Ignacio Marco, director xeral de PlasticsEurope en España

"O plástico contamina o mar por culpa do mal comportamento cidadán"

1 Xullo de 2017
Img entrevista 2 listado 373

Segundo o informe Plastics, the Facts 2016, cada ano prodúcense no mundo 269 millóns de toneladas de plástico e, destes, case 50 millóns xéranse en Europa. Por que oito millóns de toneladas de plástico acaban no mar?

A principal razón é o comportamento cidadán. Vivimos nunha economía de fabricar, usar e tirar. Os plásticos acaban no mar porque se tiran nun lugar indebido. Se tiramos un plástico ao lixo xeral, acabará no vertedoiro. E no vertedoiro o plástico pode voar, ser arrastrado e terminar no mar. Ningún plástico debería acabar no vertedoiro. Pero aínda é peor cando se tira directamente ao chan ou á praia. Todos os plásticos, tamén as pallas, deben ser xestionados de forma adecuada; é dicir, hai que botalos ao colector amarelo. E tamén hai que mellorar a infraestrutura, como poñer máis colectores e baleiralos con máis frecuencia.

O impacto dos plásticos no océano e na vida mariña espertou unha grande alarma social. Que se pode facer para deixar de danar con eles os océanos?

A solución está en terra firme. O 80 % dos plásticos e doutros residuos que se atopa nos océanos vén da terra. A primeira regra é facer un consumo responsable; é dicir, cando non fai falta consumir é mellor non consumir. Cando xa se consumiu, como o plástico non é reutilizable, hai que depositalo no colector amarelo para que poida reciclarse e ser transformado noutro produto útil e, se non hai máis remedio, recuperalo en forma de enerxía.

España é un dos catro países de Europa que máis plástico consome, case catro millóns de toneladas ao ano. Que usos pode ter un residuo plástico ben xestionado?

Os plásticos non son un residuo, senón un recurso. O seu valor calorífico é moi similar ao do gas natural. En España, somos moi dependentes da importación de enerxía do exterior e os plásticos son un recurso, pois conteñen enerxía que se pode transformar en calor. Unha palla ou o plástico, ademais, pode converterse noutros moitos produtos cunha transformación mecánica; así, por exemplo, trituramos a palla e con ela pódense facer friameiras para conter alimentos. É o que se chama economía circular.

Os científicos din que só no mar Mediterráneo hai unhas 1455 toneladas de plástico flotando. Este plástico podería utilizarse para producir calor e quentar vivendas no inverno?

Iso é. A recuperación enerxética do plástico permite aproveitar o seu valor calorífico. Esta enerxía podemos usala en plantas industriais, pero tamén hai modos de recuperala para quentar as casas. De feito, en Viena xa o fan e os residuos urbanos, incluídos os plásticos, empréganos para quentar 60.000 fogares.

Outros plásticos biodegradables, coma o biopol ou o quitosano, poden desfacerse por organismos vivos e bacterias. Non poderían usarse para reducir o impacto nos océanos?

Os plásticos biodegradables, ou os chamados plásticos de orixe bio, derivados de produtos vexetais, forman parte da solución. Unha bolsa de lixo biodegradable ten moito sentido, igual ca os plásticos biodegradables de uso agrícola. Pero a reciclaxe mecánica non funciona ben cando temos distintos materiais xuntos; é dicir, non funciona cando hai material biodegradable con material non biodegradable.

En 2018, en España estará prohibido entregar bolsas de plástico gratuítas. Cre que chegará un día no que tamén as pallas estarán prohibidas?

Segundo os nosos datos, só o 4 % dos cidadáns está a favor de prohibir os produtos de plástico, como bolsas, pallas ou vasos de iogures. Nós estamos en contra da prohibición. A solución non é prohibir a palla ou a bolsa, senón concienciar de que é un recurso.

Recentemente, acordouse tamén que, a partir de 2018, pratos, vasos, cuncas e cubertos de plástico, así como bastonetes de algodón, teñan que estar fabricados polo menos nun 50 % con substancias biodegradables procedentes de materias orgánicas. Esta medida podería prexudicar a súa reciclaxe e recuperación?

Iso é. A medida é totalmente equivocada, xa que dificulta a reciclaxe porque é máis complicado separar os materiais. Ten sentido facer plásticos 100 % biodegradables cando é posible, como é o caso das cápsulas do café ou das bolsas de lixo.