resultado é que vas vivir moito menos tempo e con peor calidade de vida”, resume Alejandra Pera. Por iso non é raro atoparse con mozos cunha saúde de ancián e avós coa saúde dun adulto novo. Porque, como sinala Mónica de la Fuente, “a idade cronolóxica é a que marca o reloxo. Pero logo está a biolóxica, que é a velocidade á que esa persoa está envellecendo e que pode variar moitísimo da idade que marca a partida de nacemento ”.

A nosa idade biolóxica pódese calcular. Iso é precisamente o que fai o grupo de investigadores do Departamento de Fisioloxía da Facultade de Bioloxía da Universidade Complutense de Madrid, do que é responsable De la Fuente. Trátase do único laboratorio de España no que se leva a cabo a analítica que conclúe a idade biolóxica de cada persoa. De acordo con todas estas análises que levan facendo anos: o sistema inmune dos españois está máis novo e forte do que corresponde coa súa idade cronolóxica ou ao contrario? “En xeral, son maioría as persoas que supostamente están sas (sen ningún problema de saúde) e que teñen unha idade biolóxica maior que a cronolóxica. Pode ser debido a que somos unha sociedade que non afrontamos adecuadamente as situacións de estrés, a dieta que se fai non é apropiada e téndese ao sedentarismo”, explica Mónica de la Fuente. Estes individuos, ao ter unha idade biolóxica maior que a que lles corresponde cronoloxicamente, van presentar menor lonxevidade.

“Todo o que fagamos ao longo da nosa vida é relevante e determina a forma en que imos envellecer”, indica De la Fuente. A boa noticia é que se pode intervir en calquera momento e reverter a situación. Pero non se trata de reverter o envellecemento e lograr a inmortalidade. Evidentemente, iso é imposible. Pero si que é factible que, cunha boa nutrición, a adecuada actividade física, un bo descanso e unha actitude positiva, consigamos facer máis lento ese envellecemento e alcanzar a lonxevidade máxima nas mellores condicións físicas e cognitivas. Estamos a tempo.

5 pautas para a ‘eterna xuventude’ (inmune)

Vacinarse

As defensas estráganse coa idade (prodúcese unha diminución de células T virxes, as que nos defenden de novas infeccións) e, xa que logo, respondemos peor a antíxenos novos. “Por este motivo, se pretendemos empezar a vacinarnos cando xa somos maiores, a resposta que xeramos é pobre e, en moitos casos, insuficiente. Por iso, é fundamental empezar a vacinarse cando un é novo e capaz de responder a eses antíxenos novos de forma eficiente e forte. Cada vacina estimula o sistema inmunitario e xeramos unha resposta que cando sexamos anciáns vainos protexer ”, recomenda Alejandra Pera, do grupo de Inmunoloxía e Alergia do IMIBIC. Por exemplo, o caso do virus da gripe. Sabemos que muta moito e por iso nos vacinan todos os anos. Como explica a investigadora, “se desde mozos nos vacinamos todos os anos, iremos xerando respostas contra moitas variantes do virus. Cantas máis variantes coñeza o noso sistema inmunitario mellor. Deste xeito, cando sexamos maiores, teremos esa protección parcial que nos axudará a sobrevivir á nova infección”.

Coidado co estrés 

Moito é malo, pero en pequena dose axúdanos. Algúns factores que obxectivamente poden ser algo negativos, como o estrés (o cortisol, a hormona que liberamos cando estamos tensos, inhibe o sistema inmune), en pequenas cantidades, poden resultar beneficiosos ao xerar maiores defensas no noso organismo. É a base do que se denomina hormese. Pequenos estreses que nos axudan a levar mellor os grandes. Como indica Mónica de la Fuente, catedrática de Fisioloxía da Universidade Complutense de Madrid, “a vida é un estrés, e quen non responde ao estrés está morto. A hormese xérase co exercicio físico, a dieta, o saír a relacionarnos cos amigos, ao ler, estudar, entre moitas outras cousas. Todo iso son estreses que ao ser moderados fannos ter mellores defensas e un envellecemento máis lento”.

