Jorge Flores Fernández, director da organización PantallasAmigas

"Non podemos permitir que o ordenador sexa un 'gueto' máis no contorno familiar"

1 Novembro de 2010
Img entrevista listado 667

Con tanto perigo ao axexo, as pantallas son amigas ou inimigas?

Nesta sociedade da información as pantallas son amigas e, en principio, ter acceso a Internet é positivo para o desenvolvemento dos adultos e mais dos menores.

E cando pasan a ser inimigas?

Unha pantalla do ordenador, dun móbil… pódese converter en inimiga ante un mal uso e a mala fortuna de atoparse no camiño con persoas inadecuadas.

En que se concreta este mal uso?

En tres tipos de riscos: o contacto con outras persoas que fan dano, a exposición a contidos nocivos, alén de que sexan legais ou non, e os riscos de tipo comercial. Hai que ter en conta que en Internet estamos todos, incluída a xente que nunca atoparías no teu ambiente, pero que pode ocultar a súa identidade e facer moito dano. É o ciberbullyng.

A xente nova consume tantos contidos audiovisuais como afirman as estatísticas?

Si. Ademais cunha rede cada vez máis audiovisual os perigosos son moito máis convincentes. Os dous estudos que fixemos en Navarra e en Castela e León, moi recentes no tempo, coinciden en sinalar que a primeira páxina consumida polos rapaces de último ciclo de primaria é Youtube, seguida de Minijuegos. Por que Youtube? Porque a súa dieta dixital se basea en contidos audiovisuais. Os usuarios están expostos a contidos nocivos, sexan legais ou non. O problema é que as forzas de seguridade non os poden perseguir porque aparecen e desaparecen continuamente.

Que se entende por un contido nocivo?

Os contidos relacionados con trastornos alimentarios onde se venden produtos milagre, con seitas, aqueles nos que se fai apoloxía da violencia, outros nos que se venden fórmulas que non están testadas e que poden ser prexudiciais para a saúde, etc.

E como pode un menor detectar este tipo de perigo cando nin sequera un adulto o pode facer en numerosas ocasiones?

Cómpre desenvolver o espírito crítico por parte dos menores mediante a información e o asesoramento.

En quen debe recaer esta responsabilidade, nos pais, educadores, psicólogos…?

En todos. Nós traballamos niso de xeito profesional a través da elaboración de guías, impartindo cursos, creando materiais didácticos en colaboración coas distintas administracións, etc.

E que opcións teñen os pais para protexeren os seus fillos cando apenas saben acender un ordenador ou cando a súa relación coas novas tecnoloxías se limita ao envío de correos? En España un 15% dos pais con fillos que utilizan Internet descoñecen o medio.

Eu coñecín a nais que, sen teren grandes coñecementos no tema, teñen claras as catro cousas que hai que saber. Agora ben, cando un pai ou unha nai adquiren certa competencia tecnolóxica a comunicación co seu fillo será máis doada.

Cales son esas catro cousas?

Pódense resumir nunha: conseguir que os seus fillos teñan confianza nos pais para lles pedir axuda. Deben saber que a súa responsabilidade é axudalos ante un problema, saiban ou non de tecnoloxía. Todos os estudos din que cando hai un problema o último que fan os fillos é pedirlles axuda aos pais, xa sexa por unha falta de confianza ou porque queren evitar as represalias, que lles quiten o móbil, o ordenador… Chega un momento no que non o aturan máis e entenden que a única saída é pedir axuda. É cando os casos chegan aos pais ou á policía.

Permítame exporlle un caso real: unha nai accede por casualidade ao teléfono móbil da súa filla de 13 anos e atópase con que recibe e envía imaxes subidas de ton a través do seu teléfono móbil. Como debe actuar a nai?

É unha situación máis común do que coidamos. Por unha banda, a nai non pode dicirlle que accedeu ao seu teléfono sen o seu permiso, pero está no seu deber de advertila sobre o perigo do envío desas imaxes, xa que se podería atopar ante un caso de corrupción de menores. A nai debería intentar que a filla confesase que algo lle está pasando, que está a sufrir un acoso. Con este fin recomendaríalle á nai que accedese a unhas páxinas nas que aparecen rapaces e rapazas que sufriron acosos e que as visen xuntas. Se esta rapaza ve o que lle pode chegar a pasar é posible que pida axuda antes. Se aínda así non fala, daquela os pais deben facer unha consulta coa policía e gardar as probas.

Onde está, polo tanto, o límite entre respectar a privacidade do menor e as medidas que se deben tomar para desenvolver ese control por parte dos proxenitores?

