Jorge Morales, experto en enerxía

"O Goberno debería cambiar as regras do mercado enerxético para que haxa prezos máis estables"

1 Marzo de 2017
Img entrevista listado 1181

Por que subiu o prezo da enerxía?

É certo que houbo unha menor xeración de enerxías renovables ca outros anos, sobre todo eólica e hidráulica, por cuestións meteorolóxicas, e un maior consumo pola onda de frío. Pero isto non xustifica as enormes subidas nos prezos. En decembro, a produción de renovables foi mesmo inferior á de xaneiro e, con todo, o prezo foi notablemente inferior ao de xaneiro. A cuestión é que as regras de xogo do mercado eléctrico están mal deseñadas.

Cales son esas regras?

Todos os días as centrais eléctricas ofertan a súa enerxía para o día seguinte e a oferta máis cara para satisfacer a demanda fixa o prezo de todas. É o que se chama un mercado marxinalista. Nun mercado normal con certa competencia aparecerían competidores que baixarían ese prezo. Nunha gran parte do mercado enerxético español non hai competencia. Por exemplo, as nucleares, que supoñen o 20 % da enerxía eléctrica do país, non teñen competencia e os seus operadores estiveron cobrando 70 euros o megawatt hora (MWh), cando en abril do ano pasado cobraban 24.

Van seguir subindo os prezos?

Non o sabemos, son unhas regras de xogo moi sibilinas. Calquera pequena variación pode aumentalos ou mesmo afundilos, coma na primavera pasada. Os que marcan os prezos máis caros, o gas e o carbón, non dependen de nós, senón da cotización do petróleo. Pero se o petróleo sobe, o normal é que os prezos suban.

Que debería facerse para que non suban máis?

O primeiro é que o Goberno debería cambiar as regras de xogo para que haxa prezos máis estables, coma noutros países. En Francia ou en Alemaña, por exemplo, onde os prezos do mercado grosista da enerxía son mesmo superiores aos de España, o traslado á factura final do consumidor non ten nada que ver co que acontece no noso país.

Que podemos facer os cidadáns?

Tentar ser o máis autosuficientes posibles, poñendo por exemplo unha placa solar. E votar cada catro anos a proposta política que realmente pode cambiar o sistema.

Pero a lei fai, na práctica, inviable o autoconsumo enerxético.

Non diría inviable, pero si moi dificultoso. Por iso convén formular tamén a posibilidade de cambiar a lei.

E, mentres, que podemos facer?

Contratar a mellor tarifa posible, non deixarnos enganar por ofertas que logo nos fan pagar máis ca antes e, en definitiva, non malgastar enerxía. Unha vez feito iso, as posibilidades son moi pequenas, polo que dicía do mercado.

Por que non se utilizan máis enerxías renovables en España?

Non o sei porque, ademais de ser máis limpas, agora son máis baratas ca o resto de enerxías, coma o carbón, o gas e, por suposto, máis que a nuclear. Estamos inmersos nunha transición enerxética sen precedentes que fará o noso sistema 100 % renovable. Que non lle caiba a ninguén a menor dúbida, a cuestión é en canto tempo ocorre. Os políticos teñen unha enorme responsabilidade de acelerar ou atrasar esa transición.

Fálase moito dos prezos da electricidade, pero non tanto dos do gas, que tamén supón un gasto importante para os consumidores, sobre todo nos meses de máis frío. Por que?

Supoño que, como estamos afeitos a que os prezos dos hidrocarburos se fixan noutros países, a xente acaba por velo como algo normal, mentres que a electricidade a producimos aquí e a pesar diso sobe.

Tamén traballa contra a pobreza enerxética. Que habería que facer para evitala?

A única axuda oficial -o bono social eléctrico, que supón un desconto do 25 % na factura da luz- leva mal deseñada desde que se creou, en 2009. E é moi importante a cuestión de quen o ten que financiar; respecto deste debate, todas as empresas grandes queren que vaia a cargo dos orzamentos xerais do Estado.

Como debería deseñarse esta axuda?

Non só debería referirse á electricidade, porque gran parte dos problemas de pobreza enerxética derivan do frío no inverno e a maior parte da xente ten calefacción a gas. Por tanto, habería que estendelo, como mínimo, ao gas e ao butano. Deberían terse en conta os niveis de renda e bonificarlles o 100 % ás familias con menos ingresos, que teñen as mesmas dificultades para pagar 100 euros ca para pagar 75. Nisto estamos a traballar as organizacións sociais desde hai bastante tempo.