Guillermo Echegaray, psicólogo

"Estamos a crear nenos consentidos"

1 Xaneiro de 2007

Por que e cando hai que sopesar a conveniencia de acudir a un psicólogo?

Polo xeral, cando unha persoa toma a decisión de pedir axuda para canalizar a súa vida ou sente a necesidade de estar acompañado para resolver un problema faino como consecuencia dun detonante que o está advertindo de que algo non funciona, de que algo non vai ben na súa vida. Pode ser unha ruptura, un dó, un malestar ou unha depresión. Pero iso só é a punta dun iceberg cimentado en conflitos sen resolver. Un psicólogo axuda a solucionar problemas facendo de guía no seu encontro e na posta en marcha de solucións. Un psicólogo non che di o que tes que facer, pódeche axudar a facerte preguntas e a acompañarte no camiño mentres as resolves.

Trátase de confiar nunha persoa algo tan delicado como é o benestar psicolóxico. Como podemos ter a garantía de que o profesional nos pode axudar?

O psicólogo non está libre de dificultades, conflitos e inmadurez, pero o importante é que estas debilidades non inflúan no encontro psicólogo-paciente, nin condicionen a terapia. Isto é clave para todos aqueles que traballan axudando aos demais. Sexa cal sexa a profesión, cada vez é máis preciso facilitar espazos de diálogo mutuo entre profesionais nos que se supervise o propio traballo. No caso dos psicólogos hai que estar alerta e trátase de non se acomodar: o psicólogo non está inmunizado ante os problemas que axuda a resolver e, á súa vez, non pode converterse nun ser impermeable ao desenvolvemento psicolóxico dunha sociedade e dos seus conflitos.

Na actualidade, escolas, empresas, servizos públicos de saúde e outras institucións dispoñen de psicólogos para alumnos, traballadores ou pacientes. Por que esa necesidade? É preventiva ou é facultativa?

Ambas as dúas á vez. Temos que partir da idea de que a estrutura da sociedade actual é líquida e de que os valores son menos sólidos. Antes, unha persoa sabía o que tiña que facer dende que tiña 18 anos. Os roles sociais eran fixos: se eras muller, atopabas un mozo, casabas, coidabas dos fillos e do fogar; se eras home, lograbas un traballo, unha muller que che daba fillos e sabías como funcionar. Pero a sociedade actual atópase con estruturas e valores máis numerosos e variados, que implica un aumento enorme de posibilidades que deriva en decisións. Isto indubidablemente deixa a persoa máis libre, pero tamén máis confusa ante os pasos que debe dar na vida.

Parece que moitas respostas teñen a súa orixe na familia.

A familia é un sistema do que non nos podemos librar. Non falo de institución, falo de sistema. Todos son fillos dun pai e dunha nai, todos, e ese feito levámolo inherente á nosa persoa e condiciónanos. É algo que non depende da vontade, nin do coñecemento, nin da educación, nin de factores externos. É algo que levamos inscrito no interior. Cada persoa ten dous pais, catro avós, oito bisavós. Vimos dun sitio. Este feito repercute na nosa vida máis do que podemos pensar, e ás veces, máis do que coidamos que nos inflúe.

E os fillos de familias monoparentais?

Teñen un pai biolóxico. Iso está inscrito nos seus xenes. É algo que non se pode negar. Acontece tamén cos fillos adoptados: unha forza profunda lévaos a buscar, dalgún xeito, aos seus pais biolóxicos.

É consciente de que este pensamento pode ser moi discutido, e máis agora que comezan a emerxer novas modalidades de familia?

/imgs/20070101/img.entrevista.02.jpgUnha cousa é como debe organizarse e recoñecerse a familia como institución. Aí non vou entrar, non son sociólogo nin político. Pero non se pode negar un feito certo e rigorosamente científico: o ser humano é resultado da fecundación dun óvulo, pero dese óvulo, non doutro; e dun espermatozoide, dese espermatozoide e non doutro. Cada ser recibe 46 cromosomas, 23 da nai e 23 do pai. A nivel psíquico a persoa está inserida nesa orixe. Coñézaa ou non. Admitir isto e traballar dende iso ten que ver coa solución de moitos problemas.

En que se traduce todo isto?

En principios. Os que son anteriores teñen preferencia sobre os que son posteriores. Os pais dan e os fillos toman. Os pais son grandes e os fillos pequenos. Dito así pode resultar simple, pero en moitas ocasións atopas problemas que teñen que ver con que os fillos se creron superiores aos pais, ou con que non se respectou que houbo alguén anterior que ocupo un determinado sitio no sistema.

Por que é tan importante a infancia na psique dunha persoa?

