Miriam Ocáriz, Deseñadora de moda

"Nunca vin un dos meus desfiles, e nunca os verei"

1 Outubro de 2007
Img entrevista listado 419

Arredor da moda creáronse infinidade de tópicos: beleza, riqueza, frivolidade, extravagancia, espectáculo. Vostede, que vive e traballa niso, como describiría este mundo?

Para min a moda é un modo de expresión e de comunicación. No meu caso, como deseñadora, é un xeito de transmitir o que sinto e de facer dunha necesidade, que é vestirse, algo mellor, máis “bonito”. No tocante ao que arrodea a moda, é igual a moitos outros mundos, que inclúen elementos negativos, envexas… A frivolidade, o glamour non é unha vivencia interna dentro da moda, case sempre depende dos ollos cos que se mira.

Un dos adxectivos que tamén se asocia con frecuencia ao mundo da moda é o de implacable. Vostede recibiu golpes?

Creo que é implacable no sentido de que cada colección é unha aposta. Tes que cambiar pero conservando a túa esencia e é moi difícil afrontar o feito de que cada seis meses tes que cambiar. Dáche a sensación de que no desfile o deches todo de ti e xa tes que estar co seguinte. Para min o implacable é iso. Porque ao demais non lle poño demasiada atención.

Quizais por isto fixou a súa sede e a súa residencia en Bilbao, e non en Madrid e Barcelona.

Un pouco si, porque a min o traballo da moda consúmeme moitísimo, non o quitas nunca da cabeza. Por iso optei por vivir en Bilbao, onde saes de traballar e podes facer unha chamada e tomar un viño cos teus amigos… Para min é importante, e tamén o é non estar sempre arrodeada de moda, porque crea moito estrés. Cómpre airearte para vivir as túas experiencias e poder contar algo especial.

Ata que punto depende o éxito ou o fracaso dun deseñador da opinión dos críticos de moda?

Eu coido que as críticas axudan ou poden entorpecer, pero ao final o importante é a constancia, ter claro o que queres e sabelo mover como o tes que mover.

E, como se ten que mover?

Mover no sentido de cómo vendelo, de saír e arriscarse a que se vexa o teu traballo…Moitas veces unha crítica boísima pódeche dar moito impulso e unha mala crítica pode non ser tan mala se es constante e moves as cousas como tes que facelo.

Preguntáballe antes polos “golpes”. Como describiría as relacións entre os deseñadores?

Ben, eu penso que cada un vai un pouco á súa “bóla”, pero eu non teño especialmente malas relacións. Creo ademais que vivir en Bilbao contribúe a iso. Como hai tanto tempo que non ves a xente, cando te atopas con ela está moi ben, porque necesitas falar, compartir…

Vostede é licenciada en Belas Artes. Que impresión lle produciu a exposición de Armani no Guggenheim de Bilbao?

Pareceume fenomenal. Todo o creativo ten unha base artística, uns referentes artísticos. A min interésame o meu traballo porque me expreso a través del. Facer moda pura e dura non me interesa. Interésame evolucionar, expresarme, sentir que me enche e que me sorprende o meu traballo. Esa é unha das fórmulas que te empurra a seguir nesta tolemia. A min que a sociedade entenda que hai deseñadores que cambiaron o ritmo do xeito de vestir das persoas e o que leva consigo paréceme que é importantísimo, que Chanel liberase as mulleres dunhas limitacións, de estar superencorsetadas, de facer que se sentisen libres…paréceme algo moi relevante dende un punto de vista cultural para a vida das mulleres e dos homes. Por iso considero que iso se pode exhibir perfectamente nun museo.

Pero de aí a catalogar unha peza de vestir como unha obra de arte…

Pode haber pezas de vestir que estean pensadas como obras de arte. Hai roupa de Lacroix e de Balenciaga, que creo que teñen unha sensibilidade impresionante, cunha gran dose de arte e de creatividade. Pero non quere dicir que todo o que faga Balenciaga sexa arte. É unha cousa moi persoal. No meu caso, eu penso que en moitas cousas dou moito de min, que é o máis próximo ao artístico, pero non quere dicir que o resultado sexa arte. Eu coido que a roupa é roupa e logo hai dose de arte ou da túa visión persoal, da túa sinceridade…

Pero entón, iso tamén se podería facer extensible a outros obxectos de consumo como coches, floreiros…De feito, o Guggenheim tamén acolleu unha exposición de motos, moi polémica, por certo.

