Javier Andaluz, licenciado en Ciencias Medioambientais e coordinador de Clima e Enerxía de Ecologistas en Acción

"O panorama enerxético cambiou e aproveitar a luz natural xa non implica consumir menos"

O debate sobre as súas bondades ou maldades rexorde cada vez que hai que atrasar ou adiantar o reloxo. Os seus defensores apóianse na rebaixa do consumo de enerxía; os seus detractores esgrimen que é máis simbólico que eficaz. Agora, a Comisión Europea propón suprimirla definitivamente.
1 Outubro de 2018
Img entrevista 2 listado 411

Por que se sitúa en contra do cambio de hora?

A súa efectividade como modo de aforro enerxético é cuestionable. De producirse algún, este é mínimo. Con todo, a alteración dos ciclos biolóxicos que implica para moitas persoas si resulta relevante. Temos a necesidade de aforrar enerxía, pero dunha forma máis intensa, con medidas de aforro reais, como mellorar o illamento térmico dos edificios ou aplicar outras medidas de aforro pasivas que reducen a demanda de enerxía.

Por que considera que o aforro enerxético que se consegue é pequeno?

Porque o que aforramos pola mañá, gastámolo na iluminación pola tarde. Ao facerse de noite máis pronto, hai que acender as luces antes. Mover as agullas do reloxo dúas veces ao ano non implica necesariamente un aforro de enerxía. Cando no outono se atrasa a hora, empresas e familias (se madrugan) necesitarán unha hora menos de iluminación. E se son negocios de horario matutino, o aforro existe. Con todo, as familias atoparanse conque chega a escuridade unha hora antes do habitual, e dado que a rutina horaria se mantén, gastarán pola tarde esa hora de iluminación aforrada (ou non aforrada) pola mañá. En canto ás empresas e oficinas que traballan despois das 18.00, tampouco aforrarían. Ademais, moitos comercios abren ás 10.00, polo que non aforran pola mañá pero requirirán unha hora máis de iluminación pola tarde, co que o cambio ata os prexudica. Ademais, o consumo eléctrico resulta máis complexo ca iso; salvo en caso de comportamentos irresponsables -como deixar acesas as luces todo o día-, a iluminación non supón o consumo enerxético maioritario dun fogar. De feito, a mellora da eficiencia da iluminación co LED fai que este consumo de enerxía baixe, mentres aumentan, por exemplo, os consumos tecnolóxicos en smartphones , televisións e ordenadores.

Con todo, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) atribúelle ao cambio de hora unha redución do 5 % no consumo de enerxía…

O estudo do IDAE baséase en proxeccións, e estima ese 5 % segundo o que considera que se produciría de non facerse o cambio de hora. Pero ao comparar series de datos de consumo reais anuais, analizando o consumo durante os 10 días anteriores e os 10 días posteriores, os datos son dispares: mentres que uns anos diminúe o consumo enerxético, noutros aumentan. Isto indica que hai factores máis influentes no aforro de enerxía que o cambio de hora.

E que sucede coas familias? Compénsalles?

Non, non hai un aforro real. Non só porque o cambio de hora teña pouco ou ningún efecto, senón porque o prezo do Kw/h consumido é un factor relativamente menor respecto ao custo total dunha factura eléctrica. Ademais, co cambio de hora, en moitos casos o consumo enerxético da xornada laboral prodúcese nas horas solares, mentres que o consumo doméstico desprázase ás horas nocturnas, polo que a suposta hora de aforro prodúcese só en favor dos consumos empresariais e non das familias, que incrementan unha hora o seu consumo de iluminación.

Entón, as empresas e o ámbito industrial si reducen o consumo de enerxía co cambio de hora?

Si, elas son as claras beneficiadas, xa que no seu caso si que se pode producir unha redución do consumo enerxético máis relevante. No entanto, este aforro sería pequeno, e en calquera caso, habería que avalialo conxuntamente sobre os efectos do cambio horario sobre as traballadoras e os traballadores.

Algúns expertos apuntan que, ao adiantar ou atrasar o reloxo, o aforro en iluminación queda compensado polo feito de que usamos máis a calefacción ou o aire acondicionado, dependendo do mes. Cal é a súa opinión?

En efecto, os factores ambientais inflúen máis que o cambio de hora no consumo enerxético, e así, durante as épocas con temperaturas extremas (meses máis fríos ou máis cálidos), o consumo enerxético ascende moito debido aos aparellos de calefacción ou aire acondicionado. Prodúcese un incremento no consumo de enerxía que non só é eléctrico, senón tamén doutras subministracións fósiles.

O cambio de hora comezou a xeneralizarse en 1974, e hoxe ata o Parlamento Europeo o cuestiona. Considérao unha medida obsoleta?

Si, por todo o exposto pero, sobre todo, porque o consumo enerxético é na actualidade moi distinto ao de 1974. O panorama cambiou: hai un incremento das novas tecnoloxías e doutros sistemas eléctricos que non estaban presentes entón, ademais de mellores sistemas de iluminación, o que explica que a luz xa non sexa o centro do consumo eléctrico dunha familia media.

Se non se consegue aforrar de forma eficiente, por que o mantemos?

Por inercia e por costume.

Que medidas de aforro de enerxía propón poñer en marcha?

Sobre todo, eliminar os consumos innecesarios e mellorar o illamento dos edificios. Tamén habería que aplicar medidas pasivas de aforro enerxético (como reducir zonas de correntes de aire ou filtracións), prestántolle especial atención aos colectivos máis vulnerables.

Na súa opinión, existe vontade real de aforrar enerxía?

O auténtico aforro enerxético, necesario para desacelerar o cambio climático, implica reducir en termos netos a demanda de enerxía fósil. Resulta necesario ampliar a instalación de enerxías renovables á maior cantidade de vivendas posible. Na actualidade queda moito traballo pendente no fomento do autoconsumo. O importante sería conseguir que a enerxía que non se estea consumindo nun fogar puidese verterse á rede, unha medida que debería ser prioritaria para a transición enerxética.