Manuel Chía, portavoz da Plataforma por unha Alimentación Responsable na Escola

"Non é o mesmo un comedor integrado que outro con cátering ou liña fría, coa cociña fóra e alimentos requentados"

Case dous millóns de nenos e adolescentes españois acoden a diario a un comedor escolar, segundo o Instituto Nacional de Estatística. A cifra medra cada ano, do mesmo xeito que o número de proxenitores preocupados pola calidade dos alimentos. A pesar de que os menús da escola poden mellorar, cumpren os requisitos nutricionais necesarios. Moitas veces, o control sobre que, como e canto comen os menores é maior ca na casa.
1 Setembro de 2018
Img entrevista 2 listado 405

Comen ben os nenos que usan o comedor escolar en España?

Na nosa opinión, isto depende da xestión do comedor escolar. Non é o mesmo un colexio que o teña integrado no plan do centro, como un elemento educativo máis, coa súa cociña propia, con alimentos de proximidade e ecolóxicos, que un centro escolar con cátering ou comida de liña fría, con cociñas centrais afastadas do comedor e alimentos requentados en plástico días despois de que se cociñasen.

Por que critican tanto a comida de liña fría que se prepara nunha cociña central e se conserva refrixerada ata o seu consumo nos colexios?

En poucos anos, os alumnos pasaron de consumir alimentos locais nos colexios, elaborados no centro, a comer produtos cociñados a quilómetros de distancia e chegados de calquera recuncho do mundo, co correspondente deterioro da calidade da comida. Co sistema de cátering ou liña fría poden resentirse as propiedades organolépticas dos alimentos (cor, sabor, cheiro, textura), fundamentais para quen están aprendendo a comer. Se un prato non está bo, vaise acabar tirando. A liña fría permite a produción a grande escala de miles de menús diarios. A distribución aos colexios unha ou dúas veces por semana diminúe os custos do transporte. Cremos que, polos motivos expostos, pode supoñer unha mingua na alimentación saudable dos escolares.

No País Vasco, o 72 % dos comedores xa serven cátering. En Andalucía, o 67 %, e en Castela e León, o 47 %. Cre a Plataforma por una Alimentación Responsable en la Escuela que estes escolares comen peor?

Ademais de mingua das calidades organolépticas que mencionei, outro problema do modelo do càtering é que usa unha gran cantidade de plástico. Diversos estudos advirten que os disruptores endócrinos capaces de simular o comportamento das hormonas contidos no plástico (como o bisfenol A ou os ftalatos), poden migrar do plástico ao alimento ao quentarse dicir, que as substancias tóxicas do plástico poderían pasar á comida. Entre eles figura o proxecto INMA, Infancia e Medio Ambiente, que xestiona a maior base de datos de España sobre nais e fillos desde o embarazo, e está liderado por catorce hospitais, universidades e institucións de saúde nacionais. Tamén a Organización Mundial da Saúde alertou do perigo destes compostos do plástico polos seus efectos para a saúde. E isto, sen contar coas consecuencias ambientais destes envases.

Entón, credes que o comedor escolar non consegue que nenos e nenas aprendan hábitos saudable?

En boa medida, non. O sistema de cátering crece, e este modelo reduce o consumo de alimentos frescos de proximidade. Ademais, a disparidade normativa de cada comunidade non axuda, porque fai que a inspección e control do servizo e pregos das cláusulas técnicas que rexen a licitación dos contratos a estas empresas tamén sexa dispar, e diferente en cada rexión.

Hai algunha cuestión sobre os comedores escolares que preocupe aos pais?

Si. O máis importante é que nos aseguremos de que a calidade dos alimentos do comedor escolar sexa a mellor, e de que os pratos resultan atractivos para quen están aprendendo a comer. Pero aos pais e nais tamén nos preocupa que nalgúns casos as racións son escasas, como reflicten as queixas que recibimos, e o cociñado en ocasións non é tan variado como podería. Moitos comedores escolares, ademais, non teñen capacidade para atender toda a demanda de prazas, polo que hai alumnos que necesitan comer no colexio e con todo non poden. Outra queixa é que o comedor adoita ser un sitio ruidoso, onde moitas veces os alumnos non teñen tempo suficiente para comer.

Que tipo de comedor defenden os pais e nais, entón?

Un colexio coa súa propia cociña e persoal de comedor, unha comida que se cociñe no centro, con alimentos de proximidade.

Na súa opinión, cal debería ser o papel de colexios na educación alimentaria dos nenos e adolescentes?

O comedor escolar é unha peza clave na construción dos sistemas alimentarios locais, sempre que se baseen en criterios de sostibilidade económica, social e ambiental. Pero resulta necesaria a implicación da comunidade educativa no seu conxunto.

Que falta para conseguilo?

A alimentación debe incorporarse como contido curricular nos plans educativos do centro, con profesores especializados no comedor para que sirvan como plataforma de transmisión e aprendizaxe da dieta mediterránea, que prevén a obesidade e é patrimonio inmaterial da humanidade. Pero tamén os pais desempeñamos un papel. Non se pode delegar todo nas institucións, porque a alimentación dos nenos e neneas é unha tarefa conxunta.

E que pode facer un pai ou nai, ou un alumno, se cre que o seu colexio ofrece un menú deficiente, que non respecta os criterios nutricionais que di a norma?

Non existe a opción de quedarse cruzados de brazos. As asociacións e federacións de familias de pais e nais de alumnos, así como a Confederación Española de Asociaciones de Padres y Madres del Alumnado, poden exercer un labor de denuncia e control para loitar pola correcta prestación do servizo. Ademais, hai que crear órganos administrativos independentes que controlen os menús das empresas adxudicatarias, centralicen e avalíen as queixas dos usuarios, melloren o control sanitario e nutricional dos alimentos e publiquen o resultado das súas inspeccións.

Na súa opinión, cales son os sinais de alarma que alertan de que a comida dun comedor escolar pode ser mala?

O feito de que o comedor sirva só alimentos precociñados, prequentados, conxelados, comida enlatada ou bolaría industrial é motivo de alarma. Tamén hai que estar atentos para comprobar que o comedor ofrece peixe polo menos dúas veces por semana, e que este non sexa xurelo panga ou outras especies conflitivas. Un bo comedor escolar debería incluír froita de tempada polo menos tres veces por semana e verdura todos os días (como prato ou gornición).

Entón, cal sería o seu comedor para nenos ideal?

Un deles está no barrio do Albaicín, en Granada. O comedor do colexio público Gómez Moreno está xestionado polos pais e nais desde hai máis de dez anos, e o 80 % dos alimentos que ofrece son de produción ecolóxica. Ten cociña propia e unha das taxas de sobrepeso e obesidade do alumnado máis baixas da provincia, como recoñecen moitos premios. Ese é o modelo que debemos lograr para todos.