Rafael Mata

"Constrúense grandes edificios de autor, pero deséñanse poucos proxectos urbanos de calidade"

1 Xullo de 2008
Img entrevista

Amais de mapas, que labor realiza un xeógrafo?

Os mapas son o produto final dun traballo de análise. O núcleo da nosa disciplina é o coñecemento, a análise do territorio na súa dimensión ambiental, na súa dimensión social e económica. Pero amais de coñecer e investigar, tamén queremos proxectar ese coñecemento na intervención sobre o terreo.

E fáiselles caso?

Polo de agora empézasenos a tomar en consideración, porque tamén nos estamos a renovar. A reorientación da nosa disciplina cara á ordenación do territorio, urbanismo, conflitos ambientais ou conflitos sociais está a ter un eco crecente e dende ese punto de vista ímonos implicando tamén na tarefa profesional con arquitectos, enxeñeiros ou profesionais das ciencias da natureza. Con este fin estamos a reorientar o plan de estudos.

É dicir, a xeografía está a atopar o seu norte.

Ben, si. Eu coido que o norte xa o tiña, pero moi apegado ao ámbito do ensino e da investigación. E o que nos faltaba era dar o salto á acción. Moitos dos problemas que se trataban sectorialmente -ambientais, ecolóxicos, culturais, económicos…- hoxe preséntanse nos territorios. É un momento clave para a xeografía e para o territorio. E non podemos perdelo.

En que inflúe o labor dun xeógrafo na vida dunha sociedade?

A partir desa tarefa de coñecemento detectamos problemas ou contradicións entre a sociedade e o territorio e intentamos presentar, xunto con outros profesionais, solucións a eses problemas. Guíanos un obxectivo: mellorar a calidade de vida a través dun equilibrio entre os valores ambientais en sentido amplo e as necesidades de crecemento e desenvolvemento dunha sociedade.

Un equilibrio case utópico.

Si, pero mira, non perdemos de vista esa utopía, xa que ese é un compromiso da xeografía.

O seu labor de orientación non acaba, polo tanto, cos mapas. Tamén desexan orientar a intervención no territorio.

Si, polo menos a base da sostibilidade, que é a prudencia no uso do territorio, coñecer os valores e os problemas e a onde nos pode levar un determinado modelo de xestión dese territorio se se executa sen control.

Pero hai intereses opostos a lograr este fin.

Claro. O problema é que hai intereses moi fortes que parecen ir en sentido contrario da sostibilidade ou da prudencia, pero ese é o reto da nosa disciplina, que se situou a metade de camiño.

Entre os mapas de Ptolomeo e Google Earth, onde se sitúa?

Téñome que situar entre as imaxes de Google Earth porque son as imaxes do presente, pero esas imaxes non se poderían interpretar sen a calidade cultural nin a historia que está cargada nos mapas dende Ptolomeo. Aí hai unha solución de continuidade moi clara. De Ptolomeo a Google Earth, entre a tradición e a renovación. Podería ser un bo slogan.

Vostede é un dos autores do Atlas paisaxístico de España. Con que paisaxe queda?

Ben, cada un tende a quedar coas paisaxes próximas, as paisaxes vividas, no meu caso, a da Axarquía malagueña. Pero nese Atlas as paisaxes son como criaturas, como fillos dun. Con este Atlas aprendemos a recoñecer a diversidade do noso país. Velaí onde radica o seu interese. O Atlas non persegue facer unha taxonomía xerarquizada das boas e malas paisaxes, senón da súa diversidade. Aí radica o seu valor.

Nesa diversidade, España é un caso especial.

Si, temos a biodiversidade máis rica de Europa e un dos maiores mosaicos paisaxísticos, polo tamaño propio da Península e das illas, pero tamén por unha carga histórica e de diversidade cultural e natural. Ademais, o nivel de conservación das nosas paisaxes é aínda sorprendentemente alto fronte ao que acontece noutros territorios europeos.

Non é esa a idea que se transmite, sobre todo se se teñen en conta as consecuencias da expansión urbanística desaforada na costa.

