Valentín Martínez Otero, doutor en Psicoloxía e Pedagoxía, e profesor da Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid

"Os colexios deben implicarse para lograr a conciliación no verán"

1 Xuño de 2016
Img entrevista 2 listado 309

Conciliar en España é complicado, como reflicte o feito de que case todos os partidos políticos inclúan medidas de conciliación familiar nos seus programas para as eleccións do 26 de xuño. Conciliar no verán é aínda máis difícil?

Si. Os nenos xa non teñen obrigacións escolares e os pais teñen a responsabilidade de atendelos todo o tempo. O verán presenta conflitos para moitas familias, e supón un engadido de preocupación e dificultade.

A maioría das propostas infantís para o verán, coma os campamentos deportivos ou de idiomas ou as clases de reforzo escolar, son privadas e caras. É este o único camiño para conciliar no verán?

Non. As administracións deberían contar con educadores sociais e animadores que presten un servizo público durante o verán. Este servizo pode ser formativo, pero tamén lúdico. As administracións deben ofrecerlles aos nenos un espazo para relacionarse e onde estean atendidos con seguridade.

Non hai risco de repetir no verán o mesmo calendario estresante que os nenos xa sofren durante o curso?

Os nenos non deben aburrirse no verán e o consello é que aproveiten o tempo con actividades como idiomas, deportes ou campamentos. Isto non exclúe o descanso nin a diversión. A fórmula é ter en conta a idade do neno, os seus intereses e as súas opinións.

Pero as probas que miden a creatividade argumentan que aburrirse pode ser máis importante do que parece.

O problema é que hoxe está todo tan cociñado, tan estruturado e tan atado que moitas veces non lles deixamos aos nenos marxe de manobra. O aburrimento con moderación non ten ningunha contraindicación, pero non convén que o neno estea abandonado á súa sorte, ocioso e sen saber que facer. Como diría o poeta, todo é cuestión de medida. No verán, hai que reservar un espazo importante ao xogo e a pasalo ben para que o neno poida despregar a súa creatividade. O ideal é propoñerlle unha oferta para que poida aproveitar o seu verán e, por que non, tamén usalo para reforzar algunhas materias escolares.

Cre entón que os nenos deben facer deberes no verán? Cada vez máis profesores apostan polo contrario.

Non o vexo mal. As tarefas escolares no verán deben responder a un sentido pedagóxico, xa que non teñen sentido se as poñemos como castigo. Os deberes cunha finalidade educativa poden ser bos. O verán escolar é moi longo, pero podemos aproveitalo para reforzar aprendizaxes, sen privar o neno do seu tempo de lecer e descanso.

As vacacións de verán dos nenos españois son demasiado longas, tal e como opinan na Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos?

Non. As vacacións de verán ben aproveitadas permiten atender parcelas da vida infantil moi valiosas. O verán facilita o descanso dos nenos, fortalece as relacións interpersoais coa familia e cos amigos, e é tempo de actividades que contribúen ao seu desenvolvemento intelectual, físico e emocional.

Segundo o barómetro do CIS, ao 45 % dos españois resúltalle difícil realizar as súas tarefas familiares e un de cada tres dispón de menos de tres horas libres ao día. Con este escenario, cal é o seu ingrediente secreto para lograr unha boa receita da conciliación familiar no verán?

Os colexios deben involucrarse para que a conciliación familiar no verán sexa posible, con profesionais de reforzo e alternativas de lecer e formación. Este é o ingrediente para que as vacacións deixen de ser unha carga pesada para as familias.

Concretamente, que propostas de conciliación familiar propón para o verán?

Os campamentos de verán que lles permiten aos nenos estar en contacto coa natureza son moi interesantes e, ademais, danlles a posibilidade de coñecer amigos e de fortalecer as súas relacións sociais. Tamén son aconsellables as viaxes cos nenos. Pero, de novo, non podemos pasar por alto o feito de que moitas familias teñen problemas económicos. Por iso, os colexios deben implicarse: as viaxes e os campamentos en grupo son máis económicos.

Conciliar no verán é unha opción ou unha misión imposible?

Conciliar no verán é posible e débese conseguir. Para moitas familias conciliar no verán é unha misión, se non imposible, complicada. Por iso, as administracións e institucións escolares deben implicarse para apoiar as familias con dificultade para conciliar.