Fernando Prieto, doutor en Ecoloxía e director do Observatorio de Sustentabilidade

"En España non hai vontade política de manter a biodiversidade"

1 Maio de 2016
Img entrevista 2 listado 303

Cal é o estado da biodiversidade en España?

España presenta unha elevada diversidade, pero o seu estado de conservación é malo. Sofre un proceso de destrución similar ao do resto do planeta. É especialmente preocupante o estado das especies de peixes e hai que salientar o descoñecemento doutros grupos coma os invertebrados. As abellas vense gravemente afectadas polo uso de pesticidas e por diversas pragas, e especies tan emblemáticas coma o lobo, o oso ou o lince tampouco están adecuadamente protexidas. Nin a Administración nin as empresas toman medidas oportunas. Os cinco grandes obxectivos da Convención de Biodiversidade 2011-2020 das Nacións Unidas que debe cumprir España non se fan ou só se fan en parte.

Que se pode esperar para os vindeiros anos?

Que se agraven as cousas. A principal ameaza son as consecuencias do cambio climático, como o aumento de temperaturas, a escaseza de auga e tormentas de grande intensidade. Por outra banda, a lei de costas recentemente aprobada é un gran perigo para os ecosistemas costeiros.

Que destacaría de SOS16, o novo informe do seu observatorio sobre a biodiversidade en España?

Que os incendios forestais arrasan importantes superficies todos os anos. En 2015, arderon 103 mil hectáreas, máis do dobre ca en 2014 e, en superficie de bosques, o triplo. Ademais, están ameazados o 34 % dos anfibios, o 32 % dos réptiles, o 54 % dos peixes continentais, o 20 % dos mamíferos e o 25 % das aves reprodutoras. Existe unha falta de planificación en gran parte dos ecosistemas forestais. Moitas superficies protexidas sono só sobre o papel. De feito, algunhas comunidades autónomas teñen moita menos superficie protexida ca outras, coma Galicia.

A que se debe esta situación?

As principais razóns son a perda e a degradación dos hábitats, a sobreexplotación de recursos, a perda de variabilidade xenética, a contaminación, a progresión de especies invasoras, o cambio climático e a desertificación. Non se toman decisións baseadas na ciencia. O abandono rural e da gandería extensiva é catastrófico para o mantemento da biodiversidade. A nova política de conservación debe incluír grandes cintos verdes no mediterráneo ou no atlántico. As cidades deben incluír a biodiversidade en todos os seus vectores, deben deseñarse azoteas con plantas, fachadas verdes, láminas de auga, niños etc. E tamén deben facerse pasos de fauna ou o deseño de infraestruturas que teñan un menor impacto sobre determinados ecosistemas con maior diversidade.

Podería destacar algún caso grave?

Si, varios. Os gravísimos vertidos de Inquinosa en Sabiñánigo, de Fertiberia nas marismas de Huelva ou de Ercross no encoro de Flix. Tamén as superficies percorridas polo lume cada ano ou o incremento de chan artificial dunhas 5 hectáreas á hora no momento máis alto da burbulla inmobiliaria, situacións que non deberían volverse producir. E hai outros temas que convén salientar, como criar linces cun gran custo e non implantar medidas para que non se atropelen. Ou cazar lobos, ese grande enxeñeiro dos ecosistemas que controla cérvidos e xabarís. Ademais, é deplorable o estado das augas continentais, o que evidencia a necesidade dun gran plan de depuración de augas con filtros verdes en todos os pequenos municipios.

Quen son os principais responsables?

En España, continúan as subvencións prexudiciais para a biodiversidade, como determinadas actuacións da política agraria común (PAC). Tamén o urbanismo ou as infraestruturas. Basicamente, non hai vontade política de manter a biodiversidade.

Este mes celébrase o Día Mundial da Biodiversidade. Hai algún país especialmente activo nas súas políticas de conservación?

Segundo o índice de rendemento ambiental das universidades de Yale e Columbia, os países máis activos de Europa son Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Polonia e Alemaña. España ocupa o lugar 21. Francia, por exemplo, realiza políticas serias de introdución da biodiversidade nas cidades. E Kenya e Tanzania teñen políticas activas de conservación que se rendibilizan con safaris.

Desde a Asociación de Fundacións para a Conservación da Natureza, asegúrase que moitos millóns de euros da UE para protexer a natureza e o desenvolvemento rural se utilizaron para outros fins. Está de acordo?

Si. A PAC debe reformarse para incluír de forma troncal todo o relacionado coa biodiversidade e o cambio climático. O despoboamento rural é unha grave ameaza para a biodiversidade e a PAC non o considera adecuadamente. A política de costas ou de infraestruturas tampouco a incluíu.

Que podemos facer os cidadáns?

Realizar actuacións diarias que melloren a biodiversidade, como previr incendios, evitar verteduras de aceites usados ou produtos tóxicos, consumir produtos co menor impacto posible, como alimentos de agricultura ecolóxica, produtos naturais etc., e apoiar as opcións políticas que máis protexen a conservación de especies.