Ignacio Oficialdegui López, polarista e biólogo

"Bo tempo na Antártida significa 35 graos baixo cero"

1 Xullo de 2006
Img entrevista

No século XXI, que move a unha persoa a explorar o mundo descoñecido?

Non podo dar unha explicación lóxica de por que me meto nisto. É algo visceral, algo que nace en ti e que o deixas medrar. Engánchate. Xúntanse o deporte, a filosofía de vida, a curiosidade científica. Tampouco hai razóns moi fondas. É máis sinxelo do que poida parecer. Gústame.

Primeiro chegou ao polo norte e logo foi ao sur. Coincidencia?

O proxecto do polo norte foi unha iniciativa dun grupo de amigos. Pensamos que non todo está escrito, que hai retos persoais e colectivos que podes suxerir e cumprir, e converter unha ilusión nunha lembranza. Nós queriamos chegar ao momento de xiro da Terra. Nunca esqueceremos o momento en que o helicóptero que nos deixou sobre o Ártico desapareceu no horizonte. Mirámonos e dixemos: “Ben, xa está, agora a facer o que diciamos que queriamos facer”.

E á Antártida?

Eu fun invitado por Ramón Larramendi, a alma máter da expedición e polarista recoñecido internacionalmente. Un dos tres mellores do mundo, para facernos á idea. Atravesar a zona de inaccesibilidade da Antártida e valerse para iso dun catamarán e do vento era unha idea que lle xurdiu nas súas travesías cos esquimós. Levaba anos pensando en facelo, e poñelo en marcha custoulle algúns máis. Non só é difícil conseguir o financiamento, tamén hai que cumprir cunha serie de requisitos burocráticos que se eternizan. Trátase dun lugar que é Terra de ninguén, pero no que as principais potencias teñen moitos intereses.

Eran conscientes da complexidade do seu obxectivo?

Eramos conscientes de que o reto era difícil: sen avituallamento, sen apoio externo, usando o vento como motor… Ademais, topamos con problemas engadidos. Topograficamente parecía un espazo plano, pero existen esas irregularidades, os “astruguis”, montículos de máis de dous metros duros coma o formigón disimulados nun branco total. O perigo de naufragar é moi real. Pódese romperche a zorra e sufrir un accidente. Ata podes perder un compañeiro e non decatarte ata logo dun tempo…

Durante os dous meses e pico da travesía, que foi o máis duro?

O frío. Chegamos aos 50 graos baixo cero. O fundamental era manter a calor do corpo. Contas con que os dedos e a cara van sufrir, pero nunca podes perder graos no tronco, onde están os órganos vitais e, de feito, o propio organismo regúlase. Se sente frío deixa de quentar as extremidades. Cando ía bo tempo gozabamos de 35 graos baixo cero. Pero o problema non es só ti. A menos 40 graos non funciona nada. Os materiais non traballan ben, calquera movemento se fai máis torpe, se quitas unha luva os dedos quéimanse case automaticamente. O frío é unha sensación que non te abandona. Séntelo todo o tempo. Non marcha nunca.

E vivir as 24 horas do día con sol, non despista?

Moito. É difícil marcar horarios. Ademais, tampouco tes claro en que hora estás porque constantemente cruzas meridianos. Nós iamos co propósito de ser ordenados e non o conseguiamos. Teste que forzar a durmir, pero o deber de descansar entra en loita coa ansiedade de avanzar e aproveitar o vento. /imgs/20060701/img.entrevista.02.jpgMeterte na tenda de campaña instalada ao final da zorra e pechar os ollos é case un sacrificio, aínda que ás veces o precisas para fuxir da luz do sol reflectida no xeo branco. De todos os xeitos, poder contar con todas as horas de luz é unha vantaxe. A noite non é boa compañeira.

Rózase o límite das forzas físicas, pero… como se protexe a estabilidade mental?

O corpo humano reacciona dun xeito inesperado. En situacións límite supérase. Outra cousa é que, sen necesidade vital teñas o valor de chegar ao límite, pero se estás minimamente preparado actúas dun xeito moi superior ao que ti mesmo esperas de ti. Eu ao que máis lle tiña medo era a non poder durmir. Recordo as noites dos meus fillos cando eran pequenos, e pasábao mal. Ao día seguinte non era persoa. Con todo, no polo chegamos a estar 48 horas sen pechar os ollos e tiñámonos que obrigar a durmir.

Como é a relación do equipo?

O equipo non se cuestiona. Nunca está en perigo. Esa é a clave para alcanzar un obxectivo. Non o falas. Só traballas, hai moitas cousas para facer: coser, facer a comida, comer, fundir auga, dirixir o papaventos, vixiar o horizonte. Queriamos cubrir a maior distancia xamais percorrida nun medio extremo e nunha localización descoñecida! Iso só se fai en equipo.

Por que a zorra?

A ampla experiencia de Larramendi no Ártico evidenciou unha cousa: a zorra esquimó é o vehículo máis eficaz para navegar no xeo e na neve, pola sinxela razón de que sempre se pode arranxar. Trátase, á fin e ao cabo, de madeiras amarradas con cordas. Pero necesitabamos tamén algo que nos dese enerxía, e para iso tiñamos o vento. De aí xurdiu o papaventos. Despois había que ver se o invento funcionaba. Se che son sincero, non tiñamos nin idea de se o proxecto era viable. Estabamos convencidos de que si. Pero podiámonos equivocar.

Nestes tempos nos que todo se mide en termos de produtividade ou de consistencia, para que serve esta fazaña, máis aló da satisfacción persoal ou do fito deportivo?

