Andrés Hermida Trastoy, secretario xeral de Pesca do Magrama

"Os controis de produtos de pesca ilegal en España son os máis eficaces da Unión Europea"

1 Xaneiro de 2016
Img entrevista listado 1079

Que cantidade de pesca ilegal entra en España?

Non hai cifras oficiais. As estimacións sobre a pesca ilegal no mundo sinalan ata 26 millóns de toneladas, cun valor de máis de 21.000 millóns de euros. Os controis para produtos de pesca de terceiros países que realiza a Secretaría Xeral de Pesca son os máis eficaces da Unión Europea (UE), cun 100 % das partidas. España é líder no ámbito comunitario en cifras de rexeitamentos.

Como afecta esta realidade o medio ambiente e a economía?

Ten un impacto moi grave. Desde o punto de vista ambiental, supón un risco evidente para a sustentabilidade dos recursos pesqueiros, ao realizarse á marxe das medidas de xestión sustentable e das recomendacións científicas, dous dos tres piares da política de pesca do ministerio. Con respecto á economía, é unha competencia desleal para os operadores legais, xa que se reducen os seus beneficios.

Quen está detrás desta pesca ilegal?

É moi complicado identificar e desmantelar os seus responsables. A pesca ilegal non coñece fronteiras, o mercado é global. As súas capturas pódense realizar nun caladoiro, descargarse nun porto afastado, mesmo en transbordos ilegais no mar, comercializarse en calquera parte do mundo por canles de venda paralelos e, finalmente, mesturarse cos produtos legais. No entanto, España conseguiu, grazas a actuacións como as operacións Sparrow, identificar algunhas tramas, como o uso de empresas pantalla ou pantasma que levaron a cabo estas prácticas ilegais durante anos, e proceder contra elas.

Como poden os cidadáns saber se consomen peixe ilegal?

Fixéronse melloras evidentes en materia de rastrexabilidade, información ao consumidor e etiquetaxe dos produtos pesqueiros. Os produtos da pesca e da acuicultura teñen que ser coñecidos en todas as fases de produción, transformación e distribución, desde a captura ou a colleita, ata a fase de venda polo miúdo, onde teñen que etiquetarse correctamente e dar unha información mínima ao consumidor. Iso permite coñecer con maior exactitude a orixe das capturas e facilitarlles a todos os operadores da cadea de comercialización que adquiran produtos de provedores fiables.

A lei de pesca renovouse e endurece as penas e as sancións. Como está a ser a súa aplicación?

A modificación da lei de pesca funciona correctamente, e a partir dela poderanse aplicar sancións que resulten verdadeiramente efectivas, disuasorias e proporcionadas. Un froito moi palpable son as mencionadas operacións Sparrow que, grazas ás novas ferramentas e capacidades, permitiron detectar actividades ilegais vinculadas a cidadáns e a empresas españolas e, de feito, posibilitarán as sancións máis altas vistas ata o momento no noso país.

Que medidas toma o Magrama para conseguir que a pesca en España sexa sustentable?

Desde 2012, o control das actividades pesqueiras en España ten un enfoque integral e coordinado, no que conflúen as actividades de vixilancia e inspección e a propia loita contra a pesca ilegal e o control das importacións. Reforzouse a colaboración entre o Magrama e outros organismos que realizan controis, como as comunidades autónomas, a Garda Civil, a Armada e terceiros países. Dotámonos de novas ferramentas de control, como novas tecnoloxías ou a mellora da capacitación e do coñecemento dos nosos inspectores. Todo se encadra no terceiro piar da nosa política -control e cumprimento-, ademais dos dous citados anteriormente, que nos situou á cabeza mundial na loita contra a pesca ilegal.

Que podemos facer os consumidores?

Aínda hai percorrido para mellorar a concienciación de todos, especialmente no concernente á competencia desleal para os pescadores responsables e ao risco para a sustentabilidade dos stocks pesqueiros. Só desde o traballo de todos, incluído o propio sector pesqueiro, consumidores, ONG, científicos e administracións, é posible loitar contra esta secuela. Á parte dos fondos comunitarios, habilitáronse partidas orzamentarias específicas destinadas, entre outras actuacións, a campañas informativas. O cidadán debe esixir no seu punto de venda toda a información e, sobre todo, a orixe da mercadoría que adquire e ha de rexeitar os produtos que incumpran as normas.