Ricardo Moragas, Xerontólogo

"Para avellentar ben, cómpre saúde, diñeiro e amor"

1 Decembro de 2009
Img entrevista listado 597

En que lugar sitúa a sociedade aos vellos?

Nun lugar inferior ao que lles corresponde por cantidade e por calidade. Por cantidade porque representan o 17% da poboación española. Non obstante, a súa influencia e demanda en temas fundamentais como a saúde ou os servizos sociais, aínda sendo importante, non é proporcional a esta presenza cuantitativa. E dende un punto de vista cualitativo, porque esta sociedade non acredita o que representa a persoa maior, que lles proporciona identidade ás presentes xeracións. Esta actitude convértea nunha sociedade que ignora o seu pasado e que repite os seus erros. É verdade que as administracións públicas teñen en conta ás persoas maiores, pero só porque son un potencial de voto, porque sabemos que votan máis ca a xente nova.

Que papel lles corresponde?

É difícil de definir, debe ser marcado por eles mesmos e polo resto da sociedade. O problema é que o avellentamento é un fenómeno que non lle agrada máis ca aos especialistas que se dedican a iso, é a antesala de algo ao que estamos destinados todos os humanos, a desaparición vital, que non é nada gratificante. Como na nosa sociedade prima a cultura da xuventude, da beleza, da imaxe, a vellez e a dependencia son o reverso desta moeda. É lóxico que haxa un rexeitamento, mesmo entre os propios profesionais. Así e todo, o avellentamento é profundamente diferente do que foi na Historia da Humanidade. Nunca existira esta porcentaxe de vellos. Existían persoas maiores, os reis, que comían ben, e ás veces morrían por comeren demasiado, pero eran unha minoría. Mentres que na maioría, a esperanza de vida non superaba os 30 anos. En España, o salto cualitativo da esperanza de vida deuse en menos dun século. Isto revela a novidade do fenómeno. Que é avellentar? Cal é o papel do vello? Todo está por definir. A verdade é que hai un mundo dos pasivos e un mundo dos activos. Isto vese claramente na xubilación. O xubilado é un ser pasivo, non produtivo, non economicamente rendible, xa que non achega senón quen detrae. Pasivo parece que sexa parasito do sistema económico. A nosa sociedade está montada sobre a utilidade económica. O ancián, se non un inimigo, é un non contribuínte, o que o fai unha persoa estraña.

Como se pode mellorar?

Cada país precisa unha fórmula propia. Nós, en colaboración con outras universidades, intentámolo a través do que chamamos modelos de avellentamento. Definimos un modelo mediterráneo de avellentamento. Por que? Porque no mediterráneo se vive a xubilación mellor ca en ningún outro lugar do mundo. O clima e as condicións de vida materiais e sociais permiten un avellentamento de gran calidade. E iso vírono rapidamente os 400.000 europeos que teñen propiedades nas costas españolas. O mesmo acontece en Francia, en Italia ou en Grecia. No avellentamento, o clima é básico porque permite actividades ao aire libre, gozar do sol, achega optimismo… Tamén o factor económico inflúe. A min dicíanme xubilados ingleses que polo prezo da calefacción no seu país, alugaban un apartamento en Benidorm e, evidentemente, as súas articulacións agradecíano. O avellentamento mediterráneo é cualitativamente o mellor do mundo, e iso está demostrado. Identificamos outros modelos de avellentamento: anglosaxón (máis individualista), escandinavo (maior protección social)…

Que se precisa daquela para avellentar ben: bo clima, boas relacións sociais, bos ingresos…?

Saúde, diñeiro e amor. A saúde, preparándose porque na vellez recolles os froitos do que fixeches na vida. Por iso, é tan importante a prevención, dende o punto da saúde. Pero tamén dende o punto de vista económico, porque, dada a situación na que viven as presentes xeracións, non vai haber cartos para pagar as pensións. E se as pensións son reducidas, ou non hai cartos, a calidade de vida deteriórase. A solución que xa se está a aplicar en países como Francia ou Alemaña é prolongar a idade da xubilación. Isto xa se realiza voluntariamente nalgúns ámbitos en España como na función pública ou na maxistratura… O problema é que predomina unha cultura, unha crenza que asocia xubilación con pracer e canto antes mellor. Pero isto é relativo. Hai limitacións económicas e limitacións mentais. Hai persoas xubiladas que están moi frustradas. Teñen un recurso do que non dispuxeran nunca, que é o tempo, e non o saben como utilizalo. Por iso é tan importante preparar as persoas para a xubilación.