Si, pero, claro, hai artes maiores, artes aplicadas…Falo dunha exposición onde se vexan prendas de roupa con influencias artísticas. Podería quedar así a definición.

A quen lle gustaría vestir?

Pois eu tampouco son moito de ter eses soños e ídolos. Podo pensar en Lauren Bacall con certos traxes que estou a facer agora, por exemplo, pero outro tipo de roupa non a imaxinaría nela. Outra cousa é se ela o poría

En moitas ocasións pódense ver en actos públicos celebridades que levan o traxe dun deseñador. Pagoulle nalgunha ocasión a algún personaxe famoso para que levase os seus vestidos?

Ben, na moda hai de todo, ao final é unha forma de publicidade como calquera outra, uns fana dun xeito e outros doutra. Vese moitas veces como algo esaxerado ou como falso cando en realidade o mundo da publicidade é o mesmo mundo. Eu non o fixen, pero tampouco direi que non o vaia facer nunca.

Miriam Ocáriz é clienta de Miriam Ocáriz?

Si, sobre todo de cousas que non son moi marcadas, aínda que cada vez o son máis porque a colección é cada vez máis ampla.

E cando Miriam Ocáriz non é clienta de Miriam Ocáriz, de quen o é?

Teño varias cousas duns amigos de Barcelona, hai unha deseñadora francesa que tamén me gusta moito…pero, vaia, o que vexo que me encanta.

Viste sempre roupa de marca ou de deseño?

Ben, máis que de marca, visto de colegas porque sigo o seu traballo e me gustan.

Permítame unha curiosidade, que se fai coa roupa que se usa nos desfiles?

Véndese. O concepto dun desfile é persoal. No meu caso, afástase de efectos teatrais e barrocos, é máis íntimo, e tamén o meu concepto da roupa é máis “levable”. Aínda que iso non impide que amoses un vestido moi esaxerado e que logo se produza unha versión máis real, ou que se poida extraer só o pantalón ou só a chaqueta de varios modelos…: hai adaptacións. Algunha roupa que amosamos non a podemos vender, pero non porque non queiramos, senón porque non a podemos producir, porque non temos medios e sae carísimo…hai que ter en conta que un nun desfile presenta o seu soño, o seu ideal.

Cal é o proceso que se segue para a organización dun desfile?

Un desfile é a guinda dun traballo de seis meses de moita xente. Comezas unha colección de cero e tes que facer todos os patróns, cortar os tecidos, vas construíndo unha colección á vez que a mostraxe coa que vender. Propóñome cousas e vou compoñendo, vou sacando fotos con mesturas que me dan ideas ata que chegas a 45 deseños para o desfile, 45 imaxes completas, aínda que na mostraxe hai máis, polo menos 90 prendas. Logo hai un cásting para as modelos un mes antes e despois é todo moi rápido. Ás rapazas velas nunha pantalla e chegan o día anterior ao desfile, e tes catro saídas, 45 prendas e 18 mozas, das que dez saen tres veces. Un desfile con 45 saídas dura arredor de 13 minutos e as rapazas cambian tres veces de roupa en 15 minutos, co cal é unha verdadeira tolemia. Tes que amosar seis meses de moito traballo en 13 minutos. Créache moito estrés. Eu sempre estou dentro, nunca vin un desfile e nunca o verei. Hai moita tensión.

Acábanse eses 13 minutos, que fai vostede?

Quedas paralizada, non sabes se rir ou chorar…, é unha sensación entre alivio e baixón. Fíxate, eu teño o desfile en Cibeles o mércores ás 12:30 h e o xoves ás 08:00 h da mañá collo un voo a París a mercar tecidos para a próxima edición. E suponse que para mercar tecidos xa tes que ter algo pensado xa.

Moitas persoas alleas ao mundo da moda observan os modelos que aparecen e pregúntanse quereflexo ten no consumo habitual, en que inflúen.

É un proceso cada vez máis rápido, antes era moito máis lento, o que se vía nos desfiles de Balenciaga e os primeiros creadores era ao que podían chegar moi poucas persoas e logo iso foi creando un proceso da moda. As persoas desexaban iso que vían e ao primeiro os modistas copiaban os patróns dos creadores…ata que chegaban aos mercados máis bos de acceder e á sociedade en xeral. Entón, mentres todo este proceso se creaba íanse creando as mesmas siluetas, os estilos eran máis longos…, agora é unha tolemia na que todo vai moi rápido.