Un neno absórbeo todo. Conforme nos facemos adultos, as nosas estruturas vólvense máis ríxidas, pero a mente dun neno non ten límites, está aberta. Os semiólogos afirman que un bebé está capacitado para poder pronunciar todos os sons de todas as linguas do mundo. A medida que transcorren os días esta facultade queda limitada, e cando cumpra cinco anos seralle ben difícil pronunciar perfectamente os sons de, digamos, o croata, se esta non é a súa lingua materna. Algo parecido acontece a nivel psicolóxico. O neno, cando nace, pode absorber todas as mensaxes e os impulsos. Isto faino moi vulnerable, e por iso o que acontece na infancia ten moita máis forza ca o que sucede cando se é maior.

En situacións normais, un neno vive protexido pola súa familia, os seus pais velan para que non haxa problemas. Por que estas dificultades son inevitables?

O neno desprende moito amor cara á súa familia, daríao todo polos seus pais. Iso lévao a estar desprotexido ante a maldade e ante a dor, voluntaria ou involuntaria. Non se sabe salvagardar. Por exemplo, antes dos oito ou dez anos un neno é incapaz de elaborar un dó. Non ten os recursos para chorar a perda do seu pai ou da súa nai, para coñecela e asumila. Isto provoca que na vida adulta aparezan dificultades de moitos tipos. Non é raro que padeza o que se chama “o movemento interrompido cara aos pais””. Era tan duro aquilo que viviu que é incapaz de achegarse interiormente ao pai ou á nai que morreu. Cando non podes ter ben ao teu pai ou á túa nai na túa vida fáltache unha fonte vital esencial.

Di que o neno daría todo polos seus pais. Ata que idade é san que isto suceda?

Non é san nunca, pero é así. O neno pensa: “por favor que non lle pase nada a papá ou a mamá, prefiro que me ocorra algo a min, prefiro estar eu enfermo a que o estean eles”. O neno que mantén ese pensamento, que o interioriza máis alá da infancia, altera os principios: ponse por riba dos pais e non se axusta ao feito de que os pais dan e os fillos toman. Ás veces sucede que un fillo ou unha filla decide non gozar da vida como compensación a un problema. Mantén aquela fórmula máxica que lle serviu de cativo: “se mamá sanda, non volverei saltar máis enriba do sofá”. E mamá sandaba. E estas formulacións son máis habituais e inflúen máis do que se poida pensar. Non estou falando de cousas raras alleas á vida cotiá: un fillo ou unha filla en compensación decide non casar, ou fracasa nos estudos, ou comeza a beber. É un tipo de compensación máxica estraña, porque non axuda a ninguén, pero dáse. Por certo, isto mesmo sucede nas organizacións empresariais.

Volvamos á familia. Como se mantén o equilibrio pais-fillos cando o neno medra?

Nas familias hai dous conceptos que están intimamente relacionados: a inocencia e a culpa. Non non damos decatado do peso que ambos os dous teñen no noso xeito de vivir nos grupos e, en concreto, na familia. Cando pertencemos a un grupo facémolo cun profundo sentido de inocencia. Non falo de inocencia e culpa nun sentido moral. É algo distinto. Pensemos no adolescente que fuma. Con respecto ao grupo de adolescentes que fuma ese rapaz sentirase inocente; pero de cara aos seus pais que ven o perigo de fumar sentirase culpable. Non fumar no medio dun grupo de adolescentes fumadores significa dalgún xeito traizoalos. Un fillo sempre quere preservar a súa inocencia ante os seus pais, pero manténdose inocente non medra. Medrar sempre significa, dalgún xeito, facerte culpable: non responder a expectativas, frustrar desexos, independendizarte,… Ao final, sempre se darán situacións que xeran dano.

Tanto medo se ten a sentir dor?

Máis que da dor, esta sociedade manexa moi mal a frustración. Aínda que quede mal dicilo determinada psicoloxía da autoestima está a ser prexudicial. Crer que non se pode frustrar a un neno porque se daquela lle ferimos a súa autoestima leva, ás veces, a evitarlle calquera sufrimento e a non enfrontalo á súa responsabilidade. Isto xera nenos débiles e incapaces de superar os obstáculos. Estamos a crear nenos consentidos e cando medran queren seguir estando consentidos. Se a isto se suma certo celo excesivo nos primeiros anos da vida o resultado é unha situación artificial de protección. É inevitable que un neno sufra desencontros, frustracións, correccións. É a vida.

Como se lles axuda daquela a medrar felices?

Estando con eles e queréndoos. A eles, ao que son, dende nós, dende o que somos. Se os pais e nais o fixesen todo perfecto, cumprisen sen erros un guión ideal, crearían marionetas que se moven por fíos. Hai que equivocarse e sufrir porque isto proporciona o elemento de superación.