Federico Mayor Zaragoza, científico e ex-Director Xeral da UNESCO

"O maior acontecemento do século XX foi a Declaración dos Dereitos Humanos"

1 Abril de 2001
Img entrevista listado 127

¿Para que serve a educación e en que nos axuda como individuos e como sociedade?

A educación é un proceso a través do cal cada persoa pode chegar a dirixir con sentido a súa propia vida. É un camiño no que somos aprendices permanentes de acordo coa nosa propia experiencia. Para min, é a solución de tódolos grandes desafíos que hoxe temos no mundo. O gran problema da actualidade é que vivimos 6.070 millóns de persoas e cada día chegan 270.000 pasaxeiros máis á Terra. A educación é o único xeito de poder compartir mellor, eliminar estas asimetrías que conducen á pobreza, á exclusión, a vivir en condicións incompatibles coa dignidade humana, e que ó final son foco de inestabilidade e fluxos migratorios. É preciso educar para adquirir soberanía persoal, para non estar sometido ó dictado de ninguén e para que teñámo-las nosas propias respostas sobre as cuestións esenciais. A única boa nova deste principio de milenio é o declive progresivo da poboación nos últimos 10 anos. Calculamos que seriamos 6.200 millóns e somos menos, isto foi posible porque países como a India, Bangla Desh, México… investiron máis en educación. Resultado de todo iso é que teñen máis xente que actúa en virtude da súa propia reflexión.

¿Hai pasividade da poboación dos países industrializados nestas cuestións?

Si, e quero expresa-la miña preocupación pola indiferencia e pasividade de moitos cidadáns (sobre todo, xente nova) dos países ricos, que quizais non teñen tempo para reflexionar e convértense en receptores permanentes de información de cuestións urxentes como catástrofes e escándalos. En realidade, viven pero non existen como cidadáns, como persoas capaces de expresaren os seus puntos de vista, de protestaren e transmitiren os seus criterios. Quero facer un chamamento para que cada un teña os seus propios argumentos e sexa capaz de expresalos. Que sexa un cidadán que participe na construcción da democracia xenuína, resultado dunha boa educación. Os cidadáns ben educados, e non só ben informados, son a mellor garantía dunha democracia que comparta mellor, cunha maior solidariedade e que faga fronte ós grandes desafíos ambientais, sociais e morais da nosa sociedade.

¿A educación, polo tanto, serve para construí-la paz, o desenvolvemento e a democracia?

O desenvolvemento ten que ser desde o interior dos propios países. O gran fracaso do desenvolvemento internacional dos últimos 30 anos é que se estableceu sobre a base dos préstamos económicos, que favorecen sempre ó país prestamista na medida en que lle permiten mellora-las súas capacidades científica e tecnolóxica e participar nas empresas que operan nos países receptores das axudas. E, por se fose pouco, xeran nos países pobres unha dependencia aínda maior. Á financeira únese a dependencia tecnolóxica, científica, cultural e administrativa. Mediante a educación podemos contribuír a que os países pobres aumenten as súas capacidades, con máis técnicos, enxeñeiros… e mellores dirixentes políticos e empresariais. Ata o de agora, aplicámoslles medidas uniformes a países moi diversos e, por exemplo, mentres que nalgúns era preciso diminuí-lo número de funcionarios, e polo tanto facer isto estaba ben, noutros esta medida levou á desaparición dos poucos mestres que había. Dixémoslles que teñen privatizar, pero aínda que é certo que nalgúns países así se redistribúe o poder económico, noutros así perden a súa última posibilidade de explotaren os seus recursos. Mediante a educación cómpre axudalos a que adquiran a capacidade de seren eles mesmos quen se desenvolvan.

¿Corrémo-lo risco de quedar atrás en investigación científica con respecto ós Estados Unidos e ó Xapón?

Non corrémo-lo risco, xa estamos atrasados. O que temos que facer é tomar medidas. A porcentaxe do PIB que dedican o Xapón e os Estados Unidos é do 3%, mentres que o de Europa é de só o 1,8%. Europa debe ser consciente de que se non inviste máis en investigación sempre sufrirá esa dependencia dos Estados Unidos e do Xapón. Hai países, como Finlandia e Suecia, que invisten o 4,2% en investigación, pero tamén outros invisten menos, como España, o 0,9%. A miña proposta é que en España se faga un pacto de Estado baseado nun acordo que estableza que durante os vindeiros 10 anos cada exercicio incrementarémo-los investimentos en investigación científica e técnica un 0,08% do PIB. Isto faría que en 10 anos nos situasemos no 1,7% do PIB, a media europea. En España hai investigadores excelentes que non podemos desaproveitar porque a investigación non consta soamente dos aparellos. Xa o dicía un premio nobel co que tiven o honor de traballar: investigar é ve-lo que outros tamén poden ver e pensar o que ninguén pensou.