Dalgún xeito cuestionamos o xeito en que se está penetrando na Antártida. Sérvense de vehículos eiruga e avións que precisan gasolina. Un espazo virxe, o último seguramente que queda na Terra, debe ser investigado. Por que non facelo aproveitando enerxías alternativas ao petróleo? Por que non ser coherentes con toda esa propaganda do desenvolvemento sostible? Queriamos demostrar que o catamarán (madeiras, cordas e vento), serve para a ciencia, a de postulados máis vangardistas. O ano que vén é o Ano Polar Internacional e hai moitos proxectos en marcha, pero dáme que moi poucos se van servir de enerxías alternativas. Con todo, evidenciamos que a forza do vento e os materiais nobres dan solucións moi extremas.

É fácil regresar á vida cotiá?

Volver á calor e á comida non custa nada. No noso caso, a travesía no rompexeos foi beneficiosa. Tivemos a sorte de ter un mes para recuperarnos física e mentalmente, deixar atrás a aventura e ter ganas contala. Ese período serviunos para situármonos de novo na sociedade. Tamén foi positivo para as nosas familias. Aforraron vernos con 18 quilos menos, co rostro cuarteado e chagado polas conxelacións.

Foi xerente dun hospital en Ruanda, nun ambiente prebélico. Que recordo lle resulta máis duro de repasar?

Sen dúbida, o antigo Zaire. Facer calquera cousa en Ruanda é un dos maiores retos do ser humano. Alí vivía nunha situación continua de tensión. É unha tensión que te leva a dar o 100% de ti, esquecéndote de ti. Pero foi algo temporal. Tiven que marchar porque a miña muller estaba embarazada e asasinaran cinco españois sen causa aparente. Agora a miña vida está aquí, onde a miña muller e mais eu construímos unha familia. Ruanda ocupa un espazo importante na miña vida, pero eu optei por non vivir alí, e cando tomas esa decisión é radical. Non dá lugar á morriña, aínda que o vínculo prevalece: intento ser coherente coas ensinanzas que quitei de alí.

O rompexeos espera

12 de xaneiro de 2006. Un rompexeos ruso atraca no litoral sueste da Antártida. Disponse a esperar a chamada do equipo formado por Ignacio Oficialdegui, Ramón Larramendi e Juanma Viu. A hora acordada: as cinco da tarde. A sala de comunicacións de abordo non recibe sinal ningún. Non poden prolongar demasiado a espera. Para os rusos isto é un alto no camiño, porque a súa misión é chegar á base científica a 30 días de navegación.

/imgs/20060701/img.entrevista.03.jpg

Hai 63 días que a Expedición Transantártica Española partiu do norte do continente coa misión de atravesar a única zona da Terra sen explorar. Ninguén, nunca, chegou aos dous puntos de inaccesibilidade do polo sur sen axuda externa nin apoio mecánico. Trátase dos lugares máis afastados da costa, tanto a continental coma a que inclúe as barreiras de xeo, situados a uns centos de quilómetros ao norte do polo sur xeográfico -o punto de xiro terrestre- nos que non hai vida, nin sequera bacterias. O frío supera no inverno os 60 graos baixo cero. Agora é verán e as temperaturas roldan os 35 graos por baixo do mercurio. Nestas condicións, con días sen noite (o sol non se pon nas 24 horas), a expedición propúxose percorrer 4.500 quilómetros empregando só un catamarán fabricado artesanalmente con madeira e cordas. O vehículo móvese grazas á acción do vento, transportado por un papaventos que o arrastra polo xeo. Están convencidos de que este é o mellor medio para percorrer os polos e de que o éxito da misión revolucionará as expedicións polares de investigación e as deportivas, grazas á súa combinación de desenvolvemento e sostibilidade.

O reloxo marca as 19 horas. A tripulación rusa concentrada na cuberta mira o helicóptero preparado para sobrevoar o xeo que coma un anel rodea a Antártida e recoller os expedicionarios. Na ponte, os rostros reflicten cada vez unha maior preocupación. Non hai sinal dos polaristas.

Ignacio, Ramón e Juanma fixeron o máis difícil. Aturaron fríos extremos, días desalentadores onde o vento desaparecía e os deixaba varados. Lograron sortear os montículos de máis de 3 metros de altura e duros coma o cemento que quedan disimulados no horizonte branco, pero que se multiplican no camiño, e o que parecía unha estepa trúncase nun mar xeado con grandes ondas inmóbiles, os “astruguis”. bateron a marca de distancia antártica percorrida nun día, a xornada que cumpriron 311 quilómetros. Pero cando se sabían triunfadores e tan só faltaban unhas horas de navegación, decátanse de que non saben onde nin hai cantas millas perderon a radiobaliza, as placas solares, o material filmado, a teteira para desxear a auga e máis cousas que non poden parar a enumerar.

Son conscientes de que o rompexeos ruso os esperara ata a hora acordada, pero non poderá demorar a súa marcha moito máis. Seguramente xa atracaría. Non poden contar coa base francesa (uns días antes negáronlles axuda), nin cos italianos (máis diplomáticos, limitáronse a non responder as súas chamadas). Pero non poden rematar a travesía e perder o material. Deciden asegurar o que lles queda de catamarán e aproveitar as pegadas para ir na procura do material perdido. Dúas horas. Non andarán máis. E os tres xuntos. Se non conseguen dar cos vultos pasado ese tempo, retrocederán. Póñense en marcha. Tres horas máis tarde albiscaron de lonxe algo que non é branco. atoparon o que se perdera. Agora hai que darse moita présa. Os rusos poden marchar. E daquela… Mellor non pensar niso.