Fernando Chacón Fuertes, Decano do Colexio Oficial de Psicólogos de Madrid

"Ser voluntario non é traballar gratis"

1 Xaneiro de 2011
Img entrevista listado 681

Ano novo, voluntarios novos?

Si, é un dos propósitos habituais. En xeral, todo o que é socialmente positivo constitúe un propósito de ano novo.

Pero está de moda ou aumentou a conciencia social? A Guía de ONG de Eroski Consumer, que se actualiza cada ano, revela un incremento progresivo no número de voluntarios.

Ambas as dúas afirmacións son certas. Arredor dos anos noventa, ser voluntario non estaba valorado nin de moda, pero a partir de aquela houbo un boom e durante moitos anos estivo en auxe. Esta tendencia se cadra descendeu, pero a xente aínda se apunta a programas de voluntariado porque cada vez hai unha maior conciencia social e certo desencanto con outros xeitos de participación.

Hai diferentes tipos de voluntarios?

Claramente. O primeiro trazo é a intensidade, pero ademais distínguense polo tipo de voluntariado. Hai actividades esporádicas e a longo prazo, que se desempeñan en voluntariado socio-asistencial, ecoloxista, en entidades de saúde, de protección civil… E segundo o ámbito, varían o perfil e as tarfeas.

E en todos os casos a permanencia é un dos puntos fracos. Asustan os compromisos?

Isto acontécenos con todas as nosas intencións vitais. A motivación inicial dura entre dous e tres meses, pero a partir de entón hai certo abandono, como deixar o ximnasio. En voluntariado estímase que a maioría das persoas abandonan entre tres e seis meses despois de comezar. Algúns datos estiman que ao ano só o 50% dos voluntarios continúa.

Cal é a causa?

O noso grupo de investigación da Universidade Complutense desenvolveu un modelo que divide o voluntariado en tres fases. Na primeira, que dura uns seis meses, só se ven os aspectos positivos e o fundamental é a satisfacción. Na segunda etapa, que vai dos seis meses ao ano, o fundamental é o compromiso. Na terceira fase, a partir dos dous anos, ser voluntario forma parte do autoconcepto, da personalidade.

Como pode unha organización manter a súa bolsa de voluntarios a longo prazo?

Pode facer moitas cousas. Os voluntarios teñen múltiples motivacións, xa sexa centradas nos demais -ser útiles, mellorar a sociedade- ou en un mesmo -adquirir experiencia, fomentar as relacións sociais-. Todas son lexítimas, pero unha organización debe saber que tipo de voluntariado quere. Se vai desenvolver un programa durante varios anos e é importante que a relación entre as persoas non rompa, precisa voluntarios que permanezan. As persoas con motivos altruístas, que recoñecen que tamén lles achega algo a eles, son as que permanecen máis tempo.

Sempre sen cobrar.

O salario é un factor hixiénico, pero non motiva. O importante é o compromiso coa organización, que o voluntario se sinta recoñecido, que se lle envíe unha carta de agradecemento ou que o responsable de voluntariado o chame, que é algo que as grandes organizacións esquecen. A todos nos gusta que nos recoñezan. Se unha persoa dedica o seu tempo e o seu esforzo, o menos que podemos facer é conseguir que estea satisfeita, porque ademais fará mellor o seu traballo e durante máis tempo.

Pero en tempos de crise pódese pedir traballar gratis?

Ser voluntario non é traballar gratis. Hai que distinguir entre o voluntariado e o traballo remunerado. Se se colabora nun ámbito que non está relacionado coa profesión, ninguén pensa que se ocupe un posto de traballo. O problema é que os voluntarios o sexan na súa profesión. Habería que ter unha norma moi clara no tocante ao número de horas que se poden dedicar, pór unha serie de limitacións á implicación voluntaria profesional para que non se “usurpe” un posto de traballo.

É posible captar voluntarios pouco motivados?

Hai un grupo de voluntarios que comezan a selo telo moi pensado, porque coñecen un amigo que colabora cunha organización ou porque llo piden. Pero nestes casos tamén hai un motivo, porque se entende que a persoa que llo pediu era importante para eles.

Pódese predicir que persoas abandonarán antes?

A predición en psicoloxía nunca chega ao 100%, pero pódese saber quen ten máis probabilidade de permanecer máis tempo. Quen combina motivacións intrínsecas e extrínsecas permanece máis.

Axuda o feito de se sentir mellor persoa?

Este é un dos máximos riscos. Hai voluntarios que che queren salvar, queiras ou non queiras. Pero os voluntarios deben respectar sempre a decisión das persoas ás que axudan. Poden intentar convencelos se cren que é bo facer algo, poden suxerir, pero nunca decidir por elas.

