Luis Rojas Marcos, Psiquiatra e profesor da Universidade de Nova York

"Sen memoria, non somos"

1 Abril de 2012
Img entrevista listado 779

Por que custa tanto responsabilizarnos de nosa saúde?

Porque só nos preocupa cando a perdemos. Mentres nos sentimos ben, o concepto de saúde non ten valor. Isto fai que haxa esa reticencia universal á prevención, que require certo sacrificio.

Como podemos aplicarnos na materia de prevención?

Requírese unha toma de conciencia e motivación. Nos EEUU -e en Europa é parecido- é rara a enfermidade na que máis do 50% dos pacientes cumpren o seu tratamento. E a clave é a falta de motivación. Co fin de fomentala, é moi importante dar información clara, fiable e que poida utilizar unha persoa no seu día a día. Ademais, debe dirixirse a un grupo específico formado por mulleres dunha mesma idade, de homes…

É partidario de que as persoas con hábitos nocivos para a súa saúde paguen unha “multa” ou copagamento polas custas que lle poidan ocasionar á sanidade?

Non. É moi complicado, unha cousa é a teoría: “creaches o teu propio problema e vas ter que pagar algo económico ou non cho imos tratar porque é culpa túa”.

Fálase moito de previr o cancro ou as enfermidades cardiovasculares pero, pódese previr unha enfermidade mental?

A psiquiatría é unha especialidade relativamente nova, ten pouco máis dun século, vén da psicoloxía e da filosofía, é como a irmá pobre da medicina e, ademais, as enfermidades mentais e as súas causas ata hai pouco non se coñecían ben. Aínda que hoxe se sabe moito, aínda hai percorrido para darmos prevido as enfermidades mentais. A mellor prevención é investir na infancia: o trauma infantil, unha infancia chea de problemas, abusos e abandonos conducirá a adiccións e a depresións crónicas. Un xeito de atrasar a deterioración mental ou da memoria é manternos física, mental e socialmente activos. Debemos pór a énfase na detección precoz da enfermidade mental.

Os nosos antepasados dicían “Mens sana in corpore sano”. A mesma prevención física -o exercicio, a alimentación e evitar os hábitos tóxicos- serve para a saúde mental?

Si, sobre todo en casos de trastornos mentais ou neurolóxicos relacionados. Sabemos que o exercicio físico regular é un bo preventivo da depresión e da ansiedade. Tamén prevén contra a diabete, a hipertensión ou os golpes repetidos na cabeza, e ata é adecuado para tratar as consecuencias dun cerebro danado e, polo tanto, trastornos de demencia ou a deterioración do cerebro.

Botamos a vida aprendendo a memorizar, pero di vostede que o esquecemento tamén é unha función da memoria.

Así é. A memoria é a encargada de captar, gravar, gardar, borrar e evocar. Unha memoria que non borra ten un gran problema. Aínda que non é moi frecuente, as persoas que o lembran todo, o importante e o que non o é, confesan que a súa vida é moi dura, teñen problemas de autoestima e nas súas relacións. Borrar e esquecer é un compoñente fundamental da memoria. O esquecemento é unha función fundamental da memoria.

Como distinguirmos un esquecemento normal dun patolóxico?

Con sentido común, cando unha persoa comeza a esquecer e antes non esquecía; se isto acontece de xeito consistente, sempre que non sexa algo que suceda un día illado, senón a miúdo, cando non se decata, pero si o seu contorno… A maioría das persoas preocúpanse máis da conta, porque a memoria é normal que falle, sobre todo a partir dos 50 anos.

Por que dá tanto medo perder a memoria?

Porque sen memoria non somos. Para calquera que vira a devastación que causa a perda da memoria en enfermidades como o Alzheimer ou noutras demencias, a idea de chegar ao extremo de ser un vexetal no sentido de non ser é aterradora. Aínda que a maioría das veces é normal, a memoria bloquéase, pero logo recorda á media hora. Tampouco hai que confundir a falta de atención coa perda de memoria.

Cal é a diferenza?

En que unha persoa di “non lembro onde puxen as chaves”. E cando se lle pregunta se se fixou onde as puxo onte á noite responde que non. Para que a memoria poida captar, rexistrar, gardar e gravar é fundamental pór atención. Sen atención, non grava.

Cal é a situación do Alzheimer? Coida que se poderá atrasar máis a súa evolución ou mesmo atopar unha cura?

Estou seguro. Estase a investir tanto en investigación do Alzheimer a nivel molecular, xenético, bioquímico e psicolóxico que nos vindeiros anos se atoparán formas de previlo ou de atrasalo. O que acontece é que, unha vez que as neuronas están danadas, reconstruílas é moi difícil, aínda que hoxe xa sabemos que se poden reproducir, pero lévalles meses ou anos. Así e todo, pódese atrasar o seu desenvolvemento con actividades, aprendizaxe e se a persoa se mantén física e mentalmente activa. Hai fármacos que axudan, pero que non sandan. É irreversible e progresiva; vívese unha media de sete ou oito anos. E, como a esperanza de vida se alongou, hai máis demencias relacionadas coa idade.

Agora que estamos en crise, como pode unha persoa desempregada manter a esperanza e o optimismo?

É importante pensar que pode facer algo por diminuír o impacto da crise no seu día a día. Preguntaríalle que fai para mellorar a súa situación. É probable que se a atura me diga, “organicei a miña vida, agora falo máis cos meus amigos e coa miña familia, teño a esperanza de que isto se resolverá. Non teño traballo, pero hai programas de televisión que me gustan e actividades que me fan sentir mellor”. As persoas que diversificaron as súas parcelas de satisfacción coa vida, lévano mellor. Isto non quere dicir que non haxa persoas que estean nesta situación e pensen que isto non ten arranxo, mesmo que perdan a esperanza por completo. Pero son unha minoría.

A crise afectaralle ao benestar mental de moitas persoas?

Si que aumentou o número de visitas ao psicólogo ou ao psiquiatra. Pero os pacientes non consultan pola crise económica, senón que acoden con problemas relacionados co estrés e, a miúdo, non os relacionan coa crise. Loitan contra a incerteza.

Unha persoa que está na etapa final da súa vida e que sofre dor crónica, como pode manter o optimismo do que vostede fala?

Non é doado. Se a persoa é optimista, tende a manterse así. Hoxe sabemos que a dor ten unha compoñente emocional. Se che doe algo, primeiro “séntelo”. En segundo lugar, hai unha emoción asociada á dor, como sentir medo, non saber a razón pola que doe ou indefensión, entre outros. En terceiro lugar, pasa ao cerebro onde se tende a buscarlle unha explicación, un significado á dor. Hai quen pensa: “non ten arranxo”, merézoo”, “é un castigo por algo”… A dor en si pódese tratar con narcóticos. Pero se é difícil porque a túa condición física non o permite, daquela a idea é tratar a compoñente emocional da dor. Hai persoas ás que practicar meditación ou relaxación lles axuda a esquecer temporalmente a dor.