Inmaculada Domínguez Fabián, profesora de Estudos Empresariais da Universidade de Estremadura

Cobraranse pensións públicas de xubilación no futuro, aínda que non serán iguais ás actuais

1 Maio de 2014

Vivimos máis e, ao mesmo tempo, diminúe o número de cotizantes á Seguridade Social… Que futuro nos espera?

O sistema de pensións español é de repartición, de xeito que as pensións dun ano se pagan coas cotizacións dese ano. Está sometido ao risco do envellecemento da poboación e iso hai que incluílo no cálculo das pensións. E foi precisamente co obxectivo de diminuír estes riscos polo que se acometeron as reformas de 2011 e 2013 do sistema de pensións español.

Os cambios demográficos esixen regras de cálculo das pensións diferentes e, se o desemprego persiste, acumularanse tamén menores dereitos de pensión.

Se dentro duns vinte e cinco anos por cada persoa en idade de traballar houbese outra en idade de non o facer, chegará un momento en que non se poderán cobrar pensións?

Estou segura de que se van cobrar pensións públicas de xubilación no futuro, malia que as que se cobren non serán iguais ás actuais. O aumento da esperanza de vida e o descenso da natalidade implicará ou ben unha menor contía de pensión, pero que se percibirá durante máis tempo; un atraso da idade de xubilación para manter a duración de cobramento das pensións ou ben un maior esforzo contributivo que compense que se perciba pensión durante máis tempo.

E haberá diñeiro abondo para pagar as pensións?

Si, posto que se realizaron axustes e reformas do sistema de pensións. O que non é tan seguro é que se perciban nas mesmas condicións e coas mesmas contías que no momento actual.

Óese falar moito sobre que os efectos da actual crise económica sobre as pensións se notarán nuns anos… Cando e como?

Os efectos xa se puxeron de manifesto no momento presente. De feito, é unha das razóns polas que se adiantaron algunhas das reformas realizadas que estaban previstas para 2027 e que se acometeron en 2013. O principal efecto da crise foi a caída do emprego e, polo tanto, das cotizacións, o que leva consigo un problema de caixa ou de liquidez da Seguridade Social que pode emendarse coa utilización do fondo de reserva e co deseño do índice de revalorización das pensións, que é un mecanismo automático de axuste.

E atrasar a idade de xubilación é a solución?

A medida de incrementar a idade de xubilación ten a vantaxe de que inflúe tanto na diminución do gasto coma no incremento dos ingresos da Seguridade Social, posto que fai que o período de cotizacións sexa superior e o período de cobramento da pensión menor. É unha solución efectiva ata un punto, posto que non se pode incrementar de forma indefinida e o mercado de traballo ten que permitila.

A idade de xubilación de 65 anos implantouse cando a esperanza de vida estaba nos 68 anos, esa non é a circunstancia actual e por iso é un dos parámetros que practicamente todos os países reformaron.

Dentro de vinte anos, cunha pensión ou renda pública mínima, se non se puido aforrar o suficiente durante a vida laboral, que futuro lles queda aos que hoxe contribúen á sociedade?

O estado de benestar debe garantir sempre as contías das pensións non contributivas e das pensións mínimas. De feito, ningunha das reformas realizadas no sistema español implicou a supresión ou a limitación destas prestacións asistenciais nin das contías mínimas. Non obstante, a situación de que non haxa pensións de xubilación públicas non considero que se vaia producir baixo ningún concepto.

Ademais das reformas propias do sistema de pensións, hai outras alternativas de xestión pública e política, como o aumento de impostos, un maior endebedamento ou un recorte doutros gastos e a loita contra a fraude nas cotizacións ou na percepción de prestacións.