Josep Vives, catedrático e experto en Ecoética

"O consumidor ten a solución aos problemas do medio natural"

1 Febreiro de 2011
Img entrevista listado 691

Como ser consumidor sen ser consumista?

Non por consumir máis se é máis feliz. Os nosos avós non baseaban a súa felicidade no consumo. O obxectivo é gozar da vida, non consumir cada segundo. Ademais, somos unha sociedade que se comporta como as avestruces: dámoslle as costas ao problema do medio e así non se soluciona.

Os cidadáns decátanse diso?

Non ven as consecuencias dos seus actos. Cando a xente vivía no campo, vía se o río secaba ou que producía a súa horta e adaptábanse. Hoxe en día, se se deixa a billa aberta todo o día só se nota unha pequena suba na factura, pero non se ve se o río ou o encoro ten menos auga. En España a xente non paga o valor real da auga, que vén da naturaleza.

A auga debería ser máis cara?

España é un país seco e consume moita auga. O drama é que o seu prezo está ligado ao da enerxía. Utilízanse medidas como as desalgadoras, que funcionan ben, pero son moi caras porque necesitan moita enerxía e o petróleo segue a subir.

A electricidade volveuse máis cara e xa se anuncia que non será a última vez que suba.

O Estado paga un 30% do que vale producir o quilovatio, para que o consumidor e a industria o teñan máis barato. Así se endebeda cada ano entre 22.000 e 25.000 millóns de euros, un diñeiro que non irá a hospitais, escolas ou infraestruturas. Sempre paga o cidadán. Tarde ou cedo esta débeda asumirana os consumidores.

Pero a medida de subir os prezos tamén é arriscada.

Os políticos enfróntanse a unha disxuntiva: o suicidio político ou o suicidio ecolóxico. Se encarecen a auga e a enerxía, obrigan a restrinxir o consumo, etc., perden votos. Se non fan nada, lévannos a un suicidio ecolóxico. Non hai que chegar a tales extremos, pódese acadar un equilibrio.

Algúns expertos sosteñen que a tecnoloxía evitará eses problemas, xa que aproveita cada vez mellor os recursos.

A tecnoloxía é cada vez mellor, pero ten un efecto perverso coñecido polos economistas: a medida que os prezos baixan, o consumo aumenta. Pero a enerxía e a auga non son infinitas. De seguir así, as persoas que hoxe teñen menos de 40 anos serán as primeiras en sufrir as consecuencias.

Como se deberían cobrar a auga e mais a enerxía?

As políticas baseadas en prezos de bloques son atinadas e xustas. En Cataluña varios concellos aplícanas coa auga. Os 50 primeiros litros por persoa e día, un dereito básico, saen moi baratos. Se se pasa a 150 a factura sofre unha gran suba, e con 300 moitísimo máis. Pero habería que ir máis alá. En California, hai vivendas que gastan 5.000 litros. Aínda que poidan pagalo debería estar prohibido e considerarse un delito, como cando alguén rouba. Abusar da auga e a enerxía significa quitarlle recursos á sociedade e levar á miseria as xeracións futuras. Acaso hai un roubo peor?

Hai que reducir o consumo?

Non é tanto consumir menos senón mellor. Isto pode supor mercar un produto máis caro, de máis calidade, e coidalo, para que dure máis.

A industria parece optar pola “obsolescencia programada”: produtos que duran menos para ter que mercar novos antes.

A industria introduciu este concepto, pero tamén en parte porque os consumidores non parecen dispostos a, digamos, pagar por un coche máis caro e telo durante 50 anos. A industria sempre se adapta ao que pide o mercado, é dicir, os consumidores. Ademais, á industria non lle interesa malgastar, porque queda sen materias primas. Pasa o mesmo cos políticos. Sondan aos seus electores para saberen o que queren oír. A industria e os políticos teñen grandes responsabilidades, pero nós tamén.

Os consumidores teñen capacidade de influír?

O consumidor é un ser libre e ético con capacidade para influír. Cada vez hai máis información, hai que asumir a nosa responsabilidade, organizarse e facérllela asumir aos políticos e ás empresas. O consumidor ten a solución aos problemas do medio natural. Será o que nós decidamos.

As ONG son unha boa maneira de organizarse?

As ONG están dando unha lección moral, aínda que tamén incorren nalgúns defectos. Hai demasiadas, quizais deberían organizarse entre elas. E terían que esixirlles máis aos gobernos e empresas.

Ten a crise económica algún compoñente ambiental?