En certo modo, créanse unha imaxe de heroes?

Algúns si, e insisto, é moi perigosos porque deciden ser voluntarios por eles mesmos. Teñen a necesidade de sentirse ben e toman esta decisión para protexerse ou para non estar sós.

O voluntariado fai amigos?

Fai. Por iso hai persoas que, ao se sentiren soas ou teren sentimentos negativos, como ansiedade, se implican en accións de voluntariado para superalos. É unha motivación egoísta e, a miúdo, nin elas mesmas o recoñecen.

Como se poden recoñecer as motivacións?

Diversos cuestionarios avalían as motivacións do voluntariado, pero eu recomendaría que cando unha organización vaia captar un voluntario realice sempre unha entrevista persoal. Igual é duro dicirlle que non a un voluntario, pero é un xeito de saber se realmente quere selo. O que máis nos custou o 11-M, cando xa non facían falta psicólogos porque tiñamos a demanda cuberta, foi convencer a algunha xente de que non era necesaria a súa axuda. Había quen se anoxaba moitísimo porque non a deixabamos axudar, non porque houbese xente que non tiña axuda.

Vostede coordinou o dispositivo do Colexio de Psicólogos de Madrid para lles prestar apoio psicolóxico aos familiares das vítimas do 11-M e do accidente aéreo de Madrid-Barajas. Como se prepara aos voluntarios para responder nestas situacións?

Desde a riada que asolagou o cámping de Biescas en agosto de 1996 contabamos cun grupo de psicólogos formado en intervención en emerxencias e impartíranse varios cursos de formación. Os primeiros voluntarios que interviñeron no 11-M saíron dese grupo, pero a demanda ascendeu a case 900 psicólogos e outros moitos non estaban formados especificamente. Priorizouse que tivesen experiencia en catástrofes, polo menos en psicoloxía clínica, con pacientes que estiveran nunha situación de crise.

Recorreuse ao mesmo persoal tras o accidente de Barajas?

Algúns voluntarios atenderon en ambos os dous casos, pero esta vez foron necesarios menos e todos tiñan formación en catástrofes. O 11-M supuxo a intervención psicolóxica a maior escala que houbo nunca no mundo, porque no 11-S non había cadáveres que recoñecer e as familias agardaban nas súas casas. En España seguimos un modelo diferente ao do mundo anglosaxón, que consiste en achegar a intervención psicolóxica alí onde está a persoa. O modelo anglosaxón é un modelo de espera, onde se dá un teléfono e se pide chamar a unha hora determinada.

Todos os voluntarios deben ter nocións psicolóxicas?

Todos aqueles que traballan con persoas, sexan voluntarios ou profesionais, teñen que ter nocións de psicoloxía na súa formación.

Os psicólogos son daquela os voluntarios óptimos?

Non tal. A miúdo, a persoa a quen se axuda quere cariño, afecto, compañía, pero a psicoloxía axuda “a non meter a pata”. Se un psicólogo sabe isto, pero non sabe dar cariño, se cadra é peor.

Quero ser voluntario. Preciso ter un perfil determinado?

Eu aconsellaría mirarse a un mesmo para descubrir se o que se quere é axudar as persoas, se o voluntariado é un fin en si mesmo ou un medio para acadar outras cousas.

En ocasións axuda a superar medos. Animaría a unha persoa hipocondríaca a realizar tarefas con enfermos?

Non o faría nunca. O voluntariado xamais ten que ser un tratamento para as persoas, pero este é un erro moi frecuente. O obxectivo do voluntariado é mellorar a calidade de vida dos usuarios a quen se atende, o cal non quere dicir que en ocasións sirva como tratamento, pero o obxectivo non pode ser este.

Os voluntarios están rodeados de tópicos: son novos, entusiastas, comprometidos…?

Si, e ademais hai bastantes estereotipos que non se cumpren. No voluntariado hai moitas amas de casa, persoas maiores, etc.

O exceso de motivación é perigoso ou necesario se se traballa con persoas enfermas, con grandes minusvalideces ou con carencias económicas?

Eu cambiaría motivación por implicación, que en exceso si pode ser prexudicial nalgúns casos. Evitar o exceso de implicación supón evitar o burnout.

Como afecta este factor ao voluntariado?

O tipo de tarefa que xera máis burnout é o voluntariado con nenos enfermos terminais. É o máis duro porque hai que xerar un vínculo afectivo, pero, unha vez xerado, a dor que se sofre pola perda e ter que volver engancharse “queima” a moitas persoas. Por iso hai que coidar os voluntarios con formación, con períodos de respiro ou mediante a supervisión dun experto, para que o desenlace non lles impida seguir.

Vostede é voluntario ou foino?

Funo. Colaborei nun programa de inserción social de drogodependentes.