Cal é a súa peza favorita?

A americana.

Por que?

Porque di moitas cousas, é a imaxe de Saint-Laurent da primeira muller vestida de esmóquin, coa camisa branca e é unha das imaxes que máis me gustan, tamén é o símbolo do cambio de Chanel de liberar as mulleres. Para min é unha peza ultrafeminina.

O tecido que máis lle agrada?

A la fría, que é unha la de verán con seda.

Unha cor.

A rosa goma de mascar

Un complemento.

Zapatos.

É vostede fetichista?

Cos zapatos si, encántanme.

Falando de fetiches, por que esa fascinación súa polos lazos?

Pon un lazo na túa vida, iso téñoo clarísimo. É un anaco de tea que ten moitos significados e que á vez fala da infancia, das convencións, da elegancia…e gústame traballalo de moitas maneiras.

Polo que vexo, dálle vostede importancia á carga simbólica das pezas.

Si, intento xogar con todos os matices que teñan significados.

Que fai falta para vestir ben?

Coñecemento, personalidade e sensibilidade en todos os aspectos.

E cartos?

Algo si. Depende. Pódese vestir moi ben con poucos cartos. Hai xente que viste moitas cousas do rastro, cousas da nai…e queda estupendo. Obviamente, con cartos é máis doado.

Para vestir de Miriam Ocáriz si fan falta cartos.

Si, por suposto que si. Pero hai moitas persoas que poden vestir de marca e non ter estilo.

Gustaríalle que a súa roupa chegase ao gran público, que baixase o seu prezo e que fose máis accesible?

Iso inténtalo constantemente, pero partes duns tecidos, duns conceptos e dunhas premisas que non fan que a peza vaia saír barata. Trátase de facer outra liña diferente, distinta e a min iso paréceme que está ben. O que me interesa é evolucionar, investigar…e iso custa cartos e, ao final, é tamén o que a xente paga, que fagas catro patróns, catro probas, e que o resultado non sexa un churro, senón todo o contrario.

Precisamente, os que venden como churros, como Inditex, H&M… considera que democratizaron a moda?

Si, dende logo.

E parécelle positivo?

Considero positivo que haxa modas democráticas, o que non considero positivo moitas veces é o xeito en que se chega a elas.

A que se refire?

Hai certas empresas que sacan versións superaxustadas a ideas novas antes ca o propio creador ou, polo menos, á vez. Para min créase moita confusión, porque ti non estás a facer unha boa moda coas túas ideas, senón que estás fusilando as doutros. Cando alguén lle merca roupa a un deseñador está mercando exclusividade e iso pódese trasladar a todo, ata á alimentación, nunha tenda pequeniña págase moito máis. É a túa necesidade de saír dos monopolios, é estar na sociedade pero sentirte diferente, desenvolverte e reafirmarte.

Dous temas que marcaron a polémica con respecto á moda foron o peso das modelos e as medidas tomadas pola Administración no tocante ao talle das prendas. Que opinión lle merecen?

O tema da unificación dos talles paréceme xenial. Eu cando probo a colección fágoo primeiro cunha moza que se adecúa á media, e logo xa preparo a peza para o desfile, porque son consciente de que as mozas da pasarela, xa para empezar, teñen unha estatura moi superior á media. Iso fano todos. Así e todo, cómpre non esquecer que hai distintos tipos de corpo, aínda que as medidas sexan as mesmas.

O que se denunciou eran os saltos de talles, que unha persoa cunha 44 cunha marca determinada era unha 38 noutra.

Tamén din que ao lado do talle se debería especificar como hai que levar a peza, porque hai cousas de punto que poden ser máis rectas, máis folgadas…tamén nos terían que dar medidas de brazo…

Ata que punto se pode responsabilizar á moda e á imaxe que se transmite con eses desfiles da obsesión pola delgadeza e a extensión de enfermidades como a anorexia e a bulimia?

É que as modelos sempre foron delgadas, que non escuálidas. Son profesionais que teñen que interpretar a roupa dun, doutro e doutro, e iso é o primeiro que valoramos os deseñadores: a súa estética, imaxe, xeito de andar…Unha modelo pode potenciar moito a túa imaxe e levala con moito peso e dignidade, pero tamén pódecha afundir. Por iso interesa unha persoa en principio vital, intelixente, que teña uns matices de actriz porque ten que saber interpretar, e que teña un corpo. Iso unido é unha modelo.