Mercedes Ruiz Giménez, Presidenta da Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento (Congde)

Os recortes en cooperación lévannos a reducir accións e presenzas importantes en diferentes contextos e países

1 Maio de 2013
Img entrevista listado 877

En 2013, a AOD sitúase en niveis de 1981. Está isto xustificado?

É totalmente incomprensible e inxustificado. Mentres a renda nacional diminuíu un 5 % dende 2008, a AOD reduciuse un 70 % dende 2001. A mal chamada crise económica levou a uns recortes que esconden un cambio de modelo. Os orzamentos son inmorais e non teñen en conta a situación de extrema pobreza de millóns de persoas no mundo.

A canto ascende o recorte en subvencións públicas ás ONGD?

As ONGD obteñen recursos da AECID, que rexistrou a caída máis forte, cun recorte acumulado do 70 %. As organizacións seguimos recibindo o 50 % do seu orzamento e mantivéronse os compromisos en marcha, pero pecháronse axudas especiais e novos convenios, os fondos para programas plurianuais descenderon un 17 % e a convocatoria anual de subvencións a entidades máis pequenas será moi reducida en 2013.

Que supón para a cooperación internacional a redución de fondos españois?

Se diferenciamos o apoio canalizado a través das ONGD, que colaboramos con lugares de gran pobreza que dependen da AOD, o impacto será máis importante en 2013 e 2014. A cooperación descentralizada descendeu un 50 % e o noso apoio reducirase nesa porcentaxe. Pero, ademais, o 19 % das organizacións abandonamos un país ou unha zona xeográfica, o 65 % diminuímos o número de proxectos en terreo, o 21 % pechamos sedes territoriais e o 50 % reducimos persoal.

Afectan os recortes ao logro dos obxectivos de desenvolvemento do milenio?

É evidente. O propio secretario xeral de Nacións Unidas recoñeceu que os recortes dos países europeos terían un impacto forte na consecución dos obxectivos, sinalou de xeito especial as reducións de Grecia e España e pediulles aos gobernos que non coloquen a carga da austeridade fiscal sobre os máis pobres.

Teme que desaparezan as subvencións ás ONGD e, mesmo, á AECID?

Non quereriamos que isto acontecese, pero a forte redución orzamentaria da AECID podería levar á súa desaparición como axencia. Preocúpanos ademais o interese actual porque os coordinadores das oficinas técnicas de cooperación no exterior sexan diplomáticos e non expertos en cooperación.

Hai que mellorar a efectividade da axuda?

Isto é urxente, independentemente da crise. No seu último informe periódico, o Comité de Axuda ao Desenvolvemento da OCDE recomenda a concentración, algo que recolle o novo plan director. Tamén necesitamos unha maior coordinación entre doadores, aprobar a materia da avaliación e garantir que as políticas públicas de agricultura, pesca, medio, comercio ou migracións estean guiadas polo obxectivo da loita contra a pobreza e da defensa dos dereitos humanos.

Deben reformularse as ONGD o seu funcionamento?

Reformulámonolo sempre, pero temos unha responsabilidade compartida. Dada a nosa profesionalidade, a maioría dos fondos públicos canalízanse a través das ONGD. Non obstante, temos que diversificar as nosas fontes e urxe unha lei de mecenado para que os doadores privados se sintan motivados para colaborar.

O plan director aposta por fomentar a actuación das empresas en cooperación.

Por iso reclamamos mecanismos éticos e de dereitos humanos que regulen a súa contribución e que fiscalicen as súas actuacións, como as do resto de actores. As empresas sociais, con intereses focalizados no desenvolvemento humano e sustentable, son benvidas. Pero se se centran en obxectivos de lucro e internacionalización, temos moitas obxeccións.

Que rol xogan as ONGD como actores de desenvolvemento?

O tradicional é a xestión e a execución de proxectos, pero o fundamental é a transformación social, a loita contra a pobreza e contra as desigualdades. Promovemos unha cidadanía comprometida e responsable coa política pública de cooperación ao desenvolvemento, un aspecto onde aínda temos un déficit.

As estatísticas sinalan que os cidadáns apoian a AOD.

Pero este apoio non é masivo nin sae ás rúas. É moi importante en momentos puntuais, como grandes emerxencias, pero falta dar o paso a un compromiso permanente.

Outro compromiso pasa por destinar o 0,7 % da renda nacional á AOD, cumprirémolo?

Estamos lonxe, pero se Irlanda o mantivo, malia que foi rescatada, España pode alcanzalo.