Algún, non todos. A economía neoclásica, imperante hoxe en día coas mesmas bases dos anos 40, ofrece beneficios só a curto prazo e provoca grandes gastos sociais. Todo o mundo prevé a súa substitución por unha economía ambiental.

Como lle vai afectar este cambio ao cidadán?

Terá que renunciar a algunhas cousas, como usar e guindar, ou consumir tanta enerxía e auga, pero non será tan grave. Os mozos de hoxe en día non terán estes bens tan baratos, pero si unha vida baseada noutros valores que houbo noutrora.

Non hai que inventar nada.

Non. Antes respectaban a natureza porque sabían que dependían dela. Hai que recuperar ese respecto, aproveitar todo sen desperdiciar nada. E ter un pouco de medo, porque se non se muda a situación será moi mala. Durante a crise da auga de Cataluña, no 2008, suprimiuse máis do 30% do consumo de auga urbano.

Non se corre o risco de que os cidadáns perdan o seu benestar?

Non, se o consumo é intelixente. En moitas vivendas, traballos ou comercios teñen todo o inverno a calefacción a 24º, e hai que poñerse en mangas de camisa. No verán teñen o climatizador a 18º e hai que pór unha chaqueta. Isto non é razoable. Os médicos recomendan en inverno estar con 18º e un pouco abrigados. En Alemaña os dormitorios non teñen calefacción porque non se considera saudable.

No seu libro marca varias “preguntas ecoéticas claves”, que poderían resumirse en cantos seres humanos caben na Terra de xeito sostible e digno e quen e como se decide.

China decidiu hai uns anos controlar a súa poboación. Pero a clave non é só decidir o número de habitantes, senón o consumo per cápita. O planeta duraría uns poucos anos se todos consumísemos como nos Estados Unidos. O esencial é que a sociedade fale destes temas en todos os niveis devagar e con transparencia. Témonos que pór de acordo para cambiar e non deixar de tomar decisións por medo a trabucármonos. Dos erros apréndese.

Como se dá feito?

Non teño a solución e non coñezo a ninguén que a teña. Pero si sei que se non se debate de xeito público e claro, se non se empezan a tomar aínda que sexa pequenas medidas e ver como responden estamos condenados.

Estamos a tempo de cambiar?

Si. O ser humano sempre se enfrontou a retos. No século XIX morrían de pneumonía cinco ou seis persoas de cada dez en cada inverno, agora non morre ninguén. Hai uns anos mirábase raro a quen trataba os temas ambientais. Hoxe en día moitas persoas reivindican o ecoloxismo e hai moitas organizacións científicas dedicadas a iso.

A ciencia pode axudar?

A decisión de como vivir é unha cuestión ética. A ciencia dirá cal é a enfermidade e as opcións para sandala, pero a sociedade debe decidir que camiño seguir.

Apostar polas enerxías renovables é unha desas decisións?

Son o camiño, pero non a panacea. A eólica é a renovable que máis produce. Necesitaríanse entre 1,6 e 40 veces a superficie terrestre para aeroxeradores que cubrisen a enerxía consumida no mundo no 2008. E o gasto de enerxía mundial sobe un 2% cada ano. Alternativas si, pero hai que reducir o consumo.

Poderán os consumidores xerar na súa casa a enerxía que precisan grazas a estes sistemas renovables?

Non só a van producir, senón que se van preocupar de non a malgastar. Os voluntarios de prototipos de coche eléctrico demostraron que gastan menos, dan menos aceleróns, fan menos quilómetros, etc., porque se decatan das limitacións da batería.

Que acontecerá co petróleo?

Non rematará, pero será moitísimo máis caro porque haberá pouco ou custará moito máis extraelo. Non é inmoral usalo como combustible cando serve para facer medicinas ou produtos domésticos que poden durar décadas?

Os refugallos son outro dos grandes problemas ambientais dos que non se quere falar.

É un dobre problema: amais de malgastar recursos, a súa xestión é cada vez máis cara. Ninguén quere un vertedoiro a carón da casa e téñense que transportar cada vez máis lonxe, as plantas de tratamento consumen cada vez máis enerxía e auga, etc. Nestas cuestións ambientais, habería que falar de xeito claro de ecoimpostos ou ecotasas.

Que opina sobre os alimentos ecolóxicos?

A produción actual de alimentos non podería pasar de hoxe a mañá a este sistema, porque son máis caros e a súa produción é menor. A sociedade debe decidir que quere por produto “ecolóxico”: pódense utilizar tractores? e regadíos intensivos?, ou só vale con fertilizantes e pesticidas naturais?