Magali Benítez, experta en Internet

"En Internet es o que escribes"

1 Xaneiro de 2010
Img entrevista listado 603

Cortesía, etiqueta, boas maneiras… Parece que se fala de Versalles e non do reino de Facebook.

A palabra etiqueta, que se usa moito, non me gusta. Prefiro falar das boas maneiras, creo que se axusta máis á realidade. Todo isto ten que ver coa comunicación. Non se trata tanto de normas estritas como de facilitar a comunicación e de acadar os obxectivos que se perseguen con esa comunicación.

As maneiras varían en función do interlocutor?

Creo que non mudan tanto segundo o interlocutor, senón en función do formato que se utiliza. Non é o mesmo comunicarse por correo electrónico que recorrer a unha rede social ou crear un blog. Tamén inflúe, por suposto, o obxectivo que se persegue, se é unha conversación informal ou se é profesional. Ao final, a base son unhas regras mínimas de xogo que permitirán que a transmisión sexa o máis eficiente posible.

Falando de cortesía e de Versalles, en toda corte que se prece aniñan aduladores, conspiradores, mentireiros e cínicos. En Internet, pódense identificar uns ou outros en función de como se comunican?

Se cadra non con esas palabras, pero si que é certo que hai distintos perfís. Por exemplo, aparece o usuario anónimo, que non quere desvelar quen é, o que lle vai moi ben para se desinhibir; tamén aparece o perfil do “troll”, que boicotea conversas con comentarios incendiarios… Perfís hainos, pero como na vida real. Aínda que é certo que, polas características do medio, a posibilidade de ‘soltarse’ é maior, defendo que en Internet ao final es o que pareces, ou o que escribes. Non creo que en Internet unha persoa sexa dun xeito e que fóra de Internet sexa doutra.

Esa desinhibición, facilita ou dificulta a comunicación?

Depende do contexto. Pero, polo xeral, esa desinhibición dificulta unha boa comunicación. Isto é moi claro no caso do correo electrónico. Hai persoas que che escriben cousas que non che dirían nunca de te ter diante. En cambio, atrévense a escribilo.

Que convén saber para comunicarse por Internet e non fracasar no intento?

Dúas cousas. Por unha banda, entender ben o formato e coñecer as súas características. O correo electrónico funciona dun xeito, as redes sociais doutro, o Twitter doutro… Por outra, pórse no lugar do outro. Con estas dúas regras abondaría.

Na comunicación por Internet, debe prevalecer a confianza ou a desconfianza?

Depende de para que a utilices. En principio, debería primar a confianza. Pero isto é como cando queres comezar unha conversa nun bar. Se es a primeira que chegas ao bar e non coñeces a ninguén, compórtaste dun xeito. E se acodes habitualmente, compórtaste doutra. En Internet é igual.

Se en Internet somos o que comunicamos, e a linguaxe é a primeira ferramenta de comunicación, por que se escribe tan mal en Internet?

Escríbese mal porque se confunde a informalidade do ámbito co todo vale. A ortografía e mais a gramática levan séculos vixentes porque son códigos comúns que facilitan a comunicación e a transmisión da mensaxe. É un erro pensar que, como é un medio marcado pola rapidez e a informalidade, non fai falta esmerarse tanto porque o receptor xa o entenderá.

Pero a incorrección na mensaxe tamén repercute na imaxe que temos de quen envía a mensaxe.

O descoido e os fallos na redacción da mensaxe xeran dous problemas. Un de eficiencia e outro da imaxe que lle transmitimos ao receptor.

Estes fallos pódense achacar a que se subestima a importancia deste tipo de comunicación?

Coido que non. É un ámbito novo para moitas persoas. Ninguén o aprendeu no colexio. Adquiriuse habilidade a base de acertos e erros. A algunhas persoas empezounos a preocupar agora, e outras comezarán a lle pór atención dentro dun tempo, cando vexan que o que escribiron hoxe permanece e non lles agrade a imaxe que ofrece del. Iso irase vendo co tempo. Por exemplo, á miña filla, que ten 14 anos e que escribe en foros e en Facebook, dígolle: “es consciente do lixo que estás a xerar, de que nuns anos te preguntarás como é posible que publicaras iso á vista de todo o mundo?”.

Falta perspectiva.

Falta saír do ordenador e velo cun punto de vista máis amplo, ver que en Internet todo está interconectado e que todo sae a flote grazas a Google.

Vostede afirma que Internet é unha democracia sen goberno. Quen marca as normas de convivencia?