Estas cifras contrastan co que se inviste en armamento…

Investimos a escala mundial a barbaridade de 2.000 millóns de dólares (370.000 millóns de pesetas) ó día en armamento. E non nos enganemos, cando se inviste en armamento ó final este emprégase. ¡Pero, señores… se antes temos enfermidades que atallar e problemas ambientais por resolver! Cómpre buscar novos equilibrios e investir doutro xeito. Non podemos investir esa cantidade de diñeiro para a destrucción e a defensa militar, nese sentido asústame o do escudo antinuclear de Bush. É moito máis prioritario protexernos dos raios ultravioletas, ou ver qué facemos co 83% da poboación do planeta que vive en condicións inhumanas ou atende-lo que pode acontecer co SIDA, que ata agora témo-la sorte de que tódolos virus, as cinco variantes, só se transmiten polo sangue, pero pode xurdir unha mutante, polo que teremos que tratar a tódolos enfermos do mundo, non só ós dos países ricos. Por todo iso, coido que comezar agora unha escalada militar é aberrante.

¿Daquela, sobran os exércitos?

Non, eu non son un utópico, os exércitos son precisos. En tempos de paz teñen que estar preparados para outras actividades, como chegaren axiña en grandes avións a onde se produzan as traxedias como terremotos, inundacións, etc. Vímolo no Salvador, na India, ¿como pode ser que os países máis ricos da Terra non poidan enviar avións, ou tecnoloxía aplicada para estes casos, como perforadoras, detectores, aparellos para mover masas de formigón e tabiques derrubados? Estámoslles facendo fronte ás catástrofes coma hai cen anos, cunha improvisación total. pero acontece o mesmo cando hai un lume nos Estados Unidos, tampouco teñen dispositivos preparados para estas catástrofes e acaba queimándose media California.

¿Que facer para implanta-la cultura da paz no mundo?

É a gran transición neste cambio de século e de milenio, a da razón da forza á forza da razón. Da lei do máis forte á comprensión, ó diálogo, a escoitar, ó convencemento de que falando se entende a xente. A aplicación na nosa vida cotiá da Declaración Universal dos Dereitos Humanos é fundamental: no momento no que se teña este convencemento, o mundo pode cambiar e ofrecerémoslles ós nosos fillos un mundo diferente. Artigo Primeiro: “Tódolos seres humanos son libres e iguais”, fíxese qué marabilla. Para min o acontecemento máis importante do século XX é a aprobación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1948. Representan unha pauta que pode unirnos a todos nos grandes conceptos de liberdade, xustiza, igualdade… Isto é a cultura da paz, convencérmonos de que a forza está no espírito; é dicir, ¡basta xa! a un proverbio maléfico que tantas veces repetira Cicerón e que tanto seguiu a humanidade durante séculos: “Se quére-la paz, prepara a guerra”. Por iso eu digo que cómpre prepararse para a paz, e investir cartos para acadala, que xa pagamos abondo o prezo da guerra.

¿O verbo compartir é a clave para este novo século?

Subscríboo totalmente. Ata o de agora non soubemos compartir, e non só riquezas senón tampouco coñecementos, experiencias… e por iso se dan estas posturas tan arrogantes dos países do primeiro mundo dictaminando que o que precisan os países pobres é alfabetización e despois educación. Pois non, o primeiro que precisan é educación e, despois, un pouco de autoestima. O que cómpre facer é o que me recomendaba unha mestra africana, “por qué non nos escoitan”, e deixármonos de consellos. Témonos que decatar de que estamos todos no mesmo barco, o mundo, e que temos que vogar todos na mesma dirección. Xa o dixo Leonardo da Vinci, nun barco cando o mar está bo hai ricos e pobres, homes e mulleres, negros e brancos, mozos e vellos… pero no momento no que se desata unha tormenta xa non hai a bordo esas distincións, non hai máis ca pasaxeiros que comparten un destino. Hoxe, na Terra con tódalas ameazas existentes, somos pasaxeiros dun mesmo buque. Por iso debemos compartir mellor, para que os tempos de calma poidan continuar. Se na aldea global hai un barrio rico e o resto son choupanas pobres, un día os necesitados invadirán o barrio dos poderosos.

¿Que opina da globalización?

Eu son partidario da globalidade, que é unha realidade, e sen embargo non estou de acordo en que haxa unha globalización. Estiven en tódalas partes do mundo e o único que vin globalizado é a pobreza e a insatisfacción. Os países pobres non só queren que os deixen participar nesta carreira da globalización, senón que lles digan que “imos reequilibra-lo coñecemento e que lles imos da-la oportunidade de que se desenvolvan”. Non só temos que chegar a acordos económicos, por exemplo, cos países que teñen os caladoiros de pesca, cómpre asinar convenios onde eses estados participen de recursos que, lembrémolo, son seus.