Ata cando habería que prolongar a idade da xubilación?

A xubilación debe ser voluntaria. Se a Constitución outorga o dereito ao traballo, tamén debería outorgar o dereito a xubilarse, que fose unha decisión do individuo. Temos que pasar da xubilación guillotina e por decreto a unha xubilación con liberdade.

Pero vostede escribiu que a xubilación hai que entendela como unha oportunidade vital. Non sería mellor daquela dispor do máximo tempo posible para aproveitala?

Hai que buscar un equilibrio. Hai que racionalizar a xubilación e preparala con antelación. Non é doado cando a persoa non quere ou non ten interese. Moitas persoas prefiren non pensar niso porque a xubilación é a entrada á vellez e tras a vellez vai a morte. Algunhas teñen proxectos vitais moi definidos e descobren aos tres meses que non funciona. Queren espertar ás dez todos os días, pero espertan ás seis da mañá porque a fisioloxía non perdoa, ou queren escribir un libro e atópanse con que non teñen nin capacidade nin motivación. Por iso é importante prepararse, e non se fai da noite á mañá. A convivencia familiar é un aspecto clave. Se a familia non funcionase ou non existise, habería que inventala. Lembro un congreso en California no que un sabio dicía que habería que descubrir unha entidade asistencial que fose flexible, dispoñible os 365 días do ano, que fose tamén un apoio psicosocial e non só económico… E díxenlle: “mire, vostede non sabe que existe a familia?”.

Como se pode preparar unha persoa para a xubilación?

Nós propomos unha preparación colectiva. Individualmente é moi difícil. Moitas empresas inclúena como unha prestación social, sempre voluntaria. A preparación colectiva é moi efectiva porque se conta co estímulo do grupo. Todos se senten en situacións semellantes. É unha preparación que debe ser moi activa. O esquema é moi sinxelo: un pouco de saúde, diñeiro e amor e un pouco de dereito. O que facemos é unha aproximación ás decisións vitais que ten que tomar unha persoa xubilada para as que en moitas ocasións non está preparada. Non é nada académico nin docente. Cunha semana de luns a venres abonda. Iso si, é importante que se realice coa parella porque, non o esquezamos, un dos cambios clave da xubilación é a maior convivencia co outro membro da parella. Ten que ser algo profundo, e en ocasións pode resultar duro. Nós vimos casos como o dunha señora que lle reprochaba ao seu home que era a primeira vez que lle dicía “quérote” en 40 anos. Airéanse temas moi persoais. Algunhas empresas que llelo ofrecían aos seus traballadores na época da reconversión industrial eliminárono co argumento de que para que van investir en persoas que xa non van pertencer á empresa. É algo que deberían facilitar as administracións públicas con, por exemplo, desgravacións ás empresas que o fagan. Ao final, serán as propias administracións as que deban asumir o custo dunha mala xubilación.

Que beneficios carrexaría un maior número de persoas preparadas para a xubilación?

En primeiro lugar, un beneficio económico. O Grupo que dirixo realizou un estudo que demostra cuantitativamente o aforro que supón a prevención da dependencia ao avellentar. Está baseado nos datos obtidos nunha enquisa a médicos de asistencia primaria e a xubilados de todo o país, e conclúe que por cada euro investido en prevención, a administración sanitaria aforraría 129 euros, custo das patoloxías máis frecuentes ao avellentar.

Vostede alerta da síndrome da xubilación. Que proporción de persoas se ven afectadas por este problema no noso país?

A síndrome da xubilación reflíctese en problemas físicos, psíquicos e sociais. En conxunto, entre o 11% e o 30% das persoas xubiladas padeceron ou padecen esta síndrome e a case a metade das persoas que a padecen cústalles superala máis de doce meses.