Todos e ninguén. E iso é o bonito. Hai unha autorregulación constante. Claro que hai fallos e defectos, pero en xeral funciona bastante ben.

Aí radica o seu éxito.

Si. Pero tamén hai persoas que non se decatan, que non ven a perspectiva dos demais… Pero a propia comunidade encárgase de facérllelo saber sen que se precisen listaxes de regras ou normas. Ademais, é un sistema moi flexible que evoluciona. Cando empecei en Internet, non estaba ben visto utilizar unha linguaxe similar ás mensaxes de móbil (SMS) ou as emoticonas (combinación de letras ou debuxos que tratan de amosar un estado de ánimo), e agora si o está, mesmo en mensaxes profesionais ou de empresa.

A adaptación é constante.

É imprescindible.

As regras producen urticaria en Internet. É compatible esta reacción alérxica coas boas maneiras?

Si. Trátase de aplicar o sentido común e a tolerancia. Internet non é un mundo á parte. É tan real coma o que máis. Vivimos en dixital.

Pero nin a tolerancia nin o sentido común son valores caracterizados pola súa abundancia.

Iso é certo. Nin en Internet nin fóra da Rede.

Esa carencia, que consecuencias ten en Internet?

A comunicación reséntese e a imaxe que se crea non é boa e non se corresponde coa realidade. Así e todo, penso que a maioría das persoas que son descorteses en Internet o son por descoñecemento e non de modo consciente. Débese á precipitación, á urxencia, á informalidade…

Hai que quitarlle ferro.

Si. De aí a tolerancia. Imos pensar que en ocasións a comunicación non funciona como un desexaría.

Ante a anarquía, empatía?

Exacto.

Internet fomenta tamén eses valores: tolerancia, empatía, sentido común…?

Non creo que Internet en si fomente eses valores, senón que eses valores os leva un a canda el. Isto non deixa de ser un conxunto de teclas onde un mete cousas.

Moitos pais teñen medo porque deixan os fillos vagar por Internet libremente. Vostede, como nai e experta, que lles recomendaría?

Pode que eu neste aspecto non sexa un bo exemplo porque deixei liberdade total. Eu coñezo a miña filla e sei como é e o que vai facer dentro de Internet a partir dunhas pautas básicas que eu lle dei: “non te comuniques con xente baixo esta dirección”, “non envíes datos a descoñecidos”, ou “non te fagas amiga de persoas que non coñeces de nada”. Tampouco hai que criminalizar Internet en si, senón pensar que Internet amplifica cousas que pasan fóra. Non hai que ser excesivamente desconfiado nin pensar que en Internet está o peor. Hai de todo, coma fóra, pero si que Internet amplifica e concentra. Para usar Internet hai que dicirlle ao teu fillo o mesmo que cando sae da casa.

A urbanidade brilla pola súa ausencia en Internet.

Si, porque a xente xa non adoita ser moi educada de seu fóra de Internet, e se a iso se lle engade algo rápido e informal e precipitado… Ao final nin un proxecta unha imaxe axeitada del, ou positiva cara aos demais, nin un se está a comunicar do xeito adecuado para os obxectivos, tanto dende o punto de vista de empresa como persoal.

E a urbanidade debería ter unha maior presenza?

Creo que tampouco debemos pretender iso, senón que a xente pense determinadas cousas, que empatice cos demais, que sexa máis tolerante, que sexa máis flexible e a partir de aí todo fluirá coma unha conversa normal.

A proporción de maleducados en Internet é superior á que hai fóra?

Non. A proporción é a mesma, o que acontece é que en Internet queda por escrito. Algo que pode resultar unha mera anécdota e que a levaría o vento, alí queda por escrito e vese. Ademais, como hoxe en día calquera pode ser protagonista, hai xente que aproveita estes mecanismos para desinhibirse, pero o que é así en Internet tamén o é fóra.

Que formación ou coñecemento debería ter unha persoa para fluír pola Rede?

Formación é navegar un tempo pola Rede e aprender do que fan os outros, da maneira na que interactúan e lanzarse e aplicar eses dous principios que comentabamos antes. A maioría aprendemos sobre a marcha.

Vostede avoga polo respecto á privacidade dos demais. En que consiste?

É habitual que se aireen comentarios de terceiros ou o reenvío de correos electrónicos dunha persoa: eu reenvíocho a ti e ti á túa lista, aos teus amigos… Deberiamos reflexionar sobre isto: todo o que sexa reproducir mensaxes de terceiros ou de persoas que non están nese momento na comunicación hai que evitalo.