Si, pero a énfase non pode pór só nun espazo, nun territorio. Si creo que hai unha perda, unha deterioración de valores paisaxísticos nun espazo litoral onde o crecemento turístico se executou considerando moi pouco eses valores. Así e todo, no interior ibérico, na España Atlántico-Húmida, nas montañas e nos chairos hai aínda, como dicimos no Atlas, moitas paisaxes que manteñen o seu carácter, a súa identidade.

Á parte da costa, cales son as zonas máis estragadas?

Coidáronse moi pouco os crecementos suburbanos, metropolitanos e periurbanos. O crecemento urbano e o crecemento industrial non consideraron para nada o conflito cos valores da paisaxe. Ata diría que nos espazos metropolitanos e nos espazos litorais se concentra o maior proceso de perda e estrago, pero o problema é que se non incorporamos a dimensión dos valores da paisaxe ás cidades medias, ás cidades pequenas, a moitas zonas rurais, podémonos ver condenados en pouco tempo a que ese proceso de deterioración se espalle por todo o territorio.

Industria e infraestruturas son compatibles coa paisaxe?

Deben ser compatibles.

Esa compatibilidade, supón máis investimento?

Nalgúns casos si. Pero en moitas ocasións, trátase dunha opción colectiva por acadar ese equilibrio entre accesibilidade, desenvolvemento e conservación. Pero eu podo dicir con convencemento, porque imos estudando a pequenas escalas distintos territorios, que moitas veces non é cuestión de máis cartos, senón de máis criterio na toma de decisións.

Que gaña a sociedade buscando o respecto ou a conservación da paisaxe?

No máis inmediato, gaña na súa calidade de vida. Pero o beneficio repercute, sobre todo, a longo prazo. Trátase de xestionar con prudencia o territorio, un dos recursos menos renovables dos que dispoñemos.

A busca de sostibilidade tamén xera conflitos entre dúas maneiras de preservar ou conservar recursos limitados. Un exemplo é a enerxía eólica e o impacto paisaxístico. Como se pode buscar o equilibrio neste punto?

Tivemos a oportunidade de actuar en espazos concretos onde ese conflito se presentaba con moita violencia. Acabamos hai uns anos o Plan Territorial Insular de Menorca, que recibiu o ano pasado o Premio Nacional de Urbanismo, e xustamente un dos conflitos territoriais presentábase entre os valores da paisaxe, que ademais son un recurso para a actividade turística, e un modelo enerxético baseado en enerxías renovables. A decisión consensuada foi relegar destes usos unha parte da illa e definir áreas menos lesivas dende o punto de vista dos valores ecolóxicos para implantar un dos parques eólicos que, dos catro previstos na illa, foi o que finalmente se concretou. Con todo, e por riba de enerxías renovables si, enerxías renovables non, hai que estudar que modelo de desenvolvemento e de consumo enerxético queremos.

No concepto de paisaxe englóbase o urbano?

Si, si. A paisaxe non ten cualificativos, non ten escala. O Convenio Europeo da Paisaxe que se aprobou no 2000 e que España ratificou no 2007 non cualifica as paisaxes nin por boas nin por malas, nin por urbanas ou rurais ou naturais. Ademais, os últimos datos das Nacións Unidas sinalaban que, por primeira vez na historia, hai máis persoas que viven nas cidades ca no campo. Polo tanto, cómpre coidar a paisaxe urbana.

E como inflúe a paisaxe urbana na calidade de vida dos seus habitantes?

Inflúe na relación co teu contorno, e tamén está relacionada con temas que se trataron de xeito particularizado, cos problemas de desprazamento e accesibilidade. De feito, un desenvolvemento urbano como o que se está a espallar, baseado nun modelo difuso, laxo, extenso, está xerando un descenso na calidade de vida dos cidadáns, que perdemos moito tempo no desprazamento, no movemento, no uso de enerxía. Todo está relacionado. Ao final, a paisaxe é a face do territorio. Unha mala paisaxe responde a un territorio que se está organizando mal.

Como cualificaría o estado das paisaxes urbanas españolas?

