Francisco Ibáñez, Autor de Mortadelo e Filemón

"O cómic está vivo se se ve nos quioscos, e eu xa non o vexo"

1 Marzo de 2008
Img entrevista listado 459

Vostede deixou nos anos 60 un posto fixo nun banco para lanzarse a vivir dos contos. Será un dos poucos que lles deu as costas aos bancos e viviu para contalo.

Fixen como Hernán Cortés, queimar as naves. E a verdade é que non era o normal. Naqueles anos, no canto de marchar así, dicindo “aí quedades”, pedíase a excedencia, por se acaso. Pero eu nin a pedín. O único malo foi comunicalo na casa, co meu pai que me dicía: “Toleaches, meu fillo, toleaches “. Logo, cando xa comecei a gañar cartos, xa me dicía “vaia, ho, parece que non está tan mal”.

A súa produción de historietas é inmensa. Só de Mortadelo e Filemón publicou máis de 150 álbums. Non terá, como Alexandre Dumas, un exército de colaboradores?

Non, ho, non! Nin colaboradores, nin o clásico negro da literatura. Nada, non hai nada. Cando hai algúns anos viñan pola casa os xornalistas, case todos moi novos, a facerme entrevistas abraiábanse, porque entraban no estudo e non vían nada, nin ordenadores… nada, só unha máquina de escribir e vella. Os mozos de agora non conciben que aínda se poida facer algo sen recorrer a ese repugnante aparello chamado ordenador.

Vostede fai todo o proceso?

Si, claro. Cando unha persoa le unha historieta só se fixa no debuxo, debuxo e debuxo, pensa sobre todo na parte gráfica. Pero o difícil, e o que ten verdadeira importancia, é o outro, é a letra en si, é a idea.

Vostede asegura ademais que non debuxa ben. Falsa modestia?

Como debuxante son normaliño. Cando vexo os debuxos dalgúns dos meus compañeiros, que perfectamente poderían colgarse no Prado, a min cáeme a baba. Eu non chego a iso, nunca cheguei. Os meus debuxos son “normaliños”, cun guión no que paso moitas, moitas, moitas horas limando e perfilando.

Dedícalle máis tempo entón a pensar a historia que a desenvolvela.

A min cando me preguntan o tempo que tardo en facer unha páxina, dígolles que a parte gráfica poden ser cinco ou seis horas, e o outro… pois pode ser que un estea inspirado e lle leve 10 minutos facer unha boa historia ou que teña unha pequena nube enriba e lle leve unha hora ou dúas, ou que teña un nubarrón, e daquela pasan e pasan horas… e non hai xeito de saír de aí.

Que proceso segue para crear unha historia?

Isto non ten nada de particular. Poderíase comparar ao traballo do músico, que colle un pentagrama e vai pensando as melodías, vainas anotando, despois remátaas e colle a trompeta e vai probando e ponse a interpretar. Eu fago o mesmo, o meu papel pautado é un caderno normal e corrente, empezo a idear, vouno anotando todo alí, vouno unindo e cando está listo o guión, en lugar de coller a trompeta, collo o lapis e empezo a debuxar.

Cantas horas lles dedica a iso ao día?

Todas, todas as horas do día. Mesmo días dos festivos. Eu non coñezo vacacións nin fins de semana, sempre e veña e dálle, sempre encadeado ao taboleiro.

Como lector agradézollo un mundo, pero imaxino que á súa familia non lle chistará moito.

Imaxina. Dinme “si, gañarás cartos, pero para que demos os queres se non podemos ir a ningures…” e o peor é que levan toda a razón.

Vostede goza facendo este traballo.

Vivín tempadas, cando estaba na antiga editorial, en que cheguei a facer vinte páxinas nunha semana. Nesta profesión facer catro ou cinco, como máximo seis páxinas á semana está ben, é o normal. Facer dez é unha heroicidade, case incrible, e facer vinte é unha tolemia. E eu estíveno facendo. Eu gozaría coa miña profesión se en lugar de facer dez ou vinte puidese facer menos páxinas, aínda que estivese as mesmas horas traballando, pero recreándome máis nelas. É que hai ocasións nas que chego a odiar os personaxes, e logo reconcíliome, manteño unha relación amor-odio. Hai momentos en que lles poría lume a todos. Precisamente, en marzo do ano pasado gocei moito cando me fixeron en Valencia unha falla, eu estaba alí e ao meu carón todos os personaxes, e convidáronme a acendela… e gocei tanto daquel intre, cando se queimaban… Despois de 50 anos, xa é hora de queimalos, pensei. Pero logo pásase.

Con 50 anos na profesión e autor dos personaxes de cómic máis coñecidos en España con diferenza, ségueno premendo, chamando por teléfono, para que lle entregue as páxinas á editorial, ou ten xa un estatus?