Defende o uso de emoticonas nas comunicacións virtuais. Déixeme que pense (:-m), sorpréndeme (:-o), aínda que quizais teñan un punto gracioso (;-)). En serio, non lle parece demasiado superficial ou frívolo?

Non, non, é moi útil. Eu úsoas bastante e úsanse moito nos ámbitos profesionais como twitter. Como non temos claro como descodificará a mensaxe a outra persoa, é bo engadir determinadas emoticonas. Ollo, unha cousa é engadir algunhas e outra é enchela delas.

Ata nun ámbito profesional?

Si. Hai moitas empresas que confunden a comunicación escrita de toda a vida coa comunicación escrita por Internet. E esta última é informal, non ten que rexerse polos mesmos patróns do que nos ensinaron que é a comunicación corporativa escrita de toda a vida. A falta dese contorno, as emoticonas axúdannos a humanizar a mensaxe.

Aviso para navegantes: máis da metade das empresas estadounidenses despediron algúns dos seus empregados por abusar de Internet ou do correo electrónico. Aparece no seu libro.

Non concibo unha empresa que prohiba o acceso a determinados servizos de Internet, como Facebook, Messenger… O que hai que facer é definir unhas pautas sobre o que dentro da empresa será aceptado ou non pensando que cando un traballa para unha empresa reflicte a súa propia marca e a da organización para a que traballa. Pero as empresas están polo labor do bloqueo, e iso debería cambiar, porque tamén son ferramentas de traballo, de comunicación con provedores. Abonda con regular o seu uso dentro do contexto laboral.

En Internet sobran regras, pero a memoria non falla; navegantes somos e na Rede nos atoparemos?

Si, iso está á orde do día. Por exemplo, eu antes de reunirme cunha persoa búscoa en Internet e fágome unha idea a través desa identidade dixital ou dos buscadores, non sempre perfecta nin moi axustada á realidade, do que Google é capaz de darme a partir desa busca. É tremendo e inquietante. A visión do outro pasa polo que Google sexa capaz de ofrecerme, dos resultados sobre esa persoa.

E iso non debería promover unha maior prudencia no que se escribe?

Si, habería que ter en conta que o que un fai persiste e renacerá nalgún momento cando alguén faga determinadas buscas.

Google convértese ou ben no Grande Irmán ou ben nunha espada de Damocles que teñen sobre a cabeza os usuarios da Rede.

Si, coido que en pouco tempo imos experimentar un cambio provocado polo auxe das redes sociais, pola preocupación da información que os buscadores reflicten sobre unha persoa. É o que me gustaría que aparecese se alguén buscase algo sobre min? Refírome a este exercicio de egonarcisismo que facemos todos de cando en vez.

Non dá un pouco de medo?

Si, pero esa é a realidade na que vivimos agora, e iso é imparable. Eu prefiro velo dende o lado positivo, un se quere pode ter unha identidade dixital, o seu propio perfil dixital.. pódeo controlar bastante e temos algo que antes non tiñamos: podemos saber o que opinan de nós os demais. Prefiro non velo con ese terror que sente moita xente cando teclea o seu nome en Google polo resultado que vaia saír.

Democratízase o protagonismo da información.

A algúns dálles medo e outros ven unha oportunidade. Créanse novos líderes de opinión capaces de influír en moitos outros e que non teñen nada que ver cos líderes de opinión fóra de Internet.

Pero é xusto que a imaxe dunha persoa quede marcada polo que aparece en Google?

É inquietante, pero a fórmula que segue Google segue unha orde obxectiva, que se basea no propio mecanismo de enlaces na rede. Agora ben, si que é certo que se poden amosar cousas que non nos gusten, pero iso débese a que alguén algún día as puxo e as deixou nun sitio.

Google controla a información pero, quen controla a Google?

Google non ten información, el só a ordena. A información é doutros. Cando un quere xestionar esa información debe acudir a quen orixinalmente creou esa información. Hai mecanismos legais para que iso se quite.

Cantas veces meteu a pata en Internet?

Bastantes, eu aprendín tamén sobre a marcha. Observei moito e cometín erros, pero para atinar hai que se equivocar antes.

Algún caso digno de recordar?

Eu reaccionaba de maneira airada cando alguén me dicía que non recibira o meu correo, ata que un se decata de que tamén perdeu correos. Tamén contestei rapidamente cando a ocasión merecía unha reflexión e tomar uns minutos para pensar a resposta. Tamén lin un correo doutra persoa e catalogueino de “cretino”, logo decateime de que as súas palabras non reflectían ben o sentido do que quería dicir e simplemente iso quedara aí escrito. A miña interpretación era errónea.