As persoas soas avellentan peor?

En principio si. A soidade é un factor de risco. O ser humano é basicamente sociable. Agora, estar só, se é unha elección persoal, pode ser mellor que estar en compañía. En calquera caso, é un factor de risco. Se se corta toda relación social, é difícil que un individuo manteña unha personalidade estable. De aí a importancia dos centros de día, dos bares da vila…, de espazos onde se poida manter unha relación social. E non só pola relación en si mesma. Tamén porque esta persoa ten que vestirse, e porque come variado. Unha das probas que realizan enfermeiras ou asistentes sociais é abrir a neveira do solitario.

Como se pode conseguir asociar a xubilación con ilusión e non con decepción?

Con educación. E cómpre comezar dende a gardería. Hai que educar o neno e dicirlle que ten avós e que ten que relacionarse con eles. Hai que seguir na Secundaria e na Universidade con todos os aspectos que leva consigo o avellentamento. O tratamento vixente é, así e todo, moi superficial.

Como debe funcionar o sistema sanitario e asistencial para garantir unha atención axeitada aos vellos?

Debe ser un sistema realista. Ten que introducir a dimensión preventiva, pero a nivel global, nos hábitos de vida na casa, na escola, no traballo… e concentrarse na investigación sobre o avellentamento. A verdade é que sabemos moi pouco sobre o avellentamento. Os intentos de chegar todos a centenarios… Isto é unha utopía. Son ganas de chamar a atención, xa que o importante non é a duración, senón a calidade, e a calidade está clara: saúde, diñeiro e amor. Temos unha sociedade moi estratificada: os nenos cos nenos, os adultos cos adultos e os vellos cos vellos; e que non se mesturen, que poden romper. Temos que promover as relacións interxeracionais e evitar unha sociedade illada nas súas franxas de idade. Se non, pensaremos que todos os vellos son persoas dependentes, que cheiran mal, que non teñen ideas… E claro que os hai, non todos son agradables. O único que fan ao final da súa vida é exhibir características que mantiveron na súa vida anterior, e ás veces agudizadas nos aspectos negativos. Non podemos edulcorar o avellentamento, o avellentamento é duro para as máis das persoas, é duro por aspectos sociais de perda de rol e por unha peor situación física. Estas imaxes das “rapazas de ouro”… Está ben dar un enfoque positivo, pero non un irreal, porque xera frustración e depresión.

As residencias son a solución para persoas dependentes?

A solución nunca é un recurso único, senón múltiple. O avellentamento é un asunto complexo, e a demanda é variada. Unha cousa é a demanda dos fillos para liberarse do pai, que é pesadísimo, que ten que vivir no seu domicilio habitual, que obrigou a alternarse para coidalo, que ademais teñen que subvencionar porque coa súa pensión non chega… Para eles, a residencia é a solución. Pero para o suxeito, o mellor é quedar no seu domicilio e contar cun servizo de axuda a domicilio. O que acontece é que hai unha discordancia entre a demanda e o servizo. Eu só direi que en Dinamarca se prohibiu a construción de novas residencias, e que en Holanda baixaron a oferta residencial. Cal é a vontade do suxeito? A opinión maioritaria é que a xente quere avellentar na casa, pero con servizos…

É factible?

Depende das custas e de como se xestione. Pero si, é factible. Ten que ser unha combinación. Por exemplo, unha persoa que vive soa ten un servizo de limpeza, vaise comer a un centro de día e leva á casa unha cea lixeira. Isto pódese facer a un custo moi inferior ao dunha praza residencial. Hai que inventar o futuro. Por exemplo, compartir espazos comúns entre distintas persoas maiores, sempre que teñan vínculos de relación.

A propósito, cantos anos ten vostede?

Teño 74 anos.

Por que non se xubila?

Estou xubilado da docencia, pero sigo no que me gusta.

Preparouse para a xubilación?

Non, nunca, na casa do ferreiro culler de pau. Bromas á parte, si, si me preparei.

Catalógase como persoa xubilada?

Xubilada laboralmente, non intelectualmente. Non teño amo, nin decano, nin ninguén que me amole.