Concepción Ornosa, profesora da Universidade Complutense de Madrid experta en abellas

"Se se toman as medidas necesarias, as abellas non teñen que desaparecer"

1 Novembro de 2014
Img entrevista listado 975

Por que preocupan as abellas?

En 2006, nos Estados Unidos e noutros países detectouse un “colapso das colonias”; é dicir, comprobouse que algunhas colmeas de súpeto quedaban sen abellas. A polinización dos cultivos agrícolas move moito diñeiro nos Estados Unidos, así que saltaron as alarmas e comezaron centos de investigacións en todo o mundo. As abellas do mel (Apis mellífera) non son a única especie de abella; de feito, hai máis de 20.000 especies silvestres, máis importantes incluso para os ecosistemas que as abellas do mel. Por exemplo, os abellóns, que polinizan mellor que as do mel. Dese total, desapareceron moitas en todo o mundo e outras están en perigo crítico. Na Península Ibérica, xa non hai especies que había hai 30 anos.

Por que son tan importantes as abellas?

Segundo a Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), as abellas polinizan dous terzos da nosa comida. Se os seres humanos tivésemos que facer o labor de polinización das abellas do mel, custaríanos uns 30.000 millóns de euros en todo o mundo. En 2012, a FAO cifrou ese custo para todas as abellas en 265.000 millóns de euros.

Díxose que sen abellas a humanidade desaparecería. É isto certo?

Atribuíuselle esa afirmación a Einstein, sen saber se realmente a dixo. Non é comprobable, e seguramente non van desaparecer todas, porque sempre haberá unhas especies que substitúan outras. Agora ben, pérdese biodiversidade e iso nunca é bo. Hai especies de flora ameazada porque desaparecen as abellas que só as polinizan a elas. Se se toman as medidas necesarias, as abellas non teñen que desaparecer.

Por que desaparecen?

Por multitude de factores: a malnutrición pola presenza de monocultivos e pola intensificación agrícola coma o cereal, do que non poden alimentarse; o uso de pesticidas, en especial os neonicotinoides; os parasitos que se transmiten rapidamente nas colmeas, coma o ácaro Varroa ou o fungo Nosema ceranae; a perda de pasteiros e praderías; as construcións humanas e a homoxeneización da paisaxe.

Como afecta o “colapso das colonias”?

Afecta máis a uns países que a outros. O proxecto europeo STEP sinala que Finlandia ou o Reino Unido só teñen o 25 % das abellas do mel que necesitarían para a polinización. En Francia ou en Alemaña, oscila entre un 25 % e un 50 %. En España, aínda se conserva un 70 %. Nos casos máis serios, para lle facer fronte terán que usar abellas doutros sitios, ademais de medidas preventivas.

En España, cales son os factores máis ameazantes para as abellas?

O Centro Agrario de Marchamalo (Guadalaxara) demostrou que, nas abellas do mel, o máis importante é o fungo Nosema ceranae. En abellóns, pola súa banda, son os pesticidas e a perda de pasteiros.

A UE prohibiu tres dos pesticidas neonicotinoides. Ata que punto son nocivos?

Afectan as respostas neurolóxicas de calquera insecto, non só as pragas dos cultivos. Os agricultores utilizáronos nos últimos anos con grande intensidade porque non son tóxicos para o ser humano. Algúns estudos sinalan que se empregaron dous terzos máis do necesario. Ademais, penetran en toda a planta, transmítense pola auga e o vento e os seus efectos duran semanas e mesmo meses. O pole e o néctar contaminados que comen e recollen as abellas tamén provocan a morte das súas compañeiras que o inxiren no niño.

Dende o sector agrícola oíronse críticas á UE

A moratoria da UE impide usar tres dos nove neonicotinoides durante tres anos para estudar a súa evolución, aínda que se sabe que o seu efecto é real. Os agricultores teñen outros sistemas, como o control biolóxico con insectos parasitoides que acaban coas pragas. Ademais, non poden abusar dos praguicidas, en especial cando as flores non estean abertas, e han evitar as fumigacións aéreas.

Que medidas deberían tomarse para mellorar o estado das abellas?

Diminuír os pesticidas, seguir investigando, restaurar pasteiros, praderías e paisaxes naturais, introducir nos cultivos zonas de vexetación natural con flora local ou restaurar polinizadores de especies autóctonas se desapareceron ou diminuíron.

Que poden facer os cidadáns?

Respectar as abellas e valorar a importancia dos insectos en xeral. Maleducáronos no medo aos insectos. Unha abella non ten interese en picarnos. Se nos asustamos e lle damos unha poutada pode que si. Se estamos quietos, ignórannos.