Toni Vives, viaxeiro e redactor de guías turísticas

Nas viaxes, mellor o respecto cá tolerancia

1 Xullo de 2003
Img entrevista

¿Que diferencia un turista dun viaxeiro?

Hoxe, moitos turistas non son viaxeiros simplemente porque carecen de tempo. Salvo que se percorra o propio país, con tres semanas de vacacións non se pode ser viaxeiro, pero si é posible ser un bo turista. É o caso dos viaxeiros de espírito. Non lles queda máis remedio que pasar por unha axencia, porque precisan que alguén lles organice con eficacia os escasos días dos que dispoñen. Pero, antes de emprenderen a viaxe, interésanse polo lugar de destino, saben que hai un festival ó que lles apetece acudir ou teñen claro qué lugares queren visitar. Eses turistas son os viaxeiros do século XXI.

¿Cantos cartos cómpre gastar para realizármo-la viaxe dos nosos soños?

Depende do país e das condicións que se busquen. Eu non iría a un hotel de cinco estrelas, elixiría pensións, hostais e hoteis familiares que nos fan sentir máis a gusto e máis integrados no modo de vivir local. Tamén estamos condicionados polo orzamento do que dispomos: con 1.000 euros podemos coñecer Marrocos usando transporte público e comendo menús.

¿É tan necesario, para viaxar, falar inglés?

Si, pero abonda co inglés do viaxeiro, preguntas e respostas básicas para poder funcionar. Tamén convén aprender dez frases do idioma local: bos días, gracias, as preguntas básicas… Iso denota e transmite respecto do turista cara ós paisanos e abriranos portas. E, para rematar, ás veces farémonos entender mellor na nosa propia lingua, porque nos expresaremos con máis convencemento e a comunicación será máis efectiva ca se chapurreámo-lo inglés, un idioma que, a miúdo, tampouco o noso interlocutor coñece ben.

¿E a tarxeta de crédito?

É un grande invento. É boa de ocultar, aforra cartos e proporciónanos seguridade. En case tódolos países do mundo podemos conseguir diñeiro con ela, e nas grandes cidades poderemos aboar compras, comidas e outros servicios.

¿Conseguiu o euro ser unha moeda tan internacional coma o dólar?

Éo cada vez máis, e a súa implantación foi moi rápida. Un inconveniente é que, a diferencia do que se fixo co dólar, non se emitiron billetes de un euro, polo que as propinas e redondeos se fan moi difíciles. É un erro que a UE debería arranxar.

¿Que debemos valorar preferentemente á hora de programar unha viaxe?

O primeiro, determinar qué é o que máis nos gusta. Se non gozamos coa contemplación da natureza, é absurdo ir a un safari no que nos teremos que erguer a horas intempestivas para ver leóns. E se non aturámo-lo frío, mellor non viaxarmos ó Círculo Polar Ártico, por moi de moda que estea. Do mesmo xeito que cómpre deixarmos de lado os tópicos que nos separan do destino soñado, debemos supera-los mitos que tanto nos atraen a el. A alta montaña pode ser moi atraente… para un montañeiro. Simplificando, que antes de facermos unha viaxe, temos que pensar nos cartos cos que contamos, nos nosos gustos e na época do ano en que imos viaxar.

¿Cal é o número de persoas idóneo para viaxar?

O ideal é atopa-lo compañeiro de viaxe perfecto, e para iso cómpre saber con qué amigo ou familiar empatizamos cando imos de viaxe. Dous é unha boa cifra, pero tres comeza a ser desaxeitada non sendo que haxa unha moi boa relación entre todos. E en viaxes con máis de tres persoas, para evitar discusións é preferible seguir un programa pactado de antemán.

¿E viaxar só?

É o mellor xeito de coñecer xente, pero hai que estar preparado psicoloxicamente e querer facelo.

¿Seguen os destinos turísticos demasiado ligados á moda?

Claro que si. E tamén ó que din os medios de comunicación. Cando se proxectou Memorias de África, todo o mundo quería coñece-las sabanas africanas. E este ano, con todo o que se dixo sobre a pneumonía asiática, ninguén quere ir a Asia.

¿Como se pode recoñecer unha boa guía turística?

Hai moitos tipos de guías, algunhas ofrecen información útil e moi precisa: especifican tarifas, advirten dos perigos, recomendan tendas para mercar. Son prácticas, pero quizais prefiramos unha guía que detalle as expresións artísticas e culturais da zona e responda ó por qué das cousas. As guías anglosaxonas, por exemplo, dirannos ónde podemos xantar hamburguesas estilo americano na India. De certo, un español non busca iso, pero se cadra si quere saber ónde hai cuartos de baño europeos.

¿Que países é preferible deixar para máis adiante?

Os países en guerra convén evitalos. Pero isto sábese cun pouco de sentido común e escoitando a quen ten experiencia. Non quero dicir que haxa que segui-las indicacións esaxeradas, como as que din que a pneumonía asiática está presente en toda Asia, cando o número de mortos que produciu esa enfermidade é inferior ós finados na estrada nunha ponte longa en España. Pero, así e todo, cómpre sermos precavidos. Debemos ser previsores. Se viaxo en tren pola China non se me ocorre deixa-la equipaxe sen atar, e sen embargo en Irán podo esquece-las cámaras nunha praza, que sei que á volta seguirán alí. En definitiva, hai que olla-lo que fan os autóctonos e imitalos.

Queda claro que é un namorado de Irán, ¿pode viaxar alí unha muller?

Os países chiítas son un dos destinos privilexiados para que unha muller viaxe soa. Iso si, seguindo unhas recomendacións para evitar apuros. Por exemplo, convén que diga que está casada e que leve un anel de alianza. Se lle preguntan por qué viaxa soa, tan só terá que explicar que o seu home está traballando en Irán e que ela aproveita para coñece-lo país. Deste xeito, será tratada con respecto e sentirase segura.

¿Cal é o decálogo para viaxar ben?

A máxima é non tratar de cambia-la maneira de pensar dos demais. En todo caso, debemos adapta-lo noso xeito de actuar ó dos habitantes do país que visitamos. Se en certos lugares hai que ir con pantalón longo, fagámolo. Ó final, apréndense pequenos trucos para viaxar máis a gusto. Unha boa fórmula para saírmos airoso de situacións algo complicadas é non esquecermos que un sorriso abre moitas portas e que os malos xestos poñen a xente en contra. Lembro que en Alxelia pasamos, sen decatármonos, un control militar na estrada. Perseguíronnos, pedíronnos explicacións e démosllelas. Ó final, convidáronnos a té e estivemos comentando o papel do seu país no Mundial de fútbol.

¿Viaxando rómpense mitos ou, pola contra, afiánzanse?

Cando viaxamos debemos facelo cos ollos ben abertos, escoitándoo todo e sen ideas preconcibidas. Na miña primeira viaxe a Irán non puiden evitar certos prexuízos, pensaba que estaba cheo de fundamentalistas. A miña primeira conversa foi cunha moza que fotografaba unhas flores e resultou ser directora de cine, especialista no clásico francés. Daquela, comecei a aprender algo máis sobre min mesmo. As novelas informan máis sobre un país ca un libro de viaxes ó uso, porque moitas guías son, en parte, interesadas: un goberno quere promove-lo seu país, co que o redactor non opinará sobre política. Non dirá que os marroquís, por exemplo, xamais falan do seu rei e non porque xentes con tanta elocuencia carezan de opinión sobre ese tema. As guías serven para o que serven, para guiarnos.