Non hai unha barreira como tal, é moi difícil. Os menores están suxeitos a todos os dereitos, pero os pais e nais teñen á súa vez o deber de protección. Esa barreira debería ser móbil ou variable en función de como sexa o propio menor, da súa idade e de se se detectou algún indicio de que poida sufrir un problema. En principio non hai por que estar obsesionados, pero si supervisar as súas prácticas.

Nesta supervisión, axuda o lugar no que estea colocado o ordenador na casa?

Si. É conveniente, sobre todo cando os fillos son pequenos, que o ordenador estea situado nunha zona común do fogar. Isto non significa que os pais poidan espiar, só que vaian supervisar. Trátase de se asegurar de que ás tres da mañá o menor non estea chateando. É unha axuda. Non podemos permitir que o ordenador sexa un gueto máis no contorno familiar, que bastantes hai xa.

Que é máis perigoso para un neno, ver durante horas a televisión só, xogar á videoconsola ou navegar por Internet?

Entre un consumo abusivo de calquera dos tres, Internet é o máis prexudicial, xa que os contidos na televisión están máis controlados. Non obstante, na Rede hai moitos contidos non adecuados para os mozos e comprobouse que unha manifestación excesiva, por exemplo, da violencia xera a súa trivialización, despersonalización… E é máis perigoso porque en Internet tes a compoñente de que hai outras persoas ao outro lado. Tamén pode acontecer nos xogos on line multixogador, e isto é moi perigoso porque os pais baixan a garda. Convén lembrar que detrás de moitos xogos on line hai redes sociais que apoian o xogo, co risco que isto pode ter.

Que papel xogan as redes sociais na seguridade e inseguridade dun menor? Catro de cada cinco mozos achegan datos persoais nas redes sociais que os expoñen a ser vítimas de acoso.

Así é, pero as redes sociais non achegaron novos riscos. Internet é unha rede social, e unha rede social é un subconxunto á medida de Internet, cos teus contidos e os teus contactos. Non achega nada novo no tocante a riscos que non existisen en Internet, salvo o da privacidade como risco en si mesmo e como factor que pode potenciar outros riscos. É como unha verbena, hai máis malleiras e hai máis amores. O problema é que moitas veces a túa privacidade depende demasiado doutras persoas, por iso dicimos que é unha cuestión de control de datos persoais, pero tamén de control persoal dos datos, propios e alleos. De súpeto, pódome ver etiquetado nunha foto “sen comelo nin bebelo”. Iso é moi duro, sobre todo para os menores.

E como se pode previr unha situación así?

Trátase de que os mozos saiban con exactitude o efecto das accións que realizan, que supón estar etiquetado, quen pode chegar a ver esas etiquetas… Cando unha persoa sobe unha imaxe só pensa no público obxectivo, nos seus amigos, pero non en que esa imaxe máis adiante poida ser insatisfactoria porque cambiou de mozo, ou porque chegou ás mans de persoas con malas intencións. Hai que pensar que cando se publica unha imaxe xa nunca se recupera.

Comentou que o terceiro risco ao que se enfrontan os menores é de tipo comercial. En que se concretan estes perigos?

Nas estafas que se poidan dar. Non falariamos de importantes cantidades de diñeiro, pero son microestafas e son moi difíciles de perseguir. É moi común que se dean nos xogos on line, onde cómpre pagar en ocasións un microcrédito con cartos en efectivo. A nós chégannos moitas cartas de usuarios que nos piden axuda porque os expulsaron do xogo logo de investiren nel tempo e cartos. O problema é que neste caso non hai unha oficina do consumidor na que reclamar. Outra estafa son as recargas de móbil. Detectáronse casos nos que esas páxinas as crean os propios menores para obteren números de tarxetas de crédito. O perigo é cada vez maior.

E os organismos oficiais son conscientes destes riscos? Fan o suficiente para controlalos?

Si, pero non dan feito. Se por algo se caracteriza este problema é porque é masivo e evoluciona moi rápido. Cando as administracións organizan un estudo e este se publica xa pasaron oito meses e a realidade mudou. En España as administracións non se concienciaron a tempo porque son moi lentas, pero coñecen o problema. En Europa, non obstante, xa hai unha nova estratexia a catro anos, para o horizonte 2009-1013, onde os casos de ciberacoso son aspectos fundamentais a tratar. Pero é que antes desta estratexia xa se rexistraron 10 anos onde se desenvolveron numerosos plans de prevención e actuación. Quédanos moito camiño por percorrer.