Especial atención á alimentación 

Ter sobrepeso reprime o sistema inmunolóxico, nunha medida similar á de ser unha persoa inmunodeprimida xa que o tecido adiposo (graxa) impacta negativamente na resposta dos anticorpos. “Non coñezo casos de anciáns centenarios obesos. O sobrepeso xera moita inflamación e altera as nosas defensas. Comer en exceso é moi malo, pero comer mal tamén o é, por iso hai que controlar o que se come e canto comes”, explica Alejandra Pera, que aconsella prescindir dos alimentos azucrados e procesados, controlar o consumo das carnes vermellas e, sobre todo, tomar alimentos ricos en antioxidantes (verduras e froitas, legumes e cereais integrais), que ademais teñen tamén carácter antiinflamatorio. Cos anos hai que ir reducindo a inxesta calórica. A partir dos 35-40 anos, a Sociedad Española de Cardiología recomenda ir baixando por década o 10 % das calorías diarias. “A redución na inxesta de calorías ten dous efectos. En primeiro lugar, diminúese a produción de substancias oxidantes que tomamos a través dos alimentos, ou que xeramos durante a inxestión de alimentos, sobre todo procedentes de graxas. Pero, en segundo lugar, causa unha reprogramación metabólica do corpo, facendo que diminúa o risco a sufrir cardiopatías, diabetes e outras enfermidades”, explica o investigador de Navarrabiomed, David Escors.

Hai que moverse 

En xeral, o exercicio aerobio beneficia a persoas de todas as idades, pero unha investigación recente realizada por científicos do King’s College de Londres e a Universidade de Birmingham, mostrou resultados incribles para aqueles que traballan o corpo “un pouquiño máis”. En concreto, estes investigadores seguiron a 125 ciclistas de longa distancia de 80 anos que levaban practicando este deporte toda a súa vida e descubriron que a gran maioría deles tiñan un sistema inmune duns 30 anos. En concreto, estes anciáns producían o mesmo nivel de células T, as células que axudan ao organismo a defenderse de novas infeccións, que un adulto de 30-40 anos. Con todo, non fai falta facer un exercicio intenso de resistencia para obter beneficios. O mero feito de saír ás presas, camiñar rápido ou realizar 10.000 pasos ao día activa o músculo esquelético e estimula os macrófagos, células que detectan e destrúen patóxenos daniños que entran no noso organismo. “En xeral, o exercicio está relacionado cunha menor incidencia de risco cardíaco, mellora muscular e boa oxixenación”, explica Escors.

A felicidade e a vida social 

Poder alcanzar esa ansiada lonxevidade pasa por manter unha adecuada saúde, e isto depende do traballo en equipo dos nosos sistemas homeostáticos (o nervioso, o endócrino e o inmunitario ), que están en constante comunicación. “Un feito comprobado é que, como consecuencia desa comunicación neuroinmunoendócrina, cando nos sentimos tristes, sós ou temos emocións negativas, o noso sistema inmunitario deteriórase, e por iso somos máis susceptibles de ter infeccións. Pola contra, se temos emocións positivas e somos felices, a nosa inmunidade está mellor e somos capaces de defendernos das infeccións”, explica Mónica de la Fuente.

Enfermidades autoinmunes: cando o corpo se volve en contra

O sistema inmunitario pode converterse en agresor. En moitas ocasións utilizamos a palabra exército para describilo, xa que este é a defensa do organismo. Pero ás veces sucede que, estas tropas, en lugar de atacar os microorganismos perigosos, apuntan ás células e tecidos saudables; é dicir que, seguindo coa linguaxe bélica, é coma se os soldados disparasen contra o seu propio batallón. Así é como funcionan as enfermidades autoinmunes. Aproximadamente identificáronse unhas 80 enfermidades autoinmunes (divídense en dous grupos, as que afectan a un órgano e as que afectan a varios) e hai algunhas con máis incidencia que outras (como o caso da artrite reumatoide ou a tiroidite de Hashimoto ), pero na súa orixe todas comparten un fallo do sistema inmune que deixa de realizar o seu traballo adecuadamente (defendernos das agresións externas) e pasa a producirnos un dano.

A enfermidade celíaca, a de Crohn, a colite ulcerosa, a diabetes tipo I, a hepatite autoinmune, a artrite reumatoide, a fibromialxia, a esclerose múltiple, o lupus, a febre reumática, algunhas dermatites, a vitilixe, a síndrome de fatiga crónica ou algunhas alteracións na tiroide… Todas son enfermidades autoinmunes. Algunhas delas aparecen na etapa da nenez, outras son máis proclives a facelo en mulleres e no embarazo, e outras teñen máis predilección pola vellez, como a artrite reumatoide (que lle afecta a máis de 250.000 persoas en España e caracterízase pola inflamación crónica das articulacións e a súa progresiva destrución). Son todas enfermidades crónicas e descoñécese como previlas, pero é certo que cun bo estilo de vida algunhas delas poden chegar a aletargarse.