Alberto Fernández, experto en auga de WWF

Producir unha camiseta de algodón require 15.000 litros de auga

1 Marzo de 2014

A que se debe a elevada pegada hídrica española?

A agricultura utiliza o 80 % do total. Por outro lado, non hai unha cultura de consumo da auga, a pesar de que se trata dun ben escaso, porque sempre foi moi barata. Tamén se utilizou con fins electorais. Xa é hora de miralo só de forma técnica e científica.

A agricultura é a clave?

Si. Somos o segundo país con máis axudas de política agraria comunitaria, uns 8000 millóns de euros. Unha parte importante destínase ao regadío, cada vez máis grande, uns 3,2 millóns de hectáreas.

Como lles afecta aos consumidores?

Os consumidores teñen auga de calidade, pero descoñecen a pegada hídrica. Unha camiseta de algodón require máis de 15.000 litros e un quilo de carne 25.000 litros. Tamén se desperdician moitos alimentos, e con eles moita auga, fertilizantes, enerxía etc. A FAO estima que a produción actual de alimentos podería abastecer doce mil millóns de persoas. Somos uns sete mil millóns, dos que uns dous mil millóns pasan fame. É un problema de repartición, que axudaría tamén a utilizar mellor a auga.

Comprar unha camiseta de algodón desperdicia máis auga ca deixar a billa do baño aberto?

Claro. O algodón necesita ser regado, procesos de limpeza, de contaminación, tinguiduras etc.

A Asociación Española de Abastecemento de Auga e Saneamento (AEAS) considera que habería que aumentar as taxas que pagan os consumidores para garantir a calidade da subministración.

En pequenos municipios ou no sueste da península si, pero noutros coma Madrid, Barcelona ou a zona noroeste non faría falta.

Que problemas ambientais se producen en España con respecto á auga?

Hai moitas materias pendentes. España necesita entre 700 e 800 depuradoras para que a calidade da auga dos ríos non sexa tan mala como a actual, segundo a Comisión Europea. O 60 % dos ríos ten unha contaminación alta ou moi alta, segundo os últimos estudos dos plans de cuncas de planificación hidrolóxica. Europa esixe para antes de 2015 que se garanta o bo estado dos ríos. En moitos casos non chegaremos. O Goberno debería darlle prioridade á depuración.

Europa podería multar a España?

Si, por exemplo, pola calidade da auga de baño dos ríos, lagos e encoros.

Como poden os consumidores aforrar auga?

Con cisternas de dobre uso e con dispositivos aforradores nas billas, de venda en case todas as tendas de bricolaxe, que aforran un 40 %; pechando a billa mentres lavamos os dentes; aproveitando a auga da cociña; poñendo sistemas de rega por goteo nos xardíns e, sobre todo, sendo conscientes da pegada hídrica e da necesidade de consumir os produtos que menos auga requiren.

WWF destaca tamén o impacto ambiental dos encoros.

O elevado consumo obriga a almacenar auga en encoros que alteran os ríos e que inundan vales moitas veces produtivos. España é o país do mundo cun maior número de presas por habitante e o terceiro en número total (1231 grandes presas). Hai tramos, como o curso baixo do Texo, en Estremadura, que son unha sucesión de encoros. Non fan falta máis, e habería que eliminar os obsoletos ou sen uso para que os ríos volvan ao seu estado natural. Por moito que chova non se pode almacenar máis. É cuestión de facer unha boa xestión.

Existe o risco de ofrecer un mal servizo ou de que se produzan cortes na subministración?

En Levante e no sur falta auga porque a demanda supera a oferta dos recursos naturais. Desalgar é unha solución, pero terían que usarse enerxías renovables e, sobre todo, hai que reducir o consumo e aumentar a eficiencia. Este sería o xeito de poder afrontar mellor as secas, pero os nosos políticos non fan ningún esforzo.

O consumo de auga embotellada aumentou nos últimos anos. Paga a pena o gasto?

A auga embotellada é 450 veces máis cara que a de billa. Só ten sentido para momentos puntuais, coma nunha viaxe, ou con nenos pequenos. A calidade da auga de billa está garantida en toda España. Outra cuestión é que o sabor non nos agrade. A auga de Madrid atópase entre as mellores do mundo. A xente debería animarse a pedila en xerra cando vai aos bares ou aos restaurantes.