Julio Moreno, presidente da Asociación Gremial de Auto Taxi de Madrid

"O sector do taxi en toda España está á vangarda en tecnoloxía de apps"

1 Outubro de 2014
Img entrevista listado 967

Uber preséntase como unha aplicación útil para o consumidor dentro do sistema de economía colaborativa. Por que protestan vostedes?

Non o facemos polas apps nin polas novas tecnoloxías. O sector do taxi en toda España está á vangarda en tecnoloxía de apps que poñemos á disposición dos nosos usuarios. Protestamos porque as regras do xogo deben ser iguais para todos. Existe unha Lei de ordenación de transportes terrestres (LOTT) que establece os requisitos para prestar un servizo público en automóbiles de turismo. En ningún caso se pode proporcionar esta prestación con vehículos e condutores particulares que non reúnan certos requisitos: ter unha licenza ou unha autorización, un carné de conducir da clase BTP e seguros que cubran os usuarios do servizo do taxi.

E iso custa diñeiro.

O taxi bríndalle ao usuario a profesionalidade do condutor, o pagamento dos impostos e as cotizacións sociais, a correspondente póliza do seguro que lles garante danos a terceiros e a pasaxeiros nun exercicio profesional (os seguros comúns dos condutores privados non os cobren), ademais da identificación externa do vehículo. Cúmprese co dereito de poder consultar as tarifas nun lugar visible, garántese que o taxista leva unha identificación visible e que é unha persoa sen problemas coa xustiza. Ademais, o condutor de taxi ten un permiso especial de condución da clase BTP, superou un exame de coñecementos da cidade e é capaz de localizar calquera enderezo cunha guía ou cun navegador.

Cren que Uber é seguro para o usuario?

Non, por varios motivos. Non están sometidos ás restricións da lexislación laboral e poden traballar un número de horas indeterminadas co conseguinte risco para os usuarios. O estado dos vehículos non está controlado por ningunha Administración. Os pasaxeiros non están cubertos polo seguro. Os condutores non teñen ningún tipo de formación especial. As tarifas que aplicarán serán as que queira Uber. Os pasaxeiros non saben se quen conduce ten antecedentes penais ou non. Se pasa algo, o pasaxeiro poderase queixar e reclamarlle a unha app con foro en Amsterdam ou simplemente valorar o servizo e saír nunha estatística que xestiona a mesma empresa. Por non falar dos exemplos de inseguridade acontecidos noutras cidades e que apareceron nos medios de comunicación.

Pero é un sistema que ten éxito.

O éxito deste sistema radica en que pretenden evitar todas as leis en materia laboral, tributaria e de transportes e seguridade viaria. Cando as regras do xogo non son para todos iguais e alguén salta todas estas normas, a súa actividade sempre será máis atractiva e máis produtiva, xa que se poden permitir ofertar prezos máis competitivos ca os do taxi, aínda que poden acabar por ser máis caros.

Vostedes acusan a Uber de favorecer a economía encuberta, de fraude e ilegalidade. Se se ativesen á LOTT e non fosen competencia desleal, aceptaríanos?

Por suposto. Aceptariamos calquera cidadán que quixese facer transporte de viaxeiros en automóbiles de turismo se cumprise co que establece a LOTT e se pagase os seus impostos e taxas correspondentes.

Hai voces que os acusaron de ir en contra das novas tecnoloxías, de non aceptar un novo modo de facer as cousas.

Houbo manifestacións deste tipo por parte do ministro de Economía, Luis de Guindos. Dende o sector do taxi, aconsellariámoslle que baixase do coche oficial de cando en vez e utilizase o servizo público do taxi. Así vería como os taxistas de toda España estamos na vangarda desas novas tecnoloxías. O que non sabemos é se o ministro de Economía quere que máis de 70.000 taxistas en todo o país deixemos de pagar os impostos e as taxas correspondentes e que actuemos tal e como pretenden estas multinacionais.

Que solución lle daría vostede a este conflito?

A solución xa está dada. Hai unha Lei de ordenación de transportes terrestres que establece as normas e os requisitos que se han seguir. Todo aquel que a incumpra debe ser sancionado debidamente. Ese é un labor que lles corresponde e lles compete ás administracións públicas, elas son as que teñen que impedir estas prácticas ilegais. Se eles lexislan e establecen unhas leis, tamén teñen que facer que as cumpran e que as respecten todos os cidadáns.