Emilia Herranz, médico e presidenta de MSF España

"Estáselles pedindo ás ONG que se posicionen, e isto é moi perverso"

1 Outubro de 2004
Img entrevista listado 299

Corremos o risco de vacinarnos contra a miseria?

Cando persiste unha saturación de mensaxes, as persoas podemos perder a perspectiva, sobre todo agora que se está abusando das crises mediáticas. Explícome. Iraq, Afganistán e Palestina acaparan a case totalidade de información sobre guerras e conflitos, e, se ben é certo que o que alá sucede é horrible, existen maiores inxustizas humanas, se é que estas se poden cuantificar, pero que ó non seren publicitadas polos medios de comunicación nin usadas polos políticos, non contan. O que acontece en Sudán e noutros conflitos esquecidos do planeta non son crises políticas, “só” son crises humanas que xeran milleiros de mortos e desprazados e ningunha noticia.

Actualmente, a discusión en Dafur Norte está centrada en se se está producindo un xenocidio ou non. É precisamente un lugar que MSF coñece moi ben, pois leva varios anos traballando alí. Que lle supón isto?

O que está acontecendo en Sudán é intolerable, póñaselle o nome que se lle poña. Hai milleiros de persoas que están morrendo e non terían por que facelo. Por iso é tan importante estar informado e querer coñecer a realidade. Se che contan que unha familia está na súa casa, con maior ou menor miseria, pero no seu fogar, e chegan uns homes armados que violan e matan a filla, rematan o home no chan, queiman a casa e que a nai ten que coller o seu bebé no colo e botar a andar non sabe a onde, ata que chega a un campo onde vai estar amoreada e onde o seu bebé vai morrer por desnutrición… é difícil non sentirse involucrado. Este panorama é arrepiante, e moi común.

Tamén quererá saber por que pasa!

Iso non é o importante, o fundamental da información é que sirva para convencer a sociedade española, a francesa, a belga, ou calquera outra, de que faga algo. A sociedade civil nos nosos países pode meterlles presión ós seus dirixentes, temos uns políticos que eliximos e pódenselles esixir actos concretos. Hai exemplos de que esa presión funciona, pero, por desgraza, a propia sociedade non é consciente do seu poder. Nun mundo tan globalizado coma o noso, o mundo é responsable do mundo, e, se ben Occidente non é a solución, nin a única causa, é responsable, pois é o que máis ten e o que máis debe dar. Aí tamén entramos as ONG, aínda que o noso labor non sexa solucionar os problemas. Nós dicimos o que está a pasar e sinalamos a quen debe tomar medidas. Isto compartímolo coa sociedades para xuntas realizarmos a acción humanitaria. Especificamente, o labor das ONG é a práctica de axuda humanitaria, é dicir, a asistencia das sociedades vulnerables e vulneradas da que nos ocupamos sobre o terreo.

Unha axuda que cada vez lles é máis difícil prestar. Tiveron que abandonar Afganistán, están considerando a súa presenza no Cáucaso Norte. Ata que punto as ONG son obxectivos militares?

Cando acodes a lugares en conflito asumes un risco, pero nunca a posibilidade de ser obxectivo, porque non somos parte do conflito. O noso amparo é o Dereito Internacional Humanitario. Ata o 11-S era válido, pero unha preocupación na actualidade é que comeza a ser violado sistematicamente. A nós impórtanos a poboación dun país e para atendela chegas -polo menos chegabas- a un acordo con todas as partes para que se respecte o espazo onde traballamos. Agora énos cada vez máis difícil e veste obrigado a marchar, pois un cooperante morto non serve para nada. E é moi triste, é horroroso ter que abandonar despois de 24 anos un país porque non podes facer nada. Poderías seguir, pero con protección, o que te converte en parte do bando que te protexe. De feito, estáselles pedindo ás ONG que se posicionen, e isto é moi perverso. Médicos Sen Fronteira somos afortunados porque economicamente somos independentes e iso fainos libres, pero non todas as organizacións o son e cada quen debe tomar as súas decisións. En calquera caso será unha decisión lexítima, xa que o fin último, e primeiro, é a axuda á poboación civil. Pero é unha decisión moi difícil.

Se uns queren convertelos nos seus aliados, outros tomaranos por inimigos. Estamos asistindo ó epílogo das organizacións non gobernamentais tal e como as coñeciamos?

Coido que se están confundindo algúns termos. Cando os militares empregan os mesmos coches cós cooperantes e ofrecen racións alimenticias e medicamentos, non se perciben con claridade as responsabilidades duns e doutros. As partes do conflito manipulan, e isto dexenera en que a poboación civil, que sempre é a que perde, acabe sen recibir axuda. E, hoxe en día, ser civil é máis perigoso ca ser militar, polo que precisan máis axuda. O Dereito Internacional Humanitario, ó que me refería antes, determina que quen atende humanitariamente á poboación civil non debe ter ningún vínculo político. As ONG non somos actores políticos, si lles dicimos ós políticos qué teñen que facer, proporcionando causas, datos e solucións, pero non facemos política nin temos vínculos políticos. Os militares, obviamente, son unha parte política.

En ocasións, as cifras de damnificados, as estatísticas de contaxios da SIDA, por exemplo, son tan esaxeradas que fai que se desconfíe da verdade desa información.

É certo, ás veces as cifras corrómpense. Un mesmo país, se precisa axuda, ínflaas; se precisa investimentos, corríxeas. Pero no caso da SIDA, as cifras que se manexan da OMS (Organización Mundial para a Saúde) son menores cás reais, pois hai moita poboación que non sabe que está infectada. Para comprobalo só hai que ir a África. Os que visitamos aqueles países antes e despois da pandemia percibímolo. A SIDA está cambiando a estrutura social destes pobos. África está quedando sen poboación activa. É unha catástrofe humanitaria de efectos que dá medo prognosticar. Hoxe por hoxe é a maior causa de mortaldade do mundo. A que máis morbilidade ou enfermos xera continúa sendo a malaria, pero as mortes estaas producindo a SIDA. E a min, persoalmente, dáme vergoña. A SIDA non era unha enfermidade dos países pobres relacionada coa miseria ou coa falta de hixiene. No Norte tomouse moi en serio e se se segue a súa evolución histórica, vese que cando comezan a baixar as cifras estoura no Sur, cando nós xa sabiamos como controlar a enfermidade. As medidas que se tomaron foron un fracaso, xa que se deseñaron baixo pautas occidentais. Chegamos a un punto en que se ben a prevención é importante, é imprescindible desenvolver unha política de tratamento farmacolóxico.

Tanto custa achegalo ó Sur?

Non hai vontade política. A única solución a este problema é entendelo como un mal mundial ó que cómpre facerlle fronte. E un punto de partida é asumir que as empresas farmacéuticas tamén poidan ser reguladas, e aí entra a vontade política a través das institucións públicas.

Que lles supuxo ser merecedores do premio Nobel da Paz?

(Sorrí). Tantos anos traballando en guerras e dannos o Nobel da paz… Aquilo foi importantísimo. Dunha banda, pola satisfacción que supón ver recoñecido o esforzo dunha chea de persoas e o apoio de milleiros de socios; doutra, porque os cartos do premio foron moi ben recibidos e moi ben gastados; e, para rematar, pero se cadra o máis importante, porque o Nobel é un salvoconduto que lle confire un status diferente a quen o recibe. Desde a súa concesión, abríronsenos portas que nos pecharan durante moito tempo.