Eu coido que se fixo un esforzo dende a transición democrática nos 70-80 ata hoxe pola salvagarda, a xestión das paisaxes urbanas que teñen esa categoría de conxuntos históricos. Algunhas delas son bens de interese cultural… Velaí temos Vitoria, Toledo, Córdoba…. Agora ben, en contrapartida, penso que se fixo moi pouco polos crecementos suburbiais e periurbanos dos 80 e dos 90, onde está boa parte da vida social. E tamén aí, en función de modelos de distribución de zonas verdes, de deseño de rúas e prazas, hai moito que facer para conseguir unha paisaxe mellor.

E que se pode facer?

Hai que facer proxectos de paisaxe nos que colaboren arquitectos paisaxistas, enxeñeiros e psicólogos que traballan en percepción social. Trataríase de deseñar esas paisaxes e o crecemento urbano coa idea de que o que estamos a facer é cidade e non urbanización. Non se trata de ocupar territorios, senón de que ese espazo siga tendo as funcións dunha cidade: de integración, de relación, de mestizaxe… Os grandes arquitectos asinan con grandes edificios, pero eu coido que se fan poucos proxectos urbanos de calidade. Aí o urbanismo tamén ten un reto, non só os xeógrafos, senón os arquitectos, en deseñar cidades e non ofrecernos só como visión da súa profesión as grandes obras de autor, estadios, torres…, senón cidade.

E estáselle pondo atención a esta necesidade?

Non é a liña preferente dos urbanistas en xeral, dos arquitectos, enxeñeiros, xeógrafos e outros especialistas en ciencias do territorio, en ciencias naturais e sociais, pero penso que hai que recuperar o valor do bo urbanismo e non só o valor das grandes obras.

A cultura dos adosados non encaixa nese desexo.

Xa temos unhas pezas que están aí, e esas pezas non se poden dinamitar, mercáronas moitas persoas con moita ilusión. Nalgúns lugares estase intentando recuperar o sentido urbano neses tecidos de adosados, pero non é doado, xa que foi un crecemento tan espasmódico e rápido en dez anos que é difícil atopar orde e recompoñer.

E que lle parecen os campos de golf como motivo de atracción para turistas?

A oferta desmedida e sen planificación, non só territorial senón económica dos campos de golf paréceme unha tolería. O problema é que aquí cada concello, cada bisbarra, planifica como se fose a receptora de toda a demanda de golf de España. Os campos de golf viñéronse creando en España como un recurso turístico, pero sobre todo como o reclamo para a promoción inmobiliaria. É dicir, foi a bandeirola de enganche dos 200 ou 2.000 chalés que se crean no seu contorno.

Vostede foi un dos promotores no 2006 do Manifesto por unha Nova Cultura do Territorio, e nun dos seus apartados xa se indicaba que “a xestión sostible do territorio é por suposto unha obriga social e ambiental pero resulta tamén un urxente imperativo económico”.

Unha mala ordenación do territorio pode facer perder moitos cartos e moitos recursos que hipotecamos a longo prazo.

Fálase de urbanismo sostible. Como se podería definir?

Engloba as ideas de crecemento a partir da rede de núcleos existentes; o concepto das densidades medias ou medias altas que permitan facer rendible o transporte público e a multiplicidade de funcións (produtivas, de lecer, docentes, educativas) dentro dun mesmo espazo.

Vostede participou nun Tribunal Internacional de Fronteiras. En que consiste?

Este é outro labor dos xeógrafos clásicos do século XIX e XX, que formaban parte das comisións de límites. Neste caso deuse nunha pequena parte da fronteira entre Chile e Arxentina. Produciuse un conflito diplomático que puido desembocar nun conflito bélico. Por iso, a Organización de Estados Americanos considerou que era necesario acudir á arbitraxe, á constitución dun tribunal internacional para decidir sobre o trazado do límite nese sector da fronteira. Para min hai un antes e un despois desta experiencia. Sobrevoar aqueles territorios en helicóptero cos militares chilenos e arxentinos envoltos na bandeira foi unha experiencia marabillosa e, por suposto, chegouse a un acordo despois de dous anos de debate, de sesións xurídicas.