Xa non me chaman tanto, son conscientes de que co tempo o carácter vaise acedando un pouco e que igual lles podo chantar un “ide tomar vento”… Xa o di a miña dona, “as túas historietas terán unha graza tola pero, fillo, aquí na casa non hai quen che ature” e coido que tamén leva razón.

Pero agora vive menos premido, máis a gusto, non?

Si, pero fanse moitas páxinas. Ten en conta que estou a traballar nunha media duns seis álbums anuais, que dito así tampouco é nada, pero fíxese: o resto de compañeiros desta profesión adoitan facer un álbum cada ano ou cada dous ou tres anos.

Pero os seis álbums fainos por amor á arte ou por angustias hipotecarias ou económicas?

Por angustias hipotecarias non. O cómic segue unha liña descendente: antes cada semana saían 200 coleccións, o capitán Trueno, Tormenta, Lóstrego… todos os efectos atmosféricos tiñan o seu capitán. Isto como debuxo realista. Como debuxo cómico estaba Polgariño, Carrusel. Xa non queda nada, só Mortadelo. Así que hai que pensar que mentres este personaxe aguante, imos traballar, a seguir aproveitando o momento

E vostede non está canso de Mortadelo e Filemón?

Si, claro que si. Teño xa setenta e pico, quérome xubilar. Pero dinme outro ano, outro…

Ata cando, daquela?

Non poño data. Sempre digo que non me gustaría estar tanto tempo como un magnífico compañeiro meu, Escobar, o autor de Zipi Zape, Carpanta… que estivo ata os seus últimos días, xa enfermo de Alzheimer.

Os seus netos estarán encantados de ter un avó tan divertido como vostede?

Son moi cativos, un de catro meses e outro de catro anos e xa lles gusta o que fago, xa. Iso satisfaime moitísimo, a verdade. O maior dime: “avó, cóntame un conto… pero de Mortadelo”.

Vostede dedícalle moito tempo a atender o seu público. Xa lles gustaría a moitos asinar tantos exemplares como fai vostede.

Si, ho, claro que si. Eu son o que máis asina de España. Dunha vez, en Xaén, empecei a asinar ás seis da tarde e rematei ás doce da noite, cada vez chegaba máis xente… Eu asínolle a todos, se hai mil persoas asino de unha a mil, a todos, aínda que logo non me poida erguer da cadeira. Sempre. O público é estupendo. Dinme: “non o deixes nunca, non te poñas enfermo”…

Ademais, non se limita só a poñer: “Con afecto: Paco Ibáñez”

Non, non. Póñolles unha cara de Mortadelo disfrazado de bicho… a cada un unha cousa. E marchan contentos contentos.

Comenta que non debuxa moi ben pero, vostede é consciente das miles e miles de persoas que tomaron como modelo un debuxo a Mortadelo e Filemón?

Miles, unha infinidade. Ás veces tráenme os nenos debuxos e digo: “mira o demo de rapaz, pero se o fai mellor ca min! Se eu soubese facer iso…!”.

Que sensación ten cando ve o éxito que tivo noutros países como Alemaña, onde se venderon 50 millóns de copias de Mortadelo e Filemón, en Dinamarca, Holanda…?

Si, si, véndense en toda Europa, agás en Inglaterra, xa sabemos que son un pouco raros e creo que aí nunca saíron. Os gags que eu fago gustan en todo o mundo. En Alemaña tivemos a enorme sorte de contar cun tradutor xenial, que soubo adaptar moi ben o xeito de falar, a psicoloxía do personaxe ao seu propio guión e empezou a venderse moi ben alí.

Vostede segue lendo cómic?

Non, non me dá tempo. Ademais, xa non hai. Aquí o único que quedou é El Jueves, pero esa é unha revista satírica. Queda algo nas tendas especializadas, pero eu considero que o cómic está vivo se o vexo nos quioscos, se non, non. E xa non se ven.

E libros?

Si, iso si. Son un namorado da lectura. Nos sitios máis inverosímiles (risas), pero si, leo.

A fórmula de comezar moi novo lendo contos e acabar lendo libros, recomendaríaa para fomentar a lectura?

Claro, eu díxeno en moitas ocasións. Se hai algo que temen os nenos é a eses bichiños negros chamadas letras. O pequeno cando colle un cómic xa venceu o primeiro obstáculo, os bichiños negros, porque case non hai letras, só que aparecen nos bocadillos. E esas poucas letras, se as dá tragado aos poucos, de aí é normal que pase ás novelas xuvenís. Agora cos videoxogos nin os bichiños negros nin nada, xa non se le, agora todo é audiovisual.

Por iso lles ten tanta manía aos ordenadores?

Eu sempre fun moi amante das cousas que se fan coas mans. Eu nunca souben como funciona un ordenador. O meu neto de catro anos sabe máis ca min, dáme unha vergoña… A miña filla mercoume unha vez un, díxome: “deixa de usar xa o tam tam”, pero non me afacía a el, non me aclaraba. E cando algunha vez daba feito un texto, como eu emprego moito as onomatopeas, aquel estúpido cacharro dicíame que iso estaba mal escrito, que o corrixise, e eu dicíalle “cala” e nada. Metino nun armario.

Cómic ou conto?

Conto. Non por nada, pero pertenzo á época en que se chamaba conto e o cómic préstase a confusión porque é máis xeral.

Que fórmula emprega para que as historietas de Mortadelo e Filemón gusten, non a unha ou dúas, senón a tres xeracións distintas, e que gusten por igual?

Eu decateime de que a xente que rexeitaba algúns personaxes era pola monotonía, pola repetición. Cando xa levaba uns anos con Mortadelo díxenme: “imos enriquecer isto”, e metino nas filas da TIA, e iso gustoulles moito aos lectores. Inventei personaxes, o Bacterio… Cando empece a fracasar xa veremos se invento outra cousa, ou se se rematou Ibáñez.

Se hai algo que define as historietas de Mortadelo e Filemón son os disfraces de Mortadelo, como se lle ocorreu?

Pois foi, precisamente, outra idea para sacalo da rutina, da monotonía, desa inercia dos personaxes. Ao principio o personaxe xa se disfrazaba, e sacaba os disfraces dun sombreiro, pero pensei “aiiii, estou enganando ao lector”, e así, no canto de disfrazalo, convertino nun transformista. Así, disfrazouse dende unha pulga ata o mesmísimo Deus.

Queda algo do que non se disfrazara Mortadelo?

Que va, se toleo buscando disfraces.

E vostede disfrazouse algunha vez, de Mortadelo, por exemplo?

Si, unha vez disfraceime cun traxe de etiqueta, cando casei, pero xa non o volvo facer, he, he…

Se hai un personaxe real que aparece nas súas viñetas é vostede mesmo, e faino ademais con moita ironía. Non se lle pode negar a capacidade que ten de rirse de si mesmo.

Si, si. Sempre, con moita humildade. Iso gústalle moito á xente.

Á parte do traballo, que toma en serio?

O traballo e o traballo. E mais aos netiños. Fíxate que eu na casa cando tiña que saír a algún sitio dicía: “Que ninguén me toque nada, que se arma a gorda”, e alí non entraba ninguén. Agora, o meu neto entra, tócame os pinceis, todo… e por riba a min cáeme a baba. Xa ves. Iso si o tomo en serio.

Di que a historieta agora mesmo está reducida a un ámbito case de tendas especializadas.

É unha pena. Hai moitos que me din, mellor para ti, así sen competencia, pero non é iso. Se houbese afección polo cómic seguro que habería publico para os mil compañeiros que estivésemos a traballar neles. Non pasaría nada. Dá moita pena que a unha profesión á que lle dediquei 60 anos, caia, caia, e que non a souberamos manter…!

E non hai posibilidade de cambialo

É moi difícil Eu coido que cambiará de soporte. Poderá saír en forma de videoxogos… por aí si.

É verdade iso de que Mortadelo o liamos máis os nenos e Zipi e Zape as nenas?

Non, non ten que ver. En xeral, os lectores de cómic foron máis nenos ca nenas. Como agora, que os principais seguidores son adultos, pero adultos, adultos. En ocasións, nas sinaturas, acoden señores de 80 e 90 anos aos que lles pregunto polo nome do neto e dinme, non, home, non, que é para min, que son un seguidor de toda a vida. O público feminino inclinouse máis polos produtos específicos que se fixeron para elas, que se Florita, Mari Luz, Esther… Por cada 100 debuxantes de historietas masculinos habería 7 ou 8 femininos, pero non sei por que.

Foxe do politicamente correcto?

Fuxo do político, sinxelamente, e non me deixo guiar por modas…

É tan minorista na vida real coma nos debuxos?

Pois si, bastante. Nos debuxos son moi esixente comigo mesmo, ata o último detalle… e na vida real tamén, sempre estou pendente da máis mínima cousiña. A miña muller xa me di: “que chinche es”, e ten razón.

Onde aprendeu a debuxar?

En ningures. Dedícaste a isto porque che gusta e dende pequeno. Verás, o primeiro debuxiño que eu fixen, con catro anos, naqueles tempos difíciles onde non había papel nin nada, fixen un ratiño nunha esquina dun xornal, e ao meu pai gustoulle moito, recortouno e levouno toda a vida na carteira gardado ata o último día. Así son as cousas, gústanche ou non che gustan.

-Todas as ilustracións foron cedidas por